Mostrar mensagens com a etiqueta Crise. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Crise. Mostrar todas as mensagens

sábado, 21 de maio de 2016

Crise do modelo de financiamento e recentralización

Crise do modelo de financiamento e recentralización
Xavier Vence. Catedrático de Economía Aplicada da USC

Perdidos na pirotecnia do espectáculo político esquecemos debater como atallar as graves ameazas para o futuro do noso país e da vida das persoas que nel habitamos. A crise política e institucional do estado español estrangula o financiamento do goberno e servizos públicos de Galiza pero ao mesmo tempo está levando á prórroga do modelo de financiamento de 2009 que, de acordo coa previsión legal, debería terse reformado xa en 2014. A estas alturas aínda non se abriu formalmente a negociación do novo modelo pero o que tamén é certo que as espadas están en alto. Algunhas CCAA veñen explicitando moi claramente as súas apostas e o Goberno Central e os partidos estatais tamén evidencian a negativa a reducir o tamaño e o papel do Goberno central.  Pola contra, a Xunta de Galiza segue calada, sen tomar a iniciativa e mantendo unha actitude sumisa á estratexia madrileña e resignada –ou iso parece- a encaixar novas perdas. As mensaxes de Feijóo parecen centradas en implorar compasión para que Madrid e os demais sexan benévolos e “decidan con xustiza”. Non imos a ningún lado cunha actitude de esmoleiro sumiso, cando o que todos nos xogamos é o futuro da dotación dos nosos servizos públicos, o nivel de vida colectivo e a capacidade para dinamizar a nosa economía. O problema non é meramente técnico nin tampouco de relacións persoais dos dirixentes, é un problema político, no sentido máis profundo. É obvio que Galiza precisaría un presidente que se puxera á fronte dun grande consenso de todas as forzas políticas –e tamén das sociais e empresariais- para fixar un diagnóstico claro, uns obxectivos e unha estratexia partillada para defender os intereses colectivos dos galegos e galegos, nunha materia na que nos xogamos o groso dos nosos recursos para soster a sanidade, a educación, os servizos sociais e todos os demais servizos públicos. E tamén os recursos para dinamizar a nosa economía e o emprego.

O modelo de financiamento autonómico de 2009, que asinou o presidente Feijóo recén chegado á Xunta, levou a que Galiza vira mermada a súa capacidade de xeito dramático, até o punto de que cos datos liquidados de 2012 presentemos unha balanza fiscal negativa. En contra do discurso centralista dominante, o certo é que nese ano Galiza aportou ao Estado 1.300 millóns de euros máis do que recibiu. A pesares de termos unha renda per cápita 13 puntos inferior á media.
Teriamos moito que discutir sobre os criterios de reparto do Fondo total entre CCAA, que resultan discriminatorios para Galiza por non contemplar acaidamente moitas das nosas especificidades, pero o gran problema de fondo é a magnitude dos recursos que o Estado Central se queda para si, que representan cunha proporción excesiva dos ingresos totais recadados. Por algo se reserva o monopolio da xestión e recadación dos grandes impostos. Discutir iso é a clave e é xusto ao que se negan as forzas estatais.
Temos unha Administración Central excesiva que, ademais, se vén reforzando  co proceso de recentralización impulsado polo PP e unhas prioridades de gasto central moi discutíbeis (militar, apoio á banca, ás eléctricas, grandes construtoras, etc.). E, sobre todo, cómpre poñer a lupa non só no gasto senón tamén nos ingresos. É aí onde se dirime a verdadeira autonomía fiscal e a asunción de responsabilidade por parte dos gobernos autónomos. Hoxe o groso da política fiscal (cos seus regalos fiscais, buratos para a evasión e a fraude) depende do goberno central e a súa xestión está en mans da Axencia Tributaria do Estado. A política fiscal e a decisión unilateral sobre a parte que se queda o goberno central para si mesmo é o que determina o tamaño da torta a repartir entre as CCAA.  Aí está o nó gordiano do financiamento de Galiza e mentras non se rache seguiremos tendo un autogoberno menor de idade, insuficiente e incapaz.
Temos por diante, pois, unha enorme tarefa política na que todas as forzas galegas deberían estar comprometidas: plena autonomía fiscal para fixar os tributos, perseguir a fraude e a evasión –en colaboración con outros países- e, como instrumento para executar esa política, crear un Axencia Tributaria Galega que recade todos os tributos e que logo se negocie unha contribución a un orzamento central que estexa moi ben acotado para cubrir funcións que sexan realmente de interese xeral.
En definitiva, non debemos discutir só dos criterios de reparto do gasto entre autonomías –que tamén- senón dos ingresos públicos, da política fiscal e da xestión deses tributos. Esa é a base que nos permitiría ter capacidade para deseñar outras políticas para desenvolver as nosas capacidades produtivas, crear emprego e riqueza na dimensión necesaria para poder logo –vía impostos- financiar os nosos servizos públicos, garantir o benestar da nosa poboación e superar o noso drama demográfico.


 (artigo publicado en Faro de Vigo, 22.05.2016)

Decálogo para unha Galiza necesitada de goberno de seu (col no Anuario 2016 do Foro Económico de Galicia)

Decálogo para unha Galiza necesitada de goberno de seu

Xavier Vence
Catedrático de Economía Aplicada da USC
Ex-Portavoz Nacional do BNG

As perspectivas económicas do noso país están sometidas ás incertezas de avatares alleos, non só polas interdependencias propias da globalización e que afectan a todos os países, senón pola renuncia do noso goberno a enxergar con firmeza unha estratexia propia. Estamos ao pairo dos ventos dunha profunda crise que non remata, dos cambios xeoestratéxicos, das decisións europeas e estatais sen que Galiza faga causa de obxectivos precisos e claros diante do Goberno central e Bruxelas e sen ter unha aposta ben perfilada por parte da Xunta de Galiza, co necesario respaldo financeiro e o compromiso do sector privado.

Necesitamos un golpe de temón para estar en condicións de reverter unha tendencia de longo prazo marcado polo declive económico e demográfico. Xestionar as tendencias autodestrutivas dese círculo vicioso do declive resulta complexo e custoso: custe engadido da xestión do declive demográfico e do abandono territorial; inversións e servizos para soster pobos (case) baleiros e non produtivos; gasto e non recadación; gastos de conservación do medio, incendios, etc. Darlle a volta a iso debera ser o obxectivo dunha “axenda de país”.

Nestas liñas tentarei de identificar os riscos máis importantes que pairan sobre a economía galega e, ao propio tempo, apuntar as liñas mestras para superalos. Resumireinos arredor de dez eidos nos que, ao meu ver, Galiza debería poñer toda a intelixencia colectiva e toda a súa capacidade política para afrontalos e convertelos en oportunidades para sentar as bases do desenvolvemento futuro do noso país.

Primeiro, no plano internacional temos ameazas claras para a nosa balanza comercial. Por un lado, as exportacións sofren tanto a parálise do mercado europeo como o estancamento dos mercados latinoamericanos; por outro, a caída conxuntural do prezo do crú pode mudar de xeito súbito a curto prazo, deteriorando rápidamente a nosa balanza comercial.
En ambas cuestións, o desleixo da Xunta ten consecuencias graves. Nun caso por ausencia de esforzo propio na diversificación e busca de novos mercados e no outro por desaproveitar as oportunidades para impulsar un mix enerxético baseado na electricidade de orixe endóxena renovábel fronte ao consumo de petróleo e gas de importación. Isto debería abrir novas liñas na política da Xunta (acompañadas polo goberno central) para mudar o modelo de inserción exterior e o modelo enerxético. Porén o único esforzo financeiro recente da Xunta nese eido foi, curiosamente, para aumentar a participación no capital da planta de Gas.

Segundo, a aceptación zombie das consecuencias da implementación dos acordos internacionais da UE e o Estado Español que se concretan en medidas directamente lesivas para sectores que constituen a base da nosa especialización produtiva (pesca-conserva, agro-alimentación, servizos e distribución comercial etc ). Tendo Galiza un perfil de especialización produtiva específico e diferente do conxunto estatal ou doutras CCAA con maior peso político, o que encontramos é que as negociacións e as regulacións que se introducen non salvagardan os intereses dos nosos sectores clave. Este desleixo deriva dunha combinación de factores entre os que cómpre destacar: a ausencia de diagnósticos e estratexias propias por parte do goberno galego e, por veces, o propio desartellamento interno do sector empresarial galego. Sabendo que o campo de xogo é estreito e que as solucións pasan por unha xestión intelixente da “letra miúda” resulta imprescindíbel unha aposta política clara do goberno galego acompañada dunha administración e unha xestión competente que saiba plasmar nos detalles regulatorios a defensa dos nosos intereses estratéxicos. Iso pasa por un aproveitamento ao máximo das competencias estatutarias, para o que é precisa unha profunda e decidida vontade política en clave nacional, xunto cunha realista comprensión de que os discursos neoliberias e acordos desreguladores non implican a perda de función do goberno e a administración pública senón a necesidade de “refinar” a súa forma de lexislar e actuar.

