quarta-feira, 23 de janeiro de 2013

Non é o déficit, paspán, son os impostos!







1. O déficit público español en 2012, en proporción ao PIB, está efectivamente entre os máis altos da UE, despois de Irlanda e ao mesmo nivel de Grecia.

A iniciativa “propón connosco” avanza


Para aqueles que consideramos que sobra moito minifundismo mental e organizativo no eido do nacionalismo e da esquerda son tempos de desespero mais tamén de certa esperanza. Ao lado desa exuberante creatividade para lanzar grupos, subgrupos e até movementos case-unipersoais que nacen do desconcerto xeral no que vivimos, podemos palpar tamén unha crecente convicción da necesidade de afortalar organizacións con capacidade de artellar dinámicas socias realmente amplas, maioritarias e sostendo no tempo un proxecto.
O proceso “propón connosco” lanzado polo BNG forma parte desta última familia. Despois da desastrosa experiencia do último ano, as cousas móvense, os muros amolecen e a fortaleza flexíbel do vímbio vai impóndose á dureza fráxil do vidro.
O amargo drama provocado polo desnorte centrifugador dos últimos tempos e a profunda decepción provocada polas últimas eleccións, nas que o goberno máis desastroso e antigalego conseguiu revalidar a maioría absoluta, levaron a que moitos nacionalistas lanzaramos un apelo “desesperado” para o raciocinio colectivo, para repensar as bases que han permitir reconstruír a unidade do nacionalismo de esquerdas no camiño da maioría social. O BNG encetou un período de profunda reflexión no seu interior que socializou –segue a facelo- coa súa base social no proceso “propón connosco” (ver documento en http://www.bng-galiza.org/wp-content/uploads/Construindo-o-futuro_Documento-aberto-para-o-debate-sobre-o-futuro-do-nacionalismo-e-a-revitalizaci%C3%B3n-do-BNG.pdf).
Nese diálogo tranquilo, fraternal e franco foron agromando moitas ideas relativas aos máis diversos aspectos da estratexia política, prioridades da loita política neste momento, formas de traballar nas institucións, nos movementos e organizacións sociais, papel da política internacional, funcionamento interno, etc, etc. É un proceso aberto que terá un momento importante, de síntese, nunha asemblea nacional que se celebrará ben axiña aínda que, en realidade, non rematará aí senón que está chamado a continuar ben máis alá para extender o dialogo a través do traballo diario en todos os eidos.
Moitas desas ideas foron collendo corpo ao longo destes tres meses e están recollidas no citado documento. Algunhas das máis importantes xa están dando lugar a pasos concretos, outras terán que agardar por acordos formais para facelo. Pero o importante é que algunhas desas propostas e iniciativas están recibindo referendo e apoio pleno da inmensa maioría do nacionalismo organizado arredor do BNG. Unhas para enxergar unha nova dinámica política no país e outras para mudar pautas de funcionamento interno ou formas e estilos de traballo nas organizacións e movementos sociais.  
Mesmo nos aspectos relativos ao funcionamento da organización hai concordancia en acometer mudanzas importantes, sen chegar a alterar, iso si, a concepción do BNG como unha fronte asemblear con partidos e grupos organizados no seu seo, ademais dos militantes exclusivamente bng. Efectivamente, unha parte dos participantes activos nese proceso “propón connosco” cremos na necesidade dunha profunda repensada da estrutura orgánica e funcionamento do BNG, facer un balance realista e pragmático das súas virtudes e defectos, co obxectivo de reforzar a súa solidez, a equidade real de todos os membros, minimizar os esforzos inútiles en estruturas duplicadas, maximizar a eficiencia social do tempo adicado á política por parte dos militantes e, sobre todo, minimizar os receos naturais á tutelaxe e os factores de disgregación organizada. Parece claro que os compañeiros dos grupos organizados non ven iso do mesmo xeito que os que non o están. Con todo, xa se converteu en lugar común a necesidade de camiñar con convicción cara converter as estruturas do BNG no espazo de debate compartido e elaboración en común de todas as políticas, valorizando o rol individual de todos os membros, abeirando disciplinas grupais, reforzando o consenso e garantindo un rol máis equilibrado para os militantes autónomos. Obviamente, estas cousas nunca van vir dadas con meros pronunciamentos senón que serán definidas por toda a militancia do BNG nos acordos asembleares e no día a día, pero resulta esperanzador que todos apunten xa cara unha mudanza urxente nunha dirección positiva. Posibelmente enxergar unha práctica real diferente sexa máis importante que sobreestimar a vitualidade dun cambio puramente formal.
