sexta-feira, 22 de janeiro de 2016

Alianzas para gañarmos o futuro

Vivimos tempos de inestabilidades. Nin as institucións, nin o sistema de partidos nin o electorado parecen ter acougo. En realidade son tempos de final de época, de rupturas cun modelo esgotado que se resiste a recoñecer o seu fracaso. O potencial tecnolóxico e de criatividade humana tropeza co corsé dun modelo social que xa non é quen de aproveitar o coñecemento e levanta barreiras de exclusión para capas cada vez máis amplas da sociedade, até converter ás novas xeracións en carne de canón dun precariado estrutural. Unha globalización ultraliberal que descompón economías e sociedades, esfarela conquistas históricas, arrasa as soberanías e, como consecuencia, reduce a capacidade real de decisión das democracias.
Son tempos de desconcerto, de indignacións, de frustracións, de busca ás apalpadas de novas oportunidades vitais e políticas. Os que manexan os fíos tratan de conter o descontento co medo, o adoutrinamento, movendo a grande velocidade os “temas de actualidade”, as “figuras públicas”, “as alternativas”, co obxecto de crear a impresión dunha realidade líquida, sen norte nin alternativa. Esa “realidade cambiante” descoloca as alternativas de norte claro e da pé a respostas escorregadizas e contraditorias, que son rapidamente amortizadas e arrombadas. O certo é que as urxencias vitais das xeracións precarizadas e ese imperio do efémero son a materia que conforma o comportamento político e electoral das persoas; esa é a realidade que pon a proba os proxectos sólidos.
Foi precisamente a consciencia desa nova realidade social e a necesidade de sumar forzas para darlle a volta a unha realidade cada vez máis insoportábel o que levou no seu momento ao BNG a abrir unha etapa de alianzas para sumar forzas. Co peso morto das inercias e as rutinas fomos dando pasos para sintonizar cunha realidade que mudaba a pasos desacentellados. Tratamos de facelo mantendo a coherencia arredor dun proxecto nacional, tendo Galiza como referencia e tendo como obxectivo a transformación do marco institucional e de políticas que hoxe levan o noso país ao declive e a sociedade á precarización xeneralizada. Criamos e creemos na prioridade de facelo sumando forzas galegas sabendo que parte dos nosos problemas teñen a ver coa imposición de políticas e intereses alleos que se veu agravando coa agresiva recentralización cara Madrid e Bruxelas. 
Esa aposta por unha política de alianzas empezamos a formulala na Asemblea Nacional de 2013, fixemos tentativas con forzas galegas nas europeas e ampliamos o foco de cara ás eleccións Xerais de 2015, dispostos a sumar tamén forzas non nacionalistas. O BNG renuncia a presentarse coas súas siglas e aposta por unha candidatura nacional galega unitaria de cara ás Eleccións Xerais, que sería rexeitada por Anova e os seus socios, Podemos e EU. A súa aposta de candidatura liderada de facto e de iure por Podemos beneficiábase –sendo eleccións estatais- do tirón estatal de Podemos, cun liderado forte e de xenerosa proxección mediática. Finalmente acadou un exitoso 25% que está por riba das porcentaxes de Podemos noutros territorios do Estado. O BNG non podía aceptar unha candidatura supeditada á estratexia dunha forza estatal como Podemos, co seu nome na papeleta e a conseguinte imposibilidade de constituír grupo parlamentar propio e soberano nas Cortes.
O que ocorreu xa é coñecido. Os resultados da coalición EnMarea permitiulles obter 6 deputad@s e 2 senador@s. Deles, 2 deputad@s pertencen a Anova, de xeito que pode dicirse que haberá 2 deputad@s nacionalistas nas vindeiras Cortes; o resto son de Podemos, OuC e Esquerda Unida. O forte tirón da aposta polo cambio a nivel de estado que representaba Podemos serviu de catalizador para unha grande parte do electorado de esquerdas non nacionalista e tamén nacionalista, facilitado neste último caso polo atractivo adicional de Anova formar parte da candidatura. Está claro que para unha grande parte do electorado nacionalista tradicional esa candidatura plural, heteroxénea, con tirón estatal e gran promoción resultou atractiva, mesmo a pesar das críticas recibidas por non ter facilitado o acordo con BNG-Iniciativa pola Unión, polo esquinazo a outros colectivos, polo procedemento seguido para a conformación das listas, por arrancar sen programa...
O éxito do conxunto é innegábel pero, por desgraza, non pode identificarse como éxito dun proxecto nacionalista. Imos ver os seus pasos e ogallá sexan quen de erguer con éxito a bandeira das reivindicacións galegas. Nesta altura o que xa sabemos é que non van conformar Grupo Parlamentar Galego, como consecuencia de ter aceptado as condicións impostas por Podemos no documento legal da coalición, tal como os advertira con antelación o BNG e eran coñecedores os líderes das distintas formacións. Ao incorporarse ao Grupo de Podemos nin tan sequera van salvagardar a súa autonomía como ocorrería pasando ao grupo mixto. Non cabe dúbida que o seu discurso de campaña quedou en evidencia e o teatro da última semana non fixo máis que poñelo á vista de todo o mundo. Alguén dirá, non se pode ter todo, unha cousa e a contraria. Pois, así é, para o bo e para o mao.
En todo caso, pensando no futuro, as alegrías dos tempos de viño e rosas non deberan levar a infravalorar os riscos das simbioses asimétricas. E neses casos, como ocorre no caso do apareamento da mantis relixiosa é crucial saber cal é o macho e cal a fémia. Se do que se trata é de ir construíndo un proxecto federado a Podemos entón as cousas teñen unha senda fácil, pero se do que se trata é de aproveitar as sinerxias para ir creando un proxecto galego autónomo que, chegado o momento, poidera voar só, entón a forma concreta en que o están a facer amosa riscos evidentes. Aínda que ambas patas arrancaron con parella febleza organizativa en Galiza, está claro que a potencia mediática e económica da forza estatal colócaa en mellores condicións para fagocitar a outra pata. 
