domingo, 27 de abril de 2014

Intervención no Encontro Nacional Eleicións Europeas do 27 abril en Compostela



Compañeiros e compañeiras
Estes son os nosos e as nosas!! Son os/as 19 da lista que o 25 de maio os galegos e galegas escolleremos para zumbarlle á troika e levantar o ánimo do país.
Aquí temos o corazón que vibra con entusiasmo para erguer a bandeira da xustiza e do futuro na terra.
Son 19 corazóns desa resposta organizada día a día contra todas as agresións da banca, contra os oligopolios eléctricos e enerxéticos, contra os cazadores de privatizacións corruptas, contra os recortes irresponsábeis de Rajoy e de Feijóo
porque o BNG si está aí, na rúa, nos concellos e no parlamento plantando cara a esta dereita disposta a arrasar todas as conquistas, todos os dereitos e o propio futuro da xente con tal de salvar os intereses sagrados da banca especulativa e das grandes fortunas.

Co BNG van as que loitan no agro, no mar e na industria contra esas decisións que esganan os nosos sectores produtivos, a únicas que lle coñecemos a ese Cañete bravo.

Connosco van representados os verdadeiros movementos sociais que están na vangarda da defensa dos intereses colectivos. A empezar polos compañeiros e compañeiras da CIG que representan a ese sindicalismo combativo e solidario que nin se vende nin se corrompe. Cousa que non poden dicir outros!.

Enfín, neses 19 están tamén os que loitan por unha vida digna, individual e colectiva, os que se esforzan por producir cultura, cultura propia, cultura libre, “non serviam” amigo Suso, amiga Isabel.

Agora veñen as eleccións e os que levan anos arrasando con todo, os do PP e os seus amos, acenderon os altavoces da propaganda para anunciar unha recuperación.
Falan de que si a macro, de que si a micro, coma aquel doutor Pangloss de Voltaire. Son falabaratos.
Non!, miren, as cousas polo seu nome, en roman paladino, as rendas financeiras, os bancos e as grandes fortunas están en recuperación, si, espoliando ao resto da sociedade, aos traballadores e aos aforradores. As rendas salariais perderon 4 puntos no PIB a beneficio das grandes fortunas.
Iso é o que eles chaman recuperación, iso é engorde da bolla financeira coa dopaxe do diñeiro do BCE a beneficio duns poucos e empobrecemento de todos os demais.
Úlos empregos, úlos salarios, úla calidade dos servizos?
O barco afundiu e petou no fondo pero non vai reflotar só. Úlos plans para crear emprego?, en que actividades de futuro se van crear eses 300.000 empregos que precisamos en Galiza?, en que condicións? A 600 euros e sen seguridade social?
Non teñen nin a máis mínima proposta de futuro, nin en Europa, nin no Estado, nin aquí!! Só obscena propaganda e cinismo a esgalla!!!
Si a mentira fose delito estarían todos en cadea perpetua !!

Só hai cartos para propaganda e para comprar propagandistas panglossianos!!!
E para máis indignación tamén hai cartos para desguazar barcos, pechar explotacións e privatizar residencias, hospitais, servizos públicos e mordidas.
E Rajoy está contento, Feijóo está contento. Os mercenarios cumpren o seu papel.
Feijóo está feliz recortando todo até deixar o país reducido a altura da súa cativeza.
Pero que non esqueza que ao final Roma non paga a traidores!

A submisión é tanta que nin sequera leva candidatos galegos nas listas do PP, iso si… para compensar deciden anexionar o barrio madrileño de Aravaca. Que tome nota o compañeiro Lores, ao mellor podemos aumentar a recadación!

Amigos e amigas,
As cousas están moi mal pero se as deixamos nas mans desta xente acabaremos rematadamente mal. A nosa vida e a da xeración moza pode acabar nunha dramática desfeita.
Ou non!!, se somos quen de reaxir
O BNG reaxiu hai moito tempo!
Todas e todos os que estades aquí sodes o corazón desa Galiza que non se somete, que non se resigna, que non acepta esmorecer, que non se entrega rendida.
Somos o corazón afouto que confía nas nosas capacidades, que confía na nosa xente e que bombea confianza e orgullo polo país adiante.
Temos que convencer tamén aos nosos compatriotas que é preciso reaxir, reaxir antes de que sexa tarde!

