A crise prolóngase e enquístase, o que significa que canto máis tempo dura esa situación maior é o sufrimento para unha amplísima parte da poboación e máis dífícil vai resultar crear as condición para unha recuperación económica. Entretanto, o debate político-económico segue ocupado por actores dunha auténtica ópera bufa. Nunha situación na que o país debería ter xa implementado políticas de alcance para atallar os problemas básicos que están detrás da crise actual, os dous grandes partidos estatais empéñanse en entreter a cidadanía cun circo ao redor de propostas absolutamente irrelevantes. O camiño para a saída da crise non está en lexislar o déficit cero nin en encherse a boca falando dun imposto do patrimonio superdevaluado que, asi formulado, apenas ten capacidade recadatoria.
Os problemas de fondo están noutro lado e é algo que ambos os dous partidos se empecinan en deixar fora do escenario. Ningunha proposta para mudar un sistema financeiro –incluíndo fondos e Sicav- instalado nunhas regras e unha cultura esencialmente especulativa, que foi e é incapaz de asumir un compromiso investidor de longo prazo co tecido produtivo. Ningunha medida de alcance que corrixa a dualidade social que concentra enormes fortunas nun polo ultraexclusivo e poderoso ao tempo que precariza a unha maioría da poboación que non sae da exclusión do paro estrutural ou dos empregos “setecentos-euristas” que impiden a expansión da demanda solvente.
Non é casualidade que ambos os dous partidos coincidan en retirar da axenda calquera compromiso de creación de emprego –con medidas concretas, artelladas e críbeis e non simples “aspiracións”, coma as frases de publicidade enlatada do señor González Pons.
Comprometerse en serio, con programas e medidas concretas, coa creación de emprego implica romper co discurso neoliberal que inocula na poboación a idea derrotista e incerta de que a creación de emprego depende só das empresas e dos investidores, de xeito que os gobernos xa non teñen nada que facer. Nada máis falso e, sobre todo, nada máis perigoso.
Se algo pon de manifesto esta crise e a comparación da actuación dos gobernos dos diferentes países –empezando lóxicamente polos emerxentes vencedores na batalla da economía produtiva- é que os mercados libérrimos que tanto gustan ás altas finanzas son máquinas de desartellamento do tecido produtivo –e das sociedades. E, pola contra, cando os gobernos teñen a fortaleza e visión estratéxica para marcar obxectivos como país, marcar límites aos especuladores e definir incentivos fortes cara os obxectivos estratéxicos, o resultado muda completamente. Non é só China, Corea, Taiwan, Singapur ou India. Son tamén os países latinoamericano que despois de morder o pó da devastación neoliberal dos anos 90 foron quen de erguer –mellor ou peor- unhas estratexias gubernamentais fortes, empezando por recuperar o control e a capacidade de decisións sobre instrumentos esenciais da regulación da economía e mesmo controlando directamente recursos e sectores. Pero non é só un asunto dos países emerxentes, dentro da mesma Europa non todos os gobernos se entregan rendidos e sumisos aos vaivéns dos mercados e da banca: o caso dos países nórdicos, sexa cal sexa o signo dos seus gobernos, é un bó exemplo, do que farían ben en aprender algo os desfarrapados do sur.
Para algúns a economía é mera ideoloxía, o discurso co que os grupos de interese e poder impoñen as regras de xogo que máis lles conveñen. Para outros a economía é algo máis pragmático: o medio para artellar decisións que producen resultados que benefician á maioría da poboación.
Se os investidores e banca privados non lles satisfai a rendabilidade que poden obter con investimentos de caracter produtivo haberá que mudar as regras e o sistema de castigos e incentivos –para iso tamén serven os impostos- para que lles resulten máis atractivos. Pero iso non se consigue degradando as condicións laborais e de vida senón amoldando as espectativas de beneficios á capacidade de xestión eficiente e innovadora das empresas. E, por outro lado, non vexo que sacrilexio se comete se poñemos unha parte dos aforros e dos recursos públicos en mans dunha banca pública profesionalizada e con control social. Parece bastante máis pragmático e realista que entregar recurrentemente recursos, apoio e aval públicos a unhas entidades cuxa lóxica acaba sendo unha combinación obscena de movementos especulativos e remuneracións exorbitantes dos seus directivos. Coa insidiosa particularidade que, de paso, se converten nos amos da economía e, o que é aínda peor, da política e dos instrumentos de creación de opinión, até deixarnos da democracia tan só o seu espectro.
Co mesmo pragmatismo e sentido do interese colectivo compre abordar o debate do gasto público e, polo tanto, dos impostos. Do mesmo xeito que é ilusorio crer que se pode gastar indefinidamente calquera cantidade sen ter os recursos para facelo tamén é irresponsable renunciar a utilizar o sector público como instrumento de dinamización económica e de benestar social por non querer incomodar a unha minoría que acapara rendas e riqueza, que ademais non usa para o reinvestimento produtivo.
Produce desolación ver que os gobernantes que hoxe temos en Galiza ou no Estado español ou os que aspiran a selo a partir do 20-N non sexan quen de romper o círculo vicioso dun modelo que nos desangra e nos desarma como sociedade. Que todo se reduza a un amago de debate onde uns erixen en virtude a prédica da austeridade nun país ao borde da anorexia colectiva, cun sangue frio só comparable ao dun sádico estrangulador, e outros tenten construir toda a súa diferencia e alternativa na recuperación parcial dun imposto do patrimonio que eles mesmos suspenderon e que pode xerar a friolera recadatoria que oscila entre 0 euros se as comunidades autónomas non o queren aplicar ou un millón de euros no cálculo máis optimista, non deixa de ser a expresión dunha sociedade –ou uns políticos- desarbolada, derrotada e zombi que, polo tanto, renuncia a facerse cargo do seu futuro.
Que dúbida cabe que hai unha outra parte da sociedade que non comulga con esas rodas de muiño. Pero, para mérito e satisfación da populosa nómina de predicadores do pensamento único, esa outra parte non acaba de visibilizar como alternativa a aquelas forzas existentes que erguen a bandeira dun cambio de modelo ou non son quen de contruir outras novas. Claro está -para non pecar de chosco- que haberá que recoñecer que algunhas limitacións ou incapacidade haberá que apoñerlle a esas forzas que tendo a vontade de ser alternativa ao modelo neoliberal, en cambio, non sexan que de aproveitar o seu fracaso para chegar unha porción máis ampla da sociedade. En todo caso, vai sendo hora de converter en decisivo un polo de esquerdas e pegado a defensa dos intereses nacionais para que as cousas comecen a mudar.
Sem comentários:
Enviar um comentário