Pola nosa parte, os resultados deixaron en moi mala posición a Nós-Candidatura Galega, que non obtivo representación –o que entraba dentro do previsíbel- e unha porcentaxe de votos máis reducida do esperábel. A ilusión creada arredor dun proxecto plural, nidiamente galego, con caras novas, candidaturas conformadas nun proceso participativo de primarias e cunha campaña criativa e fresca colleitaron o apoio dun modesto 4,3% do eleitorado. O esforzo unitario feito polo BNG, renunciando ás súas siglas, promovendo a incorporación de forzas plurais e persoas, un proceso participativo, unha campaña que rebordou criatividade, xenerosidade e sorrisos a esgalla, etc. foron factores que activaron a moita xente, pero non impediron que moit@s votantes nacionalistas miraran para outro lado. Á vista está que non era a proposta que moita xente prefería neste momento, pensando prioritariamente en impulsar un cambio no goberno central.
Que conclusións tirar de todo isto? Obviamente, moitas, a empezar que a aposta do BNG por unha coalición nacional galega soberana ía na dirección adecuada, pero non fomos quen de que fraguara coa ambición proposta, quedando a medio camiño como Nós-CG. O acontecido obriga –a todo o mundo- a analisar con rigor toda a experiencia. Será preciso un profundo debate colectivo para tirar todas as leccións, non só as derivadas deste proceso electoral concreto senón que cómpre ir máis alá. Hai que facer dunha vez un diagnóstico realista sobre as tendencias de fondo no noso país e deste ciclo político longo que arranca co movemento neocentralista e coa crise da burbulla neoliberal; das aspiracións e temores dese precariado que se ve xa excluído de xeito estrutural; das formas de participar en políticas das novas xeracións; dos discursos, estética, símbolos e prioridades que moven a xente nova... Todo iso debemos debatelo na Asemblea Nacional do BNG para poñer o proxecto nacionalista e a estrutura orgánica en condicións de ser referente da maioría social e, sobre todo, para sermos quen de incidir no goberno do noso país.
Que conclusións tirar de cara as inminentes eleccións galegas de 2016?
Primeira, unha extrapolación mecánica dos resultados non serían bos conselleiros para ninguén; nas eleccións galegas a dialéctica será loxicamente menos estatal e haberá que contrastar propostas e candidaturas para gobernar Galiza; tamén o que aconteza en Madrid e as posicións sobre o proceso catalán poden traer algún que outro desengano. Segunda, tampouco a non extrapolación pode servir de parapeto para cerrar os ollos diante de cambios que están aí -que estaban aí xa hai tempo- e que requiren novas fórmulas organizativas, novos discursos, novas alianzas, novos talantes. Terceira, a correlación de forzas existente permite albiscar un cambio cunha derrota do PP, seguramente moi axustada, e a posibilidade de conformar unha coalición electoral do nacionalismo e das esquerdas que se sitúe de segunda forza electoral e, polo tanto, lidere un goberno alternativo. Moitos e moitas neste país creemos que iso sería realmente unha prioridade para frear o deterioro social e a laminación do autogoberno.
Cuarta, para facer verosímil tal escenario sería preciso sumar todas as forzas da forma máis eficiente e pragmática posíbel, sen que ninguén perdese a súa identidade. Cómpre saber se o conxunto da plataforma En Marea reconsidera a súa posición a respecto do espazo nacionalista que representan o BNG e Nós e se, nesta ocasión, están de verdade por contribuír, sen soberbias nin cativeces, á suma de forzas con este nacionalismo aberto e claro que ten hoxe unha sólida implantación en todo o país.
Ninguén debe pensar en forzar fusións nin dilucións innecesarias de ningunha das partes. Desde logo, o BNG ten vocación de seguir sendo un proxecto nacionalista autónomo para todos os galegos e galegas, de acordo co principio de autoorganización e con todo o que iso implica a respecto das forzas estatais. Nese sentido, o BNG non podería nunca aceptar un papel como o que outros asumen en relación a Podemos dentro de En Marea. Por si faltaran argumentos, o acontecido co grupo parlamentar é a proba máis inmediata de que a supeditación a forzas estatais non é o camiño. Pero entre a opción da confluencia con dilución/subordinación e a de competir por separado cabería explorar unha terceira vía que permitise partillar esforzos e obxectivos concretos na actual conxuntura, sen subordinacións e evitando que as forzas estatais fagociten ou inactiven o necesario proxecto nacionalista.
Persoalmente creo que abondaría cunha suma de iguais nunha coalición técnica, plural, con base cidadá, cun programa común de mínimos e que respecte o perfil político singular de cada unha das partes. Sen diluirse e mantendo cada un o seu discurso. Se estivésemos todas en condicións de partillalo estou convencido que esa sería a mellor forma de optimizar o apoio popular -tendo en conta a lei electoral vixente- e conseguir a maioría necesaria para liderar un goberno alternativo ao PP. Unha prioridade compartida que suporía un gran paso adiante para todas e todos nos tempos que corren. O electorado non só entendería perfectamente que cada un segue sendo cada quen senón que, ademais, agradecería e premiaría esa vontade de sumar para darlle unha oportunidade ao país e a todos os sectores que sofren as políticas do PP.

