quarta-feira, 5 de dezembro de 2012

Construíndo futuro-Documento aberto para o debate-BNG


Documento aberto para o debate sobre o futuro do nacionalismo e a revitalización do BNG

Este documento nace como síntese da primeira rolda de debate interno realizada pola militancia do BNG nas súas Asembleas Comarcais celebradas após as eleicións do 21-O Este documento está destinado a servir de motor para o debate que o BNG quere agora abrir a toda a base social nacionalista, para compartir a valoración da situación e os retos que afronta a sociedade galega e o proxecto nacionalista nesta grave encrucillada histórica.
A apertura deste debate con axenda aberta e coa vontade de abordar en profundidade os retos que temos por diante realízase co convencemento de que este país precisa, hoxe máis que nunca, unha poderosa organización política xenuinamente galega para conquistar a soberanía, erguer unha alternativa á desfeita neoliberal e construír unha sociedade inclusiva, igualitaria e libre. O BNG leva tempo erguendo esa bandeira con valentía máis somos conscientes que os tempos mudan -e nestes anos mudaron con grande celeridade- de xeito que a nosa organización non sempre soubo atinar á hora trasladar as demandas e sentimentos daquela parte da sociedade á que pretendemos representar e mobilizar para acadar aqueles obxectivos.
As eleicións do 21-O convertéronse para nós nun indicador de que hai aspectos das nosas propostas, da nosa forma de traballar na sociedade e do noso funcionamento interno que deben ser analisadas colectivamente e postas ao día. O obxectivo é manter vivo o vencello político e afectivo coa ampla base social do nacionalismo e a esquerda, para dotármonos dunha forza social suficientemente ampla que nos permita confrontar o centralismo abafante, camiñar cara a soberanía e defender os intereses desa maioría social triturada polo neoliberalismo e, polo tanto, do país enteiro. Nós somos parte activa desa maioría inqueda e transformadora coa que queremos compartir o noso proxecto nacional. Tanto no día a día, no traballo e na vida social como na loita política e na xestión dos asuntos colectivos e públicos.
Buscar o acerto nas propostas e recuperar a ilusión, os afectos e o espíritu de traballo mancomunado son os motivos que impulsan estre proceso de debate que agora abrimos coa cidadanía nacionalista. Debate que culminará nunha Asemblea Nacional extraordinaria que se celebrará nos vindeiros meses.

Por que o BNG tivo uns malos resultados o 21-O? Que pasa na sociedade? Que pasou no BNG?


O 21-O o BNG colleitou un mal resultado eleitoral. En parte foi debido á propia campaña electoral, a certas limitacións para trasladar con forza as nosas propostas á cidadanía, a unha forma de comunicar que puido quedar algo acartonada, presa das formas máis ou menos estandarizadas dos medios audiovisuais actuais e mesmo a composición das nosas candidaturas. É unha obviedade recoñecer que nin os medios de comunicación públicos nin os privados nos favoreceron, habida conta da súa aposta clara por conseguir a continuidade do PP á fronte da Xunta. Aposta que non se verifica só no período eleitoral senón que é un dado estrutural derivado do perfil dos medios existentes no país, claramente orientados polo “pensamento único”, máis alá e en contra do parecer de moitos dos profesionais que neles traballan.
Agora ben, os nosos problemas veñen de máis atrás, tanto os de fóra coma os de dentro. A sociedade viu mudando aceleradamente nos últimos anos. Non só pola fonda crise económica senón pola crise política, pola profunda desafección dunha gran parte da cidadanía crítica a respecto das institucións, duns gobernos que ven lonxe dos seus intereses, secuestrados polos lobbies económicos e as redes clientelares dos grandes partidos sistémicos. Esa profunda crise política veu afectando tamén ao BNG, porque aínda sendo unha voz radicalmente crítica cos grandes partidos sistémicos -coas súas políticas e as súas prácticas- o certo é que acabou sendo percibido por unha parte da cidadanía e, especialmente da xuventude, como un partido máis desa paisaxe.
