Crise do modelo de financiamento e recentralización
Xavier Vence. Catedrático de Economía Aplicada da USC
Perdidos na pirotecnia do espectáculo político esquecemos debater como
atallar as graves ameazas para o futuro do noso país e da vida das persoas que
nel habitamos. A crise política e institucional do estado español estrangula o
financiamento do goberno e servizos públicos de Galiza pero ao mesmo tempo está
levando á prórroga do modelo de financiamento de 2009 que, de acordo coa
previsión legal, debería terse reformado xa en 2014. A estas alturas aínda non
se abriu formalmente a negociación do novo modelo pero o que tamén é certo que
as espadas están en alto. Algunhas CCAA veñen explicitando moi claramente as
súas apostas e o Goberno Central e os partidos estatais tamén evidencian a
negativa a reducir o tamaño e o papel do Goberno central. Pola contra, a Xunta de Galiza segue calada,
sen tomar a iniciativa e mantendo unha actitude sumisa á estratexia madrileña e
resignada –ou iso parece- a encaixar novas perdas. As mensaxes de Feijóo
parecen centradas en implorar compasión para que Madrid e os demais sexan benévolos
e “decidan con xustiza”. Non imos a ningún lado cunha actitude de esmoleiro
sumiso, cando o que todos nos xogamos é o futuro da dotación dos nosos servizos
públicos, o nivel de vida colectivo e a capacidade para dinamizar a nosa
economía. O problema non é meramente técnico nin tampouco de relacións persoais
dos dirixentes, é un problema político, no sentido máis profundo. É obvio que
Galiza precisaría un presidente que se puxera á fronte dun grande consenso de
todas as forzas políticas –e tamén das sociais e empresariais- para fixar un
diagnóstico claro, uns obxectivos e unha estratexia partillada para defender os
intereses colectivos dos galegos e galegos, nunha materia na que nos xogamos o
groso dos nosos recursos para soster a sanidade, a educación, os servizos
sociais e todos os demais servizos públicos. E tamén os recursos para dinamizar
a nosa economía e o emprego.
O modelo de financiamento autonómico de 2009, que asinou o presidente
Feijóo recén chegado á Xunta, levou a que Galiza vira mermada a súa capacidade
de xeito dramático, até o punto de que cos datos liquidados de 2012 presentemos
unha balanza fiscal negativa. En contra do discurso centralista dominante, o
certo é que nese ano Galiza aportou ao Estado 1.300 millóns de euros máis do
que recibiu. A pesares de termos unha renda per cápita 13 puntos inferior á
media.
Teriamos moito que discutir sobre os criterios de reparto do Fondo
total entre CCAA, que resultan discriminatorios para Galiza por non contemplar acaidamente
moitas das nosas especificidades, pero o gran problema de fondo é a magnitude
dos recursos que o Estado Central se queda para si, que representan cunha
proporción excesiva dos ingresos totais recadados. Por algo se reserva o
monopolio da xestión e recadación dos grandes impostos. Discutir iso é a clave
e é xusto ao que se negan as forzas estatais.
Temos unha Administración Central excesiva que, ademais, se vén
reforzando co proceso de
recentralización impulsado polo PP e unhas prioridades de gasto central moi discutíbeis
(militar, apoio á banca, ás eléctricas, grandes construtoras, etc.). E, sobre
todo, cómpre poñer a lupa non só no gasto senón tamén nos ingresos. É aí onde
se dirime a verdadeira autonomía fiscal e a asunción de responsabilidade por
parte dos gobernos autónomos. Hoxe o groso da política fiscal (cos seus regalos
fiscais, buratos para a evasión e a fraude) depende do goberno central e a súa xestión
está en mans da Axencia Tributaria do Estado. A política fiscal e a decisión
unilateral sobre a parte que se queda o goberno central para si mesmo é o que
determina o tamaño da torta a repartir entre as CCAA. Aí está o nó gordiano do financiamento de
Galiza e mentras non se rache seguiremos tendo un autogoberno menor de idade,
insuficiente e incapaz.
Temos por diante, pois, unha enorme tarefa política na que todas as
forzas galegas deberían estar comprometidas: plena autonomía fiscal para fixar
os tributos, perseguir a fraude e a evasión –en colaboración con outros países-
e, como instrumento para executar esa política, crear un Axencia Tributaria
Galega que recade todos os tributos e que logo se negocie unha contribución a
un orzamento central que estexa moi ben acotado para cubrir funcións que sexan
realmente de interese xeral.
En definitiva, non debemos discutir só dos criterios de reparto do
gasto entre autonomías –que tamén- senón dos ingresos públicos, da política
fiscal e da xestión deses tributos. Esa é a base que nos permitiría ter
capacidade para deseñar outras políticas para desenvolver as nosas capacidades
produtivas, crear emprego e riqueza na dimensión necesaria para poder logo –vía
impostos- financiar os nosos servizos públicos, garantir o benestar da nosa
poboación e superar o noso drama demográfico.
Temos por diante unha xornada apretada para debater a fondo e tomar
decisións para poñer ao día o proxecto nacionalista. Sabendo que o ano 2016 vai
ser un ano clave. En 2016 xogámonos a posibilidade dun cambio e un punto de
inflexión en Galiza e tamén dun punto de inflexión no nacionalismo.
Chegamos coa idea da refundación na cabeza porque as circunstancias
demandan cambios e estamos decididos a levalos a cabo porque este país necesita
un proxecto nacionalista potente. Sacarémolo adiante! Farémolo entre todos e
todas pensando na maioría social da nosa nación.
Viñemos a Coruña a mantenta porque esta é cidade de fundacións e
refundacións. Queremos conmemorar o centenario da fundación, precisamente aqui,
do xermolo do nacionalismo contemporáneo organizado.