En calquera caso, máis relevantes que as cuestións de orde interna -que tamén o son porque afectan de forma directa ao traballo político, á relación co sociedade e a capacidade para ampliar a base organizada- son as iniciativas políticas. Entre as que maduraron no ámbito do proceso “propón connosco” do BNG está a aposta por partillar con todo o nacionalismo cívico e político un amplo debate na sociedade a prol da soberanía (incorporando ao léxico o seu sinónimo, a independencia). Efectivamente, moitos de nós creemos na importancia dunha resposta social de ampla base á radicalización neoliberal e consideramos tamén que no corazón da alternativa ao capitalismo neoliberal está a conquista do dereito dos pobos a decidir sobre os aspectos básicos do seu modelo económico. Soberanía para ter capacidade de decisión sobre o modelo social e os fluxos económicos e democracia para facer prevalecer os intereses da maioría son as dúas pezas básicas para construír unha saída alternativa á crise dese modelo. Máis aínda, fronte á voracidade do neocentralismo madrileño creemos imprescindíbel que Galiza participe con voz nacional no actual debate da reconfiguración institucional/territorial do estado español; Galiza non pode entregarse submisa ao abafante centralismo, da man dun Feijóo troiano, e, entre todos, temos que erguer un vivificante proceso soberanista. Se antes da eleccións viamos esencial situar a soberanía como antídoto fundamental para erguer unha alternativa progresista  á crise do neoliberalismo global, despois do acontecido nas mesmas achamos da máxima urxencia erguer un amplo movemento cívico-político a prol da soberanía como condición para refundar a democracia e dar unha solución aos principais atrancos que impiden o desenvolvemento dunha economía produtiva, innovadora e sustentábel que cree os empregos dos que depende a nosa supervivencia como país.
O interesante é que vai callando un consenso xeral en que ese movemento pola soberanía ten que ser por enriba de todo un movemento de ampla base social, plural e cun protagonismo central asentado na sociedade civil. Un movemento de todos os que queren construír unha nación con estado propio e no que todos poidan traballar man con man, teñan carné de partido ou non, sen ter como preocupación os particulares intereses electorais ou doutro tipo.
En definitiva, como dicía ao principio, estamos asistindo a mudanzas importantes que van nunha dirección positiva para reforzar a base organizada do nacionalismo de esquerda e, alén diso, para tecer unha nova tea con todo o nacionalismo cívico e intersticial.
Son tempos convulsos e de moita incerteza, de xeito que é difícil ou pouco críbel calquera discurso que se proclame posuidor da verdade absoluta e da “verdadeira” solución á crise ou da senda segura para vencer o dominio da dereita ou o centralismo abafante. Algúns dos que parece que descubriron onte a ignonimia do neoliberalismo e o centralismo poden estar vivindo un espellismo, por veces alimentado por un inxénuo voluntarismo outras habelenciosamente inducido pola estratexia antidemocrática da extrema dereita. O certo é que a fortaleza deses dous inimigos perdeu parte da aura lexitimadora do pasado. Caeron as carautas dese capitalismo máxico da enxeñería financeira e dese centralismo que aceptara convivir co autonomismo. Caeron pero a súa fortaleza segue a ser imponente. Sobre todo é imponente a súa manifesta vontade de prevalecer usando todos os resortes, lícitos e ilícitos, do poder, como estamos a ver estes días en directo. Tanto un coma o outro están en coiros coa súa faciana máis crúa e cruel á vista. Pero nin están vencidos nin se van render facilmente. E o máis triste é que súa principal fortaleza reside en que enfronte non existen organizacións sólidas e suficientemente arraizadas na sociedade. Máis aínda non hai, aquí e agora, receitas seguras e con credibilidade abondo para garantir unha vitoria das forzas progresistas. E a iso contribuen con xeneroso empeño con todos os seus medios, particularmente sementando o descrédito da política e fomentando a desarticulación das forzas alternativas.
O máis difícil hoxe é construír organización, porén a organización é esencial se a loita vai ser duradeira. Por iso, antes de debilitar unha organización existente cómpre ter moi claro que hai alternativas significativamente mellores. Nada lle pode resultar máis tranquilizador á dereita neoliberal que a proverbial grupusculización das esquerdas nos momentos decisivos; o mesmo cabe dicir do centralismo. Coa mesma rotundidade cómpre dicir que non ten sentido tapar con panos floreados as eivas que está comprobado que debilitan as organizacións máis importantes. Pola contra, é momento de atallar as eivas con valentía e asumir con altura de miras que unha certa experimentación pode resultar moi san nunha contorna en mudanza acelerada e mesmo convulsa.
Sen ignorar as dificultades, creo que hoxe na Galiza algúns estamos a dar pasos para mudar as rotinas do pasado e avanzar. Obviamente, que o consigamos depende de todos.
(Publicado en Sermos Galiza 23.01.2013)

