A persistente marxinación de
Galiza e a tarefa económica de Valentín Paz Andrade
Xavier
Vence
Conferencia
no Congreso Valentín Paz Andrade, organizado
pola Real Academia Galega e Concello de
Pontevedra. 13-15 de decembro de 2012
Don
Valentín Paz Andrade (1898-1987) é un home de pegada longa, que cruzou tempos
como cruzou océanos. Viviu nas luces e nas sombras do nacionalismo galego do
atormentado e tráxico século XX e viviu desde as exuberantes labaradas daquel
capitalismo liberal dos “loucos anos 20”, o seu crack e o seu dooroso e
violento estertor e tamén a longa noite do cutre capitalismo orgánico da
autarquía franquista.
Pero
nin a negra noite política e cultural nin a negra noite da autarquía falanxista
esmoreceron a súa iniciativa, a súa permanente inquedanza, a súa vocación ao
servizo dunha tarefa, a tarefa de Galiza. El foi un militante. Quer no
cultural, quer no político, quer no empresarial. Desde o goberno non, porque
nunca tivo tal oportunidade e por iso non parou de argallar e impulsar iniciativas
desde abaixo. A empezar polo xornal Galiza
(1922-26), que pon a andar con apenas 24 anos, consciente como era da
importancia crucial da información no mundo moderno e da necesidade de espertar
activamente a conciencia do país, participando con decisión na loita diaria de
ideas.
Foi
xornalista, avogado, economista, empresario, poeta, ensaísta, político. Un
animador, un axitador. Un home total, home inquedo, curioso, ao que ningunha
faceta da vida, da cultura e do país o deixaron indiferente.
Foi
home de proxecto, con visión de país e con proxecto de país. De conxunto,
holístico, completo. Un patriota galego, moi pegado ao terreo, centrado sempre
no que era posíbel, a “ruda adversidade urxente” pondaliana, porque creia que
non había que agardar por nada e por ninguén para dar un paso na dirección do
albo permanente: a liberación do país. O seu pragmatismo e posibilismo, sobre
todo baixo a bota da dictadura franquista, podía aparentar moderación pero o
seu norte era claro.
Foi
fillo do seu tempo, dos seus tempos radicalmente interrompidos por grandes
sismos históricos pero tamén foi un adiantado ao seu tempo. Cun fío e un alento
permanente, que nace dun pensamento sólido, aberto e moderno desde o principio
ao fin.
Foi
un home de mundo. Foi un patriota pero nunca foi provinciano ou precisamente
por ser nacionalista nunca caeu no provincianismo tan común na Galiza do
franquismo. A militancia política primeiro e as pescas despois levárono polo
mundo adiante. A América da Galiza da diáspora e a América do noso idioma
estendido polo “continente” brasileiro foron dous vectores de
internacionalización. A porta aberta ao mar sen cancelas foi outra das fírgoas
que lle permitiu osixenar as súas neuronas polo mundo adiante e en institucións
internacionais tan relevantes e anovadoras na época coma a FAO.
Non
me corresponde a min falar nesta breve intervención de todas as facetas da súa
intensa, creativa e xenerosa vida de home de pensamento e acción, para o que
outros colegas, desde outras disciplinas, con máis e mellores coñecementos ca
min neses eidos, viñeron debullando nos últimos tempos e neste mesmo Congreso.
Eu,
coa vosa licenza, vou facer un breve comentario da súa obra económica e a súa
actividade emprendedora, poñendo de manifesto a actualidade que, por desgraza,
teñen algúns dos factores claves da nosa marxinación por el analizados. Sobre
ese paralelismo veremos tamén a pertinencia da súa aposta política por romper
os vectores desa marxinación.