Un 18 de maio de 1916, na rúa Rego da auga -aí a un paso de onde
estamos- sede daquela da Real Academia Galega, reuníranse os 28 fundadores da
primeira “Irmandade de Amigos da Fala”. Convocados por Antón e Ramón Vilar
Ponte botanandar a primeira célula do nacionalismo
organizado. A seguir virían as de Santiago,
Monforte, Ourense, Pontevedra, Vilalba e no 1917 as de Ferrol, Vigo, Betanzos. O
boletín A Nosa Terra desde abril do 1917.
Xa no 1918 dan o salto á acción directamente política coa Asemblea Nazonalista
de Lugo, con Vilar Ponte, Risco, Peña Novo, Losada, Castelao e tantos outros e
nela consagran a ruptura co rexionalismo e a afirmación doutrinal e
programática nacionalista. Era o momento das nacións en Europa e aí entramos
nós.
Daquel rebulir de 1916 arranca todo. E desde aquela temos unha historia
longa, un século de loita, un século de sementeira e de organización, para
darlle a este pobo autoestima, recoñecemento, prosperidade e, sobre todo,
vontade futuro.
O nacionalismo é unha das realizacións máis importantes dos últimos 100
anos. É unha das fortalezas que ten este país. E seguirao sendo!!
Porque o nacionalismo é o pobo galego en pé!!
Compañeiras e compañeiros,
O nacionalismo está hoxe nun punto delicado. Perdemos apoios e
fragmentámonos.
Tamén niso parece que levamos o ADN dos nosos ancestros. As Irmandades esgázanse
na xuntanza de Monforte de 1922, aparece a Irmandade Nazonalista, logo algúns
como Vilar Ponte montarán a ORGA, con Casares Quiroga; hai un intento de
reunificación na 7ª asemblea, en Pontevedra, da que xorde en 1931 o Partido
Galeguista, con Castelao e Bóveda á fronte, pero Antón continua na ORGA até
1934. No 1935, prodúcese a famosa escisión da Dereita Galeguista que rexeita a
alianza coa Frente Popular. Logo continuou o PG con Castelao no exilio. Viría a
traizón piñeirista no interior.
Arrancamos de novo no 64 coa UPG, sumando forzas até 1977, logo virian
sucesivas divisións no 77 e 81. Logo volveuse retecer pouco a pouco até culminar
no 1993 cun BNG en ascenso e desde aí tivemos o nacionalismo unido até 2012. E
aí volvemos destecer. E nesas andamos, tratando de retecer desde 2013, pero
aínda non fomos quen. E non queda outra que seguir facendo o imposíbel por
conseguilo porque só na unidade poderemos avanzar.
Temos unha historia marcada a lume pola síndrome de Penélope, tan ben
espresada naqueles fermosos pero desacougantes versos de Díaz Castro“Un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move. A espranza nos teus ollos se espreguiza. Aran os bois e chove”.
Días atrás estiven lendo un estudo
sobre os Irmáns Vilar Ponte e a controversia política do tempo das Irmandades e
o PG até o 1936. Canta melancolía!! As mesmas disputas entre eles, case as
mesmas frases cruzadas duns para os outros, sempre nas mesmas!!. O caso é que á
hora da verdade alí estaban todos a traballar polo mesmo e batallando contra o mesmo
Estado español, contra os turnistas e os caciques.
Eles tiñan a súa lea entre
os chamados “políticos” e o “apostólicos”, chamádelle se queredes os “pragmáticos”
e os “ideoloxistas”. Antón Vilar Ponte acusaba aos “políticos” como Peña Novo
–que chegara a ser concelleiro aquí na Coruña- de pensar máis “no ideal da vitoria
que na vitoria do ideal” e os “políticos” laiábanse da lentitude con que
discorre o proceso de liberación do país. E Vilar ensínalles a porta: “...os cobizadores
de medro poden arredarse de nós a tempo (...) Quenes non teñan maior fe que os
israelitas para atravesal-o deserto, recuen axiña”.
Cos principios a punta de bandeira dicía en 1922 “(...) namentras non
se modifiquen as leises do Estado hespañol, as cortes de Madrid sonnos
compretamente alleas. Nós somentes iríamos á unhas eleucións pra unhas Cortes
galegas costituentes, que lle deran á Galicia a soberanía compreta”...
...Como sabedes Antón Vilar acabaría fundando a ORGA con Casares
Quiroga seis anos despois e sería xa en 1934 cando se achegaría ao PG, con
grande alborozo de Castelao e Bóveda.
Se comparamos aos Vilar
Ponte e aos Castelao, nós somos da estirpe de Castelao, dos que optamos sempre pola
autoorganización. Castelao, ademais, púxonos en garda fronte ás promesas e
engados dos federalistas españois “de boquilla”. Con toda razón e as cousas non
mudaron hoxe. Pero iso non é contradictorio coa decisión realista de Castelao,
Bóveda e Vilar Ponte de facer unha alianza electoral táctica en 1936. Co
obxectivo de sacar adiante o Estatuto.
Non faltan paralelismos
entre aqueles anos 20-30 e os actuais, non só pola crise financeira do
capitalismo liberal senón tamén a crise social e política, a extrema dereita,
as guerras imperialistas, o anarquismo... E tamén polas viravoltas do
nacionalismo.
Amigas e amigos,
Somos moito de tecer e destecer, unímonos e dividímonos con parello
entusiasmo, pero este país precisa superar esa melancolía poética e embarcase
na épica de tecer e avanzar.
Isto tentamos facer nestes tres anos, conscientes de que só avanzamos
de verdade cando estivemos unidos. Como pasa noutras latitudese iso nos aprenden tamén os Escoceses,
Irlandeses, Cataláns, Valencianos e Corsos. Uníronse e gañaron.
Estamos nunha situación moi delicada que ten raíces moi fondas e vén de
anos.
É hora de repensar ferramenta e discurso.
Nestes anos fixemos cambios, hai que facer máis e máis profundos.
Non se trata de volver atrás, nin de recuperar un pasado que xa foi,
nin máis clarificación nin máis contundencia.
Xa estamos clarificados abondo!! Aquí falta moito nacionalista que anda
buscando un espazo acolledor.