Terceiro, Galiza está pagando as consecuencias da submisa aceptación da aposta estatal -aproveitando a crise financeira- para impulsar a concentración e centralización do sistema financeiro arredor dun número reducido de grandes bancos asentados en Madrid, eliminando as Caixas de Aforros e anulando de facto as competencias autonómicas en materia de crédito. Nunha economía aforradora neta como é a galega, con modesto pulso inversor do tecido empresarial privado (e público), o resultado é -como leva sendo desde décadas atrás- a fuxida de aforro cara a outros territorios ou cara aos mercados globais. Nese sentido, urxe unha acción decidida do goberno galego –coa eventual participación doutras institucións como Deputacións e grandes concellos- para recrear novas entidades de crédito e banca pública que canalicen unha parte dese aforro cara o financiamento de proxectos empresariais e públicos galegos, como vía para impulsar a diversificación produtiva, a innovación e a expansión das empresas galegas. Desde logo, nese novo mix de instrumentos financeiros cómpre reforzar, redimensionar e diversificar todos os instrumentos de capital risco (capital semente, capital desenvolvemento do IGAPE...) para que permitan, entre outras cousas, optimizar os Fondos Estruturais da UE e, en especial, as novas oportunidades que ofrece o Plan Junker e as modalidades de combinación dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos e os Fondos de Investimentos Estratéxicos do Banco Europeo de Investimentos (BEI). Galiza non pode resignarse a ese vergoñento nivel de execución dos Fondos Europeos do septenio pasado, en que se perdeu un tercio dos Fondos por incapacidade e desleixo do goberno presidido por Núñez Feijóo. Neste novo período imos polo mesmo camiño e estamos desaproveitando a disponibilidade de recursos para apostas realmente produtivas e estratéxicas.

Cuarto, debemos dar o salto da dependencia enerxética e regulatoria a un novo marco de enerxías renovábeis e tarifa galega. Nunha economía de fortes interdependencias globais resulta crítico o aproveitamento das especificidades e singularidades de cada país. As capacidades e experiencia construída  ao longo do tempo e tamén as singularidades naturais. Entre as máis importantes está o noso excedente na produción de enerxías renovábeis (hidráulica e eólica) e o potencial para incrementar a súa produción futura (tamén na de orixe mariño e solar). O desenvolvemento con visión integral de toda a cadea eólica e das renovábeis en xeral é unha oportunidade dupla, para impulsar o crecemento económico e o emprego en toda a cadea e para avanzar cara un modelo económico sustentábel. O efecto das decisións combinadas do goberno de Feijóo e do goberno central tiveron consecuencias devastadoras para este sector. A continuidade desas políticas é unha ameaza definitiva para o futuro pero o potencial está aí e constitue unha oportunidade clave para Galiza. A superación do parón ás renovábeis imposto polo goberno central (atendendo aos intereses do lobby eléctrico español) é unha prioridade para o noso país (que, ademais, é unha das poucas nas que os nosos intereses están en liña coa orientación da estratexia enerxética da Unión Europea). En todo caso, e no curto prazo, sería necesaria unha mudanza da regulación centralizadora e uniformizadora do mercado eléctrico que impón tarifas uniformes en todo o territorio español. Esta regulación central impide unha diferenciación territorial de tarifas en función da abundancia e coste de xeneración e distribución –como ocorre noutros países europeos-. Unha tarifa eléctrica galega pemitiría a Galiza beneficiarse desa vantaxe competitiva, tanto para as empresas como para as familias e tamén para o propio sector público (en especial, habida conta da elevadísima factura do alumeado público). Todos os nosos sectores produtivos ven mermada a súa competitividade por estar soportando a segunda tarifa eléctrica máis cara da UE. De igual xeito, unha regulación que favorecera o autoconsumo enerxético nun territorio con tan boas condicións naturais para a produción descentralizada de electricidade tería un impacto moi positivo en custes, competitividade e sustentabilidade.

Quinto, a aposta estatal por voltar confiar nun modelo de crecemento asentado no turismo e na construcción resulta especialmente nociva para Galiza. Polo noso clima, o turismo nunca vai xogar un papel motor da nosa economía como pode facelo no mediteráneo. E isto, xunto co declive demográfico, fai que o sector da construcción non poida xogar un papel extraordinario na dinamización da nosa economía (cousa que si pode e, de feito xoga, noutras latitudes). Tamén por iso, Galiza ten que ter plena consciencia de que necesitamos apostar por outro tipo de modelo produtivo: baseado nos sectores que definen a nosa especialización e que, porén, estamos deixando desmantelar (toda a cadea alimentar, por exemplo) e arredor dos que debemos innovar e impulsar todas aquelas novas actividades que poden diversificar ese tecido produtivo. Obviamente, esa aposta produtiva innovadora ten que partir das actividades xa existentes pero ten que poñer o foco tamén na posta en marcha de novas industrias (e servizos) complementarias, asi como no impulso ao emprendemento que valorice o coñecemento que sae dos nosos laboratorios e na criatividade e talento das novas xeneracións.

Sexto, a Estratexia de Especialización Intelixente do noso país non pode ser un envoltorio para vender iniciativas inconexas senón que debe supoñer unha aposta decidida “de país”, trabando a iniciativa pública e a privada, para aproveitar a experiencia acumulada e a capacidade de I+D para dar un salto tecnolóxico nas nosas especializacións claves, diversificar, reforzar as relacións interempresariais e intersectoriais, alumar actividades complementarias e de servizos intensivos en coñecemento ao socaire desas fortalezas históricas. Na pesca, no marisqueo, na acuicultura, na conserva, no agro, en toda a cadea alimentar, no forestal, no enerxético, no automóbil, na saúde, etc.

Sétimo, Galiza ten unha clara oportunidade no aproveitamento das súas condicións históricas e naturais para converter a produción ecolóxica nun perfil diferenciador, nun sinal de identidade e imaxe de marca do país. A produción ecolóxica pode constituír unha vía para superar o atoamento en certas especializacións intensivas nas que Galiza xoga con desvantaxe fronte a outras economías europeas e podería así posicionarse en nichos de mercados máis remuneradores e con claro futuro. Para iso temos que proceder a un desandamento da intensificación nalgúns segmentos da actividade primaria e, sobre todo, evitar afondar máis nesa senda, abeirando a tentación de proxectos agresivos que van na liña dun modelo que se incribe nas pautas pasadas de produción masiva e de baixa calidade (como pode ocurrir, por exemplo, co modelo de acuicultura do actual plan da Xunta de Feijóo).

Oitavo, Galiza vén perdendo tecido produtivo industrial e de servizos non só pola crise económica e a caída de actividade de certos sectores senón tamén por un agudo proceso de deslocalización de producción e de deslocalización da sede das propias empresas. Precisamos unha estratexia integral para frear a deslocalización de actividades produtivas e tamén de sedes de empresas, que van ligadas a miúdo a depredadoras estratexias de absorción en concentración do capital pero tamén en ocasión por decisións estratéxicas ou fiscais dos seus propietarios. Cómpre reforzar os elos das cadeas de valor e declarar a “guerra política” á depredadora  “guerra fiscal” do furioso centralismo madrileño destinada a captar sedes de empresas e localización de patrimonios e grandes fortunas na capital do estado. Cómpre derrogar a “lei de unidade de mercado” que trata de impedir todo tipo de regulación favorecedora das empresas radicadas no territorio e aproveitar ao máximo as compras públicas como instumento para dinamizar a industria e os servizos localizados na Galiza. En particular, urxe mudar as política de licitación de obra pública e a políticas de concesións de servizos públicos para evitar que o noso orzamento público sexa pasto do lobby das grandes construtoras madrileñas e se converta en ferramenta efectiva de dinamización do tecido produtivo propio .

Noveno, Galiza enfróntase a un cambio de modelos de financiamento tanto a nivel comunitario como español que reducen as aportacións compensadoras das crecentes desigualdades territoriais. No último modelo de financiamento autonómico –que debería ter sido renegociado no ano 2015- Galiza viu mermada a a aportación recibida por parte do Estado, até o ponto de que xa en 2012 a balanza fiscal (excluída a Seguridade Social) é negativa para nós. A expulsión do grupo de “rexión en desenvolvemento” a nivel comunitario tamén se traduce nunha menor participación nos Fondos Europeos no período 2014-2020, a pesares de sufrir unha ampliación da fenda nestes últimos anos, que nos sitúa neste momento 20 puntos por debaixo da media comunitaria. E de cara ao futuro existe a ameaza certa de que o futuro modelo de financiamento autonómico poida ser aínda máis perxudicial para Galiza e poida reforzar aínda máis esa posición de contribuidores netos ás arcas do Estado (mesmo habería que contemplar as consecuencias dunha eventual independencia de Cataluña). Nese sentido, precisamos unha estratexia consensuada entre todas as forzas políticas galegas para acometer mudanzas de calado en diferentes ordes: a) simplificación dos niveis administrativos hoxe insostíbeis (Deputación, Delegacións do Goberno, etc);  b) defender un modelo de financiamento que preserve a nosa capacidade financeira e, de paso, permita unha maior autonomía na política fiscal (p.e., semellante ao sistema vasco de “cupo”); e c) mudar o modelo de financiamento local que na actualidade resulta claramente discriminatorio para os concellos galegos.

