quarta-feira, 26 de outubro de 2011

Caixas: o prezo do silencio

Por fin esta semana tivemos algunha “información” sobre as idemnizacións e xubilacións dalgúns dos exdirectivos de Caixa Galicia e Caixa Nova. Xa puidemos comprobar a indignación e a ira que esas cifras escandalosas provocan nunha poboación esgazada económica e moralmente por unha crise interminable. O sorprendente, unha vez máis, é o estoicismo co que a sociedade recibe tais noticias, polo menos de momento.
Aínda que poida parecer irrelevante diante da magnitude do escandalo levantado compre sinalar tres constatacións obvias. A primeira é que non as coñecemos por un exercicio de transparencia nin da propia entidade, nin do Banco de España nin da Xunta de Galicia -que por imperativo legal tiñan que coñecelas-, senón que nos chegan por filtracións en determinados medios. A segunda é que, como consecuencia do anterior, non sabemos se as cuantías filtradas son as reais ou aínda quedan sorpresas. E, terceira, non sabemos das demais, tanto dos outros exdirectivos de menor rango que tamén recibiron “premios” importantes, nin tampouco temos información dos contratos e plans de xubilación dos que aínda seguen sendo directivos da entidade neste momento.

sexta-feira, 21 de outubro de 2011

Caixa: espolio sen responsabilidades

Cando algúns denunciamos a estratexia bancarizadora das caixas como un espolio do país mal podiamos imaxinar que a envergadura do espolio ía ser deste calibre. Case do cento por cento. O FROB-Banco de España toma o control absoluto do novo banco NCG (93%) coa inxección de 2.465 millóns de euros, quedando a participanción da Caixa NCG tan só nun 7%. Iso é o resultado dunha valoración do capital da NCG por un 10,56% do seu valor contable (1.714 millóns).

Palestina e a dignidade

O mundo enteiro saudou onte a presentación por parte do presidente da Autoridade Nacional Palestina da solicitude de estado de pleno dereito. Os aplausos na ONU foron abrumadores e son, de seguro, compartidos polos corazóns da práctica totalidade dos seres humanos que hoxe habitan este planeta. Mesmo moitos xudeus comparten esa petición. Porén, e este é o primeiro paradoxo dun mundo impostado, os medios dirán inmediatamente que “a comunidade internacional” non acepta unha declaración “unilateral” de independencia. Estados Unidos e Israel dirán que non e xa todos os demais teremos que entender que esa é a “comunidade internacional”.

Colgados do teito de gasto

A crise prolóngase e enquístase, o que significa que canto máis tempo dura esa situación maior é o sufrimento para unha amplísima parte da poboación e máis dífícil vai resultar crear as condición para unha recuperación económica. Entretanto, o debate político-económico segue ocupado por actores dunha auténtica ópera bufa. Nunha situación na que o país debería ter xa implementado políticas de alcance para atallar os problemas básicos que están detrás da crise actual, os dous grandes partidos estatais empéñanse en entreter a cidadanía cun circo ao redor de propostas absolutamente irrelevantes. O camiño para a saída da crise non está en lexislar o déficit cero nin en encherse a boca falando dun imposto do patrimonio superdevaluado que, asi formulado, apenas ten capacidade recadatoria.

Colaboración público-privada

As consecuencias da limitación constitucionalizada do déficit e da débeda son múltiples e de gran calado. Non tanto para atallar os problemas da crise actual como de mudanza –en realidade radicalización– do modelo neoliberal. Quixera destacar hoxe dous aspectos: por un lado, a utilización do corsé para lexitimar diante da cidadanía cambios de prioridades, con drásticos recortes en determinados capítulos de gasto ao tempo que se manteñen e aumentan silandeiramente outros; por outro lado, reforzaranse mecanismos perversos de execución do gasto que entregan o orzamento público ao negocio privado.

Gran para moer, gran para sementar

Estamos no mes da sega. Isto semellará raro aos urbanitas que non tiveron a sorte de vivir un mundo no que os meses estaban popularmente rebautizados de acordo coa festividade máis sobranceira (mes de san xoán, mes de santiago, mes de santos, mes de nadal) ou pola súa significación no ciclo das colleitas (mes da sega, mes da vendima). Eran outros tempos; tempos nos que as celebracións festivas, asimiladas pola Igrexa católica ao seu santoral, e os ciclos naturais do traballo agrícola marcaban a vida da inmensa maioría do país. Eran tempos nos que ninguén podía permitirse a lixeireza de esquecer o esencial.

Sen redistribución non hai saída

A crise non colleu vacacións, os especuladores tampouco. A profunda crise vai tronzando un a un todos os parapetos erguidos para salvagardar a fortaleza neoliberal. Os gobernos erixíronse en prenda da crise da enorme burbulla de débeda –sobre todo privada- que o crash de 2007-08 deixou ao descuberto e agora, cunha lóxica de manual de estratexia militar, van caendo un tras outro, do máis pequeno e fráxil ao máis grande e poderoso. Todo o que se fixo desde aquela foi mudar a débeda de sitio, poñela ao lombo do conxunto da cidadanía e manter no esencial as mesmas regras de xogo que lle garanten aos fondos e bancos plena liberdade de movementos, para especular á velocidade da luz.

Os medios colaterais

Escrebo estas liñas nun agosto singularmente neboento ao pé do monte Pindo, encastrado no Castro de Miñarzo, nesa punta de Lira exposta a todos os ventos e vendavais, quer o infatigable nordés quer a metrallante treboada do sur. É un punto que non está criado para as comodidades senón para aprender a gozar da beleza infinita reservada aos que non devecen polo sol que máis quenta. Nestes días aprecio ademais esa estratéxica posición do castro de Miñarzo, chantado case no medio do océano, posto xusto aí como vixía para que ningún inimigo nos pillase desprevidos. Nin os peores ventos nin as imprevisíbeis ameazas do mar aberto son quen de arreguizar estas xentes.

A patria, a rúa e as institucións

Non é preciso ser un avezado economista para comprender que Galiza afronta un escenario económico particularmente incerto, como corresponde a un momento de cambios profundos. Pero non é esa a principal ameaza que pendura sobre o noso futuro.
O auténtico motivo de preocupación é a ausencia de estratexia para facer fronte á situación ou, peor aínda, a cada vez máis clara evidencia de que as institucións están a sufrir un esvaecemento acelerado das competencias e capacidades para dar resposta aos retos que como sociedade temos diante.

Os economistas e a eurocrise

Algúns economistas –máis dos que parece– levamos manifestando o completo desatino da resposta do G-20 e da UE á crise que estourou en 2007-08. Os resultados están a vista. Case catro anos despois, no canto de levantar cabeza resulta que o foxo vai facéndose máis grande cada día. A crise afectaba a aspectos máis esenciais do que o establishment quixo admitir pero, sobre todo, as malas respostas acaban facendo que as solucións sexan cada vez máis estreitas e, continuando co mesmo patrón, as medidas son cada vez máis agresivas e os efectos máis graves.

O cemento do Bloque

Son tempos de crise e tempos de remuda. A profunda crise social e política que abrolla detrás da crise financeira muda moitos dos parámetros que definían a loita política hai tan só uns anos atrás. A dialéctica dunha burbulla financeira expansiva que aumentaba as desigualdades pero xeraba a ilusión de progreso e enriquecemento rebentou e deixou paso a un panorama sombrizo, cargado de ameazas que atinxen as febras máis sensíbeis dunha poboación que vive a crúa realidade da exclusión. Unha sociedade acostumada a que as estresantes tensións das mutacións estruturais acababan sendo amortecidas por mecanismos compensatorios dalgún tipo empeza a confrontarse á certeza de que desta vez as forzas que pilotan o sistema, que pilotan Europa ou o Estado español, xa non sosteñen o compromiso da inclusión e a cohesión.

O paro da austeridade

O obxectivo do bo goberno é gastar o menos posible ou aumentar o benestar da poboación? Á vista da atordoante pauliña sobre a austeridade no gasto público que o discurso neoliberal quere converter en dogma de fe incuestionable, cómpre colocar esa pregunta tan elemental antes de abrir calquera debate de política económica.
Calquera entende que o obxectivo dun goberno debe ser evitar o despilfarro de recursos dun país. E calquera entende tamén que non hai maior desbalde que desaproveitar os recursos humanos do país. O paro é o máis grave despilfarro que pode padecer unha sociedade e o estadio máis dramático para un individuo san e preparado nunha sociedade na que o traballo e o ingreso son a condición para a liberdade e a autoestima.

Austeridade ou radicalización?

Envoltos no turbillón da crise corremos o risco de admitir como receitas medidas que en realidade son a causa dos problemas. Detrás das urxencias asfixiantes que se aducen para presentar como inevitables os recortes drásticos nos servizos públicos agóchanse a miúdo outras razóns que teñen máis que ver con opcións políticas de fondo.

15-M, mercados e Pacto do Euro


Acúsase ao movemento 15-M e aos acampados das prazas de non ter sido quen de ofrecer solucións ben trabadas á crise económica e á crise política; acúsaselles tamén de caer vítimas dun asemblearismo anarcoide e carecer de voceiros e interlocutores representativos cos que poder dialogar. Esas son as dúas razóns aducidas para xustificar o autismo das institucións e dos partidos maioritarios.

"Latinoamericanización" de Europa


O círculo vicioso dexenerativo no que está metida a economía europea evoca cada vez con máis clareza o dramático proceso vivido polo continente latinoamericano na década dos noventa. Sometidos aos criterios dos grandes bancos internacionais e ao decálogo de reformas do FMI para facer fronte aos problemas da débeda externa, todos os países LA acabaron mordendo o po nunha espiral recesiva sen fin: destruíron o seu  modesto Estado do Benestar, desregularon, privatizaron todas as empresas e servizos públicos, reduciron salarios, destruíron o mercado interno e o sistema produtivo e dispararon o paro, a economía informal e a marxinalidade.

As prioridades dun virreinato

Máis alá da comprensible satisfacción por ser o ­menos castigado nas últimas eleccións, o certo é que resulta preocupante a conclusión que delas estrae o presidente da Xunta. Vemos un presidente ufanarse dun grande éxito que, segundo el e os seus, refrendaría a política seguida até agora –até o punto de os máis aduladores falar de “efecto Feijóo”. Desde a perspectiva dunha análise desapaixoada da situación e da realización dos últimos dous anos produce verdadeiro pavor pensar que a lección sacada destas eleccións é que a Xunta debe seguir como até agora.

Hai alternativa ao malestar

Tardou pero chegou. Despois dunha profunda e prolongada crise económica e social tiña que chegar a crise política. Relativamente informe e proteica pero rebentou. Non nos pode coller por sorpresa. Nin tan sequera o momento. Que momento máis oportuno que unha campaña electoral na que os dous grandes partidos se empecinaron en ocultar propostas e programas, fixeron da mascarada e os fogos de artificio colaterais o eixo das súas campañas. Diante dunha situación tan grave, indigna o cinismo masivo dunha política que se reduce a discursos vacuos con verbas aceiradas. Todo o mundo percibe que hai programas ocultos pero que se intenta ocupar o poder sen explicitalos con clareza.

‘Hooligans’ e ‘zombies’

Resulta rechamante o cariz que foi collendo o debate
político. Arroiados pola crise económica máis profunda vivida pola poboación nacida despois dos anos 50, vemos que os dous grandes partidos insisten en centrar toda a súa artillería dialéctica en temas colaterais. Esta é a campaña das sospeitas: sospeitas de terrorismo, de complicidade con, de pactos con; cuestionamento de dereitos civís a cidadáns libres; sospeitas sobre os tribunais que non obedecen ao ditado; sospeitas de corrupción...

Goberno anano, goberno de ananos

Os dados de paro, consumo e investimento do último trimestre revelan, unha vez máis, o fracaso das políticas chamadas de austeridade que, como vimos denunciando desde hai ben tempo, son pro-recesivas e pro-estancamento. Galiza alcanza o récord dos 226.000 parados na EPA (os rexistrados son xa 250.000); 26.000 máis que hai un ano, mesmo perdendo outras 4.500 persoas en idade activa. Xa poden retorcer as cifras e facer as comparacións que queiran que iso nin alivia nin permite ocultar o estrepitoso fracaso das políticas quer do Goberno Central quer da Xunta de Galicia.

Telefónica e o neoliberalismo

A avalancha de noticias que foron saíndo estes días sobre Telefónica é un bo exemplo do alcance destrutor do modelo de capitalismo no que estamos instalados. Non é un caso singular ou illado senón que é o espello no que podemos ver retratado o mundo ao que conduce a deriva do capitalismo neoliberal.
Convén empezar recordando que Telefónica foi durante décadas ­unha empresa pública, con implantación tamén en Latinoamérica, que se foi privatizando por tramos até a definitiva entrega por Aznar ao inesquencible Villalonga en 1997.

Portugal, ¿rescate ou afundimento?

Unha das habilidades máis prezadas dos estrategas do adoutrinamento é a coidadosa elección das palabras para cualificar as cousas e as políticas. Xa o sabía ben Lewis Carrol cando lle facía dicir a Dumpty Humpty aquelo de “a cuestión é saber quen é o amo aquí, iso é todo” en resposta á inxenua pregunta de Alicia sobre a súa capacidade para darlle significados tan arbitrarios ás palabras. Tamén o bordou Orwell naquela obra mestra sobre a consagración da mentira e a inversión da linguaxe como instrumento da dominación da mente dos súbditos por parte da máis abominable das dictaduras.

Emilio Botín "for president"

Botín está desatado e non lle faltan motivos. A última perla foi esa fachendosa proclamación diante do auditorio da Universidade Pontificia de que “destacamos –o Banco Santander– como gañadores na recente crise económica e financeira mundial”. Podería parecer un pouco botaporela pero para que non houbera dúbida púxolle números á súa afirmación: 35.000 millóns de euros de beneficio neto nos catro últimos anos. Case outro tanto coma os orzamentos da Xunta de Galiza neses catro anos. Hai que recoñecer que non está nada mal.

Derradeira elexía polas Caixas

Cando un está diante dun paso irreversible do alcance que significa entregar –ou que entreguen por nós– unha entidade financeira cuxos activos equivalen a 1,5 veces o PIB de Galiza, con máis de 2,5 millóns de clientes, 23.250 pemes, 140.000 microempresas, 132.000 autónomos, participando no capital dunhas 250 empresas... Non se pode máis que sentir unha profunda sensación que mestura vertixe, decepción e carraxe a partes iguais.

De Fukuyama a Fukushima

Hai xa dúas décadas que Fukuyama publicara aquel best seller titulado O final da historia. Seica a caída do muro de Berlín supoñía o final da loita de clases e o triunfo definitivo do capitalismo, combinando mercados liberalizados e a privatización da ciencia e a tecnoloxía supeditadas á maximización dos beneficios.
A ideoloxía que sistematizaba Fukuyama impregnou as políticas, regras, rutinas e ideas que dominaron o mundo neoliberal até hoxe.

Galiza non se pode abster

Xa coñecemos o peso da folla da guillotina coa que se vai decapitar a caixa coa que nos quedamos despois de que ataran man con man as dúas que tiñamos coa promesa de que era para unilas: 2.622 quilos de euros. Se acepta un cambio de sexo, de caixa a banco, entón poden rebaixar o peso até 1.527.
Cada vez somos máis os que percibimos que o proceso de desmantelamento das caixas é unha das decisións de maior alcance político e económico da última década, despois da entrada no euro. Éo nun duplo sentido: é un punto de inflexión no modelo territorial-autonómico e no modelo socio-financeiro.

O poder e a fatalidade

Contrariamente ao que acontecía nas traxedias gregas, nin os deuses nin o destino teñen boa prensa para xustificar as desgrazas nin as decisións dos poderosos. Porén, os cidadáns seguimos sentindo as decisións importantes dos nosos gobernantes como un lonxano reflexo das razóns argüidas. É tal a distancia entre os argumentarios infantiloides ou infantilizantes dos gobernantes e as causas reais das súas decisións que non queda máis remedio que pensar que hai forzas oscuras ou inconfesabeis.

Para que serve a autonomía?

Son moitas as cousas que están a acontecer que obrigan a repensar o que deu de si o sistema autonómico ou quizais de xeito máis dramático que é o que queda del, da súa letra e das súas promesas. Non o digo unicamente polo feito de que a dereita estea desatada no seu ataque ás autonomías como expresión da desvertebración de España, do dispendio insostible e da inviabilidade do Estado. Non o digo polo feito de que a dereita que nunca se apeou dunha idea cerrilmente centralista e cateta de España se destape agora con toda a radicalidade que verbaliza Aznar e todo o seu inmenso coro.

Por que se (nos) suicida o PSdeG?

Atracar un banco é delito. Atracar unha caixa non, coa única condición de que se faga ao grande e cun lexislador obediente á beira. Pode parecer unha brincadeira pero, poñendo a un lado toda a farrapada seudotécnica, é o que estamos vivendo en directo.
Cunha firmeza digna de mellor causa, o Goberno Zapatero acaba de aprobar o decreto lei que pon as condicións leoninas necesarias para forzar ás caixas a autoliquidarse, bancarizarse e entregarse a fondos de investimento e bancos españois ou foráneos.

Emprego, salarios e políticas

Nos tres últimos anos Galiza perdeu 100.000 empregos netos, aumentou 107.000 parados e nos últimos dous mesmo perdeu activos. A prolongación da destrucción reflicte o fracaso absoluto das políticas postas en marcha nestes anos. As españolas e as galegas, porque neste sentido carece de fundamento ese xogo floral destes días no que Feijóo culpa a Zapatero e o PSdeG culpa a Feijóo. O problema real é que son exactamente a mesma política, centradas en atender ao recorte do gasto e dos servizos públicos –cada un nos seus–, reducindo impostos ás rendas altas –o central Patrimonio e Sociedades e a Xunta o de transmisións patrimoniais–, aumentando os prezos dos servizos básicos que dependen de cada un deles –o central a electricidade e a Xunta a auga.

Aprender de Merkel, non obedecer

Coa visita de Angela Merkel a España escenificouse a submisión á política económica dictada por Alemaña, convertida na política da UE. O problema é que as políticas que se lle impoñen á periferia europea non son as que funcionan en Alemaña senón as que benefician a Alemaña, á súa banca e á sua industria. Peor aínda, os que aquí aplican as receitas tratan de vendernos que as medidas que se están a adoptar son as correctas porque son as que funcionan en Alemaña. Como ocorre nestes casos, para que iso pareza verosimil, cóllense os nabos polas follas, construíndo algúns estereotipos a partir de aspectos parciais e mesmo falseados da realidade e a política alemá.

Golpe á autonomía, espolio á sociedade

Resulta comprensible que os que acreditaron nas razóns esgrimidas polo Goberno e o Banco de España para impulsar as fusións se sintan agora burlados. Provocan tenrura os argumentos tecidos coas virtudes do tamaño, garantía de solvencia, superación dos localismos miopes, visión de futuro... Unha vez cerrada en prazo a primeira fase –antes de fin de ano– deciden lanzar a segunda e definitiva fase de desmantelamento das caixas, con novos argumentos. Facendo abuso das súas competencias e ignorando as competencias autonómicas impoñen unhas condicións ostensiblemente arbitrarias cuxa única razón é obrigar a bancarización. O que vemos estes días evidencia que a fusión era tan só un paso táctico e o auxilio do FROB unha trampa, como algúns denunciamos desde o inicio.

Unha folga para gañar o futuro

Existe algo peor que a crise financeira. O peor é o derrotismo e a resignación. O peor é a sensación de derrota preventiva que os causantes da crise queren instalar no corpo social, para que os que nada real gañaron nos anos de exuberancia financeira acepten resignadamente o seu rol de perdedores eternos. Perdedores non só a curto prazo en forma de sacrificios salariais e impostos indirectos (IVE, tabaco, carburantes, enerxía) senón con “reformas estruturais” que os converten en perdedores por moito tempo (reducción das pensións, elevadísimos xuros de débeda a longo prazo, compromiso de pago de rendas e regalías por décadas aos inversores privados que participan na construcción de hospitais, camiños de ferro, autovías, etcétera).

Caixas e sucursalismo

Todo indica que estamos entrando no segundo round do asalto ás caixas de aforros. Todas as trompetas do xuízo final claman pola “urxente”, “imprescindible” e “inevitable” bancarización. Botín e seus non desperdician ocasión para impartir consigna. Os informes periódicos dos grandes bancos e das axencias de calificación tampouco. Os últimos os da UBS, Nomura e Moody’s. Os medios afíns e a prensa económica, propiedade dos grandes grupos, preparan o terreo cunha insistente campaña de acoso ás caixas, ao tempo que silencian a magnitude dos problemas existentes no sector bancario, que non son menores aos das caixas.

Para renovar o crédito de Feijóo

Entramos no 2011 con tres longos anos de crise ás nosas costas, dous deles gobernados por Núñez Feijóo. Fomos vivindo as sucesivas fases dunha crise estrutural na que novas dimensións desta vanse engadindo ás anteriores, antes de que as primeiras atoparan solución. Ao inmobiliario foi engadíndose a crise do crédito, a financeira, a da demanda, a recesión da economía produtiva e o paro, a crise fiscal do estado, a da débeda pública e todo apunta a que neste ano imos vivir unha profunda crise social e política.

Feijóo e o noso futuro

Para moitos políticos o discurso da innovación, a educación, a economía do coñecemento non é moito máis que iso, un discurso. Un discurso que, por estar de moda, serve para declarar que el tamén está ao día, é moderno e pensa no futuro. Non coñezo ningún que tivera o atrevemento a poñer en causa ese tipo de ideas, cando menos en público. Cousa ben distinta é o que se observa ao cotexar a acción de goberno e as prioridades reflectidas nos orzamentos.