Temos que priorizar absolutamente a causa que nos une: a liberdade de
Galiza e o benestar do noso pobo. Deixar a un lado aqueles matices que nos
diferencian.
Temos que vernos como compañeir@s en igualdade total de condicións.
Fai falta firmeza no obxectivo final, pero a partir de aí precisamos
enriquecernos de matices e perfís diversos. Temos que apreciar SINCERAMENTE o
positivo das diferenzas, das pequenas contradicións que nos fan máis humanos.
Precisamos a flexibilidade do xunco, cintura, empatía e capacidade para
compartir alianzas para sumar, “navegar de bolina” –como dicía Bóveda- e ir
conseguindo obxectivos aínda que sexan modestos..
Perdemos moita xente e perdemos moitos votantes.
Hai que recuperalos e hai que buscar novos apoios.
Onde?: Sábeno ben os mariñeiros que van a marea: HAI QUE BOTAR AS REDES ONDE
HAI PEIXE
Onde non hai, escusamos perder o tempo
Como?: con refundación e con alianzas
Temos que REFUNDAR! Niso seica estamos tod@s de acordo. Pero... non
para retabicar e repintar, cos vímbios que xa están dentro. Necesitamos atraer
nova xente, novas forzas para ampliar o proxecto. Máis que siglas, xente.
Temos que refundar, pero que tipo de organización nos pide hoxe a
xente?
Temos que escoitar a nosa base social e responder con sinceridade.
Eu dígovos a miña fórmula: UNHA ÚNICA SIGLA, UNHA ÚNICA LEALDADE, UNHA
ÚNICA DIRECCIÓN. (Leninismo puro!!!)
Temos que ampliar a base. Por onde anda hoxe a xente nova activa que
quere mudar as cousas? Pois cara aí temos que apuntar o barco. Non para mudar
de barco pero si para andar polo medio do caladoiro.
Temos que facer ALIANZAS. A cidadanía que quere mudanza entendeu que a
fragmentación era unha trampa mortal e decidiu voto útil para tentar gañar a
partida. Temos que escoitala!! Logo xa se verá se se dan as condicións.
Temos que saber ler o punto e hora da nosa loita. En cada momento temos
que saber aceptar as prioridades acuciantes da nosa xente. Como dicía Pondal,
“o caso está na ruda adversidade urxente”. Ese ten que ser o criterio. Mirar
para o horizonte pero sempre cos pes na terra e as mans pegadas a xente que ten
que acompañarnos nese longo camiño. Decía V.I.U. “un paso por diante pero só un
paso”
Hai que combater esa idea de que o nacionalismo é un asunto identitario,
coma se non tiver a ver cos problemas acuciantes da nosa xente. Nós ben sabemos
que o nacionalismo é algo máis esencial: confianza nas nosas potencialidades, vontade
de loitar polo futuro da xente dentro do noso país, polos intereses materiais
da maioría, para compartir unha calidade de vida digna, sen precariedade, sen
pobreza, sen emigración.
Esa é a realidade, pero o que conta en política é a PERCEPCIÓN da
realidade, como di Joseph Brodsky. E a percepción da maioría da xente que quere
mudar este país é que a soberanía, en Galiza, hoxe, está moi distante como para
ser solución e fixa como prioridade mudar os gobernos e mudar as políticas. Vencer
o PP e mudar as políticas neoliberais e recentralizadoras. Este é o punto e
hora da nosa base social. Está dicíndonolo todos os días, dínolo nas urnas. Non
podemos tapar os oídos e seguir co piloto automático.
O certo é que a longa hexemonía do PP é a principal ameaza para o país
e o nacionalismo. Derrotar o PP é a prioridade en 2016, para frear a desfeita económico-social
e a laminación do autogoberno, para elevar a conciencia nacional e avanzar cara
a soberanía. Temos unha oportunidade única e temos que ser os primeiros en mover
ficha para conseguilo. Por patriotismo, por responsabilidade co país e tamén por
responsabilidade co noso propio proxecto. 2016 é un ano clave e temos que
atinar.
Permitídeme rematar cunha nota persoal.
Elixístesme Portavoz Nacional hai tres anos. Foi unha honra e unha
grande responsabilidade.
Non pelexei por vir, nin pelexei por quedar.
Fixen, fixemos, o posible por axudar a mudar cousas e algo avanzamos, na
boa dirección, pero quizais foi algo tarde e insuficiente.
Toda a equipa de dirección fixo o que puido e máis.
Vós tamén. Grazas a todos e todas!!
De cara ao futuro, Non é cuestión de máis esforzo, non se pode pedir
máis.
É cuestión de atinar na folla de ruta:
UN NORTE CLARO, UNHA ESTRATEXIA GRADUALISTA E FLEXÍBEL E UNHA TÁCTICA
REALISTA E PRAGMÁTICA.
Compañeiras e compañeiros,
Son nacionalista, soberanista e de esquerdas dende moi noviño. Coma moit@s de vós.
Daquela pensaba que os grandes cambios ían chegar axiña, con
mobilización social ou insurreccións.
Con algúns aniños máis xa vin que isto era moito máis complicado.
Leva tempo, vainos levar tempo, e en democracia hai que conseguir o
respaldo da xente.
O exemplo témolo á vista. Escocia e Cataluña son a lección máis
poderosa: perspectiva histórica, 20 e 35 anos de autogoberno nacionalista, con
moito traballo, tamén por abaixo, construíron paso a paso unha nación política,
disposta a pelexar por un estado propio para voar libres.
Sen gobernar non hai saltos posíbeis. Non queda outra. Por iso temos
que empezar por desaloxar canto antes a esa dereita hexemónica que esgana este
pobo e lamina o noso autogoberno. Cun programa pegado ás necesidades da xente.
Eses son os primeiros chanzos para un longo percorrido cara a
soberanía. Pode que eu non vexa o final pero traballarei con todas as forzas
para cimentar os primeiros chanzos dun autogoberno nacionalista, para andar ese
camiño paso a paso, para que a miña filla e o meu fillo, que teñen agora a
idade que eu tiña daquela, eles si cheguen a vivir nunha Galiza ceibe, máis
próspera e máis xusta.
