terça-feira, 26 de julho de 2016

Outro nacionalismo é posíbel (e necesario)

O nacionalismo galego está en crise e, ao tempo, en recomposición; de resultas diso o seu futuro vai ser moi diferente do que foi nos últimos 30 anos.  A crise é longa abondo e o novo non acaba de agromar, pero farao; ao mellor estao facendo ás apalpadas e acaba resultando que o ano 2016 é o punto de inflexión. O que estou certo é que volverá haber un proxecto nacionalista na primeira división e que terá outros alicerces, deixando atrás os corsés ideolóxicos fosilizados e asentando na realidade social e no mundo do século XXI. Terá que ser un proxecto centrado na vocación de gobernar para construír un país de seu, que camiñe paso a paso cara aos obxectivos estratéxicos que definen un proxecto nacional.
O triste é que ese paso non foi posíbel antes de ver esfarelado o proxecto histórico, xustamente por non ter sido capaces de introducir a tempo as mudanzas estuturais que eran precisas. Hai moito tempo que era necesario ter mudado unha arquitectura con tabiques internos e un réxime con dúas direccións superpostas (onde unha opera como poder real na sombra e outra representa de xeito vigario o dia a dia da acción política) que resultaban ser disfuncionais cando non insoportábeis. Ese formato respondía á estratexia de manter vivo un proxecto –o do partido guía- incapaz de formularse de xeito claro e directo de cara a sociedade e cuxa existencia constituia e constitue hoxe un espantallo para amplos sectores da sociedade que, noutro caso, poderían ser receptivos ao discurso nacional/nacionalista. Visto con perspectiva, resulta difícil, por non dicir imposíbel, construír unha nación cun partido que ten un ideario que pode seguir como máximo o 5-10% da poboación. Nese sentido, pode dicirse que certos momentos de éxito foron un espellismo para un BNG que tiña como núcleo un partido cun ideario que estaba a anos luz das aspiracións que mobilizaban ao groso do seu electorado (que chegou a representar un 25%).
Os síntomas de desafección que revelaban o esgotamento do modelo frontista con partido guía veñen de moi atrás, pero a incapacidade ou resistencias corporativas impediron tomar a tempo as decisións necesarias. Cada chanzo do devalo evidenciaba a necesidade da refundación pero ao mesmo tempo limitaba os folgos internos para acometelos. E así caemos no rodopío, no círculo vicioso do devalo. Cada golpe foi unha oportunidade perdida e as marxes de manobra foron reducíndose a cada paso. Dentro, unha militancia entregada, foi incapaz de romper o corsé de ferro trazado polo secretariado do partido guía, que apela sistematicamente a unha lealdade non correspondida. A resistencia numantina para preservar as posicións da dirección do partidoguía conduciron ao esganamento orgánico, político e electoral do BNG. A conclusión é un proceso implosivo irreversíbel que só é quen de resolver, desde fóra, o electorado. E empezou a “resolvelo” hai ben anos pero fíxoo de xeito dramático e sen piedade na medida en que ese electorado tivo unha opción electoral alternativa que recollía con máis flexibilidade unha boa parte dos sinais de identidade do discurso nacional. 2012 constituiu o auténtico punto de non retorno. Paradoxalmente, o foxo que nos separaba da nosa base social acrecentouse como consecuencia da sobreactuación do BNG para marcar o terreo da exclusividade nacionalista e do radicalismo ideolóxico en todas as materias, o que non fixo máis que alimentar o imaxinario de irrealismo que nos define a ollos de moita xente, a pesares dos intentos por corrixir esa percepción.
O 4,3% do 20-D foi unha mensaxe inequívoca da irrelevancia electoral da proposta BNG pero o 2,8% do 26-Xuño é a certificación definitiva de que ao electorado non lle doe a desaparición do BNG. Cando o 97,2% non estima útil votar unha forza política non podemos considerar ese feito como un mal dato ou un revés; nin tan siquera como un grave revés. Cómpre admitir que caemos por debaixo do limiar da insignificancia política e quedamos nun recuncho do taboleiro. Diante desa crúa realidade caben dúas actitudes: tapar os ollos como se estiveramos diante dunha fatalidade que compre responder con fe relixiosa para afrontar unha “travesía do deserto” ou ben asumir o fracaso dunha forma concreta de entender o proxecto nacionalista e apostar con responsabilidade pola súa redefinición desde un proxecto de nova planta, cun ideario estratéxico capaz de conectar cunha maioría social que precisa alternativas de goberno aquí e agora.