domingo, 13 de janeiro de 2013

Explotación financeira dos aforradores e contribuíntes


O acordo do Banco de España de impoñer un límite do 1,75% aos xuros anuais que os bancos pagan aos aforradores polos seus depósitos é un escándalo dun calibre monumental. Sería considerado un despropósito se non fose porque está inscrito na lóxica das decisións españolas e europeas de entregar todo -si todo- á banca e as finanzas. Contribuíntes, usuarios de servizos públicos, traballadores públicos e privados, economía produtiva e... aforradores, todos están sendo obrigados a entregar parte dos seus ingresos e do seu benestar para repoñer as contas da banca que no conxunto da UE chegaron a ter un burato que máis do 30% do PIB. Imos co tema dos aforradores.
Que significa e que consecuencias ten esta medida?
Primeiro, impoñer un límite do 1,75% aos xuros pagados polos bancos é unha medida destinada a abaratar os custes do diñeiro para as entidades financeiras (que por outra parte, cando menos as grandes, xa están beneficiando de diñeiro prestado polo BCE con xuros de 0,75% a tres anos).
Segundo, os aforradores percibirán uns xuros que están por debaixo do aumento da inflación (este ano foi do 2,9%). Polo tanto, imponse unha desvalorización en termos reais do diñeiro aforrado. Isto afecta sobre todo ao aforro popular que, a diferenza dos acaudalados, non teñen outras opcións para colocar o seu diñeiro.
Terceiro, é unha vulneración do seu sacrosanto principio de liberdade de mercado que só se aplica para os xuros dos depósitos pero non se pon ningunha limitación equivalente para os xuros dos créditos (para empresas e comercios hoxe pode roldar entre 8-10%, cando teñen a ben conceder o crédito). O Banco de España failles o favor de impedir a competencia na captación de depósitos pero déixalles plena liberdade para prestar ou non prestar dentro do país e ao tipo de xuro que consideren (obviamente nunca menor do que poida obter nos negocios especulativos e, por exemplo, na débeda pública que como se sabe anda arredor do 5-6%). De forma que o BdE regula contra os aforradores para garantir un bo prezo do diñeiro para os bancos pero logo estes son plenamente libres para levar ese diñeiro fóra do país, cara os mercados globais, e plenamente libres para establecer os marxes que consideren oportunos. Realmente, a banca que se move nos mercados globais non podía aspirar a ter mellores condicións para aumentar beneficios.
Cuarto, o argumento do Banco de España de que esa medida acabará indirectamente abaratando o crédito tería algo de verdade se estiveramos diante dun modelo de banca de intermediación de verdade. Como o modelo de banca no que estamos e van reforzar é o da gran banca global o único que imos facer e entregarlle a esa banca recursos a menor custe para que eles fagan negocios máis gorentosos nos mercados globais.
Quinto, curiosamente o Banco de España autorizou aos bancos a aumentar todo tipo de comisións aos aforradores (por ter contas abertas, por tarxetas, domiciliacións, por depósitos de títulos, por transferencias, por descubertos, etc etc). Esa é a outra gran liña de ganancias que ten unha banca inútil que apenas concede crédito.
Sexto, o tope do 1,75% é unha medida que ten como principais beneficiarios aos grandes bancos e os bancos con menos vocación minorista. Busca asfixiar á banca pequena e o que queda das caixas para expulsalos do mercado e entregar esas entidades a mellor prezo aos grandes bancos. Os grandes bancos son os que poden financiarse no Banco Central Europeo e no interbancario internacional a tipos de xuros moi baixos; en cambio os bancos pequenos non poden utilizar esa vía, polo que para obter liquidez a única vía que lles queda é captar depósitos e para conseguilo compiten pagando tipos de xuro máis elevados que os grandes. Se non poden competir por esa vía perden a capacidade para captar aforro e desaparecerán antes.
Sétimo, curiosamente o Banco de España imponlle isto tamén ás entidades controladas polo FROB (é dicir, con recursos dos contribuíntes); na medida en que esta estratexia lles corta o acceso á captación de aforro dos clientes, iso provocará un colapso máis rápido destas entidades. Coa particularidade que a súa desvalorización traducirase nunha reducción do seu preso de venta, o que permitirá á gran banca adquirilos no seu momento a prezo de saldo. De xeito que esta medida prepara o terreo para o desenlace por eles desexado, co maior beneficio para o comprador e o maior coste para o sector público (os contribuíntes).
Oitavo, esta medida do BdE contra os aforradores súmase ás anteriores relativas a comisións e, sobre todo, á autorización deliberada e dolosa no seu momento para a colocación de preferentes e subordinadas entre os aforradores minoristas -como vía de capitalizar as entidades- así como a final decisión de consumar a estafa cunha “expropiación” (quita) do valor deses títulos.
Non cabe dúbida que esta medida inscríbese na liña de usar os aforradores –o aforro popular- como unha das fontes de recursos para sanear a banca. Os aforradores convértense, vía decisión do Banco de España e do Goberno, nos rescatadores obrigados dunha banca endebedada até o inimaxinábel (a súa débeda representa arredor do 135% do PIB: un 105% directamente e outro 30% vía sector promotor).
Noveno, os aforradores non só fan esa contribución directa ao rescate da banca, senón outras moitas igualmente claves. Para empezar son os que a manteñen en pé cos seus depósitos e, ademais, contribúen tamén cos seus impostos, coma todos os demais contribuíntes, a financiar os fondos de rescate para a banca e os elevadísimos xuros da débeda pública que van ás mans dos especuladores do cupón dos bonos da débeda.
En definitiva, estamos diante dunha medida que revela a vontade de continuar salvando a banca a costa de todo o demais. Favorecendo aos que fan negocios operando nos mercados con productos financeiros especulativos, a costa de sacrificar a todos aqueles que producen bens e servizos e os que xeran rendas modestas a partir dos aforros do seu traballo. Teimando de xeito irresponsábel no prolongamento do  modelo de economía financiarizada que nos arrastrou a este marasmo e que nunca vai permitir unha saída en positivo desta crise.