Emprendedor schumperiano e
comprometido
Foi
un emprendedor, un emprendedor schumpeteriano en sentido propio, porque o que a
el o define non é tanto o rol de capitalista ou investidor capitalista como o
de innovador, por intuír e artellar novos modos de produción, novas artes,
novas técnicas, novos negocios. En realidade, tendo en conta o seu perfil
multifacético, foi algo máis que un emprendedor schumpeteriano, habería que
dicir que foi un empresario ilustrado, un empresario intelectual e un
emprendedor patriota. Sabedor do proverbial esquecemento dos poderes do estado
el ten claro que Galiza “ten que axudarse a si mesma” e para iso define o seu
programa de actuación desde abaixo: “non cabe xa seguir confiando na reversión
espontánea do desamparo marxinal, que cada día aumenta as disparidades entre os
pobos de España. Un a un, os que se manteñen xunguidos ao carro da depresión
secular, teñen que reagrupar as súas forzas, axilizar as súas enerxías e tratar
de crear órganos propios de expansión e crecemento” (LMG,134). (E il será certo
que a pesares de termos hoxe institucións galegas teñamos que voltar ás
circunstancias e aos plantexamentos de Valentín?). El non só predicou coa
palabra, predicou co exemplo e, por iso, foi alma mater dalgún dos
emprendimentos máis emblemáticos do país. Da súa man, os buques con nomes que
homenaxean a nosa historia, ateigados de mariñeiros galegos, sulcaron todos os
mares e atracaron en todos os portos do mundo. Da súa man os nosos labregos de
terra adentro e todos galegos descubriron pronto novas fontes de proteínas,
novos peixes, conservados polo frío e, polo tanto, novas formas de consumilos.
Economista lúcido
A
súa obra económica tamén é prolífica, en varios libros e innúmeros artigos. Non
podemos facer aquí máis que unha breve evocación dos temas que reclamaron a súa
atención, o seu enfoque e a perspectiva coa que aborda eses problemas e tamén
as súas propostas, porque Valentín non se acercaba á economía para divagar ou
facer elucubracións teóricas senón para fundamentar ben as propostas, para
convencer e orientar a acción dos demais. É un home proxectivo, de acción,
meditada, documentada e fundamentada pero orientada á acción, a quen o que
preocupa é construír o futuro. Por iso xa nas primeiras páxinas de Galicia como tarea fai unha crítica de
calquera posicionamento especulativo ou que se refuxie no verniz da saudade
“cal se Galicia só puidera ser pensada como sustancia histórica e non
contemplada desde ángulos activos” (GCT, 16). Con máis clareza aínda dicía:
“Non entendo Galicia como algo que nos foi dado irremediablemente feito, e, en
parte, contrafeito. Enténdoa, pola contra, como algo que temos que facer, ou
refacer, todos os días”(GCT, p. 16).
Precisamente
a súa concepción da economía é a da economía política, a ferramenta para facer
país, para desenvolver as nosas capacidades produtivas e gañar unha posición no
mundo. O cerne do seu pensamento poderiamos atopalo na idea de que no mundo
contemporáneo, o mundo do capitalismo, ningún país, ningunha cultura ten
opcións de perviver e prevalecer senón é sobre a base dun sólido
desenvolvemento económico. O futuro do noso país e o futuro da nosa lingua e da
nosa cultura xóganse na capacidade para alcanzar os niveis de riqueza material
nos que se alicercen os valores da autoestima. Avenza material colectiva e
avenza espiritual colectiva van inextricabelmente unidas en Valentín. Velaí a
fonte nutricia da súa pasión polo desenvolvemento. Velaí a súa conmovedora
actualidade.
A
súa obra económica foi a máis completa e documentada da época, prolongaba as
preocupacións e as achegas que no seu momento elaborara Lois Peña Novo e
constituíu a base na que, mesmo sen facerse explícito, se construiría O Atraso
de Beiras.
Os
seus temas recorrentes son:
A
poboación, a demografía, emigración
A
xeoestratexia (portos, comercio, Brasil)
A
urbanización e o seu soño dunha grande urbe atlántica
O
agro
As
pescas, a súa predilecta, á que adicou catro libros e innúmeros artigos
As
finanzas
A
industrialización e o desenvolvemento
Pero
nunca deixou de incorporar explicitamente a cuestión da lingua, como problema e
como potencialidade, no corazón da súa obra económica.
Paz
Andrade distinguía ben entre crecemento industrial e desenvolvemento, como
facía a teoría do desenvolvemento máis innovadora dos anos 50 e 60, en
particular as obras senlleiras de Nurske, Perroux ou Myrdal que el citaba
decote. O desenvolvemento fundía as súas raíces no marco institucional, social
e tamén cultural. Era moi consciente de que o desenvolvemento como proceso de
cambio integral abre tamén un “proceso cultural” e tamén de que a cultura podía
e debía ser un vector central dese desenvolvemento.