A responsabilidade é de todas e cada unha. As persoas do BNG estamos emprazadas a decidir na nosa Asemblea Nacional como responder a ese reto nun momento delicado no que só nos está permitido acertar. Estou seguro de que entre todas seremos quen de facelo.

(Publicado en Sermos e Praza o dia 22 de xaneiro de 2016)

domingo, 10 de janeiro de 2016

Os retos do nacionalismo en 2016. Homenaxe a Castelao

Homenaxe a Castelao en Rianxo. 2016

Coma cada ano vimos aquí a Rianxo para render homenaxe a memoria do noso rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, grande patriota morto no exilio de Bos Aires e enterrado no cemiterio da Chacarita tal dia coma hoxe fai agora 66 anos.

Castelao deixounos unha inmensa obra literaria, artística e política, pero sobre todo deixounos o exemplo dunha vida de compromiso. Hai 100 anos aquel Castelao aínda novo, con 29 anos, deu un paso cara a un compromiso inquebrantábel con Galiza e o seu pobo, que foi agrandando día a día, até o seu último alento, sobrepoñéndose ás máis duras probas da represión, persecución, fracasos, desilusións, traizóns e exilio.

Do seu traballo iniciado hai cen anos con Risco e Losada Diéguez e cos Irmáns Vilar Ponte, Lugrís, Porteiro e tantos outros sairía adiante en 1916 a fundación das Irmandades da Fala, que afirman as nosas aspiracións nacionais e dan os primeiros pasos cara a creación do nacionalismo político organizado, coa Asemblea Nacionalista de Lugo en 1918 e, co nacemento Partido Galeguista en 1931, a caída da ditadura de Primo de Rivera.

Este ano será, pois, un bo ano para recordar e revivir Castelao, celebramos o Centenario das Irmandades da Fala, celebraremos o Ano Castelao coa programación especial que o noso compañeiro Leal pilota desde a Deputación de Pontevedra.
Para redondear a homenaxe ás persoas comprometidas no ronsel de Castelao temos un ano das Letras adicado ao noso poeta primordial, Manuel María, o que nos deixou milleiros de páxinas de palabras fermosas convertidas en consignas para o eterno combate:
 “o idioma é a vida
o coitelo da dor
o murmurio do vento
a palabra de amor”

falando de Castelao, quedo con aquela súa “Invocación a Castelao” no libriño “Cantos rodados...” publicado en 1976:
“Home cabal/conciencia comunal/
forte penedo/contra a noite e o medo/...
Fe poderosa/que estea á patria nosa/...
Facho puro/alumando o escuro/
Castelao/Pai e irmao/
Verba de luz inxel:/Daniel!”

Castelao, Bóveda, Manuel María exemplifican un século de loita, un século de sementeira e de organización, cos consabidos hiatos das dúas ditaduras, para darlle a este pobo autoestima e recoñecemento e, sobre todo, vontade futuro. Futuro digno para as súas xentes, traballo na terra, democracia e plena capacidade para cultivar sen ataduras todas as dimensións da nosa cultura.
Construír unha nación con pleno recoñecemento institucional non é tarefa fácil nin apta para mentes cativas e tampouco para mentes ansiosas.

