Sete anos de vacas fracas. Que facer para que non sexan
outros sete?
(Véspera
do aniversario do nacemento de Castelao en Rianxo un 30 de xaneiro de 1886, fai
129 anos)
Bos días a todos e a todas e
moitas grazas por asistir a esta charla-coloquio organizada, unha vez máis,
polo Forum Europa Tribuna Galiza.
Vou aproveitar a miña
intervención para facer unha radiografía de como vemos a situación do país
desde o BNG e cales son as nosas alternativas para frear o devalo actual e
aproveitar as nosas potencialidades. Tratarei de convencelos de que
Galiza é un país con futuro pero hai que construilo e facelo sobre outros
alicerces.
Levamos sete anos de profunda
crise. Pero non se cumpre aquí o ciclo bíblico de sete anos de fames e sete
anos de abundancia. Tal como se formulan as cousas desde o establisment podemos
ter outros sete anos máis de vacas fracas.
Postos a empezar mentando as
regras económicas do “libro de libros” habería que recoñecer que tampouco se
respecta o precepto do “ano sabático” que, entre outras cousas, obrigaba á
“remisión das débedas” cada sete anos, tal como establecía o Deuteronomio.
No mundo de hoxendía as cousas
son diferentes.
Aquí levamos en crise 7 anos,
con políticas centradas en salvar e rescatar as finanzas especulativas e as grandes
empresas a costa do empobrecemeno da maioría da sociedade: levaron a ruína a
milleiros de pequenas empresas, traballador@s e autónom@s; espoliaron @s
contribuíntes medios co aumento do IVE, IBI, IRPF, impostos especiais;
aumentaron os prezos dos bens básicos como enerxía e transportes; reduciron os
salarios, a capacidade de compra, o nivel de vida medio e a calidade dos
servizos públicos. De feito hoxe o Estado Español é o segundo país máis
desigual da UE.
Estamos nun mundo certamente
moi asimétrico, moi desigual. Para as familias non hai “remisión de débedas”
nin reestruturación, hai execución de hipotecas, desafiuzamentos e condena á
indixencia de miles de familias que quedarán de por vida coa lousa das débedas
impagábeis. Pola contra, hai uns seres especiais que son os grandes financeiros
e especuladores que fixeron da débeda o seu negocio e aos que non só lles
aplicamos a graza dun ano sabático senón que levan sete anos seguidos de ano
sabático, de condonacións. Levamos rescatándoos 7 anos e pretenden que sigamos
rescatándoos de por vida
E non é unha metáfora, é unha
realidade, porque as súas débedas son agora débedas de todos nós a 10-15 anos
vista.
Liberámolos a eles das súas
débedas ao tempo que nós nos escravizamos.
Somos reféns da gran finanza
endebedada que conseguiu aquilo que dicia Bertolt Brecht: “un home que ten
débedas realmente grandes inspira respeto. Xa non é el só o que treme polo seu
creto; tamén tremen os seus acreedores. Hai que arrimalo aos grandes negocios
para evitar que sucumba á desesperación... ese home convértese nunha potencia”.
Iso que Brecht escribía n’Os negocios do
señor Xulio César, permítenos de paso ver os paralelismos de tres momentos
históricos nos que as montañas de débedas dinamitaron o sistema: a caída da
república romana, a crise do capitalismo liberal dos anos 30 -cando empeza a
novela- e a crise actual do neoliberalismo.
Hoxe non imos facer historia,
imos acercarnos ao presente, pero farémolo cunha perspectiva alonxada do
curtopracismo que domina o discurso económico e político actual.
Para os que mandan todo o seu
afán parece reducirse a ir matando as malas noticias cun “barullo” de datos
mensuais ou trimestrais, comparacións trucadas mesturadas con previsións que
nunca se cumpren, etc etc que só teñen como fin atordoar a xente.
Eu propóñovos ver os cambios
con perspectiva de longo prazo. Non se trata só de onde estamos senón de cara a
onde imos.
Hoxe xa temos claro que a
crise non foi só un estourido da burbulla inmobiliaria senón que é o resultado
dun modelo neoliberal dominado polas finanzas e crecentemente desigual.