Esa
visión que artellaba o económico e o institucional permitíalle unha lúcida e
valente crítica dos Plans de Desarrollo desa segunda fase da ditadura ou o
corsé institucional centralista do sistema financeiro que aferrolla o noso
desenvolvemento industrial. “Na moderna teoría do desenvolvemento económico a
apelación ao encuadramento institucional é persistente” (LMG,126).
Paz
Andrade era un home optimista, positivo, que tentaba sempre atopar factores e
argumentos para o desenvolvemento. Pero era tamén lúcido e crítico diante das
oportunidades desaproveitadas. De feito, algunhas cousas que en Galicia como tarea, en 1959, consideraba como un grande potencial, tal era
o caso da “ilimitada dispoñibilidade de enerxía” hidroeléctrica –“Galicia,
meridiano da enerxía”-, tamén albiscaba que puideran non frutificar e que as
súas esperanzas puideran esvaecerse “neutralizadas na práctica por factores
extraeconómicos”. E, de feito, pasada unha década, en La marginación de Galicia, non lle queda outra que constatar o
escaso aproveitamento da mesma.
A
verdade é que en La marginación de
Galicia encontramos un ton moito máis crítico, á vista do fracaso dunha
década de Plans de Desenvolvemento franquistas de pobres resultados e do rezago
do noso país en comparanza co vigor do desenvolvemento industrial, o
desenvolvemento rexional, existente nesa altura noutras latitudes, na península
e no mundo.
A
súa obra supón unha avaliación demoledora dos erros de concepción e
implementación dos Plans e, sobre todo, das causas de fondo limitantes. O marco
institucional é clave e “non debe esquecerse que o marco administrativo vixente
até os nosos días pertence a outros tempos, aos tempos da economía do laissez faire [... ]. Os cambios a
perseguir nas estruturas económicas presupoñen a remodelación do marco
institucional callado tradicionalmente sobre principios que perderon o seu
contido” (LMG, 127).
Denuncia
tanto o efecto limitante e distorsionador da estrutura provincial como da
subordinación a Madrid, fronte a pertinencia da Galiza como totalidade
homoxénea que a convertía na unidade acaída para o planeamento: “A evidencia
desta realidade agudiza os perfís da colisión latente. Aquela que dimana do
dualismo friccional entre o mosaico fraguado sobre o papel e a unidade
xeo-social fraguada pola Natureza e a Historia. A segunda mantense despoxada da
liberdade de ser e a posibilidade de poder. O primeiro, limitado pola
actividade políticoadministrativa ou con poder mediatizado pola subordinación a
Madrid, como eixo da centralización” (LMG, p 127). El é optimista, quere ser optimista: “debemos
confiar que o centralismo teña os días contados... non só pola súa inadaptación
aos principios vixentes na evolución do mundo; tamén pola súa probada
insuficiencia funcional para gobernar a nova sociedade, cada día máis imantada
cara a difusión do poder político e o pluralismo institucional” (LMG, p 12).
Quere que iso chegue como sexa, sen violencia, “non se trata de axustar contas
nin de discriminar culpas; o que importa é que a perspectiva se emende” (LMG,
p.11). Quería confiar en que o centralismo se abatese con argumentos, “co
principio de lexitimidade económica” e coa razón dos feitos incontrovertíbeis.
A ese nobre obxectivo adica os seus esforzos e a súa obra, guiado polo fin
último do seu programa implícito que non é outro que recuperar para Galiza “a
liberdade de ser e a posibilidade de poder”.
A
visión integral e integradora do desenvolvemento levouno tamén a reclamar a
necesidade de acompasar a industrialización co desenvolvemento agrario, para
evitar que se consolídase o “dualismo”, se esfarelase e “desintegrase” o agro
pola vía do abandono e tamén porque sen o aumento da súa renda limitaríase o
crecemento do mercado para a industria e mesmo pode desbocarse unha inflación
que frustre o seu desenvolvemento (LMG, p. 132).
