O círculo vicioso dexenerativo no que está metida a economía europea evoca cada vez con máis clareza o dramático proceso vivido polo continente latinoamericano na década dos noventa. Sometidos aos criterios dos grandes bancos internacionais e ao decálogo de reformas do FMI para facer fronte aos problemas da débeda externa, todos os países LA acabaron mordendo o po nunha espiral recesiva sen fin: destruíron o seu modesto Estado do Benestar, desregularon, privatizaron todas as empresas e servizos públicos, reduciron salarios, destruíron o mercado interno e o sistema produtivo e dispararon o paro, a economía informal e a marxinalidade.
O que sorprendía aos analistas políticos naquel momento era como, con ese panorama, as axendas neoliberais eran refrendadas elección tras elección por unha poboación rendida a uns poderes que parecían supremos e que dictaban aos partidos oficiais programas idénticos. Non había elección, podían escoller entre un neoliberalismo do consenso de Washington pura raza ou de palleiro, pero as receitas eran sempre as mesmas. Como recordaredes, a maioría da poboación asumiu a derrota, unha parte confiante na promesa de que o sacrificio temporal acabaría traendo un brillante porvir, outros simplemente situándose á marxe, no económico e no político. Parecía un círculo fatal no que a poboación semellaba facerse cómplice dunhas políticas neoliberais devastadoras. Tanto era así que a “pragmática esquerda” institucional, abafada por un presente que parecía interminable, pareceu entender que tiña que entrar polo aro se non quería perder a opción de chegar ao goberno.
Foi un ciclo relativamente longo que deixou devastada a economía –e as sociedades- de case todos os países da rexión até que xa non quedaba máis por privatizar nin máis sistema produtivo por destruír. As desigualdades nese proceso fixéronse abismais; os ricos deses países eran os mellores clientes dos hoteis e resorts 5 estrelas de todo o mundo, ao tempo que a miseria, a fame e a violencia se apoderaba de capas cada vez máis amplas da poboación hacinada en ranchiños, favelas e descampados.
Cando xa non quedaba máis para destruír nin máis esperanza que vender a crédito entón a cidadanía empezou a reaccionar; os novos movementos sociais, sindicais e políticos levaron por diante un tras outro os gobernos e partidos corruptos que conduciran aquel prolongado desastre neoliberal. Primeiro foi Venezuela pero logo viñeron outros, Brasil, Arxentina, Bolivia, Ecuador, Nicaragua, Uruguai, Paraguai e, agora, Perú. Co trunfo de Humala no Perú pode dicirse que o continente pecha o ciclo neoliberal.
Naquela época dicía o amigo Christian Palloix que son os países do Terceiro Mundo os que amosan o camiño do futuro aos países desenvolvidos, en contraposición á coñecida expresión de optimismo histórico de Marx. Pois, polo que parece, nesas andamos.
Europa, a do euro e a dereita neoliberal, entrou hai xa algúns anos nese proceso de declive, no que a hexemonía das finanzas ven impoñendo unhas políticas desreguladoras, privatizadoras, de liberalización comercial e deslocalización do tecido produtivo que están a conducir a un prolongado estancamento e ao desmantelamento do modelo social, a beneficio dunha reducida minoría. O caso da periferia europea, desde Grecia, Portugal, España até Eslovenia ou Lituania é a expresión dese círculo vicioso de destrución do sistema produtivo e dos servizos públicos.
Ao igual que pasara durante un longo período en LA, os partidos políticos do poder establecido e a gran masa do electorado –derrotada e sen entusiasmo- déixanse levar polas directrices marcadas polo poder financeiro. As eleicións de Irlanda, Portugal ou España evidencian que moitos europeos aínda están dispostos a obedecer e a sufrir algo máis. A reacción chegará –seguro- como xa anticipan as masivas mobilizacións gregas ou as do 15-M, tan só cabe agardar que non sexa preciso chegar ao fondo do pozo como lles pasou aos irmáns latinoamericanos.
Sem comentários:
Enviar um comentário