segunda-feira, 29 de fevereiro de 2016

APERTURA DA XV ASEMBLEA NACIONAL DO BNG NA CORUÑA

APERTURA DA XV ASEMBLEA NACIONAL DO BNG NA CORUÑA

Benvidas a esta XV AN
Temos por diante unha xornada apretada para debater a fondo e tomar decisións para poñer ao día o proxecto nacionalista. Sabendo que o ano 2016 vai ser un ano clave. En 2016 xogámonos a posibilidade dun cambio e un punto de inflexión en Galiza e tamén dun punto de inflexión no nacionalismo.
Chegamos coa idea da refundación na cabeza porque as circunstancias demandan cambios e estamos decididos a levalos a cabo porque este país necesita un proxecto nacionalista potente. Sacarémolo adiante! Farémolo entre todos e todas pensando na maioría social da nosa nación.

Viñemos a Coruña a mantenta porque esta é cidade de fundacións e refundacións. Queremos conmemorar o centenario da fundación, precisamente aqui, do xermolo do nacionalismo contemporáneo organizado.
Un 18 de maio de 1916, na rúa Rego da auga -aí a un paso de onde estamos- sede daquela da Real Academia Galega, reuníranse os 28 fundadores da primeira “Irmandade de Amigos da Fala”. Convocados por Antón e Ramón Vilar Ponte botan  andar a primeira célula do nacionalismo organizado.  A seguir virían as de Santiago, Monforte, Ourense, Pontevedra, Vilalba e no 1917 as de Ferrol, Vigo, Betanzos. O boletín A Nosa Terra desde abril do 1917.
Xa no 1918 dan o salto á acción directamente política coa Asemblea Nazonalista de Lugo, con Vilar Ponte, Risco, Peña Novo, Losada, Castelao e tantos outros e nela consagran a ruptura co rexionalismo e a afirmación doutrinal e programática nacionalista. Era o momento das nacións en Europa e aí entramos nós.
Daquel rebulir de 1916 arranca todo. E desde aquela temos unha historia longa, un século de loita, un século de sementeira e de organización, para darlle a este pobo autoestima, recoñecemento, prosperidade e, sobre todo, vontade futuro.

O nacionalismo é unha das realizacións máis importantes dos últimos 100 anos. É unha das fortalezas que ten este país. E seguirao sendo!!
Porque o nacionalismo é o pobo galego en pé!!

Compañeiras e compañeiros,
O nacionalismo está hoxe nun punto delicado. Perdemos apoios e fragmentámonos.
Tamén niso parece que levamos o ADN dos nosos ancestros. As Irmandades esgázanse na xuntanza de Monforte de 1922, aparece a Irmandade Nazonalista, logo algúns como Vilar Ponte montarán a ORGA, con Casares Quiroga; hai un intento de reunificación na 7ª asemblea, en Pontevedra, da que xorde en 1931 o Partido Galeguista, con Castelao e Bóveda á fronte, pero Antón continua na ORGA até 1934. No 1935, prodúcese a famosa escisión da Dereita Galeguista que rexeita a alianza coa Frente Popular. Logo continuou o PG con Castelao no exilio. Viría a traizón piñeirista no interior.
Arrancamos de novo no 64 coa UPG, sumando forzas até 1977, logo virian sucesivas divisións no 77 e 81. Logo volveuse retecer pouco a pouco até culminar no 1993 cun BNG en ascenso e desde aí tivemos o nacionalismo unido até 2012. E aí volvemos destecer. E nesas andamos, tratando de retecer desde 2013, pero aínda non fomos quen. E non queda outra que seguir facendo o imposíbel por conseguilo porque só na unidade poderemos avanzar.
Temos unha historia marcada a lume pola síndrome de Penélope, tan ben espresada naqueles fermosos pero desacougantes versos de Díaz Castro  Un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move. A espranza nos teus ollos se espreguiza. Aran os bois e chove”.