(Publicado en Sermos Galiza 12.01.2013)


sexta-feira, 11 de janeiro de 2013

Reforma laboral, deflación salarial e depresión económica


Despois dun ano da súa entrada en vigor xa podemos ver os efectos da reforma laboral aprobada polo PP, a máis lesiva para os dereitos dos traballadores desde os anos setenta. Como imos ver, a xustificación da reforma é un monumento á mentira, convertida xa na moeda común no trato do poder cos cidadáns e traballadores. Desde o punto de vista dunha estratexia de saída da crise é un desatino. E, desde o ponto de vista social, é un retroceso histórico en dereitos e en nivel de vida.
É un insulto á intelixencia afirmar que había rixidez laboral nun país no que se celebraban 680 mil contratos ao ano en Galiza, é dicir, miles e miles de contratos temporais de curtísima duración, cunha ínfima indemnización ao seu remate (6 días por ano traballado). Ningún outro país europeo tiña nin ten tal grao de precariedade contractual.
É un insulto á intelixencia dicir que a crise viñera provocada por remuneracións excesiva cando o 45% dos traballadores cobran menos do duplo do salario mínimo, é dicir, menos de mil euros. Os salarios máis baixos e desiguais da UE occidental (deixando de lado os países do leste).
É un desatino pretender que a saída da crise en Europa vai vir da man dunha deflación interna masiva e dun aumento das exportacións, sabendo que o crecemento económico do conxunto da UE só pode sosterse sobre un incremento sostíbel da demanda (e unha nova política comercial co resto do mundo).
Aínda que só levamos un ano xa podemos constatar as consecuencias reais da reforma laboral. A volta de rosca da precarización do emprego empeza a surtir efectos por diversas vías: destartalando e rompendo a negociación colectiva; permitindo a fixación unilateral de salarios e o despedimento libre e sen indemnización para unha gran parte do tecido empresarial; reducindo os custes do despedimento en todos os casos; precarizando aínda máis o contrato dos novos, con contratos de aprendizaxe e en prácticas até os trinte e pico de anos.
Ocupados Galiza (EPA)
Cales son os resultados? Os contrarios dos proclamados polo goberno e a patronal pero os agardados por todos aqueles cun mínimo de coñecemento de como funciona a economía e non servís coa propaganda oficial. Non se creou máis emprego senón que diminuíu (40.000 ocupados menos); o que si aumentou intensamente foi o paro e a emigración. A economía non creceu senón que profundizou a recesión en 2012 (redución do PIB nun 1,6%) e continuará en 2013(o Índice de Confianza Empresarial mostra un empeoramento). Empeoraron as condicións laborais e salariais de miles e miles de traballadores. Caeu o consumo, caeu a capacidade de aforro das familias, aumentaron as desigualdades e a pobreza.        
Paro rexistrado Galiza





Afiliados S Social Galiza









E a inflación? Pois a pesar da caída dos salarios os prezos seguiron subindo (2,9%), porque as empresas aproveitan para aumentar beneficios e as remuneracións dos directivos. Os prezos dos servizos regulados (electricidade, auga, etc) subiron un 10%; as medicinas un 27%, educación superior un 22%. A capacidade adquisitiva caeu de xeito moi sensíbel.
Aumentaron as exportación? Pois resulta que diminuíron, cos datos disponíbeis no IGE até outubro 2012. Ou sexa que o outro gran argumento para xustificar a reforma laboral que era a competitividade resultou ser un gran calote.
Variación interanual exportacións (CXX) e importacións (CXM) 
En síntese, a política de austeridade, de deflación competitiva á que pretende contribuír a reforma laboral acaba provocando unha caída da demanda interna e, na medida en que as medidas contrativas se aplican en toda a UE, que é o noso principal mercado (a empezar por Portugal), cae tamén a demanda externa. A redución das exportacións á UE é clara e non consigue ser compensada por outros detinos como Latinoaméica ou Asia.
Conclusión, a reforma laboral ten efectos nefastos para os traballadores e non axuda a saír da crise económica. Sufrimento inútil e, polo tanto, dobre sufrimento.
Pero entón porque se fixo a reforma aceleradamente?. Por tres razóns esenciais. Primeira, para aproveitar o shock social e sicolóxico da crise e o altísimo paro para desmontar o que quedaba dun modelo laboral que os neoliberais e a patronal  máis cutre levaban anos ansiando podar; o modelo que no resto de Europa se implantara despois da vitoria contra o fascismo na Segunda Guerra Mundial e que aquí se implantara coa caída da ditadura. Segunda, abaratar custes salariais para aumentar beneficios (e as remuneracións dos directivos: en 2012 baixaron os salarios dos traballadores un 1% e subiron os soldos dos directivos un 3,4%). Terceira, abaratar os custes do axuste de persoal do sector financeiro, os que ditan orientación e ritmos; de feito, cos miles de despedimentos de 2012 e os anos vindeiros a banca española vai aforrar máis da metade das indemnización por despedimento, desde uns 7.000 millóns de euros que lle custaría antes da reforma a uns 3.000 millóns coas novas condicións: é un substancioso agasallo de 4.000 millóns para a banca. Cuarta, a banca precisa a deflación salarial a longo prazo para que a nosa economía poida bombear ao longo da vindeira década dividendos máis elevados nas empresas cotizadas nas que os bancos e fondos participan e para que o sector público poida reducir custes e poder satisfacer aos altos pagos de xuros da débeda.
En definitiva, é preciso entender a reforma laboral como unha peza máis -xunto coa redución dos servizos públicos e o rescate das finanzas especulativas- da estratexia global de radicalización neoliberal que a dereita europea está impoñendo en todos os países e que ten o seu vértice articulador o Pacto polo Euro Plus asinado en 2011 e o Tratado de Estabilidade asinado en 2012. Estratexia que ten como norte dar a “puntilla” definitiva, paso a paso, ao chamado modelo social europeo aproveitando o estado de shock que provocara a crise financeira e que eles conseguiron transformar nun látigo para impoñer á sociedade un brutal programa de reversión das conquistas sociais do século XX. 
(Publicado en Sermos Galiza, 11.01.2013)