Precisamos moitas máis mans. Farémolo, entre todas. Desde 2016.
Por eles, por vós e polas que han de vir
Viva Galiza Ceibe
...E agora a debater e acordar!
A Coruña, 28 de febreiro de 2016
XV Asemblea Nacional do BNG
Centenario das Irmandades da Fala
Corte realizado por Bibiana Villaverde para V televisión
Vivimos tempos de inestabilidades. Nin as institucións, nin o sistema de
partidos nin o electorado parecen ter acougo. En realidade son tempos de final
de época, de rupturas cun modelo esgotado que se resiste a recoñecer o seu
fracaso. O potencial tecnolóxico e de criatividade humana tropeza co corsé dun
modelo social que xa non é quen de aproveitar o coñecemento e levanta barreiras
de exclusión para capas cada vez máis amplas da sociedade, até converter ás
novas xeracións en carne de canón dun precariado estrutural. Unha globalización
ultraliberal que descompón economías e sociedades, esfarela conquistas
históricas, arrasa as soberanías e, como consecuencia, reduce a capacidade real
de decisión das democracias.
Son tempos de desconcerto, de indignacións, de frustracións, de busca ás
apalpadas de novas oportunidades vitais e políticas. Os que manexan os fíos
tratan de conter o descontento co medo, o adoutrinamento, movendo a grande
velocidade os “temas de actualidade”, as “figuras públicas”, “as alternativas”,
co obxecto de crear a impresión dunha realidade líquida, sen norte nin
alternativa. Esa “realidade cambiante” descoloca as alternativas de norte claro
e da pé a respostas escorregadizas e contraditorias, que son rapidamente
amortizadas e arrombadas. O certo é que as urxencias vitais das xeracións
precarizadas e ese imperio do efémero son a materia que conforma o
comportamento político e electoral das persoas; esa é a realidade que pon a
proba os proxectos sólidos.
Foi precisamente a consciencia desa nova realidade social e a necesidade de
sumar forzas para darlle a volta a unha realidade cada vez máis insoportábel o
que levou no seu momento ao BNG a abrir unha etapa de alianzas para sumar
forzas. Co peso morto das inercias e as rutinas fomos dando pasos para
sintonizar cunha realidade que mudaba a pasos desacentellados. Tratamos de
facelo mantendo a coherencia arredor dun proxecto nacional, tendo Galiza como
referencia e tendo como obxectivo a transformación do marco institucional e de
políticas que hoxe levan o noso país ao declive e a sociedade á precarización
xeneralizada. Criamos e creemos na prioridade de facelo sumando forzas galegas
sabendo que parte dos nosos problemas teñen a ver coa imposición de políticas e
intereses alleos que se veu agravando coa agresiva recentralización cara Madrid
e Bruxelas.
Esa aposta por unha política de alianzas empezamos a formulala na Asemblea
Nacional de 2013, fixemos tentativas con forzas galegas nas europeas e ampliamos
o foco de cara ás eleccións Xerais de 2015, dispostos a sumar tamén forzas non
nacionalistas. O BNG renuncia a presentarse coas súas siglas e aposta por unha
candidatura nacional galega unitaria de cara ás Eleccións Xerais, que sería
rexeitada por Anova e os seus socios, Podemos e EU. A súa aposta de candidatura
liderada de facto e de iure por Podemos beneficiábase –sendo
eleccións estatais- do tirón estatal de Podemos, cun liderado forte e de
xenerosa proxección mediática. Finalmente acadou un exitoso 25% que está por
riba das porcentaxes de Podemos noutros territorios do Estado. O BNG non podía
aceptar unha candidatura supeditada á estratexia dunha forza estatal como
Podemos, co seu nome na papeleta e a conseguinte imposibilidade de constituír
grupo parlamentar propio e soberano nas Cortes.
O que ocorreu xa é coñecido. Os resultados da coalición EnMarea
permitiulles obter 6 deputad@s e 2 senador@s. Deles, 2 deputad@s pertencen a
Anova, de xeito que pode dicirse que haberá 2 deputad@s nacionalistas nas
vindeiras Cortes; o resto son de Podemos, OuC e Esquerda Unida. O forte tirón
da aposta polo cambio a nivel de estado que representaba Podemos serviu de
catalizador para unha grande parte do electorado de esquerdas non nacionalista
e tamén nacionalista, facilitado neste último caso polo atractivo adicional de
Anova formar parte da candidatura. Está claro que para unha grande parte do
electorado nacionalista tradicional esa candidatura plural, heteroxénea, con
tirón estatal e gran promoción resultou atractiva, mesmo a pesar das críticas
recibidas por non ter facilitado o acordo con BNG-Iniciativa pola Unión, polo
esquinazo a outros colectivos, polo procedemento seguido para a conformación
das listas, por arrancar sen programa...
O éxito do conxunto é innegábel pero, por desgraza, non pode identificarse
como éxito dun proxecto nacionalista. Imos ver os seus pasos e ogallá sexan
quen de erguer con éxito a bandeira das reivindicacións galegas. Nesta altura o
que xa sabemos é que non van conformar Grupo Parlamentar Galego, como
consecuencia de ter aceptado as condicións impostas por Podemos no documento
legal da coalición, tal como os advertira con antelación o BNG e eran
coñecedores os líderes das distintas formacións. Ao incorporarse ao Grupo de
Podemos nin tan sequera van salvagardar a súa autonomía como ocorrería pasando ao
grupo mixto. Non cabe dúbida que o seu discurso de campaña quedou en evidencia
e o teatro da última semana non fixo máis que poñelo á vista de todo o mundo. Alguén
dirá, non se pode ter todo, unha cousa e a contraria. Pois, así é, para o bo e
para o mao.
