A crise non colleu vacacións, os especuladores tampouco. A profunda crise vai tronzando un a un todos os parapetos erguidos para salvagardar a fortaleza neoliberal. Os gobernos erixíronse en prenda da crise da enorme burbulla de débeda –sobre todo privada- que o crash de 2007-08 deixou ao descuberto e agora, cunha lóxica de manual de estratexia militar, van caendo un tras outro, do máis pequeno e fráxil ao máis grande e poderoso. Todo o que se fixo desde aquela foi mudar a débeda de sitio, poñela ao lombo do conxunto da cidadanía e manter no esencial as mesmas regras de xogo que lle garanten aos fondos e bancos plena liberdade de movementos, para especular á velocidade da luz.
Os gobernos aceptaron debilitarse ao tempo que deixaron os recursos líquidos en mans dos grandes fondos e bancos. Máis aínda, puxéronse nas súas mans por todas as vías posíbeis, entre elas, aceptar manter as regras de xogo dos mercados liberalizados, que os estados pidan prestados aos axentes que operan neles –en vez de poñerlles impostos- e, para facilitarlle máis as cousas, os bancos centrais inxéctanlles a liquidez necesaria para que poidan seguir especulando sen restricións.
Os gobernos aceptaron debilitarse ao tempo que deixaron os recursos líquidos en mans dos grandes fondos e bancos. Máis aínda, puxéronse nas súas mans por todas as vías posíbeis, entre elas, aceptar manter as regras de xogo dos mercados liberalizados, que os estados pidan prestados aos axentes que operan neles –en vez de poñerlles impostos- e, para facilitarlle máis as cousas, os bancos centrais inxéctanlles a liquidez necesaria para que poidan seguir especulando sen restricións.
Primeiro foron os países bálticos, Islandia, Grecia e Irlanda pero pronto o asedio rondou a Portugal, España, Italia e agora Francia e a Zona Euro no seu conxunto. Finalmente, non se salva nin o berce das altas finanzas: EE UU engorda as súas débeda mesmo máis alá do que a súa posición imperial pode apoiar.
Para os que desde o principio dixemos que isto non era unha crise sectorial ou unha recesión, o que está a acontecer non nos sorprende. Pola contra, denunciamos desde o principio que a resposta que se estaba a dar á crise conducía ao colapso. E nesas estamos. No canto de adoptar medidas para mudar en profundidade as regras de xogo o que fixeron foi darlle unha prórroga ao neoliberalismo. Naqueles primeiros momentos, co medo no corpo, algúns dirixentes do G-20 anunciaron a “refundación do capitalismo” pero pronto o asunto quedou na mera radicalización do neoliberalismo. As políticas que se puxeron en marcha desde sacrifican o crecemento para poder xerar rendas para o capital parasitario, ese capital rendista que non busca os beneficios no investimento produtivo e innovador senón nos intereses e nos fulgurantes movementos brownianos nos mercados financeiros. Nestes anos agudízase aínda máis ese carácter rendista que caracteriza a economía neoliberal financiarizada, na que as grandes fortunas non se amasan na economía produtiva e na creación de emprego senón no movemento do diñeiro nos mercados financeiros. Iso que lles permite facerse ricos aos seus posuidores pero non xera riqueza.
Esa é a clave na que cómpre interpretar o fondo da crise da débeda pública. O que se está é forzando toda a sociedade a facerse cargo das débedas acumuladas polo sistema financeiro no pasado e ademais facelo cuns tipos de xuro que retornen aos acredores altas taxas de rendibilidade. En vez de investir en ampliar capacidade produtiva como fonte de beneficios futuros, o que o capital financeiro parasitario está demandando é unha punción masiva nos ingresos de toda a poboación (vía menores salarios, menores pensións, menores subsidios e maiores impostos indirectos). Como sabemos, iso métenos –xa estamos metidos- nun círculo vicioso de cada vez menos emprego, menos ingresos, menos demanda e máis paro. Coa particularidade de que por esa vía é imposible que a débeda pública se reduza efectivamente (porque non aumentan os ingresos públicos).
Os gobernos, no canto de amortecer esa débeda pública mediante impostos aos ricos –a onde foron a maior parte da riqueza xerada nos últimos vinte anos- optan por pedirlles ese diñeiro prestado a eses mesmos ricos, pagándolles uns altos xuros -altas rendas- que lles dan satisfacción á súa ambición de rendibilidade, a costa de espremer até o extremo á maioría da sociedade. A crise é de tal calibre que non hai arranxo sen que os grandes beneficiarios do modelo, grandes fortunas e grandes acredores acheguen o suficiente para cubrir unha parte substancial dos desequilibrios acumulados nas contas públicas. Pero iso non se fai cun “pacto de rendas” –como lanza Rubalcaba- entre empresas e asalariados, porque nin os asalariados teñen marxe para perder máis nin iso axudaría a recuperar a economía; tampouco é nas empresas produtivas onde están hoxe os grandes beneficios, é sobre todo nas finanzas rendistas. O problema é político, é de poder. Até hoxe a política está dominada polo omnímodo poder estruturado ao redor da alta finanza, os bancos centrais “independentes”, as servís institucións internacionais, as grandes corporacións globais dos sectores oligopolísticos e os grandes grupos mediáticos globais que actúan como o verdadeiro poder que se impón e ningunea os demais poderes da sociedade, singularmente os que emanan da representación democrática da cidadanía, provocando unha inédita deslexitimación das institucións, da política e dos partidos gobernantes.
Por iso non pode sorprender que, de forma máis virulenta ou máis amable, máis espontánea ou máis organizada, as revoltas se vaian estendendo a todos os países e todos os continentes: de Grecia a Inglaterra, dos países árabes a Chile, do estado español a EE UU. O estoupido da crise de 2007-08 acaba poñendo ao descuberto un proceso de extrema concentración da riqueza longamente enmascarado e a tentativa das finanzas rendistas de preservar as súas posicións por todos os medios acaba convertendo a crise nunha profunda crise social e tamén política. É unha crise social porque detrás da crise financeira emerxe a crise das desigualdades que estaba disimulada e é política porque o Estado e os gobernos –e polo tanto os partidos do sistema- son utilizados con obscenidade para endosar ao conxunto da sociedade en forma de débeda pública toda a bola de débeda que se fora acumulando nos balances das empresas e das institucións financeiras ao longo de todos eses anos.
Sem comentários:
Enviar um comentário