Que leva ocorrendo ao longo
destes 7 anos de crise?: pois paradoxalmente non unha reconsideración crítica
dese modelo senón que o que estamos vivindo en directo é unha acelerada
radicalización do neoliberalismo. Non de recuperación de nada senón de tránsito
cara unha versión máis descarnada do capitalismo, pilotado, iso si, polos
mesmos que nos trouxeron até aquí: as finanzas globais.
O proxecto de radicalización
neoliberal xa levou por diante moitas conquistas, pero de continuar por máis
tempo, como pretenden, levará por diante moitas conquistas de civilización e
devolveranos a unha sociedade de miseria, violencia e gobernos autoritarios.
O que está pasando non nos
colleu desprevenidos a algúns economistas. Permitídeme un pequeno exercicio de
inmodestia.
No 2005 eu publicara un libro
que se titula O fracaso neoliberal na
Galiza e o seu contido foi por desgraza premonitorio. Ao estourar a crise,
en 2008, escribin que o neoliberalismo só podía manterse se a poboación
aceptaba un empobrecemento dun 30-40% (e cara aí imos). No 2011 publiquei Crise e radicalización neoliberal onde
destripaba todos os pasos que se ían dando nesa dirección e as consecuencias
desastrosas que traerían.
O pior é que, como xa dicía
daquela, a pesar dese sacrificio social e humano de proporcións históricas, o
modelo neoliberal non funcionará porque é inviábel e chegou ao seu límite: con
máis diñeiro ficticio dos Bancos Centrais e máis débeda non hai gran futuro.
Non son pouc@s @s economistas
crític@s que levan tempo falando do estancamento
do capitalismo e mesmo do seu colapso. Agora empeza a haber economistas
oficiais, próximos a Wall Street, como Larry Summers ou Robert Gordon etc que
falan dun horizonte de “estancamento secular” (secular stagnation). Máis pedagóxica, a literatura acompaña, con ese libro de George Packer que leva por
título The Undwindding, que nos ofrece unha estarrecente reportaxe da desfeita
da sociedade americana.
Non hai recuperación nin a vai haber: horizonte de
estancamento secular
Porén, @s predicador@s
ideolóxicos e os políticos cómplices están a outra cousa. Instalados na miopía
do curto prazo tentan manter amansada a
poboación.
Empecemos, pois, polo curto
prazo. Vexamos brevemente que está pasando no último ano?
Aproveitando unha leve
melloría dos mercados de débeda, derivada da primeira gran inxección de 1
billón de Euros do BCE desde 2012, o goberno leva uns meses lanzando as
campanas ao vóo cunha suposta recuperación no estado español. Máis aínda,
pretende atribuírse o mérito da mesma.
Quixera deixar claras tres
cousas. A primeira, unha melloría puntual con esas bases non significa unha
verdadeira recuperación económica e saída da crise; segundo, a melloría
circunscríbese sobre todo aos balances da banca e as rendas financeiras,
rescatadas con recursos públicos (uns 180 mil millóns) e tsunami de liquidez
monetaria do BCE, pero vai acompañada de destrución de capacidade produtiva e
emprego, empobrecemento e desigualdades (se algún de vós participa en certos
fondos de investimento pode estar sacando rentabilidades astronómicas dun 20,
un 50 ou mesmo dun 100%, pero a maioría da poboación perde e moitos caen na
privación até facernos o segundo país máis desigual da UE); e terceiro, o que cun
certo rigor se poida dicir do Estado español, non pode afirmarse nin de lonxe
de Galiza, que segue no rodopío do devalo económico e demográfico.
Unha cousa é evidente: Se
houbera recuperación non faría falta tal despregue de medios para pregoala.
Porque atordoan a poboación co
salmo da recuperación, da saída da crise?
Saben que a desesperación da
xente xa non pode agardar máis e pode estourar en calquera momento.
Teñen que acalmar os ánimos
con recorrentes promesas de recuperación.
En realidade cómpre recordar
que levan así desde o segundo ano da crise. Dende que en 2009 Zapatero empezara
a falar dos “brotes verdes”, non pararon de soar as trompetas da recuperación.
Cada ano anunciábase o seu advenimento. A verdadeira miragre sempre chegaría o
ano seguinte.