En todo caso, pensando no futuro, as alegrías dos tempos de viño e rosas non
deberan levar a infravalorar os riscos das simbioses asimétricas. E neses casos,
como ocorre no caso do apareamento da mantis relixiosa é crucial saber cal é o
macho e cal a fémia. Se do que se trata é de ir construíndo un proxecto
federado a Podemos entón as cousas teñen unha senda fácil, pero se do que se
trata é de aproveitar as sinerxias para ir creando un proxecto galego autónomo
que, chegado o momento, poidera voar só, entón a forma concreta en que o están
a facer amosa riscos evidentes. Aínda que ambas patas arrancaron con parella
febleza organizativa en Galiza, está claro que a potencia mediática e económica
da forza estatal colócaa en mellores condicións para fagocitar a outra
pata.
Pola nosa parte, os resultados deixaron en moi mala posición a
Nós-Candidatura Galega, que non obtivo representación –o que entraba dentro do
previsíbel- e unha porcentaxe de votos máis reducida do esperábel. A ilusión
creada arredor dun proxecto plural, nidiamente galego, con caras novas, candidaturas
conformadas nun proceso participativo de primarias e cunha campaña criativa e
fresca colleitaron o apoio dun modesto 4,3% do eleitorado. O esforzo unitario
feito polo BNG, renunciando ás súas siglas, promovendo a incorporación de
forzas plurais e persoas, un proceso participativo, unha campaña que rebordou
criatividade, xenerosidade e sorrisos a esgalla, etc. foron factores que activaron
a moita xente, pero non impediron que moit@s votantes nacionalistas miraran
para outro lado. Á vista está que non era a proposta que moita xente prefería
neste momento, pensando prioritariamente en impulsar un cambio no goberno
central.
Que conclusións tirar de todo isto? Obviamente, moitas, a empezar que a
aposta do BNG por unha coalición nacional galega soberana ía na dirección
adecuada, pero non fomos quen de que fraguara coa ambición proposta, quedando a
medio camiño como Nós-CG. O acontecido obriga –a todo o mundo- a analisar con
rigor toda a experiencia. Será preciso un profundo debate colectivo para tirar
todas as leccións, non só as derivadas deste proceso electoral concreto senón
que cómpre ir máis alá. Hai que facer dunha vez un diagnóstico realista sobre
as tendencias de fondo no noso país e deste ciclo político longo que arranca co
movemento neocentralista e coa crise da burbulla neoliberal; das aspiracións e
temores dese precariado que se ve xa excluído de xeito estrutural; das formas
de participar en políticas das novas xeracións; dos discursos, estética, símbolos
e prioridades que moven a xente nova... Todo iso debemos debatelo na Asemblea
Nacional do BNG para poñer o proxecto nacionalista e a estrutura orgánica en
condicións de ser referente da maioría social e, sobre todo, para sermos quen
de incidir no goberno do noso país.
Que conclusións tirar de cara as inminentes eleccións galegas de 2016?
Primeira, unha extrapolación mecánica dos resultados non serían bos
conselleiros para ninguén; nas eleccións galegas a dialéctica será loxicamente
menos estatal e haberá que contrastar propostas e candidaturas para gobernar
Galiza; tamén o que aconteza en Madrid e as posicións sobre o proceso catalán
poden traer algún que outro desengano. Segunda, tampouco a non extrapolación
pode servir de parapeto para cerrar os ollos diante de cambios que están aí
-que estaban aí xa hai tempo- e que requiren novas fórmulas organizativas,
novos discursos, novas alianzas, novos talantes. Terceira, a correlación de
forzas existente permite albiscar un cambio cunha derrota do PP, seguramente
moi axustada, e a posibilidade de conformar unha coalición electoral do nacionalismo
e das esquerdas que se sitúe de segunda forza electoral e, polo tanto, lidere
un goberno alternativo. Moitos e moitas neste país creemos que iso sería realmente
unha prioridade para frear o deterioro social e a laminación do autogoberno.
Cuarta, para facer verosímil tal escenario sería preciso sumar todas as
forzas da forma máis eficiente e pragmática posíbel, sen que ninguén perdese a
súa identidade. Cómpre saber se o conxunto da plataforma En Marea reconsidera a
súa posición a respecto do espazo nacionalista que representan o BNG e Nós e se,
nesta ocasión, están de verdade por contribuír, sen soberbias nin cativeces, á
suma de forzas con este nacionalismo aberto e claro que ten hoxe unha sólida
implantación en todo o país.
Ninguén debe pensar en forzar fusións nin dilucións innecesarias de ningunha
das partes. Desde logo, o BNG ten vocación de seguir sendo un proxecto
nacionalista autónomo para todos os galegos e galegas, de acordo co principio
de autoorganización e con todo o que iso implica a respecto das forzas estatais.
Nese sentido, o BNG non podería nunca aceptar un papel como o que outros asumen
en relación a Podemos dentro de En Marea. Por si faltaran argumentos, o
acontecido co grupo parlamentar é a proba máis inmediata de que a supeditación
a forzas estatais non é o camiño. Pero entre a opción da confluencia con dilución/subordinación
e a de competir por separado cabería explorar unha terceira vía que permitise partillar
esforzos e obxectivos concretos na actual conxuntura, sen subordinacións e
evitando que as forzas estatais fagociten ou inactiven o necesario proxecto
nacionalista.
Persoalmente creo que abondaría cunha suma de iguais nunha coalición
técnica, plural, con base cidadá, cun programa común de mínimos e que respecte o
perfil político singular de cada unha das partes. Sen diluirse e mantendo cada
un o seu discurso. Se estivésemos todas en condicións de partillalo estou
convencido que esa sería a mellor forma de optimizar o apoio popular -tendo en
conta a lei electoral vixente- e conseguir a maioría necesaria para liderar un
goberno alternativo ao PP. Unha prioridade compartida que suporía un gran paso
adiante para todas e todos nos tempos que corren. O electorado non só
entendería perfectamente que cada un segue sendo cada quen senón que, ademais,
agradecería e premiaría esa vontade de sumar para darlle unha oportunidade ao
país e a todos os sectores que sofren as políticas do PP.