Décimo, todo o anterior só pode abordarse desde unha estratexia de empoderamento de Galiza en todos os sentidos, o que, do meu ponto de vista, require un cambio político protagonizado por forzas que teñan o seu centro de interese e decisión no país. Pero nel deberían estar comprometidas tamén todas as forzas que aspiren a xogar un papel no futuro do noso país.



domingo, 27 de setembro de 2015

Unidade para mudar e construír


Vivimos tempos realmente excepcionais, caen as certezas, os modelos sólidos que parecían inamovíbeis esborrállanse. Ábrense novas oportunidades, non só tecnolóxicas senón tamén no recoñecemento da diversidade das persoas e nas aspiracións colectivas; o que non quere dicir que as múltiples utopías estean ao cabo da man, como cert@s “visionari@s” adoitan agardar despois de cada crise. A cuestión aquí e agora é identificar o sentido dos cambios e dirixilos en beneficio da maioría e do país.

Como encarar estes tempos para construír un futuro que non signifique retroceso senón avance na liberdade, na democracia, na xustiza social e na calidade de vida? A precondición para dar unha resposta acaída a ese reto pasa por asumir que non se trata só da gravísima crise inmediata que todos vemos diante de nós, cos seus estragos sociais e humanos que están a vista de tod@s –tod@s os que non poñen as anteolleiras da ideoloxía conservadora e as mentiras oficiais. Arrastramos unha crise económica sistémica, unha crise social, unha crise política e unha crise institucional.

Algúns formulan isto como crise do réxime do 78 e apostan por una ruptura co réxime que cristaliza na Constitución. Realmente, esta é una simplificación excesiva que podería conducir a unha resposta equivocada. De feito ese nesgo simplificador parece ter como obxectivo situar a dialéctica do cambio no campo de xogo estatal, na mudanza da correlación de forzas a nivel de estado ou, mellor dito, na correlación entre forzas estatais. Constrúese a ficción coma se houbese hoxe algunha forza estatal con vontade e capacidade para levar adiante esa ruptura, a que os demais deberamos nutrir e confiar a pilotaxe da mesma. Algúns chegan a formulalo de forma moi precisa atribuíndolle a Podemos “a centralidade do proceso” (coa previsión dunhas dúcias de deputados!), asumindo xa de partida a subalternidade dun proxecto nacional galego e ignorando a realidade fáctica e palmaria de que se algún vector de ruptura opera hoxe no estado español é o que representan os proxectos soberanistas en marcha, en particular o catalán.

Vaiamos, entón, por partes. Na realidade esas diferentes crises teñen unha xénese e unhas causas diferentes. É dicir, a súa natureza e os seus tempos son diferentes. E a súa xeografía tamén. Razón pola que compre saber que vector debemos priorizar en cada momento e, en consecuencia, que estratexia e que alianzas establecer aquí e agora.

Hai unha crise da globalización neoliberal, dunha economía liberalizada, desregulada e privatizada guiada polas finanzas, baixo a batuta das finanzas americanas e tutela dos EEUU como potencia hexemónica. Ese modelo económico empeza a converterse en hexemónico a fins dos anos setenta e foise radicalizando paso a paso até hoxe, cando é evidente a súa inviabilidade e carácter terminal porque está deixando a moitos países sen sistema produtivo real e sen capacidade para integrar laboral e socialmente á poboación. O caso galego é de libro. Este modelo vai facéndose cada vez máis invasivo desde os anos de Reagan-Thatcher pero o certo é que non é ese o modelo económico que inspira a Constitución española do 78, que ten unha letra guiada polos principios da “economía social de mercado” na que a intervención pública e o planeamento económico imprimen carácter ao seu articulado, en liña coas constitucións europeas da posguerra. O que está claro é que o desenvolvemento posterior da mesma non seguiu ese patrón senón que se fixo cun claro sesgo neoliberal que marcou toda a política económica, marco regulatorio e políticas laborais e sociais desde o principio, desde Felipe González a Rajoy, nunha senda que ano tras ano foise facendo cada vez máis radical. Radicalización que vai pari pasu da que se da no conxunto da UE e na que, todo hai que dicilo, o estado español se coloca sempre na vangarda liberal.

A clave está en cal debe ser a resposta política á crise desa configuración do mundo ultraliberal. A resposta a globalización neoliberal e a súa crise non pode situar o campo de batalla nunha loita global –como formula certo altermundismo e certo troskismo mal dixerido- aceptando o espazo definido polas forzas económicas sistémicas. Situar aí o centro da batalla levaría a unha loita que sería en vao porque se afronta con ferramentas absolutamente desiguais. Por iso a resposta ten que erguerse rompendo e fragmentando ese espazo global do capital pola vía da recuperación da soberanía para os pobos –o que non significa descoidar a colaboración internacionalista senón todo  contrario. A soberanía é a resposta necesaria para gañar a autonomía imprescindíbel para poder levar adiante políticas alternativas en beneficio da maioría social. Obviamente, canto máis xeneralizados sexan os procesos soberanistas nas nacións con e sen estado maior será a potencia e efectividade de cada un deles. Desde logo, que os bancos e grandes corporacións catalás se posicionen contra a independencia de Cataluña e que, en cambio, as clases populares e a pequena e mediana industria produtiva se posicionen a favor é congruente con esta liña divisoria. Os pasos soberanistas de moitos países latinoamericanos nos últimos 15 anos van na boa dirección; o avance soberanista en Escocia, Cataluña e Paisos Cataláns, Flandes, Córsega, Euskadi van na boa dirección e foi unha mágoa que Grecia agachase a orella coa última viraxe de Syriza.

A crise social, a precarización laboral e o aumento das desigualdades van claramente asociadas á radicalización dese modelo neoliberal e as recorrentes crises que se viviron cada 6-7 anos ao longo deste período. A virulencia extrema da última crise financeiro-inmobiliaria que estoura en 2008 deixa un rosario de desfeitas que trituran millóns de persoas en todo o estado en forma de paro, exclusión social, pobreza en todas as súas formas, incluída a carencia de vivenda e os desafiuzamentos e, no noso país, ademais de todo iso, dan lugar a unha nova sangría migratoria da xente moza, que agrava o devalo demográfico do país. As prioridades para todas as capas sociais trituradas por este modelo de capitalismo depredador, rentista e ultraprecario pasan por unha correlación de forzas que rompa coa globalización e coa Europa ultraliberais. Iso é algo que, de facto, vai máis alá da letra da Constitución para a súa materialización ou non. O problema é doutra natureza e, ademais, para encaralo de xeito realista cómpre adoptar medidas diferentes nas diversas nacións en función do seu rol periférico e dependente ou non. Que o noso mundo rural se baleire e que a xente moza emigre en masa a Madrid, a Cataluña, a Londres e outras capitais europeas quere dicir que temos que atallar problemas estruturais diferentes aos deses outros espazos.

Padecemos tamén unha crise política que ten o seu expoñente máis escandaloso na profunda corrupción que aniña no modelo económico e político español e que agromou con esta crise. A densa e opaca interrelación entre o capital privado parasitario e a administración pública nun contexto de grande volume de obras, contratas, servizos privatizados, etc creou as condicións para as corruptelas e a grande corrupción protagonizada polos grandes partidos, o que acabou podrecendo a vida política en xeral. A estreita conivencia entre os dous grandes partidos e os lobbys madrileños da construción, concesións, contratas e servizos privatizados é un factor innegábel dese deterioro pero tamén o é do impulso centralizador que arrasa desde a etapa Aznar. Polo tanto, as corruptelas poden estar relativamente difundidas ao largo do territorio pero a Gran Corrupción está directamente asociada á centralización do poder (poder económico e poder político). Romper ese cordón umbilical require a ruptura e inversión radical do proceso recentralizador.

