sábado, 31 de janeiro de 2015

Castelao 2015: ilusión para derrotar a resignación e o empobrecemento



Un ano máis rendemos homenaxe a memoria do rianxeiro e grande patriota que foi até o último alento Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, fai agora 65 anos.
Hai xusto 100 anos que Castelao tomou unha decisión. Mellor dito, aquel Castelao ben novo, con 29 anos, tomou en 1915 dúas decisións que serían claves para o seu futuro e para o futuro de tod@s nós: abandona a mediciña para preparar as oposicións ao corpo de estatística de Facenda, que acabaría tendo como destino en Pontevedra e, levado polo seu anticaciquismo, rompe co maurismo do seu pai, que fora alcalde de Rianxo.
Hai 100 anos Castelao deu un paso cara a un compromiso inquebrantábel con Galiza e o seu pobo, que foi agrandando día a día, até o seu último alento, sobrepoñéndose ás máis duras probas da represión, persecución e o exilio.
Do seu traballo iniciado hai cen anos con Risco e Losada Diéguez e cos Irmáns Vilar Ponte, Lugrís, Porteiro, sairía adiante o ano seguinte, en 1916, a fundación das Irmandades da Fala, que afirman as nosas aspiracións nacionais e dan os primeiros pasos cara a creación do nacionalismo político organizado.
Un século de loita, un século de sementeira e de organización, cos consabidos hiatos das dúas ditaduras, para darlle a este pobo autoestima e recoñecemento e, sobre todo, vontade futuro. Futuro digno para as súas xentes, traballo na terra, democracia e plena capacidade para cultivar sen ataduras todas as dimensións da nosa cultura.
Construír unha nación con pleno recoñecemento institucional non é tarefa fácil nin apta para mentes cativas e tampouco para mentes ansiosas.
O nacionalismo galego ten moitos inimigos, inimigos poderosos fóra e traidores na elite provinciana do país, por iso temos aínda unha tarefa importante por diante.
Son moitos os que queren que o nacionalismo desapareza, uns esmagándoo e outros por dilución. Persisten, pero tan persistente como o seu empecinamento é a nosa vontade de afirmación. Non nos dobregarán os que veñen de fronte, con todas as armas do poder ou da represión, pero tampouco nos van despistar os cantos de serea da dilución. O nacionalismo é unha das realizacións máis importantes dos últimos 100 anos. É unha das fortalezas que ten este país.
Absorberon, apropiáronse e leváronnos  Fenosa, Larsa, Leyma, Banco Pastor, as Caixas, R, Barreras, Pescanova… pero o nacionalismo do BNG non vai ser absorbido.
Afortunadamente, milleiros de galegas e galegos alentan hoxe o BNG e as Asembleas Abertas polo país adiante. Som@s os herdeir@s de Castelao e continuadores desta longa xeira secular que arela a construción dunha nación no mundo.
Desde Madrid non o entenden. Non o entenden nin os de sempre nin tampouco os “novísimos” que creen que iso do nacionalismo son cousas de sentimentos arcaicos, identitarios, ideoloxismos ou gañas de amolar o “ser natural das cousas”, que non pode ser outra cousa que o nacionalismo banal español.
Non entenden que o nacionalismo é a vontade de loitar polo futuro da xente dentro do noso país, polos intereses materiais da maioría, para compartir unha calidade de vida digna.

Unha nación na que a xente nova poida estudar en centros públicos de calidade;
Unha nación onde a xente nova teña un horizonte laboral digno no agro, no mar, nas fábricas , no comercio, nos servizos ou na investigación;
Unha nación onde a xente enferma teña garantida unha sanidade pública universal de calidade, non con esas urxenciadas degradas e ateigadas ou cos periplos da “ruta do cancro” ou cos enformos da hepatite C implorando por un medicamento que lles salva a vida e que se raciona por cutre economicismo;
Unha nación onde os servizos sociais públicos atendan á xente que o precisa e onde os servizos para a infancia fagan compatíbel a crianza nenos e nenas e a vida laboral dos pais e nais.
Iso é o que queremos, unha nación que produza, que cree emprego, que compita con innovación e produtividade e non con salarios de miseria.
Non queremos ser carne de canón na emigración,
Non podemos ver estragados os nosos recursos por imposicións miopes ou intereseiras de fóra como ocorre co cerco, co xeito, como ben saben os mariñeiros de Rianxo, ou como ocorre tamén no agro ou no naval.
Non podemos aceptar que os nosos recursos naturais, os eléctricos ou o aforro emigren sen crear riqueza no país.
Queremos que o aforro e as ganancias empresariais se invistan aquí e non nos paraísos da evasión fiscal ou na especulación financeira global.
Queremos que os moi ricos, as grandes fortunas e as grandes empresas paguen impostos, paguen aquí e paguen máis para contribuír a financiar un gasto público que dinamice o investimento e a demanda, un gasto público que financie bos servizos públicos e un orzamento público redistribuidor que reduza as desigualdades insoportábeis e a pobreza galopante.