A responsabilidade é de todas e cada unha. As persoas do BNG estamos
emprazadas a decidir na nosa Asemblea Nacional como responder a ese reto nun
momento delicado no que só nos está permitido acertar. Estou seguro de que
entre todas seremos quen de facelo.
(Publicado en Sermos e Praza o dia 22 de xaneiro de 2016)
Coma cada ano vimos aquí a Rianxo para render homenaxe a memoria do noso rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, grande patriota morto no exilio de Bos Aires e enterrado no cemiterio da Chacarita tal dia coma hoxe fai agora 66 anos.
Castelao deixounos unha inmensa obra literaria, artística e política, pero sobre todo deixounos o exemplo dunha vida de compromiso. Hai 100 anos aquel Castelao aínda novo, con 29 anos, deu un paso cara a un compromiso inquebrantábel con Galiza e o seu pobo, que foi agrandando día a día, até o seu último alento, sobrepoñéndose ás máis duras probas da represión, persecución, fracasos, desilusións, traizóns e exilio.
Do seu traballo iniciado hai cen anos con Risco e Losada Diéguez e cos Irmáns Vilar Ponte, Lugrís, Porteiro e tantos outros sairía adiante en 1916 a fundación das Irmandades da Fala, que afirman as nosas aspiracións nacionais e dan os primeiros pasos cara a creación do nacionalismo político organizado, coa Asemblea Nacionalista de Lugo en 1918 e, co nacemento Partido Galeguista en 1931, a caída da ditadura de Primo de Rivera.
Este ano será, pois, un bo ano para recordar e revivir Castelao, celebramos o Centenario das Irmandades da Fala, celebraremos o Ano Castelao coa programación especial que o noso compañeiro Leal pilota desde a Deputación de Pontevedra.
Para redondear a homenaxe ás persoas comprometidas no ronsel de Castelao temos un ano das Letras adicado ao noso poeta primordial, Manuel María, o que nos deixou milleiros de páxinas de palabras fermosas convertidas en consignas para o eterno combate:
“o idioma é a vida
o coitelo da dor
o murmurio do vento
a palabra de amor”
falando de Castelao, quedo con aquela súa “Invocación a Castelao” no libriño “Cantos rodados...” publicado en 1976:
“Home cabal/conciencia comunal/
forte penedo/contra a noite e o medo/...
Fe poderosa/que estea á patria nosa/...
Facho puro/alumando o escuro/
Castelao/Pai e irmao/
Verba de luz inxel:/Daniel!”
Castelao, Bóveda, Manuel María exemplifican un século de loita, un século de sementeira e de organización, cos consabidos hiatos das dúas ditaduras, para darlle a este pobo autoestima e recoñecemento e, sobre todo, vontade futuro. Futuro digno para as súas xentes, traballo na terra, democracia e plena capacidade para cultivar sen ataduras todas as dimensións da nosa cultura. Construír unha nación con pleno recoñecemento institucional non é tarefa fácil nin apta para mentes cativas e tampouco para mentes ansiosas.
Son moitos os que queren que o nacionalismo desapareza, uns esmagándoo e outros por dilución. Persisten, pero tan persistente como o seu empecinamento é a nosa teimosa vontade de afirmación. Non nos dobregarán os que veñen de fronte, con todas as armas do poder, da represión, da potente maquinaria mediática, pero tampouco nos van despistar os cantos de serea da dilución. O nacionalismo é unha das realizacións máis importantes dos últimos 100 anos. É unha das fortalezas que ten este país. E seguirao sendo!!
Som@s os herdeir@s de Castelao e continuadores desta longa xeira secular que arela a construción dunha nación no mundo.
Desde Madrid non o entenden. Non o entenden nin os de sempre nin tampouco os “novísimos” que creen que iso do nacionalismo son cousas de sentimentos arcaicos, identitarios, ideoloxismos ou gañas de amolar, que no mellor dos casos non quedará máis remedio que aturar e como concesión condescendente “haberá que escoitar”. Non entenden que o nacionalismo é algo máis esencial: é a vontade de loitar polo futuro da xente dentro do noso país, polos intereses materiais da maioría, para compartir unha calidade de vida digna.
Unha nación que non sucumba á exclusión masiva da xente nova, que saia do pozo dese precariado que queren converter en miserento horizonte estrutural para a maioría.
Nós queremos una nación onde a xente nova teña un horizonte laboral digno no agro, no mar, nas fábricas , no comercio, nos servizos ou na investigación; Unha nación con servizos públicos, educación e sanidade públicas, gratuítas e de calidade.
Non queremos ver como a emigración do noso aforro, da nosa electricidade, das sedes das nosas empresas, dos nosos impostos, etc levan detrás a emigración da nosa xente moza e de todo o seu talento.
Para darlle a volta a todo isto Galiza precisa que o nacionalismo avance na sociedade e avance electoralmente. Por todo iso temos que chegar ao corazón da xente, temos que “petar na ialma do pobo”, como nos propuña Castelao.
Este ano pasado tivemos eleccións municipais e as Xerais e este o ano teremos as galegas e, ao mellor, as xerais de novo.
Nas municipais demostramos que alí onde goberna o nacionalismo conseguimos refrendar o respaldo da xente, como aquí en Rianxo. Parabéns a Adolfo e a todas e todos os que tedes a alta encomenda de facer país desde os concellos!
Pero, desde logo, nas Xerais saímos moi mal. A aposta por una candidatura nacional galega de unidade non frutificou coa ambición buscada, porque non podiamos aceptar subordinacións a forzas estatais, que outros aceptaron e preferiron antes que a nosa compañía. E con Nós-Candidatura Galega non conseguimos o respaldo necesario. É una experiencia e un resultado que nos obriga a repensar moitas cousas, repensar o que vén acontecendo na última década tanto no país coma no nacionalismo.
