domingo, 15 de setembro de 2013

Manifestación 15 Setembro: Por unha Patria Soberana

Manifestación 15 Setembro: Por unha Patria Soberana

Inmenso pobo, inmensa nación!
Quen dixo fraqueza?, quen dixo desalento?, quen dixo resignación?
Galiza está viva,
Galiza vive,
está viva por todo o país, de Ortegal ao Miño, do Bierzo a Fisterra.
Mais, hoxe aquí, vibra, aquí latexa, porque vos sodes o corazón de Galiza.

Acabamos de escoitar 12 voces que nacen do fondal deste pobo.
Son 12 berros de indignación, pero tamén de esperanza.

Hai sufrimento, pero tamén hai rebeldía.

Coma en tantas ocasións, esta Quintana milenaria é testemuña da Galiza que non se resigna, da Galiza insubmisa, da Galiza que quere ser dona de seu, da Galiza que aspira a un futuro de dignidade e de liberdade.

Convosco, Galiza ten futuro

Compañeiros e compañeiras:

Estamos atravesando un dos anos máis duros e dramáticos das últimas tres décadas.

Por un lado, este é o sexto ano dunha crise e, o que é peor, dunhas políticas económicas destinadas a rescatar a banca especulativa que están a destruír a nosa economía produtiva, o emprego e as conquistas sociais que custou décadas acadar.

Cal é o resultado?: paro masivo, precariedade extrema, recorte dos dereitos e servizos básicos, marxinación, pobreza e, sobre todo,  falta de futuro.

Nós non podemos resignarnos a ter un 52% da xuventude en paro, mais a sangría migratoria; non podemos resignarnos a ter un  país con 290.000 parados, un país con 92.000 fogares con todos os seus activos en paro.

Isto non é unha crise, é unha desfeita!

Non podemos resignarnos a que sigan pechando empresas, nin pequenas nin grandes, nin comercios, nin negocios autónomos.

Non podemos resignarnos ao abandono do noso medio rural, pechando explotacións a tal ritmo que hoxe temos menos emprego agrario que a provincia de Murcia.

Este abandono sen control é o que fai arder o país, de punta a punta.

Resulta patético ver como o Presidente da Xunta pretende escorrer o vulto da súa responsabilidade alegando que estamos ante un problema de orde público, obra de “pirómanos enfermos e desalmados”. Algún haberá, pero iso non explica o que está pasando.

Non, señor Feijóo, o monte arde porque está abandonado, porque vostede e os seus fomentaron e fomentan o abandono das terras, pero non mudan a estrutura da propiedade, nin teñen unha política forestal e agraria á altura do país.

A verdadeira política contra o lume é o aproveitamento da terra, o cultivo agrario ou forestal, os froitos ou os pastos, os cogomelos ou o lecer.

Por moito que se agoche estes días, Feijóo non pode agochar a histórica responsabilidade deste PP especializado en administrar a desfeita.

O Monte Pindo é hoxe a metáfora de todo o país.

A catástrofe da vaga incendiaria nace do seu desgoberno e agrávase por unha austeridade irresponsable, que pagamos moi cara todos os galegos e as galegas.

Gastamos en apagar o que non gastamos en prevención, e aínda por riba quédanos o país carbonizado. 

Hai pirómanos por acción e “pirómanos por omisión”, Feijóo é pirómano por omisión.

Feijóo está deixando o país reducido a cinzas, e non só no monte.

O esmorecemento agrario e industrial, o roubo do noso aforro non son pragas bíblicas, son a consecuencia de políticas impostas desde Madrid e Bruxelas e que o PP ocupante da Xunta aplicou e aplica con total entrega e submisión.

A única fábrica que a Xunta ten a pleno rendemento é a “factoría de mentiras de Montepío”. Alí, os seus 46 asesores persoais facturan 7 Millóns de euros ao ano de mentiras e placebos. Como esa boutade da “extraordinaria campaña da loita contra os lumes”.  Pero os galegos e as galegas non poden vivir de mentiras narcotizantes e non lles pagan para iso.

Compañeiros e compañeiras,
O país está nunha situación limite, pero non podemos aceptar que nos rouben o futuro.

Centralización

Para empezar, non podemos soportar máis este agresivo proceso de recentralización do Estado, no político e no económico, que se plasma no ataque máis radical ás institucións de autogoberno desde que foran creadas.