Sen iso non hai recuperación posíbel nin saída da crise, por moito que a maquinaria da propaganda mentirán do PP español e de Feijóo pretenda atordarnos. Os datos por desgraza son teimudos, temos os peores datos de caída da actividade industrial, aumentou o paro en 15.000 persoas no último cuatrimestre do ano.

Non hai futuro se no canto de corrixir as eivas profundas que a crise puxo ao descuberto o que fan é impulsar un “capitalismo confiscatorio” para tapar os buratos d@s auténtic@s responsábeis co suor, sufrimento e espolio das vítimas: traballador@s, contribuíntes, usuari@s e aforrador@s.

Pero… é que noso caso, ademais dun ultraliberalismo inviábel, sufrimos tamén o efecto do centralismo madrileño.
Centralismo que pretende seguir espremendo o noso aforro e a nosa fiscalidade para encher o burato da súa débeda.
Porque pretenden seguir someténdonos a unhas relacións de intercambio inxustas, con prezos de auténtica colonia: baixos para o que producimos (leite, carne, peixe, electricidade, madeira, etc) e altos para o que consumimos (tarifa eléctrica, gasoil-gasolina, peaxes, tren, transporte aéreo, etc).
Con custes de electricidade e de transporte que pexan a competitividade da nosa industria é difícl saír adiante.
Co noso mercado dominado pola súa gran distribución comercial oligopólica é difícil dar saída en condicións á nosa produción primaria e reter as rendas das marxes comerciais.
Así non hai maneira de saír do burato.
E naquilo que podemos levantar cabeza deseguida nos poñen novos atrancos, vetos, reconversións forzosas, limitacións a produción, cotas leiteiras e pesqueiras, supertaxas, etc.
O resultado é paro, emigración e devalo demográfico. Os que no fan nada por darlle a volta aos graves problemas da dependencia foránea veñen logo coas bágoas de crocodilo ao redor da natalidade, da que hipocritamente son tan devotos os cínicos de Monte Pío e da dereita.
Para darlle a volta a todo isto Galiza precisa que o nacionalismo avance na sociedade e avance electoralmente.
Por todo iso temos que chegar ao corazón da xente, temos que “petar na ialma do pobo até conseguir un estado de opinión revolucionario”, como nos propuña Castelao.

Este ano temos eleccións municipais e as xerais do estado; o ano que vén temos as autonómicas. Temos moi presente o ciclo completo. Para nós as tres son moi importantes, cruciais. As municipais teñen que servir para asentar o nacionalismo no territorio, consolidarnos como alternativa á dereita e ao centralismo e como opción de goberno en moitas vilas e cidades.
As Xerais teñen que servir para que Galiza defenda os seus intereses nacionais en Madrid e, sobre todo, que o nacionalismo poda participar e terciar nun eventual debate sobre o modelo de estado, porque Galiza non vai renunciar a ser unha nación de primeira.
Pero hai que ser claros, o futuro do noso proxecto xógase aquí, a clave está en conseguir a complicidade da maioría da sociedade galega.
As galegas de 2016 teñen que marcar un punto de inflexión. Temos a obriga de derrotar o PP e cómpre traballar coa ilusión de sermos a alternativa que lidere esa vitoria e poidamos así inverter o proceso de centralización en marcha e sentar as bases para unha mudanza cualitativa. Non vai ser fácil pero non é imposíbel. Esa ten que ser a meta para o ciclo político que agora comeza coas municipais.
O nacionalismo ten moitos flancos abertos. Movémonos nun escenario moi convulso social e politicamente. A sociedade móvese entre a frustración e a indignación. Hai un inxente esforzo das elites e das súas potentes máquinas de adoutrinamento para amainar esa indignación e “orientala” do xeito menos perigoso para os seus intereses estratéxicos. Nese contexto, a aínda recente fragmentación do nacionalismo e a da esquerda española crean un panorama tremendamente entrambilicado e cambiante.
O BNG imos xogar con serenidade pero con ambición para sermos motores dun cambio en profundidade, ben amarrado aos intereses do noso país e das nosas xentes. Conseguilo esixe un esforzo redobrado para sumar e crear complicidades.
As Asembleas Abertas foron e seguirán sendo unha plataforma vital para conectar e incorporar a miles de persoas que queren compartir un proxecto de transformación pensado desde o país. Nós abrimos as nosas portas a todas esas persoas, incorporamos moitas nas nosas candidaturas e seguiremos incorporando máis. Máis persoas e máis ideas para os programas. O BNG vai ser a voz e a alternativa de toda a cidadanía rebelde que quere mudar as cousas desde os concellos, para empezar derrotando ao PP, e construír un proxecto para defender Galiza e gobernar Galiza.