Temos que adoptar medidas audaces e valentes porque non podemos renunciar a ter unha presenza importante nas institucións nas que se decide o futuro do noso país e da nosa maioría social.
Acreditamos firmemente no proxecto nacionalista que representa o BNG, é necesario para o futuro deste país e temos que darlle a forma concreta, poñelo ao dia e a ton co que nos pide a sociedade, a nosa base social, para sermos vistos como a ferramenta útil pola maioría social da nosa nación.
Certo que tampouco lles saíu redonda a xogada aos poderes do económicos do estado que tramaron a “operación 2+2” e investiron millóns de euros e miles de horas de platós en prime time para garantir, co auxilio de Ciudadanos, a continuidade dun goberno do PP queimado e corrupto, para completar o seu eufemístico Plan de Reformas, que xa sabemos que é realmente un plan para recortar, privatizar, precarizar e recentralizar todo.
Non lles saíu ben e van ter que reintentalo. Nós imos estar aí para impedilo e teremos que ver a mellor forma de facelo. Porque, ademais, Galiza ten que estar aí para defender os seus intereses nacionais, tamén en Madrid
Pero hai que ser claros, amigos e amigas, o futuro do noso proxecto xógase aquí, nas galegas de 2016 e temos que conseguir a complicidade de boa parte da sociedade galega.
As galegas de 2016 teñen que marcar un punto de inflexión. Este país ten a obriga de derrotar o PP e nós, o BNG, imos estar aí.
Cómpre traballar con intelixencia, ilusión e xenerosidade para derrotar o PP e poñer couto aos anos máis lesivos para a maioría social galega e para o autogoberno. É unha prioridade inverter o proceso de centralización en marcha e sentar as bases para unha mudanza cualitativa. Non vai ser fácil pero non é imposíbel. Derrotar o PP ten que ser a prioridade absoluta na conxuntura na que estamos, porque o precisa o país e porque o propio proxecto nacionalista xógase moito nesa cita.
O nacionalismo ten moitos flancos abertos. Movémonos nun escenario moi convulso social e politicamente. A sociedade móvese entre a frustración e a indignación. Hai un inxente esforzo das elites e das súas potentes máquinas de adoutrinamento para amainar esa indignación e “orientala” do xeito menos perigoso para os seus intereses estratéxicos. Nese contexto, a aínda recente fragmentación do nacionalismo e a da esquerda española crean un panorama tremendamente entrambilicado e cambiante. Hai contextos onde a criatividade nas alianzas e a unidade de acción son a mellor garantía para avanzar.
Nesta realidade fuxidía e complexa hai que tomar decisións valentes na Asemblea Nacional para reforzar o proxecto que representa o BNG e convén recordar as palabras de Alexandre Bóveda, o estratega con Castelao da unidade e organización do nacionalismo na República e do pacto do 36:
“No camiño que nos trazamos, hai moitas dificultades que vencer; hai moitos rodeos que dar; haberá que bolinear moitas vegadas. Mais que ninguén perda a súa fé, que ninguén abandone a esperanza de chegar a termo. As voltas do camiño poden semellar retrocesos, mais son pasos adiante que ninguén terá forza dabondo para nos obrigar a desandar” (A.B.)
O BNG ten que dar pasos neste ano para reforzarse como ferramenta útil que é da nosa nación. Imos xogar con serenidade pero con ambición para sermos motores dun cambio en profundidade, ben amarrado aos intereses do noso país e das nosas xentes. Conseguilo esixe un esforzo redobrado para crear complicidades e flexibilidade por parte de todos para sumar. É o tempo da política, poñendo o país por diante, abeirando ensimesmamentos e rutinas paralizantes. Toca navegar de bolina. Traballaremos con paciencia pero sen desmaio con ese norte, “petando na ialma do pobo”, como nos pedía Castelao, desde todos os recunchos da sociedade, desde os concellos, gañándonos a confianza e o apoio da xente; co traballo na rúa e nos parlamentos; coas alianzas que sexan precisas para avanzar, bolineando, pero avanzando.
Escoitando e aprendendo do noso pobo e da experiencia de sas outras nacións irmáns que, como Escocia ou Cataluña, despois de “petar na ialma do pobo” durante anos con nacionalistas á fronte do autogoberno van agora coas velas inchadas rompendo ondas no océano da liberdade.
Que Castelao e Bóveda nos iluminen na nosa travesía!!!
Nin constituintes nin destituintes, as novas
cortes ameazan con ser reconstituintes.
Nin a ruptura nin unha reforma constitucional
transformadora parecen estar no horizonte das forzas que disputan a nivel de
estado a conformación de maiorías. Desde Madrid apáganse as ínfulas rupturistas
e visibilizanse os resultados do “gran pacto de estado” para recompoñer o
caduco sistema bipartidista estatal, cuxa crise mesmo poñía en perigo a
pervivencia do modelo de estado pola desafección da maioría da poboación.
Algúns queren ver na fulgurante irrupción
inducida de Podemos e Ciudadanos a posibilidade dunha mudanza anovadora na
sistema político español, que racharía o bipartidismo e aportaría certo
cromatismo de nova política. Certo que o xogo é novo, outra cousa é canto de
novo haberá para a mudanza das políticas ou do modelo de estado.
Lonxe soan xa –aínda que foran onte mesmo-
eses vibrantes discursos de sectores ilusionados con Podemos, que mesmo
tentaron ou tentan colocar o discurso da posíbel apertura dun proceso
constituínte. Infortunadamente, creo que o panorama que se debuxa a escasos
dias das eleccións xerais non é ese senón máis ben o contrario. A medida que se
acercan constátase que hai espellismos que poden resultar útiles para abrirse
un oco no panorama mediatico pero poden desembocar en frustración en moi pouco
tempo.
Ciudadanos parece engordar no caldo de cultivo
do discurso liberal-centralista da dereita antipolítica e antipúblico e Podemos
parece chegar a sectores da esquerda desencantada e sectores proclives ao
federalismo. Atendendo á dialéctica creada e ás propostas que están a lanzar as
forzas estatais todo apunta a un reforzamento do status quo ou, acaso, unha ameaza de involución no caso de que se
impoña unha combinación PP-Ciudadanos.
