quinta-feira, 12 de julho de 2012

O golpe neoliberal, estrangulamento económico e empobrecemento masivo



65.000 millóns de euros en recortes adicionais en 30 meses, 2,5% do PIB anual, 400.000 empregos menos. Estas serían, traducidas, as cifras grosas do anunciado por Rajoy no Congreso. Unha caída xeneralizada da capacidade de compra e do nivel de vida da poboación, levando ao estremo de privación as rendas modestas,  parados, pensionistas e dependentes. A caída directa de ingresos e o aumento dos impostos regresivos van deprimir a demanda, arrastrando de xeito inducido a produción e o comercio, minando a un tempo o emprego e os ingresos privados e públicos, nunha auténtica espiral destrutiva.
Ese é un novo chanzo do rescate do sistema financeiro -español e europeo- a costa da economía produtiva e das rendas modestas do país.
Así, golpe a golpe, de fracaso en fracaso veñen reducindo marxes de manobra, debilitando a economía produtiva e as familias. Imos acercándonos cada vez máis perto do colapso económico e social. O círculo vicioso das medidas contractivas vai minando a produción de riqueza real e cercena cada vez máis a disponibilidade de recursos e pancas para a reactivación. Cada vez hai menos campos desde os que bombear recursos e iso vai levando a esprimir os sectores sociais máis febles moito máis alá do posíbel e do soportábel. Cando toda a panoplia de medidas aprobadas nos últimos meses e as agora anunciadas estean en pleno vigor e producindo efectos reais unha grande parte da poboación experimentará fisicamente o extremo rigor da privación e a necesidade, como xa hoxe o experimenta unha minoría en expansión.
Hai que ser claros, a secuencia completa de “reformas” impulsadas na UE ao fío da crise é un desmantelamento do que se veu chamando o “modelo social europeo”, que na periferia nunca chegara a ser moi completo pero que agora quedará definitivamente desfigurado (negociación colectiva, servizos de benestar,  redistribución da renda, protección a parados e excluídos, etc).
A batería de medidas anunciadas por Rajoy no Congreso, a iniciativa propia ou no marco do programa de axuste europeo, dan a impresión dunha grande iniciativa e criatividade. Abarcan tal abano de cuestións que parece unha estratexia moi completa e rica en iniciativas, resultado –por fin- dun “diagnóstico claro e contundente da realidade”. Porén, como medidas de recorte e axuste que son non incorporan ningunha idea creativa de construcción de algo con futuro. O que hai –compre recoñecelo- é atrevemento para cortar e retallar no que existe, pero ningunha audacia para sentar as bases de algo novo, abrir novos campos de actividade, novas vías de expansión da economía produtiva e de creación de emprego de cara ao futuro. Non, toda a imaxinación remata na tesoira contábel, retallar servizos públicos e dereitos e aumentar os tipos do IVE. Non fai falta moita imaxinación para iso, tan só atrevemento e confianza na capacidade para neutralizar ás vítimas de tamaño espolio; neutralización que é garantida grazas a unha fiel cobertura mediática, implacábel coa disidencia, e tamén grazas á complicidade fáctica do principal partido da oposición.
As medidas fiscais, laborais, recortes nos servizos públicos e privatización, son tantas que parecen difícles de resumir. Porén, todas xuntas responden a unha lóxica común: seguir drenando recursos do conxunto da sociedade para enxugar as contas –e buratos- da banca. De feito, nas medidas estrictamente económicas hai pouco realmente novo, tan só a súa intensidade redoblada, que non é pouco. Efectivamente, todas elas engádense e prolongan o tipo de medidas que se veñen adoptando nos últimos tres anos, coa particularidade de que estas son unha volta de rosca moi agresiva, acumuladas sobre as anteriores. Aplicadas sobre o unha realidade que xa non pode encaixar máis sacrificios sen correr o risco dunha degradación e un retroceso brutal, que non é de anos senón dunha xeneración.
As medidas de aumento dos impostos (IVE, electricidade, tabacos ... ), recortes nos servizos públicos, privatizacións masivas, reduccións salariais dos traballadores públicos, das pensións, dos subsidios de paro e de dependencia veñen tendo un fío conductor común: transferencia masiva de recursos de toda a sociedade (65.000 millóns de euros: 6,5% do PIB dun ano) cara ao sector financeiro, co obxectivo de encher o enorme burato de débeda insolvente acumulada, restablecer a súa solvencia, devolver préstamos á banca internacional e garantir rentabilidades “suficientes”.