Son moitos os que queren que o nacionalismo desapareza, uns esmagándoo e outros por dilución. Persisten, pero tan persistente como o seu empecinamento é a nosa teimosa vontade de afirmación. Non nos dobregarán os que veñen de fronte, con todas as armas do poder, da represión, da potente maquinaria mediática, pero tampouco nos van despistar os cantos de serea da dilución. O nacionalismo é unha das realizacións máis importantes dos últimos 100 anos. É unha das fortalezas que ten este país. E seguirao sendo!!

Som@s os herdeir@s de Castelao e continuadores desta longa xeira secular que arela a construción dunha nación no mundo.
Desde Madrid non o entenden. Non o entenden nin os de sempre nin tampouco os “novísimos” que creen que iso do nacionalismo son cousas de sentimentos arcaicos, identitarios, ideoloxismos ou gañas de amolar, que no mellor dos casos non quedará máis remedio que aturar e como concesión condescendente “haberá que escoitar”.
Non entenden que o nacionalismo é algo máis  esencial: é a vontade de loitar polo futuro da xente dentro do noso país, polos intereses materiais da maioría, para compartir unha calidade de vida digna.

Unha nación que non sucumba á exclusión masiva da xente nova, que saia do pozo dese precariado que queren converter en miserento horizonte estrutural para a maioría.
Nós queremos una nación onde a xente nova teña un horizonte laboral digno no agro, no mar, nas fábricas , no comercio, nos servizos ou na investigación;
Unha nación con servizos públicos, educación e sanidade públicas, gratuítas e de calidade. 
Non queremos ver como a emigración do noso aforro, da nosa electricidade, das sedes das nosas empresas, dos nosos impostos, etc levan detrás a emigración da nosa xente moza e de todo o seu talento.

Para darlle a volta a todo isto Galiza precisa que o nacionalismo avance na sociedade e avance electoralmente. Por todo iso temos que chegar ao corazón da xente, temos que “petar na ialma do pobo”, como nos propuña Castelao.

Este ano pasado tivemos eleccións municipais e as Xerais e este o ano teremos as galegas e, ao mellor, as xerais de novo.
Nas municipais demostramos que alí onde goberna o nacionalismo conseguimos refrendar o respaldo da xente, como aquí en Rianxo. Parabéns a Adolfo e a todas e todos os que tedes a alta encomenda de facer país desde os concellos!

Pero, desde logo, nas Xerais saímos moi mal. A aposta por una candidatura nacional galega de unidade non frutificou coa ambición buscada, porque non podiamos aceptar subordinacións a forzas estatais, que outros aceptaron e preferiron antes que a nosa compañía. E con Nós-Candidatura Galega non conseguimos o respaldo necesario. É una experiencia e un resultado que nos obriga a repensar moitas cousas, repensar o que vén acontecendo na última década tanto no país coma no nacionalismo.
Temos que adoptar medidas audaces e valentes porque non podemos renunciar a ter unha presenza importante nas institucións nas que se decide o futuro do noso país e da nosa maioría social.
Acreditamos firmemente no proxecto nacionalista que representa o BNG, é necesario para o futuro deste país e temos que darlle a forma concreta, poñelo ao dia e a ton co que nos pide a sociedade, a nosa base social, para sermos vistos como a ferramenta útil pola maioría social da nosa nación.

Certo que tampouco lles saíu redonda a xogada aos poderes do económicos do estado que tramaron a “operación 2+2” e investiron millóns de euros e miles de horas de platós en prime time para garantir, co auxilio de Ciudadanos, a continuidade dun goberno do PP queimado e corrupto, para completar o seu eufemístico Plan de Reformas, que xa sabemos que é realmente un plan para recortar, privatizar, precarizar e recentralizar todo.
Non lles saíu ben e van ter que reintentalo. Nós imos estar aí para impedilo e teremos que ver a mellor forma de facelo. Porque, ademais, Galiza ten que estar aí para defender os seus intereses nacionais, tamén en Madrid

Pero hai que ser claros, amigos e amigas, o futuro do noso proxecto xógase aquí, nas galegas de 2016 e temos que conseguir a complicidade de boa parte da sociedade galega.
As galegas de 2016 teñen que marcar un punto de inflexión. Este país ten a obriga de derrotar o PP e nós, o BNG, imos estar aí.
Cómpre traballar con intelixencia, ilusión e xenerosidade para derrotar o PP e poñer couto aos anos máis lesivos para a maioría social galega e para o autogoberno. É unha prioridade inverter o proceso de centralización en marcha e sentar as bases para unha mudanza cualitativa. Non vai ser fácil pero non é imposíbel. Derrotar o PP ten que ser a prioridade absoluta na conxuntura na que estamos, porque o precisa o país e porque o propio proxecto nacionalista xógase moito nesa cita.

