Moita xente de ben demanda unidade; algúns
levamos moito tempo adicando gran parte das nosas enerxías a facela posíbel.
A unidade, unha estratexia unitaria, require
aceptar necesariamente a diversidade, a discrepancia e mesmo certas
contradicións. O que non mata engorda, di o vello refrán popular. Hai
contradicións nos obxectivos a longo prazo que non teñen porque impedir unidade
de acción no curto prazo. Do mesmo xeito que pode haber coincidencias estratéxicas
pero que uns e outros pretenden camiñar cara elas con tácticas diferentes.
Cómpre ceder algo para encontrar o que une para que sexa mutuamente
beneficioso.
A conciencia e a urxencia da unidade asáltanos
cando todos somos conscientes que só con ela podemos dar pasos adiante, que nos
reforzan, que permiten acadar obxectivos imposíbeis desde a división.
Unha parte significativa da sociedade galega
quere unha mudanza profunda das políticas que destrúen as conquistas sociais históricas,
destrúe o futuro de toda unha xeneración, botándoa á emigración, e destrúen asi
o futuro do país. Unha parte moi significativa da sociedade entende que hai que
acabar coas políticas de recortes, coas políticas neoliberais que poñen todos
os nosos recursos ao servizo da banca e as grandes corporacións do centro
hexemónico. Unha parte moi significativa da nosa sociedade entende que non é de
Madrid ou Bruxelas de onde van vir as decisións para erguer o noso país senón
que teñen que saír de nós, nun exercicio de empoderamento soberano.
Cada quén pode xerarquizar de xeito
relativamente diferente eses tres eixos e priorizar tacticamente un ou outro en
maior ou menor medida. Agora ben, @s que partillamos esencialmente esas
preocupacións estamos obrigados a sumar os esforzos para acadar a masa crítica
que permita resultados prácticos para
toda esa parte da sociedade. Sociedade que non pode ilusionarse coa perspectiva
da irrelevancia política. Esa sociedade que non se resigna quere ferramentas que
poidan convertir os desexos, as necesidades urxentes e dramáticas, en accións
de transformación. Quere derrotar aos que destrozan as conquistas e o país.
Para iso ten que albiscar unha alternativa transformadora con visos reais de
incidir sobre os acontecementos inmediatos. E iso require sumar forzas, hoxe
moi dispersas.
Claro que non é posíbel sumar forzas
contradictorias, forzas que non comparten a mesma xeografía, forzas que non
compartan o suxeito político a representar. Pero todas aquelas que compartan
aqueles obxectivos e que teñan como obxectivo representar o pobo galego como
tal, como suxeito político propio, é dicir, como nación, estamos obrigados a
xuntármonos neste momento. Poñendo de lado as lexítimas diferenzas e tamén as
lexítimas estratexias grupais ou partidarias. Pero desde logo, poñendo de lado
as, hoxe por hoxe, superfluas vaidades ou estratexias persoais. Sen estragar
tantos esforzos e enerxías nese continuo ir e vir cruzando a meseta e poñéndoos
ao servizo do dialogo de verdade dentro do país.
Con esas premisas moita xente deste país pode
ver máis perto a posibilidade real de mudar a “ruda adversidade urxente”
pondalián. A nación e o proxecto nacionalista e transformador reforzarase. Gran
a gran, o que non mata engorda. A todos pero desde logo ao País.
Nin esa sociedade que non pode agardar nin nós
mesmos podemos permitirnos non facer todo o necesario para que esa unidade
necesaria sexa posíbel.
Algúns e algunhas estamos dispostos a poñer
todo na grella para que Galiza, nas vindeiras eleccións xerais, acade grupo
parlamentar propio e soberano. Estamos convencid@s de que é posíbel e que é un
paso importante para conseguir os nosos obxectivos, que Galiza teña voz potente
para defender os nosos intereses e que poidamos impulsar mudanzas estratéxicas
nas políticas e na capacidade de decidir. Tamén para afrontarmos con fortaleza
e ilusión os seguintes envites, a empezar o ano que vén. Para derrotar o
derrotismo e ilusionar a ilusión.
Temos xa en marcha un proxecto de base
cidadán, IxU, no que xa botaron a andar comisións de traballo abertas, no que
se inscribiron xa milleiros de persoas de todo tipo, sen filtro nin pedirlles
carné a ninguén, para participar nas eleccións primarias da candidatura.
Traballo xeneroso feito sobre un mínimos programáticos moi claros pero
valedeiros para acoller a ampla pluralidade. Un proceso que sigue aberto a todo
o mundo e suxeito a ser perfeizoado, sen máis condición que partillar eses
mínimos de candidatura galega para un grupo propio soberano. Se outros buscan
un proceso aberto, participativo e inclusivo, que poidan partillar estes
obxectivos, aí teñen a súa casa. Un gran solar en terra firme, xa explanado e
cos cimentos postos, para construír unha gran casa –ou unha gran comuna- entre
tod@s. É vosa, é de tod@s, sodes benvid@s.
Sem comentários:
Enviar um comentário