As formas desa transferencia masiva de recursos da sociedade cara as finanzas son múltiples e teñen horizontes temporais de realización diversos. Unha vía é a salarial, coa reducción de custos salariais directos e indirectos (cotizacións) no propio sector e en todas as empresas participadas, non só a curto prazo senón a longo, de xeito que permita recuperar marxes, beneficios e dividendos nos vindeiros anos. Unha segunda vía é a redución da presión fiscal que soportan as grandes empresas para que poidan soportar maiores tipos de xuro e destinar maior proporción dos beneficios a dividendos; iso conleva unha redución do gasto público que afecta negativamente aos usuarios e a unha parte do tecido empresarial que ten o seu negocio nas compras públicas e indirectamente afecta ao conxunto da actividade económica ao reducir consumo e demanda. Unha terceira é o negocio financeiro coas administracións públicas, en particular a débeda, que ten maior valor canto maior sexa a garantía de cobro da mesma a longo prazo. Unha cuarta é a privatización de servizos públicos que permite sustanciosos beneficios de curto prazo na súa colocación no mercado, logo grandes pelotazos e, en calquera caso, rendas anuais seguras a longo prazo. Unha quinta é a realización de investimentos públicos pola modalidade PPP (colaboración público-privada) de xeito que o sector público abre negocio para a participación de investidores privados, garante a súa execución e o cobro para os financiadores privados e logo garante rendas seguras vía canon ou rendas fixas anuais pola explotación e uso das infraestruturas ou servizos en cuestión.
Este tipo de medidas que agora anuncia Rajoy son ampliación e profundamento das que xa veñen aplicando desde anos atrás. Favorecen sobre todo a unha fracción do capital –o financeiro, o concesional e o monopólico- que vive de xeito rendista e parasitario do orzamento público, pero á vista está que non xera riqueza, nin exportacións, nin competitividade. É o entramado da grande banca, grandes construtoras e as eléctricas. Polo tanto, seguimos nas mesma, perseverando no erro e no fracaso. A condución da crise está a revelar o doble fracaso da radicalización neoliberal-conservadora: nin son quen de ofrecer unha saída progresiva á crise que poida ser “integradora” para unha ampla maioría da poboación, nin tampouco son quen de restablecer condicións mínimas de rendabilidade e estabilidade para o propio sector financeiro que pilota toda a estratexia. A falla de estratexia para a recuperación da actividade económica productiva acaba convertendo todas as medidas de emerxencia a beneficio da banca nunha imposible estratexia de “gañar tempo” á espera de algúnha combinación miragreira. Porén, como tais miragres non acostumbran a suceder se non se fan méritos para eles, o que realmente está facendo o estado español e a UE é “perder o tempo”, deixar que se debilite o tecido económico e social de xeito que a capacidade de reacción e recuperación é cada vez menor.
Sen dúbida, o máis clamoroso do debate destes días é xusto o que Rajoy nin tan sequera menciona: por un lado, a necesidade de poñer o foco da recadación nas renda moi altas, nas rendas do capital e nas grandes fortunas e, por outro, a necesidade de poñer a andar medidas para reforzar a economía produtiva (investimento, mudanza da política comercial externa, banca pública para apoiar o investimento, apoio estratéxico a novos sectores de actividade, etc). Crer que a reactivación se consegue con máis precariedade laboral e máis liberalización é unha estupidez tan irresponsábel –e interesada- que a pagaremos todos durante moitos anos e que condenará á pobreza e á emigración a unha grande parte das novas xeracións.
O verdadeiro problema naceu na banca e segue a estar nun modelo de banca que busca sobrevivir a costa de vampirizar a economía produtiva e a sociedade. O seguinte elo do problema está no BCE que está ao seu servizo e non ao servizo dos países que forman parte do euro. Mentras isto non se toque de verdade hai pouco futuro para a economía produtiva, para o país, para o estado español e para a eurozona.