Pero bon, o que si cabe dicir
é que a nivel de estado freouse a pendente de caída e o PIB mostra signo
positivo que pode alcanzar o 1,2% no conxunto de 2014. Coa caída da factura
petroleira, o tsunami monetario e a mellora da prima de risco e as condicións
do financiamento, a conxuntura mellora algo pero non porque haxa crecemento da
base produtiva ou porque resultase eficaz algunha política do goberno, as
chamadas “reformas”, senón porque o BCE decidiu darlle a manivela da liquidez a
esgalla para os bancos desde 2012, co tipo de xuro a 0,05% e tamén porque os
conflitos xeopolíticos levan a tirar a baixa os prezos do petróleo.
Pero, aínda asi, iso non
garante un crecemento a medio prazo e a economía non tira en Europa; por iso
xogan a última carta do BCE con esta nova bomba de 1,1 billón de euros
ficticios que acaban de aprobar para inundar os mercados a partir de xaneiro de
2015 até 2017. Pero tampouco esa bomba monetaria resolverá os problemas da
economía produtiva, que é o verdadeiro miolo do problema e cuxo mal está na
falta de mercados solventes, mercados que, pola contra, está perdendo aqui e en
Europa como consecuencia da liberalización e o empobrecemento. Ese é o
verdadeiro problema para o futuro, a produción de bens e servizos en condicións
rendíbeis que é a que crea emprego e sostén os ingresos públicos.
Pois ben, o problema é que en
Galiza a situación é moito máis delicada aínda; non hai agora recuperación de
verdade, nin vai habela, pero é que nin sequera chega a melloría conxuntural.
Porque non a hai?
Parémonos un chisco en Galiza.
O PIB en Galiza é hoxe un 7%
menor que no ano 2008 e os datos dos últimos trimestres apenas mostran un paso
do signo negativo da recesión para un signo positivo, pero son tan baixos
(+0,4%) que só revelan o estancamento económico. Apenas se move a demanda de
consumo (+0,5%), non hai investimento (+0,2%).
Caen as exportacións e a
produción industrial, aumenta o déficit exterior outra vez.
A cifra de negocios da
industria caeu en 2014 un 3,2%.
O noso agro e a nosa pesca
esmorecen estrangulados por prezos de oligopolios e por cotas que limitan a
produción.
Iso si, recupéranse os bancos
con cartos públicos (uns 185.000 Millóns), reínflase a especulación cos
rescates e o diñeiro regalado do BCE (1 billón ao 0,25%) .
Así apenas se crea emprego, e
o pouco que se crea é ultraprecario, con salarios de miseria. O 16,5% dos
empregos son semanais. A tempo parcial, por días no terciario e na construción
con salarios por debaixo do salario mínimo, pero abondosos en horas, mesmo
superando a xornada laboral legal ou de convenio.
As pequenas e medianas
empresas que producen para as grandes ou que son subcontratadas sofren un
estrangulamento nos prezos que acaba cos marxes de negocio e mesmo obriga por
veces a traballar a perdas para ter carga de traballo.
O certo é que en Galiza
estamos en mínimos históricos. Movémonos arredor de 1 millón de ocupados, menos
que hai 30 anos. Desde fins de 2008 hai 196.000 ocupados menos, un 16,5% menos.
Nos 4 últimos meses segueu aumentando o paro ao tempo que no resto do estado se
freou .
A afiliación á SS caeu no mes
de decembro en 13.088 persoas (cos datos a 31 de decembro).
O máis grave en termos
tendenciais é que non só perdemos ocupados senón que perdemos poboación activa:
unas 19.000, que emigran fóra do país. Sería irresponsábel ocultar as
consecuencias dramáticas deste feito para o futuro económico e demográfico de
Galiza. Afonda o círculo vicioso de declieve que é preciso romper con urxencia.
Claro que hai diferenza de
pulso entre Galiza e o resto do estado, e iso hai que poñelo no debe do
centralismo e de Feijóo, do seu entreguismo obediente a Madrid (“Galicia non é
un problema para España”), do seu radicalismo neoliberal campión dos recortes e
no feito reiterado de que as políticas que se aplican desde Madrid, con toda a
paixón recentralizadora penalizan e pexan moi particularmente a nosa economía.
Recortes asimétricos do déficit, balanza fiscal negativa para Galiza, negocio
dos lobys madrileños co noso orzamento…
Por que non a vai haber recuparación?