Temos un ano decisivo por diante; en realidade temos dous anos decisivos para o futuro da nosa nación, para provocar unha inflexión, converter en determinante o nacionalismo e sentar as bases para a gran aventura cara a soberanía.

Os concellos son o primeiro chanzo, importantes pola súa función para responder en proximidade ás necesidades da xente e tamén para socializar por abaixo o noso proxecto político. Aquí estamos neste Rianxo de Castelao, gobernado por un alcalde nacionalista, con Adolfo e demais compañeiras e compañeiros. Eles son un magnífico exemplo da forma de gobernar do BNG, honesta, participativa, de compromiso coa xente, cos sectores produtivos, pesca, marisqueo, o xeito. Aquí demostramos que mesmo herdando un concello moi endebedado poden facerse moitas cousas pola xente. Demostramos a nosa aposta pola sustentabilidade, coa vontade de superar o modelo insostible, ineficiente e caro de Sogama.
Estamos orgullos@s de Rianxo, de Adolfo, e orgullos@s tamén de todas as nosas alcadesas, alcaldes e concelleiras que levan entregado con xenerosidade moitas enerxías na defensa dos intereses colectivos dos seus veciños e veciñas e que o 25 de maio van ser quen de recuperar novos espazos e novos concellos que hoxe están en mans desa dereita caciquil, sumisa aos que arruinan o país e, en moitos casos, corrupta.
O 25 de maio o BNG vai demostrar que estamos en forma e que somos a alternativa do país fronte ao neoliberalismo, o centralismo e o caciquismo.

Orgullosas tamén de Deira, que nos acompaña, e que tanto leva batallado pol@s veciñ@s de Boiro e por consolidar o proxecto nacionalista. Agora que decidiu deixar a vida municipal quero renderlle unha viva homenaxe de agradecemento, pero non como despedida senón que sei que Deira ten aínda moito que aportar á nosa xente, aos veciños, aos emigrantes retornados e ao nacionalismo.

Amigos e amigas,
O país está nunha situación crítica e require solucións.
Nós temos propostas e solucións pensadas a medida da envergadura dos nosos problemas, tanto a nivel municipal coma xeral.
O PP non ten propostas para saír da crise, tan só rescatar as finanzas e a gran empresa e repartir empobrecemento e precariedade a esgalla.
A única receita para a maioría social é a propaganda, propaganda a esgalla que é o que levan facendo nos últimos meses coa maquinaria das mentiras a todo trapo.
Pero coas mentiras non pode tapar os problemas nin o fracaso das súas políticas. E con elas non hai recuperación nin a vai haber.
En realidade levan coas trompetas da recuperación inminente dende que en 2009 empezaron a falar dos “brotes verdes”, ano tras ano coa mesma canción, pero cando facemos balance de cada ano comprobamos que seguimos en crise e en devalo. Coma naquela foliada d’A Roda, “sempre andas dicindo para o ano que vén/chega outro ano, e pasa tamén”.
Agora confían no ciclo bíblico dos sete anos de vacas gordas e os sete anos de vacas fracas. Por desgraza os sete anos de vacas fracas poden seguirlle outros sete, se aceptamos as políticas neoliberais e centralistas.
No BNG dicimos que xa abonda de desfeita, hai que romper coa globalización ultraliberal e co centralismo
No BNG temos moi claro que non hai proxecto posíbel de esquerdas sen soberanía para exercitalo. Traballo digno, igualdade, democracia e identidade.
Traballaremos con paciencia pero sen desmaio con ese norte, “petando na ialma do pobo”, como nos pedía Castelao, desde todos os recunchos da sociedade, desde os concellos, gañándonos a confianza e o apoio da xente; co traballo na rúa e nos parlamentos até coller as rendas o autogoberno para avanzar con máis firmeza.
O ano 2015 vai ser un ano para mudar moitas cousas no noso país. Traballaremos con ilusión para pasar a páxina negra do PP e do centralismo máis teimudo.
2015 ten que marcar un punto de inflexión para devolver a esperanza a este pobo
Escoitando e aprendendo do noso pobo e da experiencia desas outras nacións irmáns que, como Escocia ou Cataluña, van coas velas inchadas rompendo ondas no océano da liberdade.
Nós, desde o Rianxo de Castelao, iremos en gamela ou en xeiteira, navegaremos de bolina, pero, coma os nosos valentes mariñeiros doutrora chegaremos a “TerraNova”.
Poñeremos os cimentos dunha terra nova na Nosa Terra.

Longa vida ao Irmán Daniel
Viva Galiza Ceibe

Rianxo, 10 de xaneiro de 2015







Sem comentários:

Enviar um comentário