A crise institucional é hoxe por hoxe un problema central no que si podemos dicir que se pon en causa o modelo de estado consagrado na Constitución do 78. Estas tres décadas longas de vixencia mostran a inconsistencia política e económica do modelo territorial do estado. O problema político do non recoñecemento das nacións; o hibrido de estado central (incluído o mantemento das delegacións do goberno e as Deputacións propias dun modelo centralista) e o disparate das 17 autonomías “iguais”; a superposición a partir de 1986 das estruturas da UE e o conseguinte baleirado de soberanía-competencias cara arriba. Todo iso xunto fai unha estrutura político-administrativa de 6 niveis superpostos que resulta ineficaz e insostíbel e, sobre todo, fai que o potencial de descentralización política que recollía a letra do Estatuto das nacións quedase na realidade en letra morta. Para rematala, despois de dúas décadas de paripé e ten-con-ten descentralizador, o Estado emprendeu na época de Aznar unha senda de sistemática recentralización que acaba deixando as institucións autonómicas nunha auténtica casca baleira. Estes tres últimos lustros –a pesar dos vacilantes acenos iniciais de Zapatero- son tres lustros de ruptura do modelo “pactado” na transición. A autonomía nunca colmou as aspiracións dos que queremos unha nación soberana. Pero hoxe a autonomía está quedando reducida ao seu espectro. Coa transposición de centos de leis comunitarias, as leis orgánicas convertidas en leis de bases que invaden todas as competencias autonómicas, a intervención directa das contas públicas, a centralización do sistema financeiro, a usurpación de calquera representación para negociar en Bruxelas materias de competencia exclusiva –na letra- da comunidade autónoma, etc etc acaba convertendo hoxe a autonomía nun puro espectro. Esa é a ruptura real á que estamos asistindo en directo nos últimos anos. A crise de 2008 en diante foi aproveitada como coartada para un programa de recentralización brutal que está deixando baleiro o autogoberno.

Por fortuna, esa ruptura unilateral por parte do centralismo desencadeou un proceso de autodefensa por parte de algunhas comunidades, con recursos de constitucionalidade e mesmo con reformas estatutarias, basicamente para blindar as competencias que estaban recollidas na letra dos estatutos (a tentativa do BNG de levala adiante nos anos do bipartito chocou co negativa do PP, imprescindíbel para a maioría cualificada). O rexeitamento por parte do Estado do novo estatuto catalán creou as condicións para un proceso de ruptura en Cataluña en sentido contrario. O certo é que, hoxendía, o proceso soberanista catalán, xunto coas aspiracións soberanistas presentes noutros pobos, aínda que non sexan maioritarias por agora -como ocorre no noso caso- constitúen o principal vector de ruptura do molde constitucional e institucional do estado neste momento.

Polo tanto, para todos aqueles que aspiran a transformar de verdade a realidade no noso país parece claro que unha alternativa en termos nacionais –eu diría soberanistas- é a que máis claramente vai ao cerne dos problemas que queremos resolver. En calquera caso, a realidade concreta de Galiza fai precisa aínda máis claramente esa alternativa nacional. Pola especificidade dos nosos problemas, pola súa gravidade e carácter estrutural.

Galiza, “a ruda adversidade urxente”

Galiza leva un longo tempo de devalo económico e demográfico, que se retroalimenta coa perda de peso político. Non é só cousa desta crise interminábel senón que está situada nun declive que vén de moito antes e que os anos da burbulla financeiro/inmobiliaria do euro apenas disimularon/encubriron durante unha década. A perda de pulso produtivo nos sectores primarios e no industrial é algo que nos acompaña desde principios dos oitenta: coa liberalización comercial e a “negociación” da entrada na Unión Europea. A experiencia contundente destes 35 anos de peches pinga a pinga e o baño de realismo desertizador destes sete anos de crise, poñen @s galeg@s diante dunha crúa realidade: o país está contra as cordas; coa base produtiva colapsada; sen investimento produtivo; sen novos proxectos empresariais relevantes; coa poboación máis avellentada do mundo, con case tantos pensionistas como empregados a tempo completo; con taxas de paro, exclusión e pobreza insoportábeis. A sociedade que coñecemos, co nivel de vida e benestar un día acadado non é sostíbel baixo o modelo de globalización neoliberal radicalizada (libre fluxo de mercancías, servizos e finanzas e desregulación laboral e social).

A crise en Galiza non ten o mesmo cariz que en Madrid ou Cataluña; elas sofren unha crise severa pero están recuperando e están en condicións de levantar vóo; obviamente, que o fagan máis ou menos rápido, con máis ou menos forza, depende das políticas dos seus gobernos e da imposición de regulacións favorábeis. Teñen o poder económico, financeiro e político para facelo. Con todo, do meu ponto de vista, o factor máis importante é que tanto unha como a outra teñen vontade política de prevalecer, cada unha a súa maneira, Madrid cunha centralización arrogante e Cataluña voando libre. Madrid, con todos os seus poderes, a súa casta e as súas institucións –incluída as do estado- argalla todos os días e con visión estratéxica o seu reforzamento como gran metrópole ibérica e europea, aínda que para iso actúe como un auténtico burato negro de todos os recursos e todas as enerxías do conxunto do estado. A prensa económica madrileña festexaba hai poucas semanas que o PIB madrileño xa supera ao catalán.

Desafortunadamente, a nosa situación é moito máis grave: o devalo vén de moitos anos atrás; aquí non hai recuperación nin vai habela con estas políticas que non buscan aproveitar as nosas potencialidades senón que están destinadas atarnos como mercado captivo e xerar ingresos e rendas para uns sectores sociais ultraminoritarios (as finanzas e as grandes empresas do lobby madrileño: eléctricas, telecos, distribuidoras, construtoras e concesionarias). O que está a pasar co sector leiteiro, co conserveiro, coa industrustria metalúrxica, coa eólica, etc é consecuencia directa desa subordinación.

O certo é que ou adoptamos con urxencia medidas audaces para frear a desfeita da nosa base produtiva e para aproveitar as nosas vantaxes específicas (coñecemento, aforro, auga, vento, enerxía, terras, mar, portos, etc) ou o noso país entrará nunha pendente de devalo irreversíbel e as oportunidades laborais e de vida no país serán cada vez menores.

En Galiza non abonda con certos cambios para dar transparencia ao sistema ou facilitar a participación política nos barrios ou poñer na picota a casta madrileña ou lanzar cantos retóricos á “decencia”. Con ser estas necesarias e urxentes, o certo é que os problemas de Galiza requiren mudanzas moito máis profundas e estruturais que permitan mover a nosa economía e crear empregos, que freen a emigración e o avellentamento, que xeren os ingresos que permitan condicións de vida dignas para as persoas e tributos para financiar os servizos públicos de calidade. É preciso inverter o declive e darlle a volta a ese círculo vicioso de esboroamento dunha sociedade.

Con esas premisas parece claro que Galiza precisa un proxecto propio e non pode seguir confiando o seu futuro enganchada a proxectos estatais, dun signo ou de outro que, en todos os casos, responden á mesma lóxica xeopolítica. Precisa ter voz propia en todos os foros, a empezar nas Cortes do estado, sen subordinación a disciplinas e cortocircuitos alleos. Esa é a razón de ser dunha candidatura galega. Non se trata dunha aposta por apriorismos ideolóxicos ou atavismos identitarios, trátase do futuro material desta sociedade. Somos moit@s @s que cremos que a aposta por unha candidatura nacional galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais é algo máis que unha aposta de partido, é unha necesidade para o país. Unha aposta vital nun momento en que tantas decisións temos que tomar para asegurármonos un futuro como país e como persoas. Unha aposta para que Galiza poida xogar na liga das nacións que non sucumben ao vento da historia guiada polos grandes poderes hexemónicos senón que sobrevive e contribúe como pobo ao acervo común dunha humanidade diversa, como espazo vivo e cultura viva para as futuras xeracións.

Como artellar social e políticamente eses obxectivos nos tempos que corren? Só é posíbel desde unha vontade partillada das organizacións existentes de poñer por diante os obxectivos esenciais e mínimos da maioría social galega (excluíd@s, precari@s, asalariad@s, autónom@s, pequen@s empresari@s, labreg@s, mariñeir@s, pensionistas...); desde a vontade de sumar sen apriorismos nin vantaxismos de siglas a toda esa cidadanía organizada en partidos, colectivos, asociacións e esoutra parte da cidadanía que “vai por libre” pero quere participar e comprometerse nun proxecto ilusionante; tod@s @s que mesmo sen recoñecerse como nacionalistas entenden que facer políticas de esquerda e progresistas pasa, aquí e agora, por priorizar os intereses da maioría social galega, sen ataduras. Esa suma só é posíbel desde a vontade decidida de superar esa atracción atávica cara a fragmentación que con tanta forza opera no mundo da esquerda en todo o mundo e desde a asunción sincera de que a unidade é a única forma de vencer a esa minoría poderosa que move os fíos desde arriba, desde Madrid (e máis alá). Vencer esa atracción atávica pola fragmentación empeza por delatar o cinismo crónico dos cantos á “unidade popular” que adornan todos os procesos de división real. Está moi visto iso de que todos os protagonistas de escisións e divisións lancen inmediatamente proclamas á unidade popular. Mellor practicala de xeito efectivo e xeneroso.

