As novas
previsión económicas para 2013 e os datos definitivos de déficit publicados por
Eurostat certifican o fracaso clamoroso das políticas económicas do goberno do
PP. Cada día que pasa os problemas agrandan e ningún indicador amosa melloría.
O grave é que xa son anos de máis con estas políticas e demasiados anos de
fracasos. Sobre todo, son fracasos cunhas consecuencias sociais excesivamente
dramáticas e sangrantes.
As cifras de
persoas que quedaron sen traballo vai en aumento permanente; os ingresos da
familias caen e os problemas de exclusión e pobreza extrema dispáranse. Hai xa
vellos e nenos que padecen infraalimentación -o que antes se chamaba fame.
Ao mesmo tempo os indicadores que segundo o goberno xustificarían tanto
sacrificio resulta que tamén empeoran. É dicir, os sacrificios sociais enormes
non só arrasan coa vida das familias senón que son inúteis para frear a crise e
recuperar a economía.
Efectivamente, este luns soubemos que alí onde o goberno viña anunciando e
asegurando que a economía se recuperaría na segunda metade de 2013, resulta que
acaba de recoñecer que a depresión vai prolongarse e, non só iso, senón que vai
afondar máis. O executivo de Rajoy fixera unha previsións nos orzamentos de que
a economía española ía caer un 0,5% en 2013; hai poucos días aínda tachaban de “antipatriotas”
aos que lles discutiran esa cifra. Agora ven de recoñecer –en Washington- que a
caída vai der tres veces maior: -1,5%. Unha brutal caída que fará que este
quinto ano de depresión leve por diante miles de empregos e un deterioro das
condicións de vida estarrecente. O grave é que con esa nova previsión, que
obriga a revisar os orzamentos ficticios aprobados, este venres xustificaran
novos recortes.
Peor aínda, todo estaba xustificado en aras dunha redución do déficit
público. Pois ben, resulta que Eurostat ven de publicar que no ano 2012 o
déficit público real chegou á cifra histórica do 10,6% do PIB. O máis alto da
UE, por diante de Grecia (10%), Irlanda (7,6%) ou Portugal (6,4%). E a débeda
pública aumentou até situarse no 87%.
Constatación pura e simple: as chamadas medidas de austeridade para reducir
o déficit na práctica acaban traducíndose nun aumento do déficit e da débeda.
Por que? Pois, ben simple: porque ese exceso de austeridade estrangula o
consumo interno, cae en picado a produción e o emprego, de xeito que cae tamén a
recadación pública.
Aínda por riba, no mesmo día temos coñecemento de que a banca aforra 14.000
millóns en impostos ao estado como consecuencia das regularizacións
autorizadas.
Pero entón, porque segue con estas políticas a dereita europea e o PP
español e galego?
Non é só por ignorancia, aínda que a intelixencia non sobra. A razón
principal é que o obxectivo non é realmente a redución do déficit e a
recuperación do emprego. O obxectivo primordial é facer todo o posíbel por
garantir o rescate bancario e garantir o pago da débeda acumulada (que na súa
inmensa maioría foi asumida para rescatar a banca, dar cobertura ás eléctricas
co famoso déficit tarifario, asumir a débeda coa industria militar e dar
negocio ás grandes construtoras). Todo o país traballando e purgando para
salvar a banca especulativa e as grandes corporacións oligopólicas dos lobbies
que dominan a economía do estado español. Na súa inmensa maioría empresas
madrileñas e moi pegadas á corte.
A conclusión non pode ser máis clara e máis indignante: estannos impoñendo
unhas políticas que non teñen como obxectivo a recuperación económica senón tan
só a recuperación da banca. Entre tanto, a economía produtiva, o emprego e o
futuro son sometidos a un réxime de devaluación austericida que arruína á
inmensa maioría dos traballadores e parados. Estraga miles e miles de vidas e
manda á emigración a miles de xoves ben formados.
É dicir, machacan o presente e róubannos o futuro. Chegados a este punto só
a frivolidade ou a indolencia poden permitir que os gobernantes do PP en Madrid
ou en Galiza poidan perseverar até que a situación se volte tan insufríbel que
a xente se subleve. Non metaforicamente senón de verdade. De seguir por este
camiño de obediencia cega aos mercados e á Troika iso non tardará.
Merkel xa lanzou onte a súa consigna: cómpre que os países da periferia
renuncien aínda máis á súa soberanía. Xa sabemos o que iso significa: máis recortes
e submisión aos ditados das instancias chamadas tecnocráticas da UE, é dicir,
das supeditadas á banca. Alá Rajoy, alá Feijóo, os cidadáns xa non aguantan
máis. Que non digan que non foron avisados.
A situación é dramática. Releo o texto de Lenin "A catástrofe que se aveciña" e mirando ao redor vexo que xa está aquí.
ResponderEliminarÁ esquerda só nos queda un camiño: a insurrección. Para salvarnos, para poder sobrevivir.
A organización da mesma é primordial e urxente tarefa
O problema real e que a esquerda hai tempo que renunciou á conquista dunha nova sociedade. Existe un gran radicalismo de pico, pero que rexeita toda iniciativa que non sae das suas consignas:desprecia o que ignora e autoafírmase na nada organizando accións para a sua propia parroquia.
ResponderEliminarE os cambios sociais ou os realizan as masas ou non se realizan. E os movementos de masas non avanzan organizadamente cara unha nova sociedade (non son puros, non coinciden milimetricamente co pensamento puro e correcto dos/as nosos/as revolucionarios) Móvense para rexeitar o que xa non soportan.
E o papel da esquerda debe ser, como ocurríu en outubro/novembro do 17 saber recoller o sentimento das masas, sen scetarismos, e avanzar nun proceso de enfrontamento cada vez máis xeneralizado
Hoxe non hai ningunha organización da esquerda que conte cun apoio popular sufciente para facer tremer as polas da árbore do poder.
Traballar nelo é o urxente.