Días atrás estiven lendo un estudo sobre os Irmáns Vilar Ponte e a controversia política do tempo das Irmandades e o PG até o 1936. Canta melancolía!! As mesmas disputas entre eles, case as mesmas frases cruzadas duns para os outros, sempre nas mesmas!!. O caso é que á hora da verdade alí estaban todos a traballar polo mesmo e batallando contra o mesmo Estado español, contra os turnistas e os caciques.
Eles tiñan a súa lea entre os chamados “políticos” e o “apostólicos”, chamádelle se queredes os “pragmáticos” e os “ideoloxistas”. Antón Vilar Ponte acusaba aos “políticos” como Peña Novo –que chegara a ser concelleiro aquí na Coruña- de pensar máis “no ideal da vitoria que na vitoria do ideal” e os “políticos” laiábanse da lentitude con que discorre o proceso de liberación do país. E Vilar ensínalles a porta: “...os cobizadores de medro poden arredarse de nós a tempo (...) Quenes non teñan maior fe que os israelitas para atravesal-o deserto, recuen axiña”.
Cos principios a punta de bandeira dicía en 1922 “(...) namentras non se modifiquen as leises do Estado hespañol, as cortes de Madrid sonnos compretamente alleas. Nós somentes iríamos á unhas eleucións pra unhas Cortes galegas costituentes, que lle deran á Galicia a soberanía compreta”...
...Como sabedes Antón Vilar acabaría fundando a ORGA con Casares Quiroga seis anos despois e sería xa en 1934 cando se achegaría ao PG, con grande alborozo de Castelao e Bóveda.
Se comparamos aos Vilar Ponte e aos Castelao, nós somos da estirpe de Castelao, dos que optamos sempre pola autoorganización. Castelao, ademais, púxonos en garda fronte ás promesas e engados dos federalistas españois “de boquilla”. Con toda razón e as cousas non mudaron hoxe. Pero iso non é contradictorio coa decisión realista de Castelao, Bóveda e Vilar Ponte de facer unha alianza electoral táctica en 1936. Co obxectivo de sacar adiante o Estatuto.

Non faltan paralelismos entre aqueles anos 20-30 e os actuais, non só pola crise financeira do capitalismo liberal senón tamén a crise social e política, a extrema dereita, as guerras imperialistas, o anarquismo... E tamén polas viravoltas do nacionalismo.

Amigas e amigos,
Somos moito de tecer e destecer, unímonos e dividímonos con parello entusiasmo, pero este país precisa superar esa melancolía poética e embarcase na épica de tecer e avanzar.
Isto tentamos facer nestes tres anos, conscientes de que só avanzamos de verdade cando estivemos unidos. Como pasa noutras latitudes  e iso nos aprenden tamén os Escoceses, Irlandeses, Cataláns, Valencianos e Corsos. Uníronse e gañaron.

Estamos nunha situación moi delicada que ten raíces moi fondas e vén de anos.
É hora de repensar ferramenta e discurso.
Nestes anos fixemos cambios, hai que facer máis e máis profundos.
Non se trata de volver atrás, nin de recuperar un pasado que xa foi, nin máis clarificación nin máis contundencia.
Xa estamos clarificados abondo!! Aquí falta moito nacionalista que anda buscando un espazo acolledor.
Temos que priorizar absolutamente a causa que nos une: a liberdade de Galiza e o benestar do noso pobo. Deixar a un lado aqueles matices que nos diferencian.
Temos que vernos como compañeir@s en igualdade total de condicións.

Fai falta firmeza no obxectivo final, pero a partir de aí precisamos enriquecernos de matices e perfís diversos. Temos que apreciar SINCERAMENTE o positivo das diferenzas, das pequenas contradicións que nos fan máis humanos. Precisamos a flexibilidade do xunco, cintura, empatía e capacidade para compartir alianzas para sumar, “navegar de bolina” –como dicía Bóveda- e ir conseguindo obxectivos aínda que sexan modestos..

Perdemos moita xente e perdemos moitos votantes.
Hai que recuperalos e hai que buscar novos apoios.
Onde?: Sábeno ben os mariñeiros que van a marea: HAI QUE BOTAR AS REDES ONDE HAI PEIXE
Onde non hai, escusamos perder o tempo
Como?: con refundación e con alianzas
Temos que REFUNDAR! Niso seica estamos tod@s de acordo. Pero... non para retabicar e repintar, cos vímbios que xa están dentro. Necesitamos atraer nova xente, novas forzas para ampliar o proxecto. Máis que siglas, xente.
Temos que refundar, pero que tipo de organización nos pide hoxe a xente?
Temos que escoitar a nosa base social e responder con sinceridade.
Eu dígovos a miña fórmula: UNHA ÚNICA SIGLA, UNHA ÚNICA LEALDADE, UNHA ÚNICA DIRECCIÓN. (Leninismo puro!!!)

Temos que ampliar a base. Por onde anda hoxe a xente nova activa que quere mudar as cousas? Pois cara aí temos que apuntar o barco. Non para mudar de barco pero si para andar polo medio do caladoiro.
Temos que facer ALIANZAS. A cidadanía que quere mudanza entendeu que a fragmentación era unha trampa mortal e decidiu voto útil para tentar gañar a partida. Temos que escoitala!! Logo xa se verá se se dan as condicións.