Non hai futuro
se no canto de corrixir as eivas profundas que a crise puxo ao descuberto o que
fan é impulsar un “capitalismo confiscatorio” para tapar os buratos d@s
auténtic@s responsábeis co suor, sufrimento e espolio das vítimas:
traballador@s, contribuíntes, usuari@s e aforrador@s (ou @s emigrantes
retornad@s).
Pero… é que
noso caso, no caso de Galiza, ademais dun ultraliberalismo inviábel, sufrimos
tamén o efecto do centralismo madrileño.
Aos problemas xerais deste
modelo engádense estes problemas estruturais e diferenciais do noso país é o
que parecen incapaces de entender e recoñecer tantos as dereitas como as
esquerdas españolas.
Centralismo
que pretende seguir espremendo o noso aforro e a nosa fiscalidade para encher o
burato da súa débeda: 180.000 millóns do rescate bancario e da burbulla
(Bankia, Sareb; avais,…); 38.000 millóns da débeda das empresas de defensa;
28.000 do déficit tarifario; 5.000 millóns das autopistas radiais madrileñas;
AENA (cos 6.000 millóns da T4)…
Porque
pretenden seguir someténdonos a unhas relacións de intercambio inxustas, con
prezos de auténtica colonia: baixos para o que producimos (leite, carne, peixe,
electricidade, madeira, etc) e altos para o que consumimos (tarifa eléctrica
común, gasoil-gasolina, tren, transporte aéreo, peaxes elevadísimos para a nosa
conexión interna, etc).
A nosa
industria, a nosa agricultura e os servizos soportan uns custes de
electricidade e de transporte que pexan a competitividade, o que fai
especialmente difícil saír adiante cando a competencia é tan desigual.
Co noso
mercado dominado pola súa gran distribución comercial oligopólica é difícil dar
saída en condicións randíbeis á nosa produción primaria e reter as rendas das
marxes comerciais.
Así non hai
maneira de saír do burato.
E naquilo que
podemos levantar cabeza deseguida nos poñen novos atrancos, vetos,
reconversións forzosas, limitacións a produción, cotas leiteiras e pesqueiras,
supertaxas, etc.
O resultado é
paro, emigración e devalo demográfico.
O futuro é
realmente negro e hai que facer algo, temos que facer algo. Non podemos
resignarnos a que todas a conquistan se veñan abaixo.
Pero, entón, hai solución?
Si, claro que hai. Non é sinxela. Pero haina.
O primeiro requisito é ter claro o tipo de
país e de sociedade que queremos porque do contrario, como dicía Séneca, “non
hai ventos favorábeis para quen non sabe a onde quere ir”. Polo menos hai que
ter claro o que non queremos. O que non queremos é este escenario de
empobrecemento cara o que pretenden levarnos.
Para darlle a volta a todo isto precisamos un
proxecto. Galiza precisa que o proxecto do nacionalismo avance na sociedade e
avance electoralmente.
Empezando polo
máis sinxelo.
Hai que romper
de inmediato coas políticas de recortes e apostar con decisión por políticas
expansivas de gasto, non gasto improdutivo ou ineficiente, pero si investimento
en recursos de futuro: investigación, innovación, educación, servizos públicos
avanzados…
O investimento
e os empregos creados en todas esas actividades terán a doble virtude de crear
riqueza de cara o futuro e de actuar tamén como factor dinamizador da demanda a
curto prazo, esencial para reactivar o sector privado, en particular das PEMES
industriais, comerciais e dos servizos.
Claro que ese
incremento de gasto hai que financialo. E como facelo?.
Hai que mudar
o actual marco de financiamento autonómico que está estrangulando as nosas
contas públicas. Sendo unha das CCAA de menor nivel de renda per capita resulta
que estamos a ter unha balanza fiscal negativa. Precisamos soberanía
financeira, recadar nós os tributos todos e ter plena capacidade normativa.
Hai que
aumentar ingresos e iso pode facerse con impostos ás grandes rendas -en
particular as rendas financeiras- e as grandes fortunas.