A un Estado das autonomías cicateiro, que non recoñece os nosos dereitos como pobo, súmase agora unha ofensiva neocentralista,  empeñada en laminar o noso incipiente autogoberno.

E todo feito a maior gloria de Madrid e dos seus poderosos lobbies económicos, que veñen financiando ao PP de xeito ilegal.

Toda a lexislación dos últimos tempos, -cinicamente chamada “programa de reformas”-, supón unha regresión en termos sociais e en termos de dereitos da cidadanía. Ao mesmo tempo, impón unha arquitectura abertamente centralizadora.

Cando digo toda a lexislación, digo toda, desde as leis relativas ao sistema financeiro, a lei de unidade de mercado, o decreto de horarios comerciais, a lei de costas, a supresión dos servizos ferroviarios, a lei de reforma local, a lei de planta xudicial, a lei da cadea alimentaria, o desenvolvemento centralizador da PAC, ou a lei Wert, esa perla declaradamente confesional e españolizadora, antisocial e antigalega.

O “chencho” do Margallo chega ao extremo de dictar leis para prohibir as relacións internacionais das Comunidades Autónomas, e mesmo obriga aos seus  presidentes a pedir permiso a Madrid para saír fora.

Trituran o Estatuto e logo teñen o santo cinismo de saír en procesión en todos os concellos para erixirse nos seus defensores e anatemizar aos que reivindicamos máis autogoberno e soberanía.

Pero esta ofensiva centralizadora afecta a todo e tamén ao corazón da nosa economía.

A laminación dos escasos instrumentos de autogoberno provocan tamén unha continuada destrución das bases produtivas do país, recortan os servizos públicos e cercenan a capacidade para endereitar a situación.

Corrupción

Para completar o cadro dantesco, vemos como o magma da corrupción anega o panorama político, cubrindo de lama as principais institucións do Estado e do noso país.

Todo o que empezou a ventilarse cos casos Gürtel e Bárcenas revela moito máis que unha suma de corruptelas ou unha crise institucional e política. Revela unha auténtica crise de lexitimidade deste réxime.

O financiamento ilegal do Partido Popular, tamén en Galiza, destapa como a élite económica e financeira de Madrid converteu este partido no  instrumento para impor as súas políticas liberais, e para vampirizar o orzamento público e, xa de paso,  impoñer  a recentralización política e económica no seu propio beneficio.

Todo para encher o enorme burato negro madrileño.


Resposta BNG

Compañeiros e compañeiras

Galiza está no límite, pero non está rendida.
Non nos resignamos.
Temos ben aprendidas aquelas verbas de Manuel María cando escribía:
“O que nos diga que temos
que ter paciencia e calar,
¡Ou é que xa manda en nós
ou é que pensa en mandar!”

Compañeiras e compañeiros,

Hai desleixo culpábel dun PP sen alma galega, pero tamén hai vontade de derrotalo.
Hai rebeldía!
Hai desfeita executada milimetricamente coa complicidade cipaia de Núñez Feijóo, pero tamén hai alternativa.
Hai BNG!

A xenerosa militancia do BNG foi motor incansábel da organización da rebeldía, desde a rúa, desde o Parlamento e desde os Concellos. Si, VÓS, a militancia do BNG, déstes corpo e azos a todos eses movimentos de resposta organizada:

Ø     contra os recortes da sanidade e contra a súa privatización,
Ø     contra os recortes do ensino e a súa rancia españolización,
Ø     contra os recortes na investigación e o estrangulamento das universidades,
Ø     contra o roubo das preferentes e subordinadas,
Ø     contra as sancións inxustas aos pensionistas retornados da emigración
Ø     contra a reforma laboral da xungla inhumana,
Ø     contra esa minaría colonial que abre o país en canal para deixar bombas de cianuro e contaminación,
Ø     contra o desmantelamento definitivo do naval....
Ø     contra os recortes nos dereitos das mulleres,
Ø     contra o acoso do noso idioma, no ensino, nos medios, nos libros,  e agora até nos letreiros das estradas e das autovías.

E nesas seguiremos, porque temos organización e somos indomábeis. Non nos paran con multas nin con represión.
Ninguén nos vai desviar ou entreter na nosa loita democrática por un país con futuro.
Nin as intrigas e intoxicacións do PP, nin os incautos e insensatos que lle queiran facerlle o xogo.