O nacionalismo ten moitos flancos abertos. Movémonos nun escenario moi convulso social e politicamente. A sociedade móvese entre a frustración e a indignación. Hai un inxente esforzo das elites e das súas potentes máquinas de adoutrinamento para amainar esa indignación e “orientala” do xeito menos perigoso para os seus intereses estratéxicos. Nese contexto, a aínda recente fragmentación do nacionalismo e a da esquerda española crean un panorama tremendamente entrambilicado e cambiante. Hai contextos onde a criatividade nas alianzas e a unidade de acción son a mellor garantía para avanzar.
  
Nesta realidade fuxidía e complexa hai que tomar decisións valentes na Asemblea Nacional para reforzar o proxecto que representa o BNG e convén recordar as palabras de Alexandre Bóveda, o estratega con Castelao da unidade e organización do nacionalismo na República e do pacto do 36:
“No camiño que nos trazamos, hai moitas dificultades que vencer; hai moitos rodeos que dar; haberá que bolinear moitas vegadas. Mais que ninguén perda a súa fé, que ninguén abandone a esperanza de chegar a termo. As voltas do camiño poden semellar retrocesos, mais son pasos adiante que ninguén terá forza dabondo para nos obrigar a desandar” (A.B.)

O BNG ten que dar pasos neste ano para reforzarse como ferramenta útil que é da nosa nación. Imos xogar con serenidade pero con ambición para sermos motores dun cambio en profundidade, ben amarrado aos intereses do noso país e das nosas xentes. Conseguilo esixe un esforzo redobrado para crear complicidades e flexibilidade por parte de todos para sumar. É o tempo da política, poñendo o país por diante, abeirando ensimesmamentos e rutinas paralizantes. Toca navegar de bolina. Traballaremos con paciencia pero sen desmaio con ese norte, “petando na ialma do pobo”, como nos pedía Castelao, desde todos os recunchos da sociedade, desde os concellos, gañándonos a confianza e o apoio da xente; co traballo na rúa e nos parlamentos; coas alianzas que sexan precisas para avanzar, bolineando, pero avanzando.

Escoitando e aprendendo do noso pobo e da experiencia de sas outras nacións irmáns que, como Escocia ou Cataluña, despois de “petar na ialma do pobo” durante anos con nacionalistas á fronte do autogoberno van agora coas velas inchadas rompendo ondas no océano da liberdade.
Que Castelao e Bóveda nos iluminen na nosa travesía!!!

Viva Galiza Ceibe
Rianxo, 9 de xaneiro de 2016

Reconstituintes

Nin constituintes nin destituintes, as novas cortes ameazan con ser reconstituintes.
Nin a ruptura nin unha reforma constitucional transformadora parecen estar no horizonte das forzas que disputan a nivel de estado a conformación de maiorías. Desde Madrid apáganse as ínfulas rupturistas e visibilizanse os resultados do “gran pacto de estado” para recompoñer o caduco sistema bipartidista estatal, cuxa crise mesmo poñía en perigo a pervivencia do modelo de estado pola desafección da maioría da poboación.
Algúns queren ver na fulgurante irrupción inducida de Podemos e Ciudadanos a posibilidade dunha mudanza anovadora na sistema político español, que racharía o bipartidismo e aportaría certo cromatismo de nova política. Certo que o xogo é novo, outra cousa é canto de novo haberá para a mudanza das políticas ou do modelo de estado.
Lonxe soan xa –aínda que foran onte mesmo- eses vibrantes discursos de sectores ilusionados con Podemos, que mesmo tentaron ou tentan colocar o discurso da posíbel apertura dun proceso constituínte. Infortunadamente, creo que o panorama que se debuxa a escasos dias das eleccións xerais non é ese senón máis ben o contrario. A medida que se acercan constátase que hai espellismos que poden resultar útiles para abrirse un oco no panorama mediatico pero poden desembocar en frustración en moi pouco tempo.
Ciudadanos parece engordar no caldo de cultivo do discurso liberal-centralista da dereita antipolítica e antipúblico e Podemos parece chegar a sectores da esquerda desencantada e sectores proclives ao federalismo. Atendendo á dialéctica creada e ás propostas que están a lanzar as forzas estatais todo apunta a un reforzamento do status quo ou, acaso, unha ameaza de involución no caso de que se impoña unha combinación PP-Ciudadanos.
Ciudadanos radicaliza o discurso centralista e Podemos rompe o voto soberanista para empaquetalo dentro da súa fórmula democrático-federal, debilitando o polo soberanista en Cataluña, Valencia e e Galiza e reforzando o polo centralista –neste caso de centralismo amábel e respectuoso. De cumprirse os augurios, a nova lexislatura podería ser “reconstituinte”, no sentido que pode alimentar e traer novos bríos para o proceso involucionista, recentralizador e desregulador que está en marcha desde que Aznar o lanzara con forza a comezos do século.
Os dous novos partidos promovidos desde os platós no último ano veñen tapar as regandixas dun decrépito bipartidismo PP-PSOE pero non para incorporar mudanzas de fondo no modelo social ou no modelo de estado senón para consolidalo, con novas doses de vitaminas reconstituintes.
Para toda esa inmensa parte da cidadanía que agardaba que a profunda crise económica e institucional, co evidente fracaso deste modelo de estado, puidera abrir as portas a un proceso de mudanzas profundas tal desenlace lampedusiano acabaría provocando unha profunda frustración.
Obviamente, todas as persoas e forzas políticas que queremos unha mudanza real da correlación de forzas non podemos aceptar ese escenario que intentan debuxar desde arriba e desde o estado central. O seu reconstituinte deixa a Galiza nos ósos. Desde logo, os que queremos que Galiza resoe potente nas Cortes non imos picar, como tampouco van picar nas tres nacións.
Fronte a ese panorama telecociñado, NÓS-Candidatura Galega representa o programa político que reúne a defensa dos dereitos e conquistas sociais históricas, o cuestionamento do poder dos lobbys, a defensa dos intereses concretos da maioría social do noso pobo, a defensa do dereito a decidir e a implantación dunha democracia de calidade. Con NÓS a voz de Galiza e da mudanza social estará garantida.

