Vivimos tempos
realmente excepcionais, caen as certezas, os modelos sólidos que parecían
inamovíbeis esborrállanse. Ábrense novas oportunidades, non só tecnolóxicas
senón tamén no recoñecemento da diversidade das persoas e nas aspiracións
colectivas; o que non quere dicir que as múltiples utopías estean ao cabo da
man, como cert@s “visionari@s” adoitan agardar despois de cada crise. A
cuestión aquí e agora é identificar o sentido dos cambios e dirixilos en
beneficio da maioría e do país.
Como encarar
estes tempos para construír un futuro que non signifique retroceso senón avance
na liberdade, na democracia, na xustiza social e na calidade de vida? A
precondición para dar unha resposta acaída a ese reto pasa por asumir que non
se trata só da gravísima crise inmediata que todos vemos diante de nós, cos
seus estragos sociais e humanos que están a vista de tod@s –tod@s os que non
poñen as anteolleiras da ideoloxía conservadora e as mentiras oficiais.
Arrastramos unha crise económica sistémica, unha crise social, unha crise política
e unha crise institucional.
Algúns formulan
isto como crise do réxime do 78 e apostan por una ruptura co réxime que
cristaliza na Constitución. Realmente, esta é una simplificación excesiva que
podería conducir a unha resposta equivocada. De feito ese nesgo simplificador parece
ter como obxectivo situar a dialéctica do cambio no campo de xogo estatal, na
mudanza da correlación de forzas a nivel de estado ou, mellor dito, na
correlación entre forzas estatais. Constrúese a ficción coma se houbese hoxe
algunha forza estatal con vontade e capacidade para levar adiante esa ruptura,
a que os demais deberamos nutrir e confiar a pilotaxe da mesma. Algúns chegan a
formulalo de forma moi precisa atribuíndolle a Podemos “a centralidade do proceso”
(coa previsión dunhas dúcias de deputados!), asumindo xa de partida a
subalternidade dun proxecto nacional galego e ignorando a realidade fáctica e
palmaria de que se algún vector de ruptura opera hoxe no estado español é o que
representan os proxectos soberanistas en marcha, en particular o catalán.
Vaiamos, entón,
por partes. Na realidade esas diferentes crises teñen unha xénese e unhas
causas diferentes. É dicir, a súa natureza e os seus tempos son diferentes. E a
súa xeografía tamén. Razón pola que compre saber que vector debemos priorizar
en cada momento e, en consecuencia, que estratexia e que alianzas establecer
aquí e agora.
Hai unha crise
da globalización neoliberal, dunha economía liberalizada, desregulada e
privatizada guiada polas finanzas, baixo a batuta das finanzas americanas e
tutela dos EEUU como potencia hexemónica. Ese modelo económico empeza a
converterse en hexemónico a fins dos anos setenta e foise radicalizando paso a
paso até hoxe, cando é evidente a súa inviabilidade e carácter terminal porque
está deixando a moitos países sen sistema produtivo real e sen capacidade para
integrar laboral e socialmente á poboación. O caso galego é de libro. Este
modelo vai facéndose cada vez máis invasivo desde os anos de Reagan-Thatcher
pero o certo é que non é ese o modelo económico que inspira a Constitución
española do 78, que ten unha letra guiada polos principios da “economía social
de mercado” na que a intervención pública e o planeamento económico imprimen
carácter ao seu articulado, en liña coas constitucións europeas da posguerra. O
que está claro é que o desenvolvemento posterior da mesma non seguiu ese patrón
senón que se fixo cun claro sesgo neoliberal que marcou toda a política
económica, marco regulatorio e políticas laborais e sociais desde o principