Despois dun ano da
súa entrada en vigor xa podemos ver os efectos da reforma laboral aprobada polo
PP, a máis lesiva para os dereitos dos traballadores desde os anos setenta. Como
imos ver, a xustificación da reforma é un monumento á mentira, convertida xa na
moeda común no trato do poder cos cidadáns e traballadores. Desde o punto de
vista dunha estratexia de saída da crise é un desatino. E, desde o ponto de
vista social, é un retroceso histórico en dereitos e en nivel de vida.
É un insulto á
intelixencia afirmar que había rixidez laboral nun país no que se celebraban
680 mil contratos ao ano en Galiza, é dicir, miles e miles de contratos temporais
de curtísima duración, cunha ínfima indemnización ao seu remate (6 días por ano
traballado). Ningún outro país europeo tiña nin ten tal grao de precariedade
contractual.
É un insulto á
intelixencia dicir que a crise viñera provocada por remuneracións excesiva
cando o 45% dos traballadores cobran menos do duplo do salario mínimo, é dicir,
menos de mil euros. Os salarios máis baixos e desiguais da UE occidental
(deixando de lado os países do leste).
É un desatino
pretender que a saída da crise en Europa vai vir da man dunha deflación interna
masiva e dun aumento das exportacións, sabendo que o crecemento económico do
conxunto da UE só pode sosterse sobre un incremento sostíbel da demanda (e unha
nova política comercial co resto do mundo).
Aínda que só
levamos un ano xa podemos constatar as consecuencias reais da reforma laboral.
A volta de rosca da precarización do emprego empeza a surtir efectos por diversas
vías: destartalando e rompendo a negociación colectiva; permitindo a fixación
unilateral de salarios e o despedimento libre e sen indemnización para unha gran
parte do tecido empresarial; reducindo os custes do despedimento en todos os
casos; precarizando aínda máis o contrato dos novos, con contratos de
aprendizaxe e en prácticas até os trinte e pico de anos.
Cales son os
resultados? Os contrarios dos proclamados polo goberno e a patronal pero os
agardados por todos aqueles cun mínimo de coñecemento de como funciona a
economía e non servís coa propaganda oficial. Non se creou máis emprego senón
que diminuíu (40.000 ocupados menos); o que si aumentou intensamente foi o paro
e a emigración. A economía non creceu senón que profundizou a recesión en 2012
(redución do PIB nun 1,6%) e continuará en 2013(o Índice de Confianza
Empresarial mostra un empeoramento). Empeoraron as condicións laborais e
salariais de miles e miles de traballadores. Caeu o consumo, caeu a capacidade
de aforro das familias, aumentaron as desigualdades e a pobreza.
Ocupados Galiza (EPA) |
Paro rexistrado Galiza |
Afiliados S Social Galiza |
E a inflación? Pois a pesar da caída dos salarios os prezos seguiron subindo (2,9%), porque as empresas aproveitan para aumentar beneficios e as remuneracións dos directivos. Os prezos dos servizos regulados (electricidade, auga, etc) subiron un 10%; as medicinas un 27%, educación superior un 22%. A capacidade adquisitiva caeu de xeito moi sensíbel.
Aumentaron as
exportación? Pois resulta que diminuíron, cos datos disponíbeis no IGE até
outubro 2012. Ou sexa que o outro gran argumento para xustificar a reforma
laboral que era a competitividade resultou ser un gran calote.
Variación interanual exportacións (CXX) e importacións (CXM) |
Conclusión, a
reforma laboral ten efectos nefastos para os traballadores e non axuda a saír
da crise económica. Sufrimento inútil e, polo tanto, dobre sufrimento.
Pero entón porque
se fixo a reforma aceleradamente?. Por tres razóns esenciais. Primeira, para
aproveitar o shock social e sicolóxico da crise e o altísimo paro para
desmontar o que quedaba dun modelo laboral que os neoliberais e a patronal máis cutre levaban anos ansiando podar; o modelo que no resto de Europa se
implantara despois da vitoria contra o fascismo na Segunda Guerra Mundial e que
aquí se implantara coa caída da ditadura. Segunda, abaratar custes salariais
para aumentar beneficios (e as remuneracións dos directivos: en 2012 baixaron
os salarios dos traballadores un 1% e subiron os soldos dos directivos un
3,4%). Terceira, abaratar os custes do axuste de persoal do sector financeiro,
os que ditan orientación e ritmos; de feito, cos miles de despedimentos de 2012
e os anos vindeiros a banca española vai aforrar máis da metade das
indemnización por despedimento, desde uns 7.000 millóns de euros que lle
custaría antes da reforma a uns 3.000 millóns coas novas condicións: é un
substancioso agasallo de 4.000 millóns para a banca. Cuarta, a banca precisa a
deflación salarial a longo prazo para que a nosa economía poida bombear ao
longo da vindeira década dividendos máis elevados nas empresas cotizadas nas
que os bancos e fondos participan e para que o sector público poida reducir
custes e poder satisfacer aos altos pagos de xuros da débeda.
En definitiva, é
preciso entender a reforma laboral como unha peza máis -xunto coa redución dos
servizos públicos e o rescate das finanzas especulativas- da estratexia global
de radicalización neoliberal que a dereita europea está impoñendo en todos os
países e que ten o seu vértice articulador o Pacto polo Euro Plus
asinado en 2011 e o Tratado de
Estabilidade asinado en 2012. Estratexia que ten como norte dar a
“puntilla” definitiva, paso a paso, ao chamado modelo social europeo aproveitando
o estado de shock que provocara a crise financeira e que eles conseguiron
transformar nun látigo para impoñer á sociedade un brutal programa de reversión
das conquistas sociais do século XX.
Sem comentários:
Enviar um comentário