sexta-feira, 21 de outubro de 2011

15-M, mercados e Pacto do Euro


Acúsase ao movemento 15-M e aos acampados das prazas de non ter sido quen de ofrecer solucións ben trabadas á crise económica e á crise política; acúsaselles tamén de caer vítimas dun asemblearismo anarcoide e carecer de voceiros e interlocutores representativos cos que poder dialogar. Esas son as dúas razóns aducidas para xustificar o autismo das institucións e dos partidos maioritarios.
Certo que esa forma de organización e o feito de que o propio movemento se considere en proceso de madurecemento non facilita a interlocución pero resulta aínda máis certo que non houbo ningunha tentativa por parte do goberno central ou dos autónomos de ir ao seu encontro.
En todo caso, nin a desculpa da atomización, nin o asemblearismo poden xustificar o autismo institucional. Os chamados mercados son ben máis opacos, anónimos e desconcentrados e, en cambio, non hai dificultade para captar as súas mensaxes e mesmo para obedecelos ao pé da letra.
O movemento dos cidadáns anónimos, dispersos ou concentrados nas prazas, ten mensaxes ben nítidas. Mesmo formuladas por escrito en forma de táboas reivindicativas. O problema non é que se resistan a elixir voceiros cos que falar, o problema real é que non se queren escoitar e entender. A súa mensaxe é xustamente a antítese e a negación dos mercados. Son as voces dos cidadáns atomizados que se enfrontan ao poder económico concentrado e escondido detrás dos grandes fondos de investimento e dos grandes bancos. As institucións políticas, os grandes partidos do poder escolleron bando. Todo o poder para os mercados, oídos xordos para a cidadanía. De aí a indignación.
Algúns apóñenlles que as súas reivindicacións son algo naïfs ou utópicas; desde logo non máis naïfs que crer que poñendo todo ao servizo das finanzas vaia fortalecerse algún día o sistema produtivo. Os gobernantes e os dirixentes políticos dos grandes partidos parecen crer que a súa responsabilidade “histórica” é obedecer as demandas das grandes finanzas (até vender como “éxito” –Feijóo dixit- a entrega dunha caixa de aforros a fondos americanos). Definitivamente, non son conscientes da envergadura das consecuencias. As demandas das finanzas, que se plasman hoxe no chamado Pacto do Euro, supoñen tal debilitamento da capacidade produtiva en toda a periferia europea e tal debilitamento da demanda e dos servizos públicos que condenan a boa parte da poboación europea á exclusión completa e a outra parte a un retroceso vertixinoso do seu nível de vida e, sobre todo, a un negro panorama para a súa vellez e o futuro dos seus fillos. O desmantelamento dos servizos do benestar, o ensanchamento da fenda das desigualdades e das bolsas de pobreza só pode traer consigo o esborroamento das institucións que pilotan o sistema, poñendo en grave perigo o futuro da democracia e, desde logo, a calidade da mesma.
Pasado un mes de acampadas sen ofrecerlles ningunha interlocución, esa xente nova –tratada con certa condescendencia como inxenuos e simpáticos- decide “expansionarse” e ir directamente ao encontro das institucións e dos responsábeis políticos. Entón xa non poden ignorarse nin despacharse con declaracións de cínica simpatía e empeza a construírse o discurso da demonización, erguendo a pantasma da violencia.
A mensaxe de fondo dese movemento espertou simpatía nunha grande parte da poboación; a súa frescura e orixinalidade facilitoulle un tratamento mediático que lle permitiu romper certas barreiras que agarrotan ás organizacións políticas e sindicais que viñan erguendo a bandeira anti-neoliberal. O reto dese movemento, agora que o tratamento mediático vira cara á súa estigmatización, está en ser quen de, sen perder frescura, abrir pontes de colaboración con todas as demais forzas sociais e políticas coas que comparten obxectivos fundamentais para erguer un amplo e plural movemento de contestación á terceira e agresiva onda de “reformas” neoliberais aquí e en toda Europa: o Pacto do Euro.

Sem comentários:

Enviar um comentário