Por outra parte, o peso do corsé neoliberal limitando as marxes de acción dos gobernos acaba mudando tamén as espectativas subxectivas da xente a respeito das posibilidades do público como vía para a resolucións dos seus problemas reais, para as súas espectativas laborais, etc e iso acaba afectando dalgún xeito á credibilidade das propostas dunha forza de esquerda como o BNG que centra o seu programa na defensa dos instrumentos públicos como panca esencial para a solución dos problemas do país. Como conseguir que a xente perciba que aquilo que pode entender que é necesario facer poida ser algo que é posíbel acadar xuntando forzas? Como conseguir que a cidadanía se vexa a si mesma con poder efectivo para mudar as cousas? Como evidenciarlle á cidadanía que sen soberanía a democracia perde contido? Como defender as conquistas do chamado estado do benestar? Que papel pode xogar o BNG nese proceso? Iso é algo sobre o que temos que reflexionar.
Algunha xente das esquerdas non ve que o nacionalismo é unha resposta xusta e necesaria á globalización. O BNG si, non só para defender os nosos sinais de identidade senón porque a soberanía é condición esencial para que a democracia poida ser efectiva e para desenvolver o país. Ao propio tempo, o BNG entende e comparte a necesidade de respostas tamén globais á globalización neoliberal, aínda que quizais non as practicou ou enxergou con suficiente clareza como para que así fose percibida por unha parte da sociedade, en particular por unha parte da mocidade máis sensíbel a eses procesos. A acción internacional do BNG pode ser vista como insuficiente, a pesares do esforzo feito desde o Parlamento Europeo, e pode levar a algúns á conclusión de que iso lle resta efectividade ao noso proxecto. Isto é algo no que temos que reflexionar e avanzar. O mesmo cabe dicir a respeito de certas problemáticas que hoxe constitúen unha preocupación central das novas xeracións como o ecoloxismo, o feminismo, etc que aínda sendo parte central dos nosos sinais de identidade desde a nosa fundación o certo é que posibelmente perderon algo de protagonismo no noso discurso diario e non son tan claramente priorizados como desexaría unha parte da nosa base social.
Aspectos que se valoran en xeral como críticos á hora de entender o noso devalo son certas mudanzas erráticas de discursos e de liderados ao longo da última década, que crearon desconcerto nunha parte da nosa base social. As experiencias de goberno municipal e na Xunta de Galiza, en gobernos co PSdG-PSOE, non sempre deron os resultados agardados por unha parte da base social máis próxima ao BNG. Unha vez que estoura a crise neoliberal e o PSOE se fai cómplice de políticas moi claramente antisociais, aquelas alianzas acaban volvéndose moi negativas para a valoración do BNG por parte de certos sectores xuvenís e populares, negatividade que ten mesmo carácter retroactivo. Os acertos, que tamén houbo, e moitos, quedaron escurecidos polos erros, habelenciosamente manexados e magnificados polos nosos adversarios. Non soubemos ou non tivemos capacidade para valorizar suficientemente aquelas conquistas das que fomos artífices (eólico, banco de terras, contratos homologados, galiescolas, dependencia, I+D, etc). Esa experiencia foi obxecto de reconsideración na última Asemblea Nacional pero resulta necesario afondar nese debate con novo ímpetu e novas perspectivas, sobre todo a vista de que o PP segue traballando na construción do mito do “desastre do bipartito” como argumento lexitimador e encubridor do seu propio fracaso.
En paralelo, o noso traballo nos movementos sociais e asociativo perdeu vigor ao longo da década pasada e, aínda que se veu recuperando activamente nestes últimos anos,  nalgúns casos foi percibido como excesivo o protagonismo de certos sectores nosos, levantando receios noutros sectores, unhas veces comprensibles outras non tanto, que acabaron ilusionando a algunha xente pero distanciando a outra.