Nestes momentos de inflexión do tempo histórico é preciso clareza de obxectivos, afouteza e valentía para apostar por mudanzas profundas. Non son tempos de cativezas persoais, nin de retrovisores manipulados, nin de letra miúda. Son tempos de apostas estratéxicas pensando no futuro longo, colectivo. Superar a fragmentación cun proxecto para a maioría social, aberto tamén a todas as persoas que aspiraran a participar activamente. Ese é o reto que algúns asumimos para o que queda de 2015 e para o ano vindeiro.

sábado, 11 de julho de 2015

Entre tod@s, Galiza pode gañar

Nin arrogantes nin coitad@s. Orgullos@s e valentes. Non son tempos de cativezas nin de letra miúda. Son tempos de apostas estratéxicas pensando no futuro longo.
Nestes momentos de inflexión do tempo histórico é preciso clareza de obxectivos, afouteza e valentía para apostar por mudanzas profundas. Galiza leva un longo tempo de devalo económico e demográfico, que se retroalimenta coa perda de peso político. Non é só cousa desta crise interminábel senón que está situada nun declive que vén de moito antes e que os anos da burbulla financeiro/inmobiliaria do euro apenas disimularon/encubriron durante unha década. A perda de pulso produtivo nos sectores primarios e no industrial é algo que nos acompaña desde principios dos oitenta: coa liberalización comercial e a “negociación” da entrada na Unión Europea. A experiencia contundente destes 35 anos de peches pinga a pinga e o baño de realismo desertizador destes sete anos de crise, poñen @s galeg@s diante dunha crúa realidade: o país está contra as cordas; coa base produtiva colapsada; sen investimento produtivo; sen novos proxectos empresariais relevantes; coa poboación máis avellentada do mundo, con case tantos pensionistas como empregados a tempo completo; con taxas de paro, exclusión e pobreza insoportábeis. A sociedade que coñecemos, co nivel de vida e benestar un día acadado non é sostíbel baixo o modelo de globalización neoliberal radicalizada (libre fluxo de mercancías, servizos e finanzas e desregulación laboral e social).
Galiza non é Madrid nin Cataluña; elas sofren unha crise severa pero están recuperando e están en condicións de levantar vóo, se contan con gobernos e regulacións favorábeis. Teñen o poder económico, financeiro e político para facelo. Máis aínda, elas teñen vontade política de prevalecer, cada unha a súa maneira, Madrid cunha centralización arrogante e Cataluña voando libre.
A nosa situación é moito máis grave: o devalo vén de moitos anos atrás; aquí non hai recuperación nin vai habela con estas políticas que non buscan aproveitar as nosas potencialidades senón que están destinadas atarnos como mercado cautivo e xerar ingresos e rendas para uns sectores sociais ultraminoritarios (as finanzas e as grandes empresas do lobby madrileño: eléctricas, telecos, distribuídoras, construtoras e concesionarias).
Ou adoptamos con urxencia medidas audaces para frear a desfeita da nosa base produtiva e para aproveitar as nosas vantaxes específicas (coñecemento, aforro, auga, vento, enerxía, terras, mar, portos, etc) ou o noso país entrará nunha pendente de devalo irreversíbel.
Poñer en uso creativo todas nosas potencialidades produtivas require mudanzas políticas de alcance para romper coa dependencia económica. Coa honrosa excepción de algunhas empresas grandes (Inditex) e algunhas empresas familiares (Tojeiro,  Froiz, Calvo, Jealsa, Coren, P.-Rumbao, Florentino, Finsa, Televés, etc), o certo é que Galiza viu desaparecer centos de empresas e perder o control de boa parte das empresas emblemáticas e deslocalizar gran parte da súa actividade. Banco Pastor, Caixas, R, Leyma, Pescanova, Rodman, Barreras, Audasa, adegas, augas, hoteis, mineiras, etc. son hoxe apéndices de grupos foráneos.
Hoxe somos unha colonia do capital financeiro e do capital comercial: exportación de aforro vía sistema financeiro; mercado de consumo de importación dominado polas grandes cadeas de distribución españolas e europeas (Mercadona, El Corte Inglés, Carrefour, Lidl, Ikea, Repsol, CEPSA,…); as grandes redes (Gas Natural, Agbar-Viaqua, Telefónica, Renfe, Iberia…); orzamento público vampirizado polas grandes construtoras madrileñas e polo oligopolio de empresas concesionarias de servizos públicos privatizados (ACS, FCC, Sacyr…). Case todo o que consumimos no fogar pasa pola caixa rexistradora das grandes compañías madrileñas. En definitiva, aforro, consumo e orzamento público viaxan para engordar as contas de resultados das grandes empresas con sede en Madrid.
O noso excedente económico emigra cara Madrid a través das redes deses grupos que manexan a meirande parte do noso mercado e dos nosos orzamentos públicos. Nesas condicións é imposíbel o investimento produtivo no país e, en consecuencia, é imposíbel a creación de emprego –e menos de emprego digno-, o sostén de servizos públicos e de nova poboación. Nesas condicións non pode haber empregos para a xente nova, nin salarios para facer vida e pagar os alugueiros ou as hipotecas.
Porén, iso non é unha maldición bíblica. Podería mudar. Sería posíbel aproveitar o noso excedente de aforro, aproveitar os nosos recursos, as terras abandonadas, o mar e capacidade pesqueira, a auga estragada, o vento libre, o sol, o excedente eléctrico, a xente nova ben formada, a investigación, etc etc.
A gran cuestión é:  hai en Galiza vontade política de sobrevivencia?
Entender isto, comprender a natureza política dos nosos atrancos, derivada dun modelo de estado e dun modelo de liberalización que favorecen a concentración crecente da actividade económica, obriga a asumir que as alternativas políticas de futuro para Galiza son diferentes -cualitativamente diferentes- ás que poden pensarse desde Madrid. Máis aínda, son contraditorias e antitéticas con elas en moitos aspectos. O desenvolvemento futuro e a sostibilidade da sociedade galega a medio prazo require políticas que chocan cos intereses da capital do estado e cos interes do capital hexémonico no estado; chocan cos intereses das grandes empresas, oligopolios financeiros, comerciais e de servizos que asentan sobre todo na capital do estado e que teñen Galiza como cliente cautivo.

En Galiza non abonda cun cambio na lei hipotecaria e nos desafiuzamentos ou na lei de transparencia (nin coa mera remuda dos xestores da casta madrileña nin cos cantos retóricos á “decencia”). Con ser estas necesarias e urxentes, o certo é que os problemas de Galiza requiren mudanzas moito máis profundas e estruturais que permitan mover a nosa economía e crear empregos, que freen a emigración e o avellentamento, que xeren os salarios e ingresos que permitan condicións de vida dignas e tributos para financiar os servizos públicos. O que cómpre é darlle a volta a ese declive estrutural, que non é decrecemento senón simplemente un círculo vicioso de esboroamento dunha sociedade.
Galiza -con máis urxencia que Madrid, Cataluña ou Levante- precisa un tipo de políticas que aseguren a supervivencia desta sociedade, romper o círculo vicioso do declive (que é económico, demográfico e, a fin, político).
O primeiro paso para conquistar unhas novas condicións e unhas novas políticas en Galiza é construír/reforzar alternativas políticas propias, pensadas desde aquí e para aquí. Con valentía e sen complexos. Sabendo que ninguén nos vai regalar nada. Sabendo que hai que enfrontar os discursos conformados polos grandes poderes que sempre tratarán de presentar como natural e inevitábel a súa posición de dominio e que sempre tratarán de atacar -cando non ridiculizar- as propostas atrevidas que cuestionan o status quo. Desde logo, atacarán con saña toda vontade seria de gobernármonos por nós mesmos.
Non é nada extraordinario que desde Madrid se promovan non só os discursos das vellas forzas centralistas senón tamén as novas forzas chamadas a complementalas ou a impedir que as forzas centrífugas poñan en perigo o poder omnímodo dos grandes poderes económicos e institucionais madrileños.
Sabemos que é unha batalla mediática e política desigual, pero o certo é que a Galiza non lle serven de nada os proxectos das novas forzas estatais. Podemos ou Ciudadanos, aínda que con perfís ideolóxicos diferentes, non son promocionados para mudar o modelo territorial do estado senón todo o contrario. Con eles tratan de afortalalo e blindalo diante da eventual incapacidade dos dous grandes Partidos (PP e PSOE) para manter ergueito o modelo centralista. Por iso Podemos goza da rechamante –habería que dicir escandalosa- promoción e proxección dos grandes medios madrileños.
En definitiva, o futuro da nosa xente nova, o futuro de Galiza, a viabilidade económica do noso país precisa de proxectos políticos galegos, nacidos aquí e volcados na defensa do país, da nosa base económica. Require de forzas políticas propias, con proxectos autónomos que traballen por dotar a Galiza de ferramentas soberanas para poder impulsar e fomentar a nosa economía e crear emprego e benestar para as futuras xeracións.
Eís a importancia estratéxica do debate que -mal que ben- tentamos colocar os nacionalistas, que defendemos a necesidade de ter forzas políticas propias, de non sucumbir a esmagadora mercadotecnia política dos grandes medios da capital do estado. Por iso é preciso manter esperta a intelixencia colectiva propia e construír discurso político propio, non por teima identitaria senón porque o futuro vital da nosa xente depende diso.
Por iso, somos moit@s os que cremos que a aposta dunha candidatura nacional galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais é algo máis que unha aposta de partido, é unha necesidade para o país. Unha aposta vital nun momento en que tantas decisións temos que tomar para asegurármonos un futuro como país e como persoas. Unha aposta para que Galiza poida xogar na liga das nacións que non sucumben ao vento da historia guiada polos grandes poderes hexemónicos senón que sobrevive e contribue como pobo ao acervo común dunha humanidade diversa, como espazo vivo e cultura viva para as futuras xeracións.
Ese ten que ser o obxectivo dese proxecto transversal e transformador que representa o nacionalismo de esquerdas no noso país. Como artellalo social e políticamente nos tempos que corren? Como construír un suxeito político capaz de erguer un proxecto desas características? Só é posíbel desde unha vontade partillada das organizacións existentes de poñer por diante os obxectivos esenciais e mínimos da maioría social galega (excluíd@s, precari@s, asalariad@s, autónom@s, pequen@s empresari@s, labreg@s, mariñeir@s, pensionistas...); desde a vontade de sumar sen apriorismos nin vantaxismos de siglas a toda esa cidadanía organizada en partidos, colectivos, asociaciacións e esoutra parte da cidadanía que “vai por libre” pero quere participar e comprometerse nun proxecto ilusionante; tod@s @s que mesmo sen recoñecerse como nacionalistas entenden que facer políticas de esquerda e progresistas pasa, aqui e agora, por priorizar os intereses da maioría social galega, sen ataduras. Esa suma só é posíbel desde a vontade decidida de superar esa atracción atávica cara a fragmentación que con tanta forza opera no mundo da esquerda en todo o mundo e desde a asunción sinceira de que a unidade é a única forma de vencer a esa minoría poderosa que move os fíos desde arriba, desde Madrid (e máis alá).
Superar a fragmentación non se consegue invocando un imaxinario magma social indefinido (o que na práctica adoita traducirse en hiperfragmentación, por veces con inxenuidade e por veces con cinismo) senón asumindo con paciencia o traballo de urdir tramas e complicidades entre unha pluralidade de organizacións e colectivos arredor dun proxecto común, dun proxecto para transformar o noso país, o galego claro. Un proxecto para a maioría social, aberto tamén a todas as individualidades que aspiraran a participar activamente. Se o facemos ben, con xenerosidade, entre tod@s, Galiza gaña seguro.