Compañeiras e compañeiros,
A indignación é necesaria, pero a nosa aposta ten que ir un paso máis aló.
Nós erguemos un proxecto con ideas e propostas, para converter o cabreo en esperanza, que é a materia prima do futuro.
Nós temos unha folla de ruta para construír unha Galiza nova, unha Galiza de seu, unha Galiza con futuro.
Un futuro de economía produtiva, traballo, dignidade e benestar nesta Terra.

Soberanía
Non podemos vivir coas mans atadas. Xa sabemos moi ben como nos atan no naval, na pesca ou no agro, pero permitide que me deteña en tres asuntos da máxima actualidade.

Non podemos aceptar que os grandes oligopolios eléctrico, enerxético,  telefónico  dicten, a través dun goberno central corrupto, políticas contra os usuarios. Temos que reclamar competencias e instrumentos para regular estes sectores en interese da nosa cidadanía e do noso país. Sería un cambio radical, pero é un cambio posible.

Non podemos aceptar que Madrid estableza unha tarifa eléctrica bonificada para grandes empresas, que deixa fóra e pon contra as cordas, pequenas e medianas empresas do noso país, como está a pasar con MEGASA. Unha tarifa eléctrica galega, sería un cambio radical, pero é un cambio posible.

Non podemos aceptar que Madrid impoña o parón ás enerxías renovábeis, e de paso leve por diante empresas punteiras como Gamesa, Alsthon, ou T-Solar. Decidir por nós a estratexía das enerxías renovables, sería un cambio radical, pero é un cambio posible, como xa demostramos no Goberno.

Compañeiras e compañeiros,

Mañán mesmo abren formalmente o proceso de venda anticipada e acelerada de NGB.

Non podemos quedar impasíbeis diante do desmantelamento do noso sistema financeiro decidido en Madrid. Non podemos aceptar o espolio dunha NGB, rescatada cos nosos impostos e cos nosos aforros. Nada menos que 9.000 millóns de recursos públicos, -o equivalente ao orzamento anual de Galiza-, aos que hai que sumar os 564 millóns roubados polas preferentes.

O FROB e o Goberno Central, co silencio de Feijóo para non incomodar a Botín e compañía, ultiman o saqueo definitivo. A complicidade de Feijóo é unha traizón ao país de consecuencias catastróficas.

Galiza non pode renunciar a ter un sistema financeiro propio, a menos que renuncie a ter futuro. Nós, dun xeito ou doutro, imos batallar até garantirlle a este país esa ferramenta vital. E a mellor de todas é unha banca pública galega, para tratar aos aforradores como persoas, e garantir o uso dese aforro para dar crédito e investir no país. Ter unha banca pública galega sería un cambio radical, pero é un cambio posible.

Amigos e amigas,
Tampouco queremos ser consumidores cegos das grandes corporacións que nos inundan con produtos foráneos. Queremos producir algo, e consumir tamén do noso. Consumir produtos galegos, etiquetados en galego. Porque os temos e cada vez máis.

Queremos impulsar un consumo de proximidade e sostíbel, queremos a soberanía alimentar. Non imos calar ante unha Política Agraria Común que arrasa o noso rural, e que Madrid utiliza para converternos en importadores e en clientes das grandes cadeas. Ter capacidade real para regular o noso comercio e a nosa distibución, é un cambio radical, pero é un cambio posible.

Necesitamos instrumentos para decidir aquí, para regular desde aquí en interese de Galiza e dos galegos e galegas. Necesitamos liberdade para producir, necesitamos instrumentos para tomar decisións para crear emprego na Terra.
Queremos facer uso das nosas competencias e, coa soberanía como faro, queremos todo o que ten un país normal.

Porque, en palabras de Celso Emilio:
“Nunca virá de fora
remedio ou esperanza”.

Queremos as mellores armas para defender a nosa economía produtiva, para defender a clase traballadora, para defender a nosa xente. E esas armas son as armas dun Estado.

Queremos un parlamento soberano, que cando decide anular as quitas das preferentes, os seus acordos vaian a misa.

Queremos un parlamento soberano que cando decide que en Fene se poden construír barcos ninguén poida vetalo.

Queremos que cando nós decidamos sacar Ence da ría de Pontevedra, non veña unha lei de costas do Estado a impedilo.

Que se nós decidimos que as deputacións deben desaparecer, por disfuncionais e antidemocráticas, desaparecen e xa está.

Que somos nós quen decidimos como prestan os servizos de proximidade os concellos do país.

Que non vai vir Wert  reespañolizar o ensino, pero tampouco vai ter cabida quen desde aquí pretenda tratar o galego como idioma estranxeiro.