O nó gordiano da
centralización financeira e política: “A marxinación do capital” e “o eixe da
marxinación”
Paz
Andrade tiña unha visión histórica e holística dos factores que impediran o
noso desenvolvemento, a combinación dos factores internos e externos, os
problemas estruturais da nosa configuración demográfica, social e sectorial
pero tamén os políticos e culturais, onde outorga un papel clave ao idioma,
como baza desaproveitada. Pero hai dous que sobrancean sobre todos os demais na
explicación da nosa marxinación: o problema financeiro e o centralismo
madrileño.
Efectivamente,
eses eran os dous principais freos ao noso desenvolvemento e eses mesmos seguen
a selo, mutatis mutandis, na actualidade. Traterei, pois, de dar conta da
visión de Paz Andrade deses dous temas no seu momento e tamén da enorme
actualidade de ámbolos dous.
Con
grande lucidez, Valentín Paz Andrade definiu como “nó gordiano” do noso
desenvolvemento o problema financeiro, o investimento e o aforro. A isto adica cando menos cinco capítulos da La
marginación de Galicia (1970), agrupados baixo o rótulo de “a marxinación
do capital”, e o opúsculo “El capital
como factor de desarrollo de Galicia” (1971). Paz Andrade arranca coa
revisión da literatura económica que enfatiza o papel do aforro na formación de
capital e no investimento (Keynes, Nurske...) e establece con clareza que o
noso problema non está do lado dos recursos e dos factores humanos, porque
“Galicia atopará vantaxes do lado dos seus factores inmanentes”; o problema
está en que Galiza foi “quedando á marxe, ou participando escasamente nos
grandes despregues financeiros que comandan os núcleos favorecidos pola
polarización do poder económico, o oligopolio da enerxía e a transmigración do
aforro”. Despois de analizar con profusión a información estatística detallada
de bancos e caixas de aforros conclúe con total clareza e contundencia deste
xeito: “o fenómeno da marxinación do capital de Galicia é principalmente
consecutivo á inadaptación do marco institucional do aforro, sexa bancario ou
extrabancario, ás necesidades e aspiracións do país. No canto de impulsar o
desenvolvemento do complexo socioeconómico de modo integral, o que fai é
favorecer a expulsión dos recursos financeiros que deberan alimentar
preferentemente aquel proceso. O mecanismo funciona con plena eficacia
aspirante, pero exigua acción impelente, cara a prosperidade do territorio”
(LMG, 149). Máis adiante insiste, “Cando unha rexión comeza por non vincular ao
seu destino económico o uso autónomo do seu aforro, non fai outra cousa que
expulsar o factor capital do seu sistema produtivo. Ao mesmo tempo queda
indefensa para participar con armas propias na estratexia de desenvolvemento”
(LMG, 152). Denuncia a drenaxe realizada pola banca privada oligopólica
(“oligogrupos radicados en zonas favorecidas pola drenaxe do aforro, o
proteccionismo arancelario, o porfillamento oficial...”-LMG,146) e, asimesmo, o
uso do sector público para reforzar ese transvase: o crédito público, os
coeficientes de investimento obrigatorio imposto ás caixas de aforros,
convertidas, como el afirma, en “nodrizas dun INI” que apenas inviste en
Galicia.
Paz Andrade
concibiu e promoveu no seu momento, naqueles anos 60, a creación dun Banco de
Investimento, aproveitando a reforma de 1962 que permitía a creación de Bancos
Industriais (que se crearian practicamente todos ligados a bancos comerciais xa
existentes e case todos nas áreas ‘de alta prosperidade’, en particular Madrid
e Barcelona). Paz Andrade concibía ese Banco industrial de fomento como unha
iniciativa endóxena, promovida pola iniciativa privada porque a banca pública,
o crédito público, na medida en que estaba gobernado desde Madrid e supeditado á
estratexia centralista do réxime, non era unha solución para as necesidades do
desenvolvemento do noso país. Tentaba aproveitar as fendas e as posibilidades
que había na regulación bancaria franquista e no marco das iniciativas para o
desenvolvemento rexional impulsado co asesoramento dos organismos
internacionais, para crear un banco con vocación de apoiar o desenvolvemento
industrial de Galiza e radicado especificamente en Vigo, área na que vía
centrado o maior potencial industrial.
Aquela iniciativa
foi obstaculizada finalmente polo réxime franquista, desde Madrid e coa
conivencia dos seus servidores aquí.