sábado, 31 de janeiro de 2015

Sete anos de vacas fracas. Que facer para que non sexan outros sete?

Sete anos de vacas fracas. Que facer para que non sexan outros sete?

(Véspera do aniversario do nacemento de Castelao en Rianxo un 30 de xaneiro de 1886, fai 129 anos)
Bos días a todos e a todas e moitas grazas por asistir a esta charla-coloquio organizada, unha vez máis, polo  Forum Europa Tribuna Galiza.

Vou aproveitar a miña intervención para facer unha radiografía de como vemos a situación do país desde o BNG e cales son as nosas alternativas para frear o devalo actual e aproveitar as nosas potencialidades. Tratarei de convencelos de que Galiza é un país con futuro pero hai que construilo e facelo sobre outros alicerces.

Levamos sete anos de profunda crise. Pero non se cumpre aquí o ciclo bíblico de sete anos de fames e sete anos de abundancia. Tal como se formulan as cousas desde o establisment podemos ter outros sete anos máis de vacas fracas.
Postos a empezar mentando as regras económicas do “libro de libros” habería que recoñecer que tampouco se respecta o precepto do “ano sabático” que, entre outras cousas, obrigaba á “remisión das débedas” cada sete anos, tal como establecía o Deuteronomio.

No mundo de hoxendía as cousas son diferentes.
Aquí levamos en crise 7 anos, con políticas centradas en salvar e rescatar as finanzas especulativas e as grandes empresas a costa do empobrecemeno da maioría da sociedade: levaron a ruína a milleiros de pequenas empresas, traballador@s e autónom@s; espoliaron @s contribuíntes medios co aumento do IVE, IBI, IRPF, impostos especiais; aumentaron os prezos dos bens básicos como enerxía e transportes; reduciron os salarios, a capacidade de compra, o nivel de vida medio e a calidade dos servizos públicos. De feito hoxe o Estado Español é o segundo país máis desigual da UE.
Estamos nun mundo certamente moi asimétrico, moi desigual. Para as familias non hai “remisión de débedas” nin reestruturación, hai execución de hipotecas, desafiuzamentos e condena á indixencia de miles de familias que quedarán de por vida coa lousa das débedas impagábeis. Pola contra, hai uns seres especiais que son os grandes financeiros e especuladores que fixeron da débeda o seu negocio e aos que non só lles aplicamos a graza dun ano sabático senón que levan sete anos seguidos de ano sabático, de condonacións. Levamos rescatándoos 7 anos e pretenden que sigamos rescatándoos de por vida
E non é unha metáfora, é unha realidade, porque as súas débedas son agora débedas de todos nós a 10-15 anos vista.
Liberámolos a eles das súas débedas ao tempo que nós nos escravizamos.

Somos reféns da gran finanza endebedada que conseguiu aquilo que dicia Bertolt Brecht: “un home que ten débedas realmente grandes inspira respeto. Xa non é el só o que treme polo seu creto; tamén tremen os seus acreedores. Hai que arrimalo aos grandes negocios para evitar que sucumba á desesperación... ese home convértese nunha potencia”. Iso que Brecht escribía n’Os negocios do señor Xulio César, permítenos de paso ver os paralelismos de tres momentos históricos nos que as montañas de débedas dinamitaron o sistema: a caída da república romana, a crise do capitalismo liberal dos anos 30 -cando empeza a novela- e a crise actual do neoliberalismo.

Hoxe non imos facer historia, imos acercarnos ao presente, pero farémolo cunha perspectiva alonxada do curtopracismo que domina o discurso económico e político actual.
Para os que mandan todo o seu afán parece reducirse a ir matando as malas noticias cun “barullo” de datos mensuais ou trimestrais, comparacións trucadas mesturadas con previsións que nunca se cumpren, etc etc que só teñen como fin atordoar a xente.

Eu propóñovos ver os cambios con perspectiva de longo prazo. Non se trata só de onde estamos senón de cara a onde imos.

Hoxe xa temos claro que a crise non foi só un estourido da burbulla inmobiliaria senón que é o resultado dun modelo neoliberal dominado polas finanzas e crecentemente desigual.
Que leva ocorrendo ao longo destes 7 anos de crise?: pois paradoxalmente non unha reconsideración crítica dese modelo senón que o que estamos vivindo en directo é unha acelerada radicalización do neoliberalismo. Non de recuperación de nada senón de tránsito cara unha versión máis descarnada do capitalismo, pilotado, iso si, polos mesmos que nos trouxeron até aquí: as finanzas globais.

O proxecto de radicalización neoliberal xa levou por diante moitas conquistas, pero de continuar por máis tempo, como pretenden, levará por diante moitas conquistas de civilización e devolveranos a unha sociedade de miseria, violencia e gobernos autoritarios.

O que está pasando non nos colleu desprevenidos a algúns economistas. Permitídeme un pequeno exercicio de inmodestia.
No 2005 eu publicara un libro que se titula O fracaso neoliberal na Galiza e o seu contido foi por desgraza premonitorio. Ao estourar a crise, en 2008, escribin que o neoliberalismo só podía manterse se a poboación aceptaba un empobrecemento dun 30-40% (e cara aí imos). No 2011 publiquei Crise e radicalización neoliberal onde destripaba todos os pasos que se ían dando nesa dirección e as consecuencias desastrosas que traerían.
O pior é que, como xa dicía daquela, a pesar dese sacrificio social e humano de proporcións históricas, o modelo neoliberal non funcionará porque é inviábel e chegou ao seu límite: con máis diñeiro ficticio dos Bancos Centrais e máis débeda non hai gran futuro.

Non son pouc@s @s economistas crític@s que levan tempo falando do estancamento do capitalismo e mesmo do seu colapso. Agora empeza a haber economistas oficiais, próximos a Wall Street, como Larry Summers ou Robert Gordon etc que falan dun horizonte de “estancamento secular” (secular stagnation). Máis pedagóxica, a literatura acompaña,  con ese libro de George Packer que leva por título The Undwindding, que nos ofrece unha estarrecente reportaxe da desfeita da sociedade americana.

Non hai recuperación nin a vai haber: horizonte de estancamento secular

Porén, @s predicador@s ideolóxicos e os políticos cómplices están a outra cousa. Instalados na miopía do curto prazo  tentan manter amansada a poboación.

