Aínda que poida parecer irrelevante diante da
magnitude do escandalo levantado compre sinalar tres constatacións obvias. A
primeira é que non as coñecemos por un exercicio de transparencia nin da propia
entidade, nin do Banco de España nin da Xunta de Galicia -que por imperativo
legal tiñan que coñecelas-, senón que nos chegan por filtracións en
determinados medios. A segunda é que, como consecuencia do anterior, non
sabemos se as cuantías filtradas son as reais ou aínda quedan sorpresas. E,
terceira, non sabemos das demais, tanto dos outros exdirectivos de menor rango que
tamén recibiron “premios” importantes, nin tampouco temos información dos
contratos e plans de xubilación dos que aínda seguen sendo directivos da
entidade neste momento.
Estas tres constatacións evidencian algo tan
grave como a propia inmoralidade dese tipo de saqueo, realizado ao amparo dunha
xestión feudal das caixas, e iso tan grave é que non están funcionando as
institucións democráticas. A Xunta de Galicia non cumpriu coas súas obrigas de
control eficiente da actuación dos órganos das caixas nin transmite ao
Parlamento, aos clientes e á sociedade en xeral a información relevante como
esta sobre estas entidades tuteladas. Pero tampouco o fai o Banco de España que
protexe cun manto de secreto todos eses aspectos relativos ás remuneracións dos
directivos, que non pode dicirse que sexan imprescindibles para salvagardar a
discreción nos negocios das entidades.
Pero tampouco funcionaron os consellos de
administración das entidades. Incumpriron os seus membros as súas obrigas de
velar pola moralidade e razonabilidade da política de remuneración dos
directivos. Tanto se coñecian eses contratos a todas luces obscenos como se
ignoraban os seus contidos, facendo deixación das súas obrigas e
responsabilidades, son complices necesarios do desbalde. Aceptar estar de
floreiro nunha corte tiranizada ten consecuencias, pero son máis graves cando
se accede a ela en representación de outros (concellos, depositantes, etc).
Agora coñecemos o prezo que a sociedade galega
paga por ese silenzo cómplice. Tamén coñecemos o prezo do silencio cómplice dos
que se van sen facer ruído coas faltriqueiras cheas.
Porque todos os galegos deberían ser
conscientes de que o espolio non rematou. Xa percibimos un espolio
multimillonario derivado dunha pésima xestión e dunhas decisións políticas que
atendendo aos intereses da banca decidiron rematar coas caixas de aforros como
modelo de entidade diferente da banca privada, cando menos potencialmente. Xa
coñecemos ese outro sumatorio -nada despreciable- do espolio que representan as
“recompensas e premios” aos que se van sen facer ruído. Coñeceremos o expolio
dos préstamos superxenerosos aos amigos da corte celestial. Pero o que supoñerá
o verdadeiro e definitivo espolio é cando o Banco de España venda a
investidores privados o banco de NCG ao prezo de saldo que fixa a valoración
irrisoria do capital de partida do novo banco. Nese momento chegarán os
espoliadores definitivos que ocuparan os lugares que foron deixando os
“modestos” espoliadores precedentes.
Ese será, sen dúbida, o desenlace final se
deixamos que o guión prosiga a secuencia prevista polos autores do plan de
bancarización das caixas. Ese será o desenlace se as institucións do país
colaboran –aínda que sexa con aspaventos- e se, polo tanto, os galegos seguen
presenciando de espectadores silentes o enésimo espolio.
É hora xa de facer balance. Moitas caixas
pagan as consecuencias dunha mala xestión e de ter entrado, igual que os
bancos, na voráxine especulativa da última década. Pero non é a figura de banco
a que nos libra dese mal. Os bancos arrastran idéntica carga explosiva nos seus
balances e levamos tres anos rescatandoos con recursos públicos sen que se
albisque final para a saída do burato negro das débedas acumuladas. Agora mesmo
empeza a segunda onda de rescates masivos en Europa e todo iso a costa dos
contribuintes e traballadores. Son moitos sacrificios e demasiado prolongados
para salvar un modelo de banca que xa non serve nin está pensada para financiar
a economía produtiva. Sen ir máis lonxe Galicia perde hoxe o seu último banco
importante, o Banco Pastor. É absorbido por un Banco Popular máis grande pero
que non goza de moita máis solvencia. Seguramente non é o último punto da
secuencia e acabarán engulidos nun moloch aínda maior. En definitiva, compre
facer un alto e repensar se a senda na que veñen dirixindo esta crise conduce a
algún sitio. Eu son dos que, modestamente, creo que non. As caixas fixeronno
mal pero non por ser caixas ou actuar como caixas senón por actuar como bancos.
Unha banca que só se vé a si mesma como negocio financeiro-especulativo, en
pugna con fondos especulativos sen regras nin xurisdición, configuran un
sistema financeiro que conxuntamente desvia o aforro do circuito do
investimento produtivo e innovador cara as burbullas financeiras de calquera
tipo.
É o momento de romper o silencio e dicir
basta. Restablecer o fluxo de crédito normal á economía produtiva e as familias
pasa por reinventar o sistema financeiro e iso, igual que pasou despois da gran
depresión, pasa por abrirlle o paso a banca pública e o crédito oficial
–ademais de cancelar todolos paraisos fiscais. Aqui e en Europa. Polo tanto,
agora que NCG banco foi nacionalizado polo FROB compre impedir o último paso do
espolio evitando que sexa vendido-regalado a fondos especulativos. Compre
convertelo no banco público de Galicia.
Sem comentários:
Enviar um comentário