Nós sabemos que esta nación,  como dicía Uxío Novoneira,  aínda está a tempo “de ser outra cousa”.

Compañeiros e compañeiras, 

Que ninguén se equivoque: a soberanía non é un asunto exclusivamente identitario, nin tan sequera é algo que interese só aos nacionalistas. A soberanía é cousa de todas as xentes que habitan este país. Porque a soberanía é condición para un futuro digno para todos e todas, nacionalistas e non nacionalistas. É a precondición para poder aplicar políticas de esquerda.

Desde logo, non hai esquerda posíbel sen soberanía, máis aínda, non hai democracia real sen soberanía.

Precisamos o marco de competencias soberanas para romper cos mercados globais, e orientar as políticas económicas, sociais e culturais na procura da xustiza social, do recoñecemento e da autoestima de todos os seres humanos que, coa a nosa diversidade, habitamos este vello e torturado solar galaico.

Amigos e amigas nacionalistas, temos que explicarlle isto aos que non son nacionalistas, aos que naceron aquí e aos que naceron fora, aos que falan galego e aos que falan calquera outra lingua.

Compañeiros e compañeiras: A unidade é importante para todos os compartimos o norte soberanista.

O nacionalismo ten que alargar a súa base, precisamos un vasto exército con medio millón de papeletas nas súas mans para estarmos en condicións de dar o grande salto adiante.

Pero, amigas e amigos, para que poidamos avanzar no plano político e institucional é preciso “petar na ialma do pobo”, como nos pedía Castelao, tocando todas as teclas: as do corazón, as do espirito e as da prosaica vida.

Por iso apoiamos con decisión a plataforma Galiza pola Soberanía. Desexamos que voe libre e que vaia dando pasos para converterse nun auténtico movemento cívico multicor, que alente a conciencia nacional deste país, desde abaixo, desde a base.

Desde aquí proclamamos ben claro: nós non temos inimigos no nacionalismo, nin temos tampouco inimigos na esquerda.

Os nosos inimigos son os poderes económicos que estrangulan o noso país, os oligopolios capitalinos e os políticos mercenarios que os serven.

O noso pior inimigo é a falta de confianza en nós propios, o pesimismo antropolóxico, aceitar o tópico que de nós tratan de construír para apoucarnos.

O que non podemos compartir é a volta atrás e renunciar ao camiño percorrido polo nacionalismo ao longo de décadas. Non podemos seguir o camiño dos que agarrados á quimera da “creba democrática estatal” abeiran a loita pola soberanía. Non podemos debilitar a autoorganización e contribuír a reforzar a presenza das forzas estatais.

Non hai que ter medo á maioría de idade, non hai que ter medo a tomar as nosas propias decisións. O perigo está cando outros toman as decisións por nós, o que quere dicir que normalmente son contra nós.

Os países que se erguen gañan. Aí está o exemplo dos nosos amigos latinoamericanos, aí está a recente epopeia soberanista de Ecuador, Bolivia, Venezuela, Uruguai e os demais. Aí están os exemplos da dúcia de pobos europeos que nos últimos vinte anos conquistaron a liberdade, aí están os que seguen o seu ronsel hoxendía: Escocia, Flandes, Euskadi, Catalunya.

Amigas e amigos, mañá 16 de setembro cumpriranse 80 anos do recoñecemento internacional de Galiza como nación, naquela Asemblea da Sociedade de Nacións celebrada en Berna no ano 1933. Aquel logro colectivo, xestionado por Plácido Castro e outros galeguistas, é hoxe forza e inspiración para reivindicar o noso papel como nación no mundo.

O futuro está nas nosas mans.
O futuro non se mendiga, tómase.
Non nos queda outra, ou soberanía ou declive.
Nós apostamos pola soberanía, paso a paso.
Con decisión, Galiza ten futuro.

Compañeiros, compañeiras,

Deixade que remate en ton poético e acendamos os nosos corazóns cos versos épicos que Alfredo Brañas colocara, hai máis dun século, no seu Deus Fratesque Gallaecia:

“Cantai galegos o himno xigante,
dos pobos ceibes dos pobos grandes,
cantai galegos a idea santa
da independencia da nosa Patria” 

Viva Galiza Ceibe e Popular!
Adiante  co BNG!

Compostela, 15 de setembro de 2013.

Xavier Vence

Portavoz Nacional do BNG

Soberanía, Diada, NGB, Pescanova: Entrevista en Via V