Hoxe estamos
situados nun deses momentos cruciais que se dan de vez en cando na historia.
Estamos a piques de perder unha entidade financeira galega que xestiona uns
75.000 millóns de activos e perto da metade do aforro dos galegos. Canto
mudaron os tempos!, pero que pouco os mecanismos profundos do noso “nó
gordiano”, a marxinación do capital. Que outra cousa pode provocar en nós o que
hoxe está a acontecer co noso sistema financeiro?. Ese proceso de espolio do
aforro dos galegos, de desmantelamento e entrega das nosas caixas de aforros
que xestionan perto da metade do noso aforro, ou a recente absorción do Banco
Pastor polo Banco Popular, son un golpe letal contra todo o que se puido
avanzar con moito esforzo desde aquel entón. Espolio que ten o efecto engadido
e deliberadamente buscado de deixar sen substancia e efecto unha das principais
competencias do Estatuto de Autonomía, a competencia sobre as entidades de
crédito e caixas de aforros.
A sociedade galega
está preocupada polo que pasa, mesmo indignada como vítimas de prácticas
fraudulentas e depredadoras como as “preferentes”, pero non a vexo totalmente
consciente da envergadura e alcance do que está a piques de consumarse.
A situación é máis
dramática que nos tempos de Valentín Paz Andrade. El daquela pelexaba por crear
un Banco de Investimento para Galiza. Nós, agora, estamos a piques de perder o
que queda das dúas grandes caixas de aforros. Daquela non había institucións
galegas propias e hoxe si, pero todo parece como se tal cousa non tivera
mudado. Iso é o que resulta especialmente frustrante e indignante. Para que valen as institucións autonómicas se non serven para preservar
a nosa capacidade financeira, un mínimo control sobre o noso aforro e a súa
utilización para o desenvolvemento do país?
Aínda estamos a
tempo de evitar un desenlace que de producirse será irreversíbel e deixará por
lustros un baleiro enorme no país. Os galegos corremos o dramático risco de
quedar sen ferramentas propias para o crédito e o investimento por moitos anos
e os aforradores quedaremos presos dunhas entidades foráneas que estarán en
mellores condicións que nunca para impoñernos un trato leonino e depredador.
Máis aínda os aforradores non terán liberdade para poder decidir facer o
depósito do seu diñeiro en entidades do país e son obrigados a facerse
cómplices de entidades cuxas sucursais son esencialmente terminais dunha gran
aspiradora cuxo saco está en Madrid para acabar engordando o circuíto da
especulación global.
Como cidadáns non
podemos asistir impasíbeis diante dunha Xunta de Galicia que parece rendida
diante das forzas e impulsos que chegan de Madrid e do olimpo das finanzas
españolas, fiando todo, no mellor dos casos, a que se produza unha combinación
de estrelas milagreira. Ben sabe deus, como sabía Paz Andrade, que en economía
non hai milagres e en finanzas tampouco. Hai que actuar e facelo con enerxía e
afouteza.
Poderiamos pensar
que, como en tempos de Paz Andrade, hai que facer todo desde abaixo, sumando un
a un, para poder levantar ferramentas ao servizo do país. Pero sería
descorazonador chegar á conclusión de que iso que agora temos, as institucións
galegas creadas hai tres décadas, non sexan quen de facelo por todos nós.
Contando co apoio de todos porque están, teñen que estar, ao servizo de todos
nós.
É hora de
solucións, é hora de gobernar. É tarde pero aínda é posíbel. Facerse cargo de
todo o que queda cunha Banca Pública ao servizo de todos sería un paso que
xustificaría unha pobre lexislatura. Perdelo todo xustificaría unha gran
indignación e unha decepción definitiva en relación ás institucións impotentes
e, desde logo, aos que as esterilizan.
