Vaian por diante catro consecuencias inmediatas: producese unha “estatalización” completa do novo banco, ben é certo que non como estadio definitivo senón para logo entregalo a investidores privados; o peso da caixa NCG no banco recén creado será marxinal, perdendo todo control sobre a súa estratexia futura; de acordo coa lei, ao representar menos do 15% a caixa deberá converterse nunha fundación; a obra social da caixa ou fundación, que se nutriría do reparto de dividendos, quedará reducida a un monto que no mellor dos casos será un 5% do que foi en 2008.
O primeiro feito rechamante que nos deixan
eses dados é o descubrimento da elasticidade do sistema contable. Os colegas
contables e aditores teñen unha árdua tarefa por diante para facer entender á
sociedade –e aos economistas tamén- como é posible que unhas contas,
debidamente auditadas, supervisadas polo Banco de España e –suponse- pola
Consellería de Facenda, que o ano pasado se someteu a unha “due diligence”
previa á fusión... acaben tendo unha folgura tal que 1.714 millóns de euros
sexan transmutados en 181 millóns. Podemos admitir certa subxectividade na
aplicación de certos criterios de prudencia ou de ponderación dos riscos
futuros. Pero pasar de 10 a 1 resulta tan excesivo que habería que ir pensando
nun novo sistema contable. Nun elemental exercicio de transparencia merecemos
unha explicación por parte de todos os implicados. De todos: os executivos, os
auditores, a Xunta e o Banco de España.
Si, por acaso, os xestores e supervisores se
confabularon para facer ese tipo de contabilidade creativa estariamos diante
dun escándalo no que a fiscalía anticorrupción debería obrar de oficio. Se,
pola contra, esa infravaloración tan temeraria forma parte dos “incentivos” cos
que o Banco de España quere “atraer inversores privados” entón todos os demais
deberian –deberiamos- sublevarse de contado. Tanto nun caso coma noutro, a
Xunta e o Parlamento de Galicia, teñen a obriga ineludíbel de esclarecer todo o
acontecido ao longo deste proceso e, no seu caso, poñer en mans da fiscalía e
dos tribunais toda a información. En todo caso, non é concebible que un espolio
deste calibre pase sen pena nin gloria, sen un só responsable político
dimitido, sen un só directivo penalizado. Para empezar, nin tan siquera
coñecemos cantos recursos da entidade de todos foron destinados ás
idemnizacións, contratos blindados e xubilacións de ouro dos directivos
“prexubilados”.
Máis alá do escándalo numérico é o momento de
facer balance, valorar as consecuencias e deseñar unha estratexia de futuro que
evite a desfeita definitiva, cuxas consecuencias non é alarmismo calificar de
catastróficas para o futuro de Galicia, dos galegos e da nosa economía
produtiva. Agora xa sabemos que a fusión foi unha trampa mortal que agrandou o
tamaño dos problemas e fixo máis difícil e costoso calquera estratexia de
quedarmonos cando menos con unha das caixas que tiñamos hai tan só un ano. Os
erros teñen consecuencias e queda claro que a filosofía pedestre de “burro
grande ande ou non ande” non é unha gran consigna.
O caso é que este espolio final da
Novacaixa-banco é o feito económico-financeiro máis importante das últimas
décadas e polo alcance das súas consecuencias podemos afirmar que é dos feitos
máis relevantes no eido político. Este feito pode facerse irreversible, a menos
que a Xunta de Galicia e outras institucións den os pasos necesarios para
negociar co Banco de España unha estratexia de futuro que evite a súa entrega a
prezo de saldo a fondos privados. Unha vez que se deu o paso da
nacionalización, con infravaloración do capital propio, a única saída
respetuosa cos intereses de Galicia e dos contribuintes é que o novo banco siga
sendo indefinidamente público pero onde a representación pública sexa asumida
nunha porporción maioritaria por representantes designados polos poderes
públicos de Galicia -¿ou nós non contribuimos ao FROB?-. Non só da Xunta senón
dunha representación máis ampla dos intereses do país. Non para ser unha correa
de transmisión directa dos dictados do poder político de cada momento senón
para garantir un exercicio profesional independente que responda aos intereses
máis xerais da sociedade.
A ausencia de pasos nesta dirección por parte
da Xunta de Núñez Feijóo revela a súa aceptación dun desenlace fatal,
evidenciando unha pasividade e entreguismo que marcará a fogo esta lexislatura,
pero o máis grave e transcendental é que todo iso mudará de xeito substancial
as potencialidades do desenvolvemento do país no futuro e a capacidade das
institucións de autogoberno para impulsor e orientar ese desenvolvemento.
Agora que Alemaña é un facho de virtudes para
todo sería o momento de tomar nota da eficacia e pragmatismo do modelo alemán,
onde ao lado da gran banca global existe unha inmensa rede de 410 caixas-bancos
públicos que son o pulmón financeiro da pequena e mediana empresa alemá e un
instrumento clave da cohesión territorial.
Por desgraza, Galiza afrontou este trance
gobernada por un partido de obediencia estatal, coa menor autoestima de todos
os habidos desde o implantación da autonomía e supeditando os intereses do país
á estratexia do PP estatal para chegar á Moncloa, o que resulta incompatible
con contrariar os sagrados dictados da gran banca e o verdadeiro poder
financeiro e mediático. É unha aposta que sacrifica o país e o empresariado do
país, pero esas son as súas prioridades neste momento. E aínda tería un arranxo
se o país –e o seu empresariado- sacase deste crucial acontecemento leccións de
cara ao futuro. Como en tantos outros momentos, Cataluña e o País Vasco mostran
co seu singular desenlace que a economía e a conciencia nacional son as dúas
follas da tesoira imprescindibles para cortar o bacallau nun estado cunha
irrefrenable vontade centralizadora e un poder financeiro insaciable que
asfixia a economía produtiva
Sem comentários:
Enviar um comentário