Todo iso viuse agravado por unha prolongada secuencia de disensións internas, verbalizadas en moitas ocasións con verbas aceiradas nos medios de comunicación por persoas que acabaron abandonando o BNG, trasladando á opinión pública visións particularmente negativas da organización, co engado de credibilidade que lle da o feito de ser verbalizadas por persoas recoñecidas e de longa traxectoria dentro do BNG.
O que todo isto obriga é a pensar criticamente en que medida a renovación xeracional se fixo acaidamente; en que medida a dinámica interna da nosa organización contribuíu a xestionar ben as diferenzas de diverso tipo ou, polo contrario, a exacerbalas; en que medida iso ten que ver coa nosa propia estrutura organizativa interna con partidos e grupos ou se iso foi froito de decisións desacertadas, mal xestionadas e con dificultades de encaixe de subxectividades concretas; en que parte deriva de evolucións ideolóxicas e políticas diverxentes que o paso do tempo pon á luz. Ese tipo de cousas é algo sobre o que a militancia debate sen que exista unha única visión ao respecto. Todo iso cómpre debatelo máis a fondo, con máis xente. Aínda que auga pasada non move muíño, é claro que nestes aspectos está boa parte da clave do noso devalo e, polo tanto, debemos empeñarnos en buscar solucións de cara ao futuro que abeiren os erros do pasado.

Que liña política? Que alternativas?

Se por liña política entendemos que o BNG debe seguir a ser unha forza nacionalista, comprometida coa conquista dunha Galiza soberana, e de esquerda, comprometida cos intereses das maiorías sociais e decidida a construír un modelo económico e social máis xusto, nos antípodas do neoliberalismo, pódese afirmar que unha ampla maioría das opinións exprimidas concordan con esta definición. Estes serían, do ponto de vista estratéxico, a definición ideolóxico-política do BNG en concordancia cos principios fundacionais de 1982 e concretados na nosa última Asemblea.
Nesta Asemblea formuláronse con clareza as nosas posicións a propósito do horizonte estratéxico da soberanía como proceso de creación da República Galega. Esta definición básica foi acompañada tamén coa concretizacións do que entendemos por modelo económico e social máis xusto, con apostas estratéxicas e transversais polo feminismo – entanto que superación do patriarcado – e o ecoloxismo – entendido como superación do produtivismo e da depredación dos recursos naturais. A defensa da economía produtiva sustentábel e innovadora fronte á inviábel sociedade impulsada polas finanzas neoliberais debe servirnos para tecer grandes alianzas na sociedade.
Nos debates nas Asembleas Comarcais vense discutindo sobre o perfil e velocidade a imprimir a esa liña nas actuacións concretas, sobre a base de que, en xeral, o problema non está na liña estratéxica senón máis ben na nosa capacidade para viabilizala, para concretala de xeito decidido en diálogo coa nosa base social e facelo de xeito coherente en todo o país e co compromiso de toda a organización. Detéctanse dificultades para trasladar as nosas propostas e para facelo xerando empatía e complicidade na nosa contorna, a empezar polos movementos e organizacións sociais nas que participamos. Quizais nos falta flexibilidade e destreza para integrar as propostas doutros colectivos e persoas que traballan connosco en todos eses ámbitos. Ou tardamos demais en admitir a súa presenza e virtualidade (p.e., caso do 15-M). Sobre isto cómpre realizar unha ampla e sincera autocrítica.