De novo a voltas co
centralismo e con Madrid, “cupula do sistema” e “sumidoiro de todas as
enerxías”
O problema está
hoxe no mesmo sitio onde estaba cando escribía Paz Andrade, niso que el
cualificou con termos moi explícitos nos últimos capítulos de LMG, na “cúpula
do sistema”, no “rompeolas das españas”, é dicir, no centralismo e máis
nidiamente no seu centro: Madrid, “capricho do taciturno” e sumidoiro de todas
as enerxías do sector público. “A inclinación da vontade política, tan xenerosa
con Madrid, mostrouse avara e renuente con Galicia. E as secuelas retardadas de
tanta postergación forman o ‘montón de fracasos’ de que Weber nos fala” (LMG,
318). E a partir de aí fai un repaso das raíces históricas da nosa marxinación,
que fai arrancar do século XV coas guerras irmandiñas e a posterior “doma de
Galicia” por parte da Coroa Castelá, a “perda da elite” dirixente, a ausencia e
“frustración da clase burguesa adiñeirada” e a autoestima secularmente ferida;
causas de fondo que poñen en perspectiva os factores de marxinación actuais
analisados na súa obra. Foron eses argumentos os que serían retomados poucos anos
despois por X.M. Beiras no seu maxistral capítulo 1 do Atraso.
Corenta anos despois daquela
obra de Paz Andrade e tres décadas despois de crear as institucións autonómicas
creadas polo outorgamento do Estatuto de Autonomía, voltamos de novo a un centralismo
abafante e radical, deseñado á medida das necesidades dun Madrid convertido no
grande burato negro das enerxías do estado español.
"Madrid se sale".
Este era o titular dun suplemento do diario ABC que hai uns anos adicaba ao
despegue fulgurante de Madrid como capital, potencia demográfica, económica,
financeira, tecnolóxica, loxística e cultural. Poderiamos atopar outros moitos
de idéntico teor; informes e libros a centos.
O que non indagaba aquel
apoloxético documento é de onde procedían os recursos que alimentaban aquel
fulgor. Non explicaba como fixeron para conseguir ao longo de décadas unha
completa centralización e concentración das sedes das grandes corporacións
financeiras, industriais, eléctricas, construtoras, inmobiliarias,
transportistas, distribuidoras, consultoras, etc na capital do estado; proceso
este que foi pilotado polos sucesivos gobernos centrais e que permitia
concentrar na capital unha altísima proporción do excedente económico
(beneficios) xerado na actividade económica, produtiva e comercial, realizada
ao largo e ancho da península (e tamén fóra dela). Tampouco explicaba que unha
grande parte dese boom financiabase con inxente investimento público estatal
-polo tanto financiado cos impostos de todos os non madrileños- ou tamén co uso
impropio dos fondos de cohesión europeos para realizar as grandes
infraestruturas internas da Comunidade de Madrid e, sobre todo, as grandes
infraestruturas radiais (AVE, Autovias, T4-hub do tráfico aéreo, etc) que
convertian Madrid na cabeza hipertrofiada dunha economía peninsular
espacialmente xerarquizada.
Máis aínda, tampouco explicaba
-e seguen sen explircarnos hoxendía- como unha grande parte dese
desenvolvemento centrípeto se financiaba en base a débeda contraída a
mancheas por todas esas entidades privadas e públicas. Débedas que co paso do
tempo se fixeron enormes e que acaban configurando o verdadeiro burato negro
das finanzas españolas, que pexan hoxe como unha lousa as contas públicas, a
enorme débeda privada, tanto das finanzas como das grandes empresas. Deste
xeito os cidadáns de fóra de Madrid non só viñeron sendo vítimas dun drenaxe
contínuo de recursos -por cauces públicos e privados- senón que se verán
obrigados a contribuír nos vindeiros anos (cando menos unha década longa) para
poder facer fronte aos préstamos solicitados para rescatar a todos eses
sectores oligopolistas asentados na capital (Bankia, a outra banca tamén
madrileña, os sectores oligopólicos citados: grandes promotoras
e construtoras, eléctricas, industria militar, AENA, etc ).
Pola contra, a campaña lanzada
pola dereita neocentralista pretende situar as culpas do actual desastre
económico español nas comunidades autónomas. É un debate truculento que
pretende cubrir dous obxectivos: por un lado, desplazar a responsabilidade da
crise desde o sistema financeiro e o modelo neoliberal de economía especulativa
cara o sector público e, por outro lado, desplazar as responsabilidades dos
desaxustes nas contas públicas desde o goberno central cara as CCAA,
aproveitando para demonizalas e con esa disculpa lanzar unha batería de medidas
de recentralización radical das competencias, tanto das económicas coma do
resto.