(Artigo publicado en La Voz de Galicia)

sábado, 9 de janeiro de 2016

Intervención no mitin de peche das xerais na Coruña

Amigas e amigos da Coruña
Estamos chegando ao mar....
Chegamos até aquí cansos pero con vida, coa ilusión reforzada por todas as ilusións que recollimos pateando os camiños polo país adiante, de Ortegal ao Miño, do Courel a Compostela.

Non estamos nos platós madrileños pero estamos enraizados nesta terra, EN TERRA FIRME, sen medo ás ondas hetzianas nin ás ondas mariñas.

Escoitamos voces de alento, voces de agradecemento polo compromiso, voces de auxilio dos machacados, voces desgarradas a veces pola impotencia ou polos desexos inalcanzados.
Nós decimoslles, contade con NÓS!

Nós sementamos ideas e sonrisas, sementamos ambición e esperanza, sementamos vontade de cambio e de dignidade para este pobo.
O domingo recolleremos a confianza, a vontade de mudar, de quitar de enriba a lousa e respirar.
Fixemos a mellor campaña, a máis creativa, a máis innovadora, a máis xenerosa, pegada aos problemas das nosas xentes, espoñendo as nosas alternativas e o compromiso de batallar con todas as nosas forzas en Madrid, si tamén en Madrid.

Precisamos a gran forza de Nós, de todas e todos Vós, para derrotar a dereita do PP e C’s e, sobre todo, para defender Galiza, defender as nosas xentes machacadas polas súas políticas e defender a nosa capacidade pra gobernármonos nós mesmos e ter futuro. Un futuro con xustiza e en paz, dentro e fóra, sen guerras imperialistas disfrazadas de humanitarias. 
Temos que ter voz propia para reclamar políticas que acaben co espolio, reclamar compromisos concretos para apoiar os nosos sectores produtivos, crear emprego, acabar coa emigración da electricidade, emigración do aforro, emigración dos nosos impostos, emigración das nosas empresas e acabar coa emigración da xente nova.

Amigas e amigos,
No debate entre o vello e o novo, nós estamos co novo. Ninguén máis novo que Nós, nin nas candidaturas, nin na forma participativa de elixilas, nin na campaña creativa e rompedora, nin nos programas transformadores. Ninguén!! Porque temos a ambición de erguer un novo país.

É normal que por España adiante a xente ansíe un cambio e tamén forzas novas que lles traian algo de aire fresco.
Pero, na Galiza?... na Galiza, amigas e amigos, o novo é NÓS Candidatura Galega.
Aínda que os platós dos lobbys madrileños queiran pintar todo coa brocha gorda e coa súa paleta de 4 cores, aqui temos outro colorido, temos ideas propias e forzas políticas propias.
Por moi plural que se pinte o centralismo segue sendo centralismo e non vai resolver os nosos problemas. Nós queremos procesos constituintes pero non procesos reconstituíntes do centralismo.

Algúns queren vendernos que o novo só pode vir de Madrid. Pois non!!... nin a vella movida, nin Nunca Máis, nin a loita contra a LOU, nin a loita contra a estafa das preferentes, nin pola sanidade pública. Non naceron en Madrid!!! Galiza vai por diante.
Ben o sabedes, aquí, para votar polo cambio non é preciso votar forzas estatais, nin vellas nin novas.
E desde logo, amigos e amigas, que ninguén vos venda como cambio pasar de apoiar proxectos galegos a votar proxectos estatais. Iso NUNCA!