Tamén existe un amplo consenso acerca de que ao BNG cúmprelle asegurar que Galiza estea máis claramente presente no proceso soberanista que se está a abrir noutras nacións sen estado (como Cataluña, Euskadi, Escocia, Quebec...) e incardinar máis abertamente o noso neses procesos. Temos que erguer novas estratexias no país a fin de frear o centralismo e garantir unha presenza activa de Galiza no debate da reconfiguración das nacións no estado e en Europa. Debemos poñer en marcha unha estratexia para socializar entre nós as experiencias que nesas nacións están a conducir procesos ilusionantes para amplas maiorías da sociedade. Como podemos aproveitar os nosos lazos para xerar con eles sinerxías que levanten a autoestima do noso proxecto e do noso país? Que e como debemos facer que levantar un proceso análogo no noso país? Como podemos comprometer a amplas capas da sociedade civil non organizada nese proceso?. Son cuestións que deben ocupar un papel central na nosa axenda de inmediato, construíndo os consenso so máis largos posíbeis para reclamar o dereito de Galiza a decidir nos vindeiros tempos e vencellalo a construción de alternativas en todos os ámbitos (económico, social, cultural, ambiental, etc). 
Nese mesmo sentido, considerase tamén importante debater coa base social do nacionalismo o carácter básico e estratéxico do principio de autoorganización, é dicir, a necesidade de contar con forzas políticas propias e plenamente soberanas para poder levar adiante ese proceso soberanista para o país. Isto é particularmente urxente habida conta das incoherencias manifestas na práctica de certos ámbitos tradicionais do nacionalismo/independentismo alleos ao BNG.
Un eido no que existe ampla coincidencia é na necesidade de debater e reforzar as nosas relacións internacionais. Estas teñen que ser congruentes coa liña política da organización e, para iso, urxe priorizar claramente as relacións con organizacións políticas doutras nacións cun carácter e obxectivos similares aos nosos. En primeiro lugar, co nacionalismo de esquerda doutros pobos sen soberanía, comezando polos que hoxe pertencen aínda ao Estado Español, así como do resto de Europa. Así mesmo, co conxunto de organizacións de esquerda que, en Europa e no resto do mundo, defenden ou constrúen alternativas á ofensiva capitalista, sempre que recoñezan a nosa condición nacional e o noso principio de autoorganización.
Nese sentido, moit@s compañeir@s propoñen que o BNG tome a iniciativa de cara a articular canto antes unha coalición de organizacións soberanistas e de esquerda das nacións sen estado para concorrer ás eleccións europeas, baseada na defensa da soberanía plena e á oposición ao modelo económico e social imposto no marco da UE.
Igualmente debemos priorizar os nosos relacionamentos coas organizacións políticas dos países da lusofonía a fin de cultivar especialmente os espazos naturais da nosa lingua e cultura, apoio inestimábel para a nosa autoestima. Neste caso, e por este motivo, comprirá debater en que medida o espectro ideolóxico dese relacionamento pode ou debe ser máis amplo.
Un asunto que está na nosa axenda de debates é como a combinar axeitadamente o traballo social e o traballo institucional, como combinar e artellar a participación en tarefas de goberno e o compromiso cos nosos obxectivos estratéxicos, como conectamos as solucións aos “problemas reais da xente no día a día” e a loita pola mudanza estratéxica do país e a loita pola soberanía. Como é posíbel compatibilizar os obxectivos políticos últimos da nosa organización con propostas programáticas factíbeis no contexto político e xurídico actual?. Non é fácil pero non poden ser contraditorios. Esa é a arte na que temos que cultivarnos. É preciso demostrar que a nosa participación nas institucións serve para confrontar as políticas dominantes, facendo uso de todos os resortes, con valentía e mesmo coa insubmisión (p.e., o asunto da paga extra, servizos sociais, etc).
Traballo institucional e traballo social deben ser parte da mesma estratexia. Por veces exprésase unha crítica ao excesivo “institucionalismo” do BNG, no sentido de que hai que estar “máis na rúa e menos nas institucións”. Sabendo que un intenso traballo nas institucións pode absorber moito tempo e enerxías, conviría establecer pautas para evitar ese “secuestro” por parte do traballo de gabinete. Máis alá dos debates abstractos que tratan de establecer liñas de incompatibilidade entre ambos conviría afondar na discusión de experiencias concretas, examinando aquelas prácticas que se desvían do necesario equilibrio e aprendendo e socializando entre toda a organización as experiencias de maior suceso. Particular coidado haberá que poñer nos compromisos en gobernos de coalición e nos apoios “desde fóra”. Para iso temos que escoitar mellor á nosa base social. En todo caso, non faltan ocasións en que o noso espírito hipercrítico fainos ser vítimas inxenuas dunha dereita cínica que traballa cun poderoso e afiado aparato de propaganda que “ningunea” os nosos logros e hiperboliza fallas reais ou inventadas. Sobre isto tamén temos que reflexionar colectivamente coa nosa base social. Como manter vivas e vigorosas as canles dese “feed-back” cos nosos? Como podemos complementar a necesaria relación cara a cara e o uso dos novos medios da rede?
En todo caso, tendo en conta o ciclo no que estamos, debemos poñer a punto as nosas ferramentas para facer un traballo incisivo de oposición, nos diferentes ámbitos. É preciso acertar nos contidos pero tamén nas formas, nas vías e nos estilos.
Cómpre avaliar algunhas ideas nesa dirección: sacar á rúa a política dos diferentes parlamentos nos que temos presenza e levar os problemas da rúa a estas institucións, para o que é imprescindíbel tamén un maior esforzo da organización por abaixo; recurso a asembleas abertas para explicar as nosas políticas nas institucións, a comezar pola política municipal; optar por unha liña de maior confrontación e contacto social, procurando o apoio e o compromiso popular, no canto de permanecer limitados á presentación de iniciativas e a debates internos á institución, especialmente nos concellos.
Un aspecto que precisa ser coidado é a necesidade de homologación entre o que a organización di defender e o que, nalgúns casos, se fai nas institucións, especialmente nalgúns gobernos municipais; aínda admitindo a necesaria flexibilidade cómpre ter moi presente que certas distorsións locais danan e poden danar fortemente a credibilidade da nosa política xeral (p.e. nos recurtes, paga extra…).
Outro eixo central da nosa liña política xira arredor da unidade do nacionalismo e da necesidade de lograrmos alianzas para avanzar cara a soberanía nacional. Existe consenso en que o BNG debe ser unha ferramenta recoñecíbel como marco organizativo, útil e de referencia para a acción política social e institucional de todas as persoas que se indentifiquen como soberanistas e independentistas, debe aspirar a ser o seu espazo natural e referente político. En todo caso, o que acontece ao noso redor obriga a abrir o debate sobre onde acaban hoxe os lindeiros do nacionalismo no noso país. Poden existir forzas nacionalistas que non asenten no principio de autoorganización? Cal pode ser o abano ideolóxico do nacionalismo que pode convivir cooperativamente na mesma organización? Cales deben ser os ámbitos de colaboración con forzas políticas non nacionalistas? 

Como traballarmos mellor nos movementos sociais e no asociacionismo?

Existe unha opinión xeneralizada da necesidade de priorizarmos como BNG o traballo
social. Ademais da nosa decisiva presenza sindical en todos os ámbitos, levamos anos cun activo papel en multitude de movementos sociais, culturais, defensa da língua, ecoloxistas, servizos públicos, sanidade pública, educación pública, estafados polas preferentes, etc. O que estamos percibindo é a necesidade de repensar as maneiras de facelo, non só para traballar máis senón para facelo mellor.
Urxe mellorar e aumentar a nosa relación con organizacións e movementos sociais, participando deles, incentivándoos e dinamizándoos. Procurar a presenza nos conflitos sociais, con seguimento, apoio e iniciativa propia, imprimíndolle perfil político, desde a humildade e o espírito de colaboración.
Adicarlle un importante papel ao asociacionismo de base, participando no existente, con actitudes intelixentes e obxectivos ben pensados, e fomentándoo, a comezar polo que poida atraer a mocidade, en particular. Tomar a serio o asociacionismo e a práctica cultural de base para o medre do nacionalismo.
Especial atención haberá que prestar aos movementos de contestación de sectores agredidos polas actuais medidas regresivas do goberno tanto no eido sindical como noutros eidos (desafiuzamentos, estafados da banca, preferentes, excluídos, etc). Cómpre avaliar a experiencia da nosa participación moi activa nalgúns deles e trasladar as experiencias a outros. O concepto de solidariedade colle nesta situación novos significados e require novas actitudes, quer institucionais, quer colectivas e individuais.
Hoxe máis que nunca é preciso manter relacións de colaboración e cordialidade con todos os colectivos sociais do eido nacionalista, respectando a súa pluralidade. Na lingua, na cultura, no ecoloxismo, no feminismo… tendo sempre presente que entre a xente máis activa sempre haberá outras ideoloxías e outras organizacións políticas.
Cómpre tamén manter relacións abertas e cordiais coas plataformas unitarias en defensa dos servizos públicos (como as da saúde pública, ensino público, etc) intensificando a nosa participación nelas.
Cómpre seguir contribuíndo á creación de espazos de confluencia amplos que incorporen a outros sectores do  nacionalismo, nunha clave soberanista e de traballo por un sistema económico e social máis xusto. Crear organizacións e plataformas que acrediten na autoorganización do pobo galego.
Con especial preocupación vivimos os problemas da mocidade excluída por este modelo económico e lanzada ás fileiras do paro, a marxinalidade ou a emigración; pero tamén como afectan as eivas que detectamos e detallamos anteriormente, na visión que a mocidade ten do BNG, e que dificultan a nosa capacidade para ser percibidos como o proxecto nacionalista e transformador que representamos e non nos permiten recuperar credibilidade, referencialidade e apoios entre a mocidade. Nese sentido, moit@s compañeir@s reclaman un debate en profundidade sobre este tema, compartindo que é necesario relanzar o discurso do BNG cara a mocidade. Existen cando menos tres tipos de propostas ao respeito que van desde a disolución, a reformulación ou o reforzamento de Galiza Nova. Unha posición aposta, a un tempo, por reforzar a organización xuvenil, con máis actividade, iniciativas e colaboración do BNG nos ámbitos comarcal e local, para a atracción e incorporación da xente nova ao noso proxecto. Porén, existen compañeir@s que preferirían prescindir dunha estrutura xuvenil integrando a mocidade directamente no BNG ou creando asembleas de moz@s no BNG.
Importancia estratéxica ten tamén a revitalización do asociacionismo cultural de todo tipo. Converter as asociacións culturais en entidades abertas, non partidarias, que xeren consciencia nacional a través da concepción da cultura nun sentido amplo; tendo en conta o papel principal que o tecido cultural de base ten na xeración de consciencia nacional e para o medre do nacionalismo.

Que problemas organizativos? Que mudar para converter o BNG na organización de todo o nacionalismo de esquerdas?

No diagnóstico dos problemas acumulados ao longo dos últimos anos son moit@s @s compañeir@s que sinalan os relacionados co funcionamento interno, coas dificultades para manter a cohesión e a diversidade internas a un tempo, coas tensións derivadas da existencia de grupos que poden pasar da cooperación a competencia pola hexemonía interna e tamén polas incomodidades para o traballo entre persoas que teñen unha militancia individual e as que están encadradas en grupos organizados. Existe un amplo consenso en abordar un debate construtivo para atopar solucións que eviten a reprodución de dinámicas pasadas que resultaron claramente negativas para o BNG e, polo tanto, para o nacionalismo. É momento de reconsiderar a presenza de grupos organizados ou cómpre mudar as regras de xogo para os mesmos? Como garantir que as estruturas do BNG sexan o espazo de todos os debates e acordos sen mediacións previas? Como garantir que @s afiliad@s individuais podan traballar en pé de igualdade e idéntica capacidade de incidir sobre os destinos da organización que @s afiliad@s a grupos e partidos?
Nese sentido hai compañeir@s que consideran que a fórmula frontista era e segue a ser válida e que o BNG non pode homologarse, nin na súa forma, nin no seu funcionamento, a un partido clásico con correntes internas; pois isto último, lonxe de solucionar os problemas que existen na actualidade, manteríaos, no canto de con partidos e colectivos, que teñen unhas canles establecidas para manifestar e defender as súas posicións, con lobbys de presión internos. Considérase que os problemas sinalados máis enriba, o uso desta estrutura como ferramenta de control interna, foi posíbel ao erosionarse outro principio, o asemblearismo e a democracia interna, baleirándose de contido as asembleas e ao empregarse só para o confronto á hora de dirimir liderados internos e candidaturas.
No que parece haber un amplo consenso é na necesidade de reverter esta situación en base a un correcto funcionamento do asemblearismo e dándolle á militancia o papel central nunha organización como o BNG, que precisa de militantes con formación política que exerzan interna e externamente o labor de activistas das nosas ideas e propostas.
Existe un debate tamén sobre a necesidade de ampliar a organización e de permeala abríndose aos simpatizantes. Nese sentido, apóstase pola celebración de asembleas abertas a simpatizantes, en comarcas e/ou localidades, tanto durante este proceso, como no funcionamento ordinario do BNG.
Consecuentemente, considérase imprescindíbel formalizar a rede de simpatizantes e colaboradores, que nos doten dunha maior cobertura e influencia social, como parte fundamental da nosa conexión e ósmose coa sociedade, evitando a endogamia
organizativa.
Moitos ven a necesidade de revisar o funcionamento do BNG en todos os chanzos para adoptar medidas para a revitalización de todos os seus órganos. En particular, cómpre mellorar sensibelmente a relación e a información entre o Consello Nacional, a Executiva, os deputados e deputadas, os responsábeis de Comisións e a nosa base militante organizada, tamén, coa presenza directa en comarcas e localidades, a través de distintas canles e actividades. Nunha palabra, presenza máis frecuente pola base, reactivando actos públicos ou asembleas abertas máis próximos e dinámicos, máis vivos e participativos, con linguaxe clara e directa.
Necesidade dunha maior iniciativa, participación e debate en todos os órganos do BNG, de forma que sexamos unha forza política máis áxil nas respostas e con menos comportamentos burocráticos e rutineiros . É especialmente urxente mellorar a nosa
iniciativa comarcal e a nosa presenza e iniciativa local.
Cun horizonte de mediano prazo é prioritario é fortalecer a organización pola súa base e a súa influencia social. Para iso haberá que introducir cambios en certos aspectos como mellorar a formación e a información da militancia para poder ser voceiro e defensa das nosas alternativas, dándolle participación na súa elaboración e favorecendo o seu coñecemento; repensar o traballo dos liberados dando maior prioridade á actividade política e social e menos a tarefas burocráticas; organización de xornadas de convivencia, confraternidade e formación, a nivel nacional, comarcal e local, incentivando o contacto e coñecemento entre comarcas e localidades próximas.
Cómpre utilizar de xeito activo e creativo as potencialidades da rede para multiplicar ese traballo e facelo máis atractivo e visíbel e, sobre todo, potenciar e aproveitar a interactividade que a rede permite.

Como transmitir as nosas ideas? Como vencer os muros da incomunicación? Como dinamizar as conciencias? Como vencer o pensamento único?

Estamos insatisfeit@s coa idea que dan de nós e estamos indignad@s polo peso omnímodo do pensamento único. A información é no mundo contemporáneo a materia prima clave da hexemonía política e é sistematicamente traballada para conseguir a adhesión da cidadanía ás forzas sistémicas que soportan o proxecto neoliberal. Día a día, minuto a minuto.
Como romper ese círculo? Ese é o reto das esquerdas e dos movementos de liberación en todo o mundo. Ese é tamén o noso reto.