Temos que saber ler o punto e hora da nosa loita. En cada momento temos que saber aceptar as prioridades acuciantes da nosa xente. Como dicía Pondal, “o caso está na ruda adversidade urxente”. Ese ten que ser o criterio. Mirar para o horizonte pero sempre cos pes na terra e as mans pegadas a xente que ten que acompañarnos nese longo camiño. Decía V.I.U. “un paso por diante pero só un paso”

Hai que combater esa idea de que o nacionalismo é un asunto identitario, coma se non tiver a ver cos problemas acuciantes da nosa xente. Nós ben sabemos que o nacionalismo é algo máis esencial: confianza nas nosas potencialidades, vontade de loitar polo futuro da xente dentro do noso país, polos intereses materiais da maioría, para compartir unha calidade de vida digna, sen precariedade, sen pobreza, sen emigración.

Esa é a realidade, pero o que conta en política é a PERCEPCIÓN da realidade, como di Joseph Brodsky. E a percepción da maioría da xente que quere mudar este país é que a soberanía, en Galiza, hoxe, está moi distante como para ser solución e fixa como prioridade mudar os gobernos e mudar as políticas. Vencer o PP e mudar as políticas neoliberais e recentralizadoras. Este é o punto e hora da nosa base social. Está dicíndonolo todos os días, dínolo nas urnas. Non podemos tapar os oídos e seguir co piloto automático.
O certo é que a longa hexemonía do PP é a principal ameaza para o país e o nacionalismo. Derrotar o PP é a prioridade en 2016, para frear a desfeita económico-social e a laminación do autogoberno, para elevar a conciencia nacional e avanzar cara a soberanía. Temos unha oportunidade única e temos que ser os primeiros en mover ficha para conseguilo. Por patriotismo, por responsabilidade co país e tamén por responsabilidade co noso propio proxecto. 2016 é un ano clave e temos que atinar.

Permitídeme rematar cunha nota persoal.
Elixístesme Portavoz Nacional hai tres anos. Foi unha honra e unha grande responsabilidade.
Non pelexei por vir, nin pelexei por quedar.
Fixen, fixemos, o posible por axudar a mudar cousas e algo avanzamos, na boa dirección, pero quizais foi algo tarde e insuficiente.
Toda a equipa de dirección fixo o que puido e máis.
Vós tamén. Grazas a todos e todas!!
De cara ao futuro, Non é cuestión de máis esforzo, non se pode pedir máis.
É cuestión de atinar na folla de ruta:
UN NORTE CLARO, UNHA ESTRATEXIA GRADUALISTA E FLEXÍBEL E UNHA TÁCTICA REALISTA E PRAGMÁTICA.

Compañeiras e compañeiros,
Son nacionalista, soberanista e de esquerdas dende moi noviño.    Coma moit@s de vós.
Daquela pensaba que os grandes cambios ían chegar axiña, con mobilización social ou insurreccións.
Con algúns aniños máis xa vin que isto era moito máis complicado.
Leva tempo, vainos levar tempo, e en democracia hai que conseguir o respaldo da xente.
O exemplo témolo á vista. Escocia e Cataluña son a lección máis poderosa: perspectiva histórica, 20 e 35 anos de autogoberno nacionalista, con moito traballo, tamén por abaixo, construíron paso a paso unha nación política, disposta a pelexar por un estado propio para voar libres.
Sen gobernar non hai saltos posíbeis. Non queda outra. Por iso temos que empezar por desaloxar canto antes a esa dereita hexemónica que esgana este pobo e lamina o noso autogoberno. Cun programa pegado ás necesidades da xente.
Eses son os primeiros chanzos para un longo percorrido cara a soberanía. Pode que eu non vexa o final pero traballarei con todas as forzas para cimentar os primeiros chanzos dun autogoberno nacionalista, para andar ese camiño paso a paso, para que a miña filla e o meu fillo, que teñen agora a idade que eu tiña daquela, eles si cheguen a vivir nunha Galiza ceibe, máis próspera e máis xusta.
Precisamos moitas máis mans. Farémolo, entre todas. Desde 2016.
Por eles, por vós e polas que han de vir

Viva Galiza Ceibe



...E agora a debater e acordar!

A Coruña, 28 de febreiro de 2016
XV Asemblea Nacional do BNG
Centenario das Irmandades da Fala



Corte realizado por Bibiana Villaverde para V televisión

Sem comentários:

Enviar um comentário