Compre erguer todas as defensas
contra ese neocentralismo madrileñista e provinciano e o primeiro paso ten que
ser un esclarecemento dos dados e dos feitos máis relevantes. Vainos a vida
niso, tanto a social e cultural como a económica. Estamos obrigados a
poñer os datos á luz do dia para situar os problemas no seu xusto lugar, que é,
sen dúbida, Madrid: porque aí está o centro do capital financeiro español e dos
grandes oligopolios enerxéticos e inmobiliarios responsables da desfeita
económica aí están tamén residenciados os problemas gordos das contas públicas
españolas, as do goberno central e as da Comunidade e Concello de Madrid.
O agresivo discurso centralista
ten unha importante misión político-ideolóxica que é dar satisfación á vella
caverna do centralismo provinciano español pero, sobre todo, ten outra misión
máis prosaica que é a de dar cobertura ideolóxica a un espolio masivo de
recursos do conxunto do estado que os poderes económicos asentados na capital
precisan levar a cabo ao longo da vindeira década para cadrar as contas, encher
o enorme burato creado nos últimos tempos e cebar a bomba da acumulación de capital
e riqueza deses sectores oligárquicos. A recentralización política é o medio
para unha enorme drenaxe de recursos en beneficio das grandes corporacións
financeiras, industriais e de servizos asentadas na capital. Trátase de poñer
ao seu dispor os orzamentos públicos pero tamén un máis fácil acceso e control
de todo o mercado español, eliminar barreiras para un proceso de concentración
do capital por absorción de empresas periféricas ou destrución da súa
competencia.
Se entendemos iso entenderemos mellor
porque os cataláns deciden irse de vez e entenderemos mellor a traizón que para
Galiza supón o sumiso colaboracionismo de Núñez Feijóo e da actual cúpula do PP
en Galiza, que ocupa as nosas institucións autonómicas.
As conclusións a tirar de todo o que está
pasando son moi claras. Vista a decisión coa que Madrid radicaliza o proceso de
recentralización non queda máis remedio que romper definitivamente a
dependencia de España, de Madrid. Ese é o diagnóstico que ten callado xa en
Cataluña e por iso teñen lanzado o proceso cara o referendo polo dereito a
decidir. O reto supón sacrificios pero non cabe outra opción para os que non
aceptamos sucumbir á laminación intereseira do neocentralismo provinciano. O
fondo do que ocorre está maxistralmente sintetizados nestas verbas recentes de
Jordi Pujol, o alter ego catalán de Valentín Paz Andrade: “No nos
queda otro camino. La viabilidad de la independencia de Cataluña es muy
difícil. Pero hay una cosa más difícil que esta: que es la viabilidad de
Cataluña como país, cultura, lengua, como sociedad cohesionada en las
condiciones que nos ponen en España” (J. Pujol, El Pais, 16.12.2012)
Como ben sabemos, a
opción que nos propón Valentín é escapar por mar. “Inverter o destino
atlántico”, romper con esa “especie de narcisismo do embigo” que impón a
“hexemonía todopoderosa” de Madrid e construír o noso futuro libre como potencia
marítima, “rente ao mar” que diría Celso Emilio, mirando cara o Brasil, cuxo
rol de potencia emerxente Valentín anticipou con lucidez con varias décadas de
adianto.
Xavier
Vence
Pontevedra,
14 de decembro de 2012.
Obras
Consultadas:
Valentín
Paz Andrade (1954), Producción y fluctuación de las pesquerías, Madrid, Unesa.
Valentín
Paz Andrade (1958), Sistema económico de la pesca en Galicia, Bós Aires, Citania.
Valentín
Paz Andrade (1959), Galicia como tarea,
Bós Aires, Ediciones Galicia.
Valentín
Paz Andrade (1970), La marginación de
Galicia, Madrid, Ed Siglo XXI
Valentín
Paz Andrade (1970), “El capital como
factor de desarrollo de Galicia” , Banco del Noroeste.
Botamos de menos os teus comentarios sobre as decisións en políticas económicas e sociais que nos afunden cada día máis.
ResponderEliminarGustaríame saber a tua opinión sobre a "devaluación interna" e a quen beneficia.
Gracias