Empecemos, pois, polo curto prazo. Vexamos brevemente que está pasando no último ano?
Aproveitando unha leve melloría dos mercados de débeda, derivada da primeira gran inxección de 1 billón de Euros do BCE desde 2012, o goberno leva uns meses lanzando as campanas ao vóo cunha suposta recuperación no estado español. Máis aínda, pretende atribuírse o mérito da mesma.
Quixera deixar claras tres cousas. A primeira, unha melloría puntual con esas bases non significa unha verdadeira recuperación económica e saída da crise; segundo, a melloría circunscríbese sobre todo aos balances da banca e as rendas financeiras, rescatadas con recursos públicos (uns 180 mil millóns) e tsunami de liquidez monetaria do BCE, pero vai acompañada de destrución de capacidade produtiva e emprego, empobrecemento e desigualdades (se algún de vós participa en certos fondos de investimento pode estar sacando rentabilidades astronómicas dun 20, un 50 ou mesmo dun 100%, pero a maioría da poboación perde e moitos caen na privación até facernos o segundo país máis desigual da UE); e terceiro, o que cun certo rigor se poida dicir do Estado español, non pode afirmarse nin de lonxe de Galiza, que segue no rodopío do devalo económico e demográfico.

Unha cousa é evidente: Se houbera recuperación non faría falta tal despregue de medios para pregoala.
Porque atordoan a poboación co salmo da recuperación, da saída da crise?
Saben que a desesperación da xente xa non pode agardar máis e pode estourar en calquera momento.
Teñen que acalmar os ánimos con recorrentes promesas de recuperación.
En realidade cómpre recordar que levan así desde o segundo ano da crise. Dende que en 2009 Zapatero empezara a falar dos “brotes verdes”, non pararon de soar as trompetas da recuperación. Cada ano anunciábase o seu advenimento. A verdadeira miragre sempre chegaría o ano seguinte.

Pero bon, o que si cabe dicir é que a nivel de estado freouse a pendente de caída e o PIB mostra signo positivo que pode alcanzar o 1,2% no conxunto de 2014. Coa caída da factura petroleira, o tsunami monetario e a mellora da prima de risco e as condicións do financiamento, a conxuntura mellora algo pero non porque haxa crecemento da base produtiva ou porque resultase eficaz algunha política do goberno, as chamadas “reformas”, senón porque o BCE decidiu darlle a manivela da liquidez a esgalla para os bancos desde 2012, co tipo de xuro a 0,05% e tamén porque os conflitos xeopolíticos levan a tirar a baixa os prezos do petróleo.
Pero, aínda asi, iso non garante un crecemento a medio prazo e a economía non tira en Europa; por iso xogan a última carta do BCE con esta nova bomba de 1,1 billón de euros ficticios que acaban de aprobar para inundar os mercados a partir de xaneiro de 2015 até 2017. Pero tampouco esa bomba monetaria resolverá os problemas da economía produtiva, que é o verdadeiro miolo do problema e cuxo mal está na falta de mercados solventes, mercados que, pola contra, está perdendo aqui e en Europa como consecuencia da liberalización e o empobrecemento. Ese é o verdadeiro problema para o futuro, a produción de bens e servizos en condicións rendíbeis que é a que crea emprego e sostén os ingresos públicos.

Pois ben, o problema é que en Galiza a situación é moito máis delicada aínda; non hai agora recuperación de verdade, nin vai habela, pero é que nin sequera chega a melloría conxuntural.


Porque non a hai?
Parémonos un chisco en Galiza.
O PIB en Galiza é hoxe un 7% menor que no ano 2008 e os datos dos últimos trimestres apenas mostran un paso do signo negativo da recesión para un signo positivo, pero son tan baixos (+0,4%) que só revelan o estancamento económico. Apenas se move a demanda de consumo (+0,5%), non hai investimento (+0,2%).
Caen as exportacións e a produción industrial, aumenta o déficit exterior outra vez.
A cifra de negocios da industria caeu en 2014 un 3,2%.
O noso agro e a nosa pesca esmorecen estrangulados por prezos de oligopolios e por cotas que limitan a produción.
Iso si, recupéranse os bancos con cartos públicos (uns 185.000 Millóns), reínflase a especulación cos rescates e o diñeiro regalado do BCE (1 billón ao 0,25%) .
Así apenas se crea emprego, e o pouco que se crea é ultraprecario, con salarios de miseria. O 16,5% dos empregos son semanais. A tempo parcial, por días no terciario e na construción con salarios por debaixo do salario mínimo, pero abondosos en horas, mesmo superando a xornada laboral legal ou de convenio.
As pequenas e medianas empresas que producen para as grandes ou que son subcontratadas sofren un estrangulamento nos prezos que acaba cos marxes de negocio e mesmo obriga por veces a traballar a perdas para ter carga de traballo.

O certo é que en Galiza estamos en mínimos históricos. Movémonos arredor de 1 millón de ocupados, menos que hai 30 anos. Desde fins de 2008 hai 196.000 ocupados menos, un 16,5% menos. Nos 4 últimos meses segueu aumentando o paro ao tempo que no resto do estado se freou .
A afiliación á SS caeu no mes de decembro en 13.088 persoas (cos datos a 31 de decembro).
O máis grave en termos tendenciais é que non só perdemos ocupados senón que perdemos poboación activa: unas 19.000, que emigran fóra do país. Sería irresponsábel ocultar as consecuencias dramáticas deste feito para o futuro económico e demográfico de Galiza. Afonda o círculo vicioso de declieve que é preciso romper con urxencia.

Claro que hai diferenza de pulso entre Galiza e o resto do estado, e iso hai que poñelo no debe do centralismo e de Feijóo, do seu entreguismo obediente a Madrid (“Galicia non é un problema para España”), do seu radicalismo neoliberal campión dos recortes e no feito reiterado de que as políticas que se aplican desde Madrid, con toda a paixón recentralizadora penalizan e pexan moi particularmente a nosa economía. Recortes asimétricos do déficit, balanza fiscal negativa para Galiza, negocio dos lobys madrileños co noso orzamento…

Por que non a vai haber recuparación?  
Non hai futuro se no canto de corrixir as eivas profundas que a crise puxo ao descuberto o que fan é impulsar un “capitalismo confiscatorio” para tapar os buratos d@s auténtic@s responsábeis co suor, sufrimento e espolio das vítimas: traballador@s, contribuíntes, usuari@s e aforrador@s (ou @s emigrantes retornad@s). 
Pero… é que noso caso, no caso de Galiza, ademais dun ultraliberalismo inviábel, sufrimos tamén o efecto do centralismo madrileño.
Aos problemas xerais deste modelo engádense estes problemas estruturais e diferenciais do noso país é o que parecen incapaces de entender e recoñecer tantos as dereitas como as esquerdas españolas.
Centralismo que pretende seguir espremendo o noso aforro e a nosa fiscalidade para encher o burato da súa débeda: 180.000 millóns do rescate bancario e da burbulla (Bankia, Sareb; avais,…); 38.000 millóns da débeda das empresas de defensa; 28.000 do déficit tarifario; 5.000 millóns das autopistas radiais madrileñas; AENA (cos 6.000 millóns da T4)… 
Porque pretenden seguir someténdonos a unhas relacións de intercambio inxustas, con prezos de auténtica colonia: baixos para o que producimos (leite, carne, peixe, electricidade, madeira, etc) e altos para o que consumimos (tarifa eléctrica común, gasoil-gasolina, tren, transporte aéreo, peaxes elevadísimos para a nosa conexión interna, etc). 
A nosa industria, a nosa agricultura e os servizos soportan uns custes de electricidade e de transporte que pexan a competitividade, o que fai especialmente difícil saír adiante cando a competencia é tan desigual. 
Co noso mercado dominado pola súa gran distribución comercial oligopólica é difícil dar saída en condicións randíbeis á nosa produción primaria e reter as rendas das marxes comerciais.
Así non hai maneira de saír do burato. 
E naquilo que podemos levantar cabeza deseguida nos poñen novos atrancos, vetos, reconversións forzosas, limitacións a produción, cotas leiteiras e pesqueiras, supertaxas, etc.
O resultado é paro, emigración e devalo demográfico.
O futuro é realmente negro e hai que facer algo, temos que facer algo. Non podemos resignarnos a que todas a conquistan se veñan abaixo.
Pero, entón, hai solución?

Si, claro que hai. Non é sinxela. Pero haina.
O primeiro requisito é ter claro o tipo de país e de sociedade que queremos porque do contrario, como dicía Séneca, “non hai ventos favorábeis para quen non sabe a onde quere ir”. Polo menos hai que ter claro o que non queremos. O que non queremos é este escenario de empobrecemento cara o que pretenden levarnos.
Para darlle a volta a todo isto precisamos un proxecto. Galiza precisa que o proxecto do nacionalismo avance na sociedade e avance electoralmente. 

