sexta-feira, 26 de abril de 2013

Un fracaso insoportábel


As novas previsión económicas para 2013 e os datos definitivos de déficit publicados por Eurostat certifican o fracaso clamoroso das políticas económicas do goberno do PP. Cada día que pasa os problemas agrandan e ningún indicador amosa melloría. O grave é que xa son anos de máis con estas políticas e demasiados anos de fracasos. Sobre todo, son fracasos cunhas consecuencias sociais excesivamente dramáticas e sangrantes.
As cifras de persoas que quedaron sen traballo vai en aumento permanente; os ingresos da familias caen e os problemas de exclusión e pobreza extrema dispáranse. Hai xa vellos e nenos que padecen infraalimentación -o que antes se chamaba fame.
Ao mesmo tempo os indicadores que segundo o goberno xustificarían tanto sacrificio resulta que tamén empeoran. É dicir, os sacrificios sociais enormes non só arrasan coa vida das familias senón que son inúteis para frear a crise e recuperar a economía.
Efectivamente, este luns soubemos que alí onde o goberno viña anunciando e asegurando que a economía se recuperaría na segunda metade de 2013, resulta que acaba de recoñecer que a depresión vai prolongarse e, non só iso, senón que vai afondar máis. O executivo de Rajoy fixera unha previsións nos orzamentos de que a economía española ía caer un 0,5% en 2013; hai poucos días aínda tachaban de “antipatriotas” aos que lles discutiran esa cifra. Agora ven de recoñecer –en Washington- que a caída vai der tres veces maior: -1,5%. Unha brutal caída que fará que este quinto ano de depresión leve por diante miles de empregos e un deterioro das condicións de vida estarrecente. O grave é que con esa nova previsión, que obriga a revisar os orzamentos ficticios aprobados, este venres xustificaran novos recortes.
Peor aínda, todo estaba xustificado en aras dunha redución do déficit público. Pois ben, resulta que Eurostat ven de publicar que no ano 2012 o déficit público real chegou á cifra histórica do 10,6% do PIB. O máis alto da UE, por diante de Grecia (10%), Irlanda (7,6%) ou Portugal (6,4%). E a débeda pública aumentou até situarse no 87%.
Constatación pura e simple: as chamadas medidas de austeridade para reducir o déficit na práctica acaban traducíndose nun aumento do déficit e da débeda. Por que? Pois, ben simple: porque ese exceso de austeridade estrangula o consumo interno, cae en picado a produción e o emprego, de xeito que cae tamén a recadación pública.
Aínda por riba, no mesmo día temos coñecemento de que a banca aforra 14.000 millóns en impostos ao estado como consecuencia das regularizacións autorizadas.
Pero entón, porque segue con estas políticas a dereita europea e o PP español e galego?
Non é só por ignorancia, aínda que a intelixencia non sobra. A razón principal é que o obxectivo non é realmente a redución do déficit e a recuperación do emprego. O obxectivo primordial é facer todo o posíbel por garantir o rescate bancario e garantir o pago da débeda acumulada (que na súa inmensa maioría foi asumida para rescatar a banca, dar cobertura ás eléctricas co famoso déficit tarifario, asumir a débeda coa industria militar e dar negocio ás grandes construtoras). Todo o país traballando e purgando para salvar a banca especulativa e as grandes corporacións oligopólicas dos lobbies que dominan a economía do estado español. Na súa inmensa maioría empresas madrileñas e moi pegadas á corte.
A conclusión non pode ser máis clara e máis indignante: estannos impoñendo unhas políticas que non teñen como obxectivo a recuperación económica senón tan só a recuperación da banca. Entre tanto, a economía produtiva, o emprego e o futuro son sometidos a un réxime de devaluación austericida que arruína á inmensa maioría dos traballadores e parados. Estraga miles e miles de vidas e manda á emigración a miles de xoves ben formados.
É dicir, machacan o presente e róubannos o futuro. Chegados a este punto só a frivolidade ou a indolencia poden permitir que os gobernantes do PP en Madrid ou en Galiza poidan perseverar até que a situación se volte tan insufríbel que a xente se subleve. Non metaforicamente senón de verdade. De seguir por este camiño de obediencia cega aos mercados e á Troika iso non tardará.
Merkel xa lanzou onte a súa consigna: cómpre que os países da periferia renuncien aínda máis á súa soberanía. Xa sabemos o que iso significa: máis recortes e submisión aos ditados das instancias chamadas tecnocráticas da UE, é dicir, das supeditadas á banca. Alá Rajoy, alá Feijóo, os cidadáns xa non aguantan máis. Que non digan que non foron avisados.