Para empezar cómpre reflexionar sobre as nosas relacións cos medios e tamén cos profesionais deses medios. Aínda que é claro que non son o mesmo os medios e os individuos que neles traballan, normalmente en condicións de forte presión e en aberta contradición coa liña da empresa, o certo é que non sempre somos capaces de ponderar esas contradicións. O nacionalismo ten que facer aflorar, co apoio dos propios profesionais, a manipulación informativa que sufrimos acotío, particularmente nos medios públicos pagados por toda a cidadanía.
Precisamos máis compromiso para contribuír á emerxencia e reforzamento dos novos medios galegos lanzados nos novos soportes, que fagan aflorar informacións axustadas á realidade social amiúde ocultadas, que supoñan visións diferentes e garantan a pluralidade informativa.
Moit@s vemos tamén a necesidade de reflexionar tamén sobre a calidade comunicativa dos nosos propios discursos e das persoas encargadas de transmitilos. A miúdo os clichés dos gabinetes profesionais acaban producindo formas de comunicación estandarizadas que desdebuxan o noso perfil e matan a orixinalidade e frescura requirida para unha mensaxe que non quere ser estándar.
Nese sentido, os comportamentos, mensaxes, e maneiras d@s nos@s representantes deben ser diferentes (lonxe das formas tradicionais estandarizadas na política sistémica, cada vez peor valoradas socialmente) e axustados aos valores propios dunha forza transformadora.
Pero, sen dúbida, onde estamos máis necesitados de reflexión e iniciativa é no manexos das novas tecnoloxías de comunicación. Tanto no seu uso -que ten que ser masivo- como nas formas e nos contidos que nelas se colocan.
A web do BNG precisa dunha renovación total. Cómpre facela máis áxil e interactiva, tanto para a militancia como para os cidadáns en xeral. Mellorar a comunicación interna para que a militancia teña máis información das decisións da executiva e consellos nacionais ou comarcais.
Tamén hai carencias no uso das redes sociais. Ademais de termos unha moi insuficiente presenza tamén hai certo consenso en que non se fai de xeito acertado. Por veces son vistas como instrumentos de difusión de consignas e non como ámbitos de participación e intercambio. Para o público xeral, as arengas e mensaxes de autoafirmación, así como a retransmisión dos mitins, é ruído que distrae da mensaxe. Hai que adaptar os contidos aos medios actuais, cun emprego máis eficaz das redes sociais, diferenciando entre campañas políticas (de sensibilización, de mobilización, de explicación) e campañas electorais (para conseguir o voto), asumindo os novos modos de participación política (modelo “facebook” ou “twiter”).
Cómpre potenciar as redes sociais para dar a valer e difundir as propostas e alternativas do BNG. Ademais de ser  máis económica e ecolóxica que outros medios e soportes, a rede ten un efecto multiplicador importante, esa multiplicación da mensaxe cada cibernauta trasládaa á súa vida cotiá, nas súas conversas e opinións.
O BNG do século XXI ten que facer unha aposta decidida polas novas tecnoloxías e os novos medios e servizos de comunicación. Temos unha militancia capacitade para desempeñar un papel activo e positivo nas redes. Dotemos á militancia de ferramentas necesarias para exercer os seus dereitos, con acceso á información, á comunicación, ao traballo colaborativo e a proactividade. Como facelo efectivo? Con que iniciativas?.
Entre outras moitas medidas que se están a suxerir, como capacitar á militancia, parece oportuno crear unha canle de acceso interno que facilite a colaboración entre organización e militancia para a acción política nas redes sociais, e compartir e ter acceso aos datos cos que articular o noso discurso. Esta canle ha ser interactiva, onde calquera poida poñer á disposición da organización e do resto da militancia os datos que coñeza pola súa área de experiencia, mentres que outros colaboren na súa presentación e difusión.
Todo iso ten que ir acompañado tamén dun maior esforzo de elaboración de ideas e discurso propio, poñendo permanentemente ao día o noso pensamento e os nosos diagnósticos, e esforzarnos por transmitilos con clareza e con solvencia. Aspectos estes que van indisolublemente unidos ao liderado na sociedade, tanto individual coma colectivo.

1 comentário: