Máis alá da comprensible satisfacción por ser o menos castigado nas últimas eleccións, o certo é que resulta preocupante a conclusión que delas estrae o presidente da Xunta. Vemos un presidente ufanarse dun grande éxito que, segundo el e os seus, refrendaría a política seguida até agora –até o punto de os máis aduladores falar de “efecto Feijóo”. Desde a perspectiva dunha análise desapaixoada da situación e da realización dos últimos dous anos produce verdadeiro pavor pensar que a lección sacada destas eleccións é que a Xunta debe seguir como até agora.
Para empezar resulta discutible considerar refrendada unha xestión cando desde 2009 a hoxe o PP perdeu en Galiza 51.000 apoios; só encubertos porque o PSOE perdeu 72.000. O BNG respecto ás autonómicas perdeu uns 8.000. Como di o refrán, no país dos cegos o chosco é o rei. Outra cousa é que resulte sorprendente que despois da xestión feita na Xunta ao longo destes dous anos o castigo non fora maior. Nese sentido, cabe consideralo un éxito da persistente campaña do PP e, en particular do presidente Feijóo, de atribuír toda a responsabilidade dos problemas ao Goberno central e eludir as propias.
En termos electorais parece que esa estratexia puido funcionar pero en termos institucionais significou unha continua devaluación e descrédito da autonomía como sistema de autogoberno. Nese sentido, o chosco máis que rei confórmase con ser un virrei. Pero pasadas as eleccións os problemas seguen aí e os galegos temos dereito a que o noso goberno asuma as súas responsabilidades para buscar algunha saída ao sector naval, ao pesqueiro, ao agrario, impulsar de verdade novas actividades, etcétera. Para iso cómpre estabecer prioridades e viría ben reconsiderar as que veñen de atrás. Por exemplo, como é posible que despois da crise non se renegociaran as prioridades establecidas nos Fondos Europeos, definidas aló por 2005? Como non se redefinen para os anos que aínda seguen vixentes?
No canto de seguir con obras millonarias de escaso interese social (autovías a ningures, desdobres prescindibles, etcétera) sería o momento de repensar a fondo as grandes prioridades. Pero calquera se atreve falar de prioridades cando vemos como se xestionan as axudas a empresas. Resulta moito máis que escandaloso que nun período de penuria de crédito para as empresas realmente innovadoras, o Igape desbalde parte dos seus recursos en subvencións e créditos fraudulentos, a empresas que comercian con crecepelos e cuxa innovación máis importante é a enxeñería societaria e a verborrea sobre a innovación. Neses casos si estaría ben aplicar a doutrina da austeridade, pero xa imos comprendendo que ese discurso é apenas un argumento para negar o diñeiro a quen non interesa e poder regalalo a mancheas aos amigos. Non se constrúe un país tirando o diñeiro público entre as redes clientelares e os favoritos. Isto, ao final, é unha das grandes diferenzas entre os países que progresan e os que quedan atrás.
Aínda por riba, unha visión puramente instrumental da democracia leva a Feijóo á frivolidade de creer que uns poucos votos máis que os dous seguintes no ranking xa lle dan o apoio da maioría da sociedade e patente de corso para facer –ou desfacer– o que lle veña en gaña e situarse por riba das mínimas regras morais e de responsabilidade que se lle esixen a calquera servidor público –que cómpre non confundir con servirlle o público en bandexa aos amigos. Ese é xustamente o tipo de comportamentos contra os que se erguen os mozos e mozas acampados nas prazas, porque perciben que con esa máscara de democracia é o seu futuro o que está en xogo. O seu posto de traballo, o seu benestar e a súa dignidade. Esas deberían ser as prioridades dun gobernante e non gastar todas as enerxías na política de representación, regueifa e control. Pensando xa nas vindeiras, nas que o virrei se pon ao servizo do seu rei.

Sem comentários:
Enviar um comentário