Non vos equivoquedes!!
Para novos NÓS, para creativos NÓS, para sociais NÓS, para feministas NÓS, para ecoloxistas NÓS, para solidarios NÓS e desde logo, para galegos e galegas NÓS.

Os nacionalistas estamos dispostos a reiventármonos sempre que fai falla, estamolo facendo nesta campaña e seguiremos reiventándonos a partir do dia 20.
Pero seguiremos sendo NÓS, SEMPRE NÓS.

O domingo daremos a campanada!
Votade por NÓS, Votade por Callón, Votade por Mini

Imos estar, Galiza vai estar e todo vai mudar

Viva Galiza Ceibe.

Galiza, a forza que nos une

A grandes males, grande remedios. A magnitude e gravidade dos problemas económicos e sociais polos atravesa o noso país obrigan a buscar respostas audaces enraizadas nas nosas capacidades, hoxe estragadas ou desaproveitadas. Non é admisible nin o fatalismo paralizante dos que creen que isto non ten amaño, nin tampouco a fe miragreira dos que creen que alguén alleo a nós mesmos nos vai traer a solución.

Galiza ten que reaccionar, coller polos cornos os problemas longamente acumulados e enxergar solucións novas, pensadas desde nós e levalas adiante con valentía. Xa sabemos o que deu de si a aceptación submisa das políticas de Madrid ou Bruxelas. Arrastraron ao abandono das nosas actividades principais, a desindustrialización e a entrega do orzamento público aos grandes lobbys madrileños da construcción, das concesións ou dos servizos públicos privatizados. Xa sabemos o que supón o bombeo diario de peaxes abusivas dunha AP-9 cuxa concesión o goberno de Madrid extendeu a 2048.

Xa sabemos que esas políticas de liberalización comercial a beneficio das grandes distribuidoras acaban esganando os nosos sectores produtivos, como o leiteiro, o conserveiro, hortícola, etc. Sabemos que a política decidida en Madrid a beneficio do lobby eléctrico impediu o aproveitamento da nosa potencia en renovábeis e impide unha tarifa galega que permita beneficiarnos do noso excedente eléctrico.

Coa centralización total do sistema financeiro dos últimos anos vemos como o 40% do noso aforro emigra cara outras latitudes. 22.500 millóns de euros que emigran sen crear aquí riqueza e detrás deles acaban marchando dúcias de miles de mozas e mozos que van a procura de emprego en Madrid, Barcelona, Londres ou Berlín.

De nada vale ignorar a realidade do noso devalo produtivo; de nada vale ignorar que é iso o que arrastra consigo unha crise demográfica que nos converte no país máis avellentado do mundo e cunha regresión demográfica que nos conduce ao colapso como país e á dificultade de financiar a nosa solidariedade interxeracional.
De nada vale ignoralo e mirar para outro lado. De nada vale confiar nun golpe de sorte miragreiro.

Os galegos e galegas temos a obriga de reaccionar. E esa reacción só pode ser colectiva, política. Os nacionalistas temos moi claro que precisamos proxectos propios para mudar o rumbo e saír adiante. Temos que ser valentes para defender os nosos intereses colectivos e poñer en marcha iniciativas para aproveitar as nosas potencialidades.

A experiencia dinos que só as forzas políticas propias poñen toda a carne no asador para defender os nosos intereses en Bruxelas ou en Madrid. Nos últimos vinte anos, se conseguimos que os problemas de Galiza resoaran nas Cortes do estado foi grazas a presenza de deputadas e deputados nacionalistas. Iso non abonda para mudar as cousas e temos que reforzar esa presenza.

Por iso, desde o BNG lanzamos a proposta dunha candidatura galega de unidade, plural, que sexa protagonizada por toda esa cidadanía que quere darlle a volta a situación, na que confluan todas as forzas políticas que poñan os intereses de Galiza en primeiro plano. Queremos unha candidatura que consiga un grupo parlamentar propio, sen subordinación a outros grupos de forzas estatais, para negociar desde o primeiro día coas mans libres e en pé de igualdade con todos os demais grupos. Nunha lexislatura onde ademais da defensa dos nosos intereses económico-sociais inmediatos imos ter a oportunidade de intervir como nación no debate sobre o futuro das nacións que hoxe conforman o estado español. Precisamos toda a xenerosidade para sumar para estar aí con voz soberana e potente, da man dun grupo parlamentario propio. Temos que sumar como galeg@s para que non nos dividan e debiliten desde fóra.

Xavier Vence

Portavoz Nacional do BNG
Artigo publicado en La Voz de Galicia

A unidade fainos máis fortes

Moita xente de ben demanda unidade; algúns levamos moito tempo adicando gran parte das nosas enerxías a facela posíbel.   

