(Respostas ao cuestionario de La Opinión 24/7/2012)
Debería reorganizarse o estado autonómico?
XV: O que debería é redefinirse o estado
español no seu conxunto. O que falla non é o estado autonómico en si mesmo
senón o conxunto da arquitectura institucional dun estado que segue sumando as
estruturas típicas dun estado centralista e as dun estado descentralizado. Con
superposicións e colisións entre elas. O estado autonómico tal como foi
concretado polas forzas estatais, con 17 CCAA e o famoso café para todos, foi
un fracaso. Nin resolveu de verdade o problema político do encaixe das nacións
existentes dentro do estado español, pois negóuselles ese recoñecemento e
igualáronse a rexións de escasa entidade, cando non inventadas sobre a marcha.
Por outro lado, ao superpoñerse ao sistema provincial, sen subsumilo, acabou
configurando unha estrutura administrativa de catro niveis pouco funcional, á
que logo se engadirían as delegacións do Goberno Central nas CCAA e a da Unión
Europea. En conxunto resulta demasiado complexa, disfuncional e cara.