Queremos que o
aforro e as ganancias empresariais se invistan aquí e non nos paraísos da
evasión fiscal ou na especulación financeira global. Queremos que os moi ricos,
as grandes fortunas e as grandes empresas paguen impostos, paguen aquí e paguen
máis para contribuír a financiar un gasto público que dinamice o investimento e
a demanda, un gasto público que financie bos servizos públicos e un orzamento
público redistribuidor que reduza as desigualdades insoportábeis e a pobreza
galopante.
Velaí un dato
que por si só di todo: Galiza recadou polo Imposto de Patrimonio en 2013 278
mil de euros, é dicir nada!. Pero se as 9 maiores fortunas galegas pagasen
realmente polo seu Patrimonio total (57.500 M €, equivalente ao noso PIB) as
nosas contas públicas serían outras completamente diferentes. Só cos 9 grandes
poderiamos facer cousas ben grandes en educación, sanidade educación, loita
contra a exclusión, cantos tratamentos contra a hepatite C, canto persoal máis
para Urxencias!!
Claro está que
para conseguir iso que parece tan sensato precisamos soberanía fiscal e
políticas fiscais progresivas.
Dito isto
tamén quero insistir en que a proposta do BNG non é só aumentar o gasto
público, tamén creemos que hai ámbitos onde se pode reducir gasto socialmente
innecesario. E sobre todo propoñemos un gran paquete de aforro suprimindo parte
deses 6 niveis administrativos que resultan caros, ineficientes e fonte
distorsións. Por iso propñemos suprimir as Deputación Provinciais e as
delegacións do Coberno Central e a propia dimensión dese Goberno Central. Aí si
que poderiamos conseguir aforros significativos e melloras da eficiencia, pero
para iso temos ir na dirección inversa á que hoxe están promovendo desde o PP e
as forzas recentralizadoras.
E, sobre todo,
temos que mudar as políticas:
Non podemos
ver estragados os nosos recursos por imposicións miopes ou intereseiras de
Bruxelas ou de Madrid como ocorre co cerco, co xeito, ou como ocorre tamén no
agro ou no naval.
Non podemos
aceptar que os nosos recursos naturais, os eléctricos ou o aforro emigren sen
crear riqueza no país.
Temos que
investir en novas actividades, baseadas tamén no coñecemento e na innovación.
Cunha estratexia de especialización intelixente –de verdade e non ese
“powerpoint” feito pola Xunta- centrada sobre todo na diversificación a partir
daquilo no que temos vantaxes, experiencia acumulada, capacidade comercial,
etc. Non se trata de apuntarse nun papel á última moda dos gurús estrela do
momento, non se trata de crear bonsais artificiais que logo consumen todo o
noso esforzo sen deixar de ser un eterno bonsai. Trátase sobre todo de
incorporar coñecemento, diversificar bens ou servizos ao redor daquelas
actividades ou sectores nos que temos unha base produtiva, tecnolóxica e
investigadora minimamente sólida.
Compre
investir en talento e aproveitalo produtivamente. Abandonar a retórica e ir aos
feitos.
Non podemos
aceptar esa política miope de recortes que está estragando os esforzos de I+D
última década. Nos primeiros catro anos de Feijóo retrocedemos a un nivel de
esforzo de I+D do 0,86% do PIB, un retroceso dunha década, 1.500 investigadores
(en Equivalencia de Xornada Completa, realmente son moitas máis persoas)
expulsados do sistema e nulas espectativas para a maioría dos que permanecen.
Cómpre volver poñer a I+D e a innovación nos orzamentos e non só nos discursos.
Indo un paso
máis alá. É preciso un novo modelo de inserción na economía internacional,
tanto no relativo ás finanzas como ao comercio internacional. Ese cambio de
marco regulatorio require, sen dúbida, soberanía e vontade de exercela nesta
dirección.
Para poñer a
banca ao servizo da economía produtiva necesitamos Banca Pública Galega e outra
regulación.
Para frear a
desindustrialización e recuperar a industria precisamos frear a liberalización
. Desde logo temos que impedir a ameaza que supón o TTIP que se negocia na
trastenda entre a UE e EEUU.
O ciclo da
hiperglobalización, da globalización neoliberal trouxo esta situación de
profunda crise estrutural que non ten solución nese marco. A hiperglobalización
é insostíbel económicamente e insoportábel socialmente. Pouco a pouco van
abríndose camiño outras opcións para reconstruír os equilibrios básicos. Iso
devolve ao centro da escea a cuestión da soberanía dos países, como vén facendo
Latinoamérica desde hai unha década e como afirma Grecia desde este domingo.