A unidade, unha estratexia unitaria, require aceptar necesariamente a diversidade, a discrepancia e mesmo certas contradicións. O que non mata engorda, di o vello refrán popular. Hai contradicións nos obxectivos a longo prazo que non teñen porque impedir unidade de acción no curto prazo. Do mesmo xeito que pode haber coincidencias estratéxicas pero que uns e outros pretenden camiñar cara elas con tácticas diferentes. Cómpre ceder algo para encontrar o que une para que sexa mutuamente beneficioso.

A conciencia e a urxencia da unidade asáltanos cando todos somos conscientes que só con ela podemos dar pasos adiante, que nos reforzan, que permiten acadar obxectivos imposíbeis desde a división.

Unha parte significativa da sociedade galega quere unha mudanza profunda das políticas que destrúen as conquistas sociais históricas, destrúe o futuro de toda unha xeneración, botándoa á emigración, e destrúen asi o futuro do país. Unha parte moi significativa da sociedade entende que hai que acabar coas políticas de recortes, coas políticas neoliberais que poñen todos os nosos recursos ao servizo da banca e as grandes corporacións do centro hexemónico. Unha parte moi significativa da nosa sociedade entende que non é de Madrid ou Bruxelas de onde van vir as decisións para erguer o noso país senón que teñen que saír de nós, nun exercicio de empoderamento soberano.

Cada quén pode xerarquizar de xeito relativamente diferente eses tres eixos e priorizar tacticamente un ou outro en maior ou menor medida. Agora ben, @s que partillamos esencialmente esas preocupacións estamos obrigados a sumar os esforzos para acadar a masa crítica que permita resultados prácticos  para toda esa parte da sociedade. Sociedade que non pode ilusionarse coa perspectiva da irrelevancia política. Esa sociedade que non se resigna quere ferramentas que poidan convertir os desexos, as necesidades urxentes e dramáticas, en accións de transformación. Quere derrotar aos que destrozan as conquistas e o país. Para iso ten que albiscar unha alternativa transformadora con visos reais de incidir sobre os acontecementos inmediatos. E iso require sumar forzas, hoxe moi dispersas.

Claro que non é posíbel sumar forzas contradictorias, forzas que non comparten a mesma xeografía, forzas que non compartan o suxeito político a representar. Pero todas aquelas que compartan aqueles obxectivos e que teñan como obxectivo representar o pobo galego como tal, como suxeito político propio, é dicir, como nación, estamos obrigados a xuntármonos neste momento. Poñendo de lado as lexítimas diferenzas e tamén as lexítimas estratexias grupais ou partidarias. Pero desde logo, poñendo de lado as, hoxe por hoxe, superfluas vaidades ou estratexias persoais. Sen estragar tantos esforzos e enerxías nese continuo ir e vir cruzando a meseta e poñéndoos ao servizo do dialogo de verdade dentro do país.

Con esas premisas moita xente deste país pode ver máis perto a posibilidade real de mudar a “ruda adversidade urxente” pondalián. A nación e o proxecto nacionalista e transformador reforzarase. Gran a gran, o que non mata engorda. A todos pero desde logo ao País.

Nin esa sociedade que non pode agardar nin nós mesmos podemos permitirnos non facer todo o necesario para que esa unidade necesaria sexa posíbel.

Algúns e algunhas estamos dispostos a poñer todo na grella para que Galiza, nas vindeiras eleccións xerais, acade grupo parlamentar propio e soberano. Estamos convencid@s de que é posíbel e que é un paso importante para conseguir os nosos obxectivos, que Galiza teña voz potente para defender os nosos intereses e que poidamos impulsar mudanzas estratéxicas nas políticas e na capacidade de decidir. Tamén para afrontarmos con fortaleza e ilusión os seguintes envites, a empezar o ano que vén. Para derrotar o derrotismo e ilusionar a ilusión.

Temos xa en marcha un proxecto de base cidadán, IxU, no que xa botaron a andar comisións de traballo abertas, no que se inscribiron xa milleiros de persoas de todo tipo, sen filtro nin pedirlles carné a ninguén, para participar nas eleccións primarias da candidatura. Traballo xeneroso feito sobre un mínimos programáticos moi claros pero valedeiros para acoller a ampla pluralidade. Un proceso que sigue aberto a todo o mundo e suxeito a ser perfeizoado, sen máis condición que partillar eses mínimos de candidatura galega para un grupo propio soberano. Se outros buscan un proceso aberto, participativo e inclusivo, que poidan partillar estes obxectivos, aí teñen a súa casa. Un gran solar en terra firme, xa explanado e cos cimentos postos, para construír unha gran casa –ou unha gran comuna- entre tod@s. É vosa, é de tod@s, sodes benvid@s.