Temos que parar a involución social e democrática que as finanzas e a dereita están tratando de impoñer en Europa.
O 25 de maio os galegos e galegas temos que zouparlle unha malleira á Troika e o seu plan de desguace, temos que darlles un NON aos corruptos mercenarios que obedecen aos amos económicos, a cuxa selecta corte pertencen, coma ese terratenente Cañete ou os Millán Mon ou os que aspiran a ser admitidos nelas a través das ben engraxadas portas xiratorias.

A nós non nos vale esta Unión Europea. Esa Europa que estrangula a economía produtiva nin é viábel nin o noso país pode sobrevivir nela.

Nós non queremos vernos condenados ao paro pola desaparición dos nosos sectores produtivos, nós non queremos ser pobres escravizados por esa débeda ilexítima, polo espolio o noso aforro e pola evasión de impostos fuxindo cara paraísos fiscais.

Pero o 25 M non só queremos darlles un sopapo ao PP e á troika, o BNG pon, ademais, enriba da mesa unha alternativa: para romper de verdade coa hiperglobalización neoliberal é preciso conquistar soberanía para poder controlar minimamente os fluxos económicos esenciais e só así poderemos ter ferramentas para poñer en marcha políticas de esquerda. A soberanía é unha precondición esencial para garantir o futuro do país, o futuro digno para a nosa xente, a ferramenta para poder crear emprego e manter unha calidade de vida digna.

Outros parecen perden o “norte” falando de baleiras alianzas dos pobos do sur ou buscando a redención na pasarela madrileña. 
O noso norte está aquí e na colaboración con todos os que loitan contra a globalización.
Aplicando un internacionalismo responsábel e solidario, colaborando con todos os que compartimos ese norte. Por iso organizamos aquí hai dous meses, neste mesmo local, a XII Asemblea das 40 organización europeas que conforman a ALE. E por iso traballamos man con man no Parlamento Europeo coa ALE, cos Verdes e tamén coa Esquerda Europea para parar os plans máis reaccionarios desa “grosse koalition” de facto que forman o PP europeo, os liberais e gran parte dos mal chamados socialdemócratas, que en realidade son apenas social-liberais.

Eses que agora veñen pedir o voto poñendo como mérito que son os maioritarios, os que queren mandar de novo: vaia mérito!!, así nos vai!
Da man desa “grosse koalition” os poderes económicos están querendo voltar ao século XIX, desigual e pobre, sen sindicatos nin negociación colectiva.
Unha democracia liberal decimonónica, a tempo parcial, de fin de semana,  teledirixida polos centros de poder tecnocrático e autoritario centralizado, privando a vontade popular de decidir sobre os asuntos esenciais da vida económica e social.
Pero, iso si, queren dominarnos coas ferramentas do século XXI, co control absoluto da información para adoutrinar, meter medo e negar ou invisibilizar as alternativas, coa espionaxe masiva desde o grande poder imperial americano.  Pero que dignidade queda en Europa?, que democracia é esa?, así queren dominar os negocios e mesmo manipular os movementos políticos e sociais en todo o mundo.

A nós non nos vale esta Unión Europea que está cada vez máis sometida e submisa á estratexia americana. Esta Europa na que as grandes decisións as toma o FMI, Goldman Sachs e o Pentágono, é dicir América, se acaso coa complicidade desa Alemania que aspira ao IV Reich e os peóns que ambos comparten no Banco Central Europeo. Iso é a Troika, e os homes de negro.
Quen está negociando ese Tratado Trasatlántico de Libre Comercio e Investimentos entre a UE e EEUU na máis absoluta nocturnidade. Que están negociando, para qué, a beneficio de quen?
Nós non queremos esa Unión Europea de aventuras imperiais e das guerras, como en Ucraína.

Nós queremos outra Europa e iso empeza pola soberanía, para construír unha Europa dos pobos, solidaria e democrática. Por iso a nosa coalición se chama “os pobos deciden”

Por iso o 25 de Maio queremos que Galiza lle zumbe unha malleira na urnas á Troika.

O dia 25, temos que conseguir que os galegos e galegas de corazón voten co corazón e coa cabeza, polo futuro, polo dereito a traballar e vivir na propia terra e para facelo con dignidade e en democracia.
É vital para o proxecto nacional, é vital para a xente, é vital para o BNG.
Hai que mobilizar a todo o mundo. Temos que vencer o desprestixio dereitista da política.

Co BNG, con Ana, esta nación estará con voz propia, directa e sen intermediarios no Parlamento Europeo para defender outra Galiza noutra Europa.

Avante Galiza
Avante BNG


Xavier Vence

Portavoz Nacional BNG