Dous apontamentos finais para unha valoración apresurada do panorama ao que nos confrontamos.
O máis “novidoso” no paquete presentado por Rajoy é o que ten que ver coa dimensión política. O PP aproveita a crise e o desconcerto popular para poñer en marcha un proceso de recentralización política. Curiosamente, cando todo o mundo reclama a supresión desa herdanza do centralismo que son as deputacións, Rajoy anuncia o seu reforzamento. Non importa que ese anuncio choque coa idea de austeridade, que podería vir pola vía da supresión dun deses niveis sobrantes e disfuncionais da atrabiliaria administración española. Que dúbida cabe que é irracional e insostíbel un sistema con cinco niveis administrativos superpostos: concellos, deputacións, autonomías, central e comunitaria. A cuestión é decidir cales sobran. A prioridade para o PP neste momento é poñer o foco do recorte nas estruturas de goberno democrático descentralizado, as autonomías e os concellos, e reforzar as deputacións que son estruturas menos democráticas (elixidas de xeito indirecto e escasamente representativo). A proposta de reducir un 30% o número de concelleiros vai tamén na dirección de deixar fora as forzas minoritarias, reducindo o xogo democrático a un cómodo bipartidismo. Non deixa de resultar igualmente curiosa esta furia centralizadora xusto no momento en que o goberno central aparece máis claramente distante das inquedanzas e de vontade popular, obscenamente supeditado aos ditados directos das finanzas e das instancias de poder supraestatais. Refórzase o centralismo xusto cando menor é a eficacia do goberno central para representar a vontade da súa cidadanía e defender os seus intereses. De seguir adiante o proceso de integración e vérmonos indefinidamente aí parecería bastante razoábel e funcional prescindir das deputacións e dos gobernos centrais –cando menos se pensamos no caso das nacións sen estado. Vista a facilidade coa que a dereita española renuncia á soberanía para aceptar un goberno intervido pola troika, non debería causar especial incomodo aceptar unha relación directa entre, por exemplo, o goberno galego e Bruxelas. Xa sei que rompe co pensamento rutineiro recibido pero sería, sen dúbida, bastante práctico e útil para o noso país.
Por último, a nota máis sorprendente do debate aberto o mercores no Congreso é o desconcertante apoio do PSOE ao conxunto de medidas anunciadas. A incapacidade do PSOE para facer unha lectura madura do fracaso das medidas de axuste e austeridade dos últimos anos e, tamén, para entender o abismo entre as posicións do aparato dirixente e as da súa base social, son realmente preocupantes. O certo é que esa submisión –suicida desde o punto de vista político- convértese nun claro factor de derrota preventiva da cidadanía. A mellor garantía para desactivar a contestación cidadá a unhas medidas tan regresivas e reaccionarias é que o principal partido da oposición, dito de esquerdas, dea respaldo e carimbo de inevitabilidade ás medidas adoptadas. Que o principal partido da oposición non estea disposto a confrontar de verdade ese paquete de medidas induce resignación e derrotismo entre unha grande parte da cidadanía, desarmando e desmobilizando a aquela outra máis contestataria. Claro está que o debate no Congreso mostrou que existen outras visións claramente diferentes, con propostas alternativas. Houbo voces relevantes que denunciaron –máis unha vez- o fracaso das receitas da austeridade neoliberal radicalizada: desde o BNG, Esquerda Plural, Compromís ou Amaiur. Compre recoñer, en particular, a brillante e incisiva intervención de Francisco Jorquera nese debate. Pero, desde un punto de vista numérico, parece claro que o peso parlamentario desa esquerda non submisa non está na proporción do rexeitamento que hoxe existe na sociedade a estas políticas.
Obviamente, tamén desta crise comprirá agardar un madurecemento da cultura política da cidadanía, aínda que os medios de comunicación estean empeñandose a fondo en evitalo, mesmo a costa da súa propia credibilidade e prestixio.

1 comentário:

  1. Noraboa, o texto é unha excelente análise da paisaxe social e política.

    ResponderEliminar