Empezando polo máis sinxelo.
Hai que romper de inmediato coas políticas de recortes e apostar con decisión por políticas expansivas de gasto, non gasto improdutivo ou ineficiente, pero si investimento en recursos de futuro: investigación, innovación, educación, servizos públicos avanzados…
O investimento e os empregos creados en todas esas actividades terán a doble virtude de crear riqueza de cara o futuro e de actuar tamén como factor dinamizador da demanda a curto prazo, esencial para reactivar o sector privado, en particular das PEMES industriais, comerciais e dos servizos.
Claro que ese incremento de gasto hai que financialo. E como facelo?.
Hai que mudar o actual marco de financiamento autonómico que está estrangulando as nosas contas públicas. Sendo unha das CCAA de menor nivel de renda per capita resulta que estamos a ter unha balanza fiscal negativa. Precisamos soberanía financeira, recadar nós os tributos todos e ter plena capacidade normativa.
Hai que aumentar ingresos e iso pode facerse con impostos ás grandes rendas -en particular as rendas financeiras- e as grandes fortunas.
Queremos que o aforro e as ganancias empresariais se invistan aquí e non nos paraísos da evasión fiscal ou na especulación financeira global. Queremos que os moi ricos, as grandes fortunas e as grandes empresas paguen impostos, paguen aquí e paguen máis para contribuír a financiar un gasto público que dinamice o investimento e a demanda, un gasto público que financie bos servizos públicos e un orzamento público redistribuidor que reduza as desigualdades insoportábeis e a pobreza galopante.
Velaí un dato que por si só di todo: Galiza recadou polo Imposto de Patrimonio en 2013 278 mil de euros, é dicir nada!. Pero se as 9 maiores fortunas galegas pagasen realmente polo seu Patrimonio total (57.500 M €, equivalente ao noso PIB) as nosas contas públicas serían outras completamente diferentes. Só cos 9 grandes poderiamos facer cousas ben grandes en educación, sanidade educación, loita contra a exclusión, cantos tratamentos contra a hepatite C, canto persoal máis para Urxencias!!
Claro está que para conseguir iso que parece tan sensato precisamos soberanía fiscal e políticas fiscais progresivas.
Dito isto tamén quero insistir en que a proposta do BNG non é só aumentar o gasto público, tamén creemos que hai ámbitos onde se pode reducir gasto socialmente innecesario. E sobre todo propoñemos un gran paquete de aforro suprimindo parte deses 6 niveis administrativos que resultan caros, ineficientes e fonte distorsións. Por iso propñemos suprimir as Deputación Provinciais e as delegacións do Coberno Central e a propia dimensión dese Goberno Central. Aí si que poderiamos conseguir aforros significativos e melloras da eficiencia, pero para iso temos ir na dirección inversa á que hoxe están promovendo desde o PP e as forzas recentralizadoras.
E, sobre todo, temos que mudar as políticas:
Non podemos ver estragados os nosos recursos por imposicións miopes ou intereseiras de Bruxelas ou de Madrid como ocorre co cerco, co xeito, ou como ocorre tamén no agro ou no naval.
Non podemos aceptar que os nosos recursos naturais, os eléctricos ou o aforro emigren sen crear riqueza no país.
Temos que investir en novas actividades, baseadas tamén no coñecemento e na innovación. Cunha estratexia de especialización intelixente –de verdade e non ese “powerpoint” feito pola Xunta- centrada sobre todo na diversificación a partir daquilo no que temos vantaxes, experiencia acumulada, capacidade comercial, etc. Non se trata de apuntarse nun papel á última moda dos gurús estrela do momento, non se trata de crear bonsais artificiais que logo consumen todo o noso esforzo sen deixar de ser un eterno bonsai. Trátase sobre todo de incorporar coñecemento, diversificar bens ou servizos ao redor daquelas actividades ou sectores nos que temos unha base produtiva, tecnolóxica e investigadora minimamente sólida.
Compre investir en talento e aproveitalo produtivamente. Abandonar a retórica e ir aos feitos.
Non podemos aceptar esa política miope de recortes que está estragando os esforzos de I+D última década. Nos primeiros catro anos de Feijóo retrocedemos a un nivel de esforzo de I+D do 0,86% do PIB, un retroceso dunha década, 1.500 investigadores (en Equivalencia de Xornada Completa, realmente son moitas máis persoas) expulsados do sistema e nulas espectativas para a maioría dos que permanecen. Cómpre volver poñer a I+D e a innovación nos orzamentos e non só nos discursos.
Indo un paso máis alá. É preciso un novo modelo de inserción na economía internacional, tanto no relativo ás finanzas como ao comercio internacional. Ese cambio de marco regulatorio require, sen dúbida, soberanía e vontade de exercela nesta dirección.
Para poñer a banca ao servizo da economía produtiva necesitamos Banca Pública Galega e outra regulación.
Para frear a desindustrialización e recuperar a industria precisamos frear a liberalización . Desde logo temos que impedir a ameaza que supón o TTIP que se negocia na trastenda entre a UE e EEUU.
O ciclo da hiperglobalización, da globalización neoliberal trouxo esta situación de profunda crise estrutural que non ten solución nese marco. A hiperglobalización é insostíbel económicamente e insoportábel socialmente. Pouco a pouco van abríndose camiño outras opcións para reconstruír os equilibrios básicos. Iso devolve ao centro da escea a cuestión da soberanía dos países, como vén facendo Latinoamérica desde hai unha década e como afirma Grecia desde este domingo. Dun xeito ou doutro, que nunca será idéntico a como foi noutros períodos no pasado, pero a soberanía será o concepto arredor do que xirará o novo paradigma.
Noutra dimensión e dado que o noso problema máis agudo e evidente é o emprego resulta necesaria unha reflexión adicional sobre o impacto das novas tecnoloxías e, en particular, do dixitalismo, sobre o traballo na sociedade que vén. Na era dixital mudan moitos aspectos da vida das persoas, das relacións entre elas, o tipo de bens e servizos que consumimos e a forma en que os consumimos.
Todo iso obriga a pensar novas formas de traballo pero tamén a xestionar socialmente a reducción de postos de traballo e do tempo de traballo global.
Está claro que cómpre abordar unha estratexia de reparto do traballo cohesionador, que garanta a inclusión laboral e social e que contribúa a unha sociedade máis igualitaria. Iso é posíbel pero require un cambio de paradigma.
Ao mesmo tempo cómpre abrir novo nichos de actividade que creen novos empregos. Exemplos claros no noso caso serían todos os ligados a calidade, en particular a calidade alimentaria sustantiva (non a das etiquetaxes), con produción de alimentos sanos, saudábeis, ecolóxicos, que poden crear novos empregos e mellor calidade de vida (aínda que implique menor produtividade); actividades vencelladas ao coidado e aproveitamento do medio ambiente en parámetros de sustentabilidade; investigación; creación cultural propia; ocio de relación social, etc.
Nese novo paradigma guiado pola sustentabilidade vai de seu a reducción do gasto en transporte (moi intensivo en enerxía fósil) e adquiren preeminencia os criterios de producción local (alimentaria, servizos, etc) En Francia os circuitos curtos de comercialización representan o 21% dos ingresos das explotacións, aqui apenas un marxinal 0,05%. De igual xeito, cómpre pensar na producción e consumo local da enerxía (renovábeis); comercio local e de proximidade (modelo urbano compacto e evitando fuga de rendas da intermediación).
En todos eses eidos os nosos concellos teñen un papel moi activo a desempeñar. Alí onde gobernamos xa estamos facendo cousas e seguiremos facendo máis se a reforma local mutiladora e centralizadora do PP non o impide.
En síntese, soberanía enerxética, soberanía alimentar, soberanía financeira son principios orientadores de futuro, que enchen de contido práctico a nosa aposta pola soberanía política.
E non falei de corrupción, porque a corrupción é un cancro asociado a unha sociedade en descomposición. Feijóo dí que “Imos ser a rexión máis transparente de Europa”: si, cos bolsillos limpos e baleira de xente!
É non falei da débeda. Porque en realidade o problema da débeda non se arranxará se non hai crecemento económico e creación de rendas.
Por todo o dito afirmo que no marco actual e coas políticas actuais non hai recuperación posíbel nin saída da crise, por moito que a maquinaria da propaganda mentirán do PP español e de Feijóo pretenda atordarnos.
Pero, amigas e amigos, hai saída, hai alternativa.
Non vou dicir que o que vos propoño sexa fácil ou sexa para mañán. Pero ese é o norte e canto máis nos aproximemos nesa dirección mellor nos irá.

Por todo iso é polo que afirmo que o nacionalismo, o soberanismo, é unha alternativa necesaria e non un adorno retórico, nin unha elucubración ideolóxica nin tan sequera unha fixación identitaria: o soberanismo é a vía práctica para ter as ferramentas que permitan resolver os problemas concretos dos galegos e galegas, os máis importantes no seu día a día: ter emprego, salarios dignos, ter recursos para facer fronte ás súas necesidades vitais, ter sanidade, educación e outros servizos públicos de calidade.
Esa é a política do posíbel pola que tamén aposta o BNG.

E para iso queremos contar con tod@s vós,
empezando polas preguntas que teñades agora.
Moitas grazas

Compostela, 29 xaneiro de 2015-01-29

Xavier Vence