Ciudadanos radicaliza o discurso centralista e
Podemos rompe o voto soberanista para empaquetalo dentro da súa fórmula
democrático-federal, debilitando o polo soberanista en Cataluña, Valencia e e
Galiza e reforzando o polo centralista –neste caso de centralismo amábel e
respectuoso. De cumprirse os augurios, a nova lexislatura podería ser “reconstituinte”,
no sentido que pode alimentar e traer novos bríos para o proceso
involucionista, recentralizador e desregulador que está en marcha desde que
Aznar o lanzara con forza a comezos do século.
Os dous novos partidos promovidos desde os
platós no último ano veñen tapar as regandixas dun decrépito bipartidismo
PP-PSOE pero non para incorporar mudanzas de fondo no modelo social ou no
modelo de estado senón para consolidalo, con novas doses de vitaminas
reconstituintes.
Para toda esa inmensa parte da cidadanía que
agardaba que a profunda crise económica e institucional, co evidente fracaso
deste modelo de estado, puidera abrir as portas a un proceso de mudanzas
profundas tal desenlace lampedusiano acabaría provocando unha profunda
frustración.
Obviamente, todas as persoas e forzas
políticas que queremos unha mudanza real da correlación de forzas non podemos
aceptar ese escenario que intentan debuxar desde arriba e desde o estado
central. O seu reconstituinte deixa a Galiza nos ósos. Desde logo, os que queremos
que Galiza resoe potente nas Cortes non imos picar, como tampouco van picar nas
tres nacións.
Fronte a ese panorama telecociñado,
NÓS-Candidatura Galega representa o programa político que reúne a defensa dos
dereitos e conquistas sociais históricas, o cuestionamento do poder dos lobbys,
a defensa dos intereses concretos da maioría social do noso pobo, a defensa do
dereito a decidir e a implantación dunha democracia de calidade. Con NÓS a voz
de Galiza e da mudanza social estará garantida.
Chegamos até aquí cansos pero con
vida, coa ilusión reforzada por todas as ilusións que recollimos pateando os
camiños polo país adiante, de Ortegal ao Miño, do Courel a Compostela.
Non estamos nos platós
madrileños pero estamos enraizados nesta terra, EN TERRA FIRME, sen medo ás
ondas hetzianas nin ás ondas mariñas.
Escoitamos voces de alento, voces
de agradecemento polo compromiso, voces de auxilio dos machacados, voces
desgarradas a veces pola impotencia ou polos desexos inalcanzados.
Nós decimoslles, contade con
NÓS!
Nós sementamos ideas e sonrisas,
sementamos ambición e esperanza, sementamos vontade de cambio e de dignidade
para este pobo.
O domingo recolleremos a
confianza, a vontade de mudar, de quitar de enriba a lousa e respirar.
Fixemos a mellor campaña, a máis
creativa, a máis innovadora, a máis xenerosa, pegada aos problemas das nosas
xentes, espoñendo as nosas alternativas e o compromiso de batallar con todas as
nosas forzas en Madrid, si tamén en Madrid.
Precisamos a gran forza de Nós,
de todas e todos Vós, para derrotar a dereita do PP e C’s e, sobre todo, para
defender Galiza, defender as nosas xentes machacadas polas súas políticas e
defender a nosa capacidade pra gobernármonos nós mesmos e ter futuro. Un futuro
con xustiza e en paz, dentro e fóra, sen guerras imperialistas disfrazadas de
humanitarias.
Temos que ter voz propia para
reclamar políticas que acaben co espolio, reclamar compromisos concretos para
apoiar os nosos sectores produtivos, crear emprego, acabar coa emigración da
electricidade, emigración do aforro, emigración dos nosos impostos, emigración
das nosas empresas e acabar coa emigración da xente nova.
Amigas e amigos,
No debate entre o vello e o
novo, nós estamos co novo. Ninguén máis novo que Nós, nin nas candidaturas, nin
na forma participativa de elixilas, nin na campaña creativa e rompedora, nin
nos programas transformadores. Ninguén!! Porque temos a ambición de erguer un
novo país.
É normal que por España adiante
a xente ansíe un cambio e tamén forzas novas que lles traian algo de aire
fresco.
Pero, na Galiza?... na Galiza,
amigas e amigos, o novo é NÓS Candidatura Galega.
Aínda que os platós dos lobbys madrileños
queiran pintar todo coa brocha gorda e coa súa paleta de 4 cores, aqui temos
outro colorido, temos ideas propias e forzas políticas propias.
Por moi plural que se pinte o
centralismo segue sendo centralismo e non vai resolver os nosos problemas. Nós
queremos procesos constituintes pero non procesos reconstituíntes do
centralismo.
Algúns queren vendernos que o
novo só pode vir de Madrid. Pois non!!... nin a vella movida, nin Nunca Máis,
nin a loita contra a LOU, nin a loita contra a estafa das preferentes, nin pola
sanidade pública. Non naceron en Madrid!!! Galiza vai por diante.
Ben o sabedes, aquí, para votar
polo cambio non é preciso votar forzas estatais, nin vellas nin novas.
E desde logo, amigos e amigas,
que ninguén vos venda como cambio pasar de apoiar proxectos galegos a votar
proxectos estatais. Iso NUNCA!
Non vos equivoquedes!!
Para novos NÓS, para creativos
NÓS, para sociais NÓS, para feministas NÓS, para ecoloxistas NÓS, para
solidarios NÓS e desde logo, para galegos e galegas NÓS.
Os nacionalistas estamos
dispostos a reiventármonos sempre que fai falla, estamolo facendo nesta campaña
e seguiremos reiventándonos a partir do dia 20.
Pero seguiremos sendo NÓS,
SEMPRE NÓS.
O domingo daremos a campanada!
Votade por NÓS, Votade por Callón,
Votade por Mini