Vivimos tempos de inestabilidades. Nin as institucións, nin o sistema de
partidos nin o electorado parecen ter acougo. En realidade son tempos de final
de época, de rupturas cun modelo esgotado que se resiste a recoñecer o seu
fracaso. O potencial tecnolóxico e de criatividade humana tropeza co corsé dun
modelo social que xa non é quen de aproveitar o coñecemento e levanta barreiras
de exclusión para capas cada vez máis amplas da sociedade, até converter ás
novas xeracións en carne de canón dun precariado estrutural. Unha globalización
ultraliberal que descompón economías e sociedades, esfarela conquistas
históricas, arrasa as soberanías e, como consecuencia, reduce a capacidade real
de decisión das democracias.
Son tempos de desconcerto, de indignacións, de frustracións, de busca ás
apalpadas de novas oportunidades vitais e políticas. Os que manexan os fíos
tratan de conter o descontento co medo, o adoutrinamento, movendo a grande
velocidade os “temas de actualidade”, as “figuras públicas”, “as alternativas”,
co obxecto de crear a impresión dunha realidade líquida, sen norte nin
alternativa. Esa “realidade cambiante” descoloca as alternativas de norte claro
e da pé a respostas escorregadizas e contraditorias, que son rapidamente
amortizadas e arrombadas. O certo é que as urxencias vitais das xeracións
precarizadas e ese imperio do efémero son a materia que conforma o
comportamento político e electoral das persoas; esa é a realidade que pon a
proba os proxectos sólidos.
Foi precisamente a consciencia desa nova realidade social e a necesidade de
sumar forzas para darlle a volta a unha realidade cada vez máis insoportábel o
que levou no seu momento ao BNG a abrir unha etapa de alianzas para sumar
forzas. Co peso morto das inercias e as rutinas fomos dando pasos para
sintonizar cunha realidade que mudaba a pasos desacentellados. Tratamos de
facelo mantendo a coherencia arredor dun proxecto nacional, tendo Galiza como
referencia e tendo como obxectivo a transformación do marco institucional e de
políticas que hoxe levan o noso país ao declive e a sociedade á precarización
xeneralizada. Criamos e creemos na prioridade de facelo sumando forzas galegas
sabendo que parte dos nosos problemas teñen a ver coa imposición de políticas e
intereses alleos que se veu agravando coa agresiva recentralización cara Madrid
e Bruxelas.
Esa aposta por unha política de alianzas empezamos a formulala na Asemblea
Nacional de 2013, fixemos tentativas con forzas galegas nas europeas e ampliamos
o foco de cara ás eleccións Xerais de 2015, dispostos a sumar tamén forzas non
nacionalistas. O BNG renuncia a presentarse coas súas siglas e aposta por unha
candidatura nacional galega unitaria de cara ás Eleccións Xerais, que sería
rexeitada por Anova e os seus socios, Podemos e EU. A súa aposta de candidatura
liderada de facto e de iure por Podemos beneficiábase –sendo
eleccións estatais- do tirón estatal de Podemos, cun liderado forte e de
xenerosa proxección mediática. Finalmente acadou un exitoso 25% que está por
riba das porcentaxes de Podemos noutros territorios do Estado. O BNG non podía
aceptar unha candidatura supeditada á estratexia dunha forza estatal como
Podemos, co seu nome na papeleta e a conseguinte imposibilidade de constituír
grupo parlamentar propio e soberano nas Cortes.
O que ocorreu xa é coñecido. Os resultados da coalición EnMarea
permitiulles obter 6 deputad@s e 2 senador@s. Deles, 2 deputad@s pertencen a
Anova, de xeito que pode dicirse que haberá 2 deputad@s nacionalistas nas
vindeiras Cortes; o resto son de Podemos, OuC e Esquerda Unida. O forte tirón
da aposta polo cambio a nivel de estado que representaba Podemos serviu de
catalizador para unha grande parte do electorado de esquerdas non nacionalista
e tamén nacionalista, facilitado neste último caso polo atractivo adicional de
Anova formar parte da candidatura. Está claro que para unha grande parte do
electorado nacionalista tradicional esa candidatura plural, heteroxénea, con
tirón estatal e gran promoción resultou atractiva, mesmo a pesar das críticas
recibidas por non ter facilitado o acordo con BNG-Iniciativa pola Unión, polo
esquinazo a outros colectivos, polo procedemento seguido para a conformación
das listas, por arrancar sen programa...
O éxito do conxunto é innegábel pero, por desgraza, non pode identificarse
como éxito dun proxecto nacionalista. Imos ver os seus pasos e ogallá sexan
quen de erguer con éxito a bandeira das reivindicacións galegas. Nesta altura o
que xa sabemos é que non van conformar Grupo Parlamentar Galego, como
consecuencia de ter aceptado as condicións impostas por Podemos no documento
legal da coalición, tal como os advertira con antelación o BNG e eran
coñecedores os líderes das distintas formacións. Ao incorporarse ao Grupo de
Podemos nin tan sequera van salvagardar a súa autonomía como ocorrería pasando ao
grupo mixto. Non cabe dúbida que o seu discurso de campaña quedou en evidencia
e o teatro da última semana non fixo máis que poñelo á vista de todo o mundo. Alguén
dirá, non se pode ter todo, unha cousa e a contraria. Pois, así é, para o bo e
para o mao.
En todo caso, pensando no futuro, as alegrías dos tempos de viño e rosas non
deberan levar a infravalorar os riscos das simbioses asimétricas. E neses casos,
como ocorre no caso do apareamento da mantis relixiosa é crucial saber cal é o
macho e cal a fémia. Se do que se trata é de ir construíndo un proxecto
federado a Podemos entón as cousas teñen unha senda fácil, pero se do que se
trata é de aproveitar as sinerxias para ir creando un proxecto galego autónomo
que, chegado o momento, poidera voar só, entón a forma concreta en que o están
a facer amosa riscos evidentes. Aínda que ambas patas arrancaron con parella
febleza organizativa en Galiza, está claro que a potencia mediática e económica
da forza estatal colócaa en mellores condicións para fagocitar a outra
pata.
Pola nosa parte, os resultados deixaron en moi mala posición a
Nós-Candidatura Galega, que non obtivo representación –o que entraba dentro do
previsíbel- e unha porcentaxe de votos máis reducida do esperábel. A ilusión
creada arredor dun proxecto plural, nidiamente galego, con caras novas, candidaturas
conformadas nun proceso participativo de primarias e cunha campaña criativa e
fresca colleitaron o apoio dun modesto 4,3% do eleitorado. O esforzo unitario
feito polo BNG, renunciando ás súas siglas, promovendo a incorporación de
forzas plurais e persoas, un proceso participativo, unha campaña que rebordou
criatividade, xenerosidade e sorrisos a esgalla, etc. foron factores que activaron
a moita xente, pero non impediron que moit@s votantes nacionalistas miraran
para outro lado. Á vista está que non era a proposta que moita xente prefería
neste momento, pensando prioritariamente en impulsar un cambio no goberno
central.
Que conclusións tirar de todo isto? Obviamente, moitas, a empezar que a
aposta do BNG por unha coalición nacional galega soberana ía na dirección
adecuada, pero non fomos quen de que fraguara coa ambición proposta, quedando a
medio camiño como Nós-CG. O acontecido obriga –a todo o mundo- a analisar con
rigor toda a experiencia. Será preciso un profundo debate colectivo para tirar
todas as leccións, non só as derivadas deste proceso electoral concreto senón
que cómpre ir máis alá. Hai que facer dunha vez un diagnóstico realista sobre
as tendencias de fondo no noso país e deste ciclo político longo que arranca co
movemento neocentralista e coa crise da burbulla neoliberal; das aspiracións e
temores dese precariado que se ve xa excluído de xeito estrutural; das formas
de participar en políticas das novas xeracións; dos discursos, estética, símbolos
e prioridades que moven a xente nova... Todo iso debemos debatelo na Asemblea
Nacional do BNG para poñer o proxecto nacionalista e a estrutura orgánica en
condicións de ser referente da maioría social e, sobre todo, para sermos quen
de incidir no goberno do noso país.
Que conclusións tirar de cara as inminentes eleccións galegas de 2016?
Primeira, unha extrapolación mecánica dos resultados non serían bos
conselleiros para ninguén; nas eleccións galegas a dialéctica será loxicamente
menos estatal e haberá que contrastar propostas e candidaturas para gobernar
Galiza; tamén o que aconteza en Madrid e as posicións sobre o proceso catalán
poden traer algún que outro desengano. Segunda, tampouco a non extrapolación
pode servir de parapeto para cerrar os ollos diante de cambios que están aí
-que estaban aí xa hai tempo- e que requiren novas fórmulas organizativas,
novos discursos, novas alianzas, novos talantes. Terceira, a correlación de
forzas existente permite albiscar un cambio cunha derrota do PP, seguramente
moi axustada, e a posibilidade de conformar unha coalición electoral do nacionalismo
e das esquerdas que se sitúe de segunda forza electoral e, polo tanto, lidere
un goberno alternativo. Moitos e moitas neste país creemos que iso sería realmente
unha prioridade para frear o deterioro social e a laminación do autogoberno.
Cuarta, para facer verosímil tal escenario sería preciso sumar todas as
forzas da forma máis eficiente e pragmática posíbel, sen que ninguén perdese a
súa identidade. Cómpre saber se o conxunto da plataforma En Marea reconsidera a
súa posición a respecto do espazo nacionalista que representan o BNG e Nós e se,
nesta ocasión, están de verdade por contribuír, sen soberbias nin cativeces, á
suma de forzas con este nacionalismo aberto e claro que ten hoxe unha sólida
implantación en todo o país.
Ninguén debe pensar en forzar fusións nin dilucións innecesarias de ningunha
das partes. Desde logo, o BNG ten vocación de seguir sendo un proxecto
nacionalista autónomo para todos os galegos e galegas, de acordo co principio
de autoorganización e con todo o que iso implica a respecto das forzas estatais.
Nese sentido, o BNG non podería nunca aceptar un papel como o que outros asumen
en relación a Podemos dentro de En Marea. Por si faltaran argumentos, o
acontecido co grupo parlamentar é a proba máis inmediata de que a supeditación
a forzas estatais non é o camiño. Pero entre a opción da confluencia con dilución/subordinación
e a de competir por separado cabería explorar unha terceira vía que permitise partillar
esforzos e obxectivos concretos na actual conxuntura, sen subordinacións e
evitando que as forzas estatais fagociten ou inactiven o necesario proxecto
nacionalista.
Persoalmente creo que abondaría cunha suma de iguais nunha coalición
técnica, plural, con base cidadá, cun programa común de mínimos e que respecte o
perfil político singular de cada unha das partes. Sen diluirse e mantendo cada
un o seu discurso. Se estivésemos todas en condicións de partillalo estou
convencido que esa sería a mellor forma de optimizar o apoio popular -tendo en
conta a lei electoral vixente- e conseguir a maioría necesaria para liderar un
goberno alternativo ao PP. Unha prioridade compartida que suporía un gran paso
adiante para todas e todos nos tempos que corren. O electorado non só
entendería perfectamente que cada un segue sendo cada quen senón que, ademais,
agradecería e premiaría esa vontade de sumar para darlle unha oportunidade ao
país e a todos os sectores que sofren as políticas do PP.
A responsabilidade é de todas e cada unha. As persoas do BNG estamos
emprazadas a decidir na nosa Asemblea Nacional como responder a ese reto nun
momento delicado no que só nos está permitido acertar. Estou seguro de que
entre todas seremos quen de facelo.
(Publicado en Sermos e Praza o dia 22 de xaneiro de 2016)
Sem comentários:
Enviar um comentário