A cuestión é, polo tanto, que facer? A responsabilidade neste momento non pasa por tapar os ollos nin tampouco polo silencio, como se a realidade social mudara con esa fantasía propia dos xogos infantís. O futuro non pasa por agardar o enésimo fracaso para corroborar que “xa se vía vir” e agradecer a “abnegada fidelidade” ao minguado corpo de fieis que aínda quedan. A responsabilidade hoxe non consiste en seguir a un “núcleo irradiador” equivocado –deixaremos para outro momento as súas razóns e motivacións- que reclame complicidade e silencio en sucesivos círculos concéntricos. Eu respecto e comprendo a moitas persoas afectiva, ideolóxica e vitalmente vencelladas durante anos a unhas siglas e un proxecto que sofren o indicíbel antes de dar o paso á discrepancia aberta, porque supón case sempre un desgarro íntimo e tamén a exposición a reaccións grupais por veces irrespectuosas. Non só as respecto senón que considero que unha amplísima maioría son imprescindíbeis para un proxecto nacionalista de futuro.
Polo tanto, eu respecto todas as opcións pero reclamo o dereito a discrepar, sobre todo cando estamos perdendo a última oportunidade para salvar os móbeis e, peor aínda, estamos contribuíndo –sen querer- ao descrédito do nacionalismo por reclamar a exclusividade dese rótulo para unha marca concreta que non esperta agora especial entusiasmo. Contribuír a identificación do fracaso dunha sigla concreta co fracaso do nacionalismo é unha grave irresponsabilidade, ademais dunha falsidade histórica.
Ninguén pode reclamar silencio cando ese silencio é utilizado para impoñer sen autocrítica unha precaria maioría dentro do “núcleo irradiador” que logo se traslada ao resto da fronte nunha sorte de sucesivos círculos concéntricos. Ninguén pode reclamar silencio para asi poder facer un cómodo traxe a medida co que para caricaturizar os discrepantes. Ninguén pode reclamar fe cando deu probas de equivocarse tantas veces e tan escasa vontade de emenda real. Apelar a estas alturas a aceptar unha hipotética “travesía do deserto” é demandar complicidade nun suicidio colectivo, porque, con certeza, despois do deserto non hai nada, tan só máis deserto. Sobre todo, porque afirmando como intocábel o núcleo do problema (como fixo a UPG no seu congreso do 22 de maio) a suposta travesía convértese en realidade nunha “acampada no deserto”.  Por iso, eu son dos que cre que nunha situación límite como a que temos diante cada quen ten que asumir a súa responsabilidade, en función do seu leal saber e entender, para contribuír como mellor poida á emerxencia dun novo proxecto colectivo. Polo ben do nacionalismo e polo ben de Galiza.
O 26 de Xuño o electorado galego sentenciou de xeito claro e contundente que a forma concreta de proxecto nacionalista que lle ofrece o BNG non lle interesa. Quere iso dicir que se acabou ou se acaba o nacionalismo? Significa o esgotamento do BNG que xa non ten futuro o proxecto nacionalista no noso país? Significa que o tope do BNG é o tope do nacionalismo? Eu respondo ás tres cuestión cun non rotundo. O nacionalismo, ou mellor dito, un proxecto nacional transformador é unha necesidade para afrontar os retos de Galiza no presente e no futuro. Os que cremos que Galiza ten necesidade de forzas propias e dun goberno que teña os intereses de Galiza como prioridade absoluta e non subordinada temos necesidade de construír colectivamente unha nova ferramenta política (https://chamamentodevidan.wordpress.com/). Non para acrescentar unha nova capeliña ou unha nova sigla senón para erguer un proxecto abranxente superador da fragmentación frustante que nos paraliza. Tampouco para ensarillarse nunha permanente vertixe de exercicios de camuflaxe que poden brindar días de esplendor electoral pero resacas de frustración política e social.
Con toda a experiencia acumulada, con todo o potencial humano activo –o que hai no BNG e noutras organización e outro moito esparexido, desanimado ou desaproveitado- temos que botar a andar un proxecto para a maioría social do noso país, radicalmente democrático, sen partidos guía. En realidade -e iso ten que ser unha mudanza a respecto do pasado- a ambición ten que ser unir todo o corpo central do nacionalismo nunha organización sen tabiques e, ademais, achegar a toda esa nova xeración de cidadáns, nov@s ou non tanto, que espertaron á vida política e ao activismo social nestes últimos anos e, tamén, a moitas outras persoas que poden partillar un proxecto nacional de esquerdas ou progresista.

Un proxecto con capacidade para ofrecer unha alternativa realista aos problemas prioritarios da maioría social, con vocación transformadora pero tendo moi en conta e con realismo o marco estatal, europeo e internacional, non para perennizalos senón tecer alianzas a cada nivel que camiñen na súa mudanza nunha dirección progresista e favorábel aos intereses de Galiza como nación e como pobo.

(Publicado en Praza Pública o 23 de xullo de 2016)