Dun xeito ou doutro, que nunca será idéntico a como foi noutros períodos no
pasado, pero a soberanía será o concepto arredor do que xirará o novo
paradigma.
Noutra
dimensión e dado que o noso problema máis agudo e evidente é o emprego resulta
necesaria unha reflexión adicional sobre o impacto das novas tecnoloxías e, en
particular, do dixitalismo, sobre o traballo na sociedade que vén. Na era
dixital mudan moitos aspectos da vida das persoas, das relacións entre elas, o
tipo de bens e servizos que consumimos e a forma en que os consumimos.
Todo iso
obriga a pensar novas formas de traballo pero tamén a xestionar socialmente a
reducción de postos de traballo e do tempo de traballo global.
Está claro que
cómpre abordar unha estratexia de reparto do traballo cohesionador, que garanta
a inclusión laboral e social e que contribúa a unha sociedade máis igualitaria.
Iso é posíbel pero require un cambio de paradigma.
Ao mesmo tempo
cómpre abrir novo nichos de actividade que creen novos empregos. Exemplos
claros no noso caso serían todos os ligados a calidade, en particular a
calidade alimentaria sustantiva (non a das etiquetaxes), con produción de
alimentos sanos, saudábeis, ecolóxicos, que poden crear novos empregos e mellor
calidade de vida (aínda que implique menor produtividade); actividades
vencelladas ao coidado e aproveitamento do medio ambiente en parámetros de
sustentabilidade; investigación; creación cultural propia; ocio de relación
social, etc.
Nese novo
paradigma guiado pola sustentabilidade vai de seu a reducción do gasto en
transporte (moi intensivo en enerxía fósil) e adquiren preeminencia os
criterios de producción local (alimentaria, servizos, etc) En Francia os
circuitos curtos de comercialización representan o 21% dos ingresos das
explotacións, aqui apenas un marxinal 0,05%. De igual xeito, cómpre pensar na
producción e consumo local da enerxía (renovábeis); comercio local e de
proximidade (modelo urbano compacto e evitando fuga de rendas da intermediación).
En todos eses
eidos os nosos concellos teñen un
papel moi activo a desempeñar. Alí onde gobernamos xa estamos facendo cousas e
seguiremos facendo máis se a reforma local mutiladora e centralizadora do PP
non o impide.
En síntese,
soberanía enerxética, soberanía alimentar, soberanía financeira son principios
orientadores de futuro, que enchen de contido práctico a nosa aposta pola
soberanía política.
E non falei de
corrupción, porque a corrupción é un cancro asociado a unha sociedade en
descomposición. Feijóo dí que “Imos ser a rexión máis transparente de Europa”:
si, cos bolsillos limpos e baleira de xente!
É non falei da
débeda. Porque en realidade o problema da débeda non se arranxará se non hai
crecemento económico e creación de rendas.
Por todo o dito
afirmo que no marco actual e coas políticas actuais non hai recuperación
posíbel nin saída da crise, por moito que a maquinaria da propaganda mentirán
do PP español e de Feijóo pretenda atordarnos.
Pero, amigas e amigos, hai
saída, hai alternativa.
Non vou dicir que o que vos
propoño sexa fácil ou sexa para mañán. Pero ese é o norte e canto máis nos
aproximemos nesa dirección mellor nos irá.
Por todo iso é polo que afirmo
que o nacionalismo, o soberanismo, é unha alternativa necesaria e non un adorno
retórico, nin unha elucubración ideolóxica nin tan sequera unha fixación
identitaria: o soberanismo é a vía práctica para ter as ferramentas que
permitan resolver os problemas concretos dos galegos e galegas, os máis
importantes no seu día a día: ter emprego, salarios dignos, ter recursos para
facer fronte ás súas necesidades vitais, ter sanidade, educación e outros
servizos públicos de calidade.
Esa é a política do posíbel
pola que tamén aposta o BNG.
E para iso queremos contar con
tod@s vós,
empezando polas preguntas que
teñades agora.
Moitas grazas
Compostela, 29 xaneiro de
2015-01-29
Xavier Vence
Sem comentários:
Enviar um comentário