O acordo do Banco
de España de impoñer un límite do 1,75% aos xuros anuais que os bancos pagan
aos aforradores polos seus depósitos é un escándalo dun calibre monumental.
Sería considerado un despropósito se non fose porque está inscrito na lóxica
das decisións españolas e europeas de entregar todo -si todo- á banca e as
finanzas. Contribuíntes, usuarios de servizos públicos, traballadores públicos
e privados, economía produtiva e... aforradores, todos están sendo obrigados a
entregar parte dos seus ingresos e do seu benestar para repoñer as contas da
banca que no conxunto da UE chegaron a ter un burato que máis do 30% do
PIB. Imos co tema dos aforradores.
Que significa e que
consecuencias ten esta medida?
Primeiro, impoñer
un límite do 1,75% aos xuros pagados polos bancos é unha medida destinada a
abaratar os custes do diñeiro para as entidades financeiras (que por outra
parte, cando menos as grandes, xa están beneficiando de diñeiro prestado polo
BCE con xuros de 0,75% a tres anos).
Segundo, os
aforradores percibirán uns xuros que están por debaixo do aumento da inflación
(este ano foi do 2,9%). Polo tanto, imponse unha desvalorización en termos
reais do diñeiro aforrado. Isto afecta sobre todo ao aforro popular que, a
diferenza dos acaudalados, non teñen outras opcións para colocar o seu diñeiro.
Terceiro, é unha
vulneración do seu sacrosanto principio de liberdade de mercado que só se
aplica para os xuros dos depósitos pero non se pon ningunha limitación
equivalente para os xuros dos créditos (para empresas e comercios hoxe pode roldar
entre 8-10%, cando teñen a ben conceder o crédito). O Banco de España failles o
favor de impedir a competencia na captación de depósitos pero déixalles plena
liberdade para prestar ou non prestar dentro do país e ao tipo de xuro que
consideren (obviamente nunca menor do que poida obter nos negocios
especulativos e, por exemplo, na débeda pública que como se sabe anda arredor
do 5-6%). De forma que o BdE regula contra os aforradores para garantir un bo
prezo do diñeiro para os bancos pero logo estes son plenamente libres para levar
ese diñeiro fóra do país, cara os mercados globais, e plenamente libres para establecer
os marxes que consideren oportunos. Realmente, a banca que se move nos mercados
globais non podía aspirar a ter mellores condicións para aumentar beneficios.
Cuarto, o argumento
do Banco de España de que esa medida acabará indirectamente abaratando o
crédito tería algo de verdade se estiveramos diante dun modelo de banca de
intermediación de verdade. Como o modelo de banca no que estamos e van reforzar
é o da gran banca global o único que imos facer e entregarlle a esa banca
recursos a menor custe para que eles fagan negocios máis gorentosos nos
mercados globais.
Quinto,
curiosamente o Banco de España autorizou aos bancos a aumentar todo tipo de
comisións aos aforradores (por ter contas abertas, por tarxetas,
domiciliacións, por depósitos de títulos, por transferencias, por descubertos,
etc etc). Esa é a outra gran liña de ganancias que ten unha banca inútil que
apenas concede crédito.
Sexto, o tope do 1,75% é unha
medida que ten como principais beneficiarios aos grandes bancos e os bancos con
menos vocación minorista. Busca asfixiar á banca pequena e o que queda das
caixas para expulsalos do mercado e entregar esas entidades a mellor prezo aos
grandes bancos. Os grandes bancos son os que poden financiarse no Banco Central
Europeo e no interbancario internacional a tipos de xuros moi baixos; en cambio
os bancos pequenos non poden utilizar esa vía, polo que para obter liquidez a
única vía que lles queda é captar depósitos e para conseguilo compiten pagando
tipos de xuro máis elevados que os grandes. Se non poden competir por esa vía
perden a capacidade para captar aforro e desaparecerán antes.
Sétimo,
curiosamente o Banco de España imponlle isto tamén ás entidades controladas
polo FROB (é dicir, con recursos dos contribuíntes); na medida en que esta
estratexia lles corta o acceso á captación de aforro dos clientes, iso provocará
un colapso máis rápido destas entidades. Coa particularidade que a súa
desvalorización traducirase nunha reducción do seu preso de venta, o que permitirá á
gran banca adquirilos no seu momento a prezo de saldo. De xeito que esta medida
prepara o terreo para o desenlace por eles desexado, co maior beneficio para o
comprador e o maior coste para o sector público (os contribuíntes).
Oitavo, esta medida
do BdE contra os aforradores súmase ás anteriores relativas a comisións e,
sobre todo, á autorización deliberada e dolosa no seu momento para a colocación
de preferentes e subordinadas entre os aforradores minoristas -como vía de
capitalizar as entidades- así como a final decisión de consumar a estafa cunha
“expropiación” (quita) do valor deses títulos.
Non cabe dúbida que
esta medida inscríbese na liña de usar os aforradores –o aforro popular- como
unha das fontes de recursos para sanear a banca. Os aforradores convértense, vía
decisión do Banco de España e do Goberno, nos rescatadores obrigados dunha
banca endebedada até o inimaxinábel (a súa débeda representa arredor do 135% do
PIB: un 105% directamente e outro 30% vía sector promotor).
Noveno, os
aforradores non só fan esa contribución directa ao rescate da banca, senón outras
moitas igualmente claves. Para empezar son os que a manteñen en pé cos seus
depósitos e, ademais, contribúen tamén cos seus impostos, coma todos os demais
contribuíntes, a financiar os fondos de rescate para a banca e os elevadísimos
xuros da débeda pública que van ás mans dos especuladores do cupón dos bonos da
débeda.
En definitiva,
estamos diante dunha medida que revela a vontade de continuar salvando a banca
a costa de todo o demais. Favorecendo aos que fan negocios operando nos
mercados con productos financeiros especulativos, a costa de sacrificar a todos
aqueles que producen bens e servizos e os que xeran rendas modestas a partir
dos aforros do seu traballo. Teimando de xeito irresponsábel no prolongamento do modelo de economía financiarizada que nos
arrastrou a este marasmo e que nunca vai permitir unha saída en positivo desta
crise.
(Publicado en Sermos Galiza 12.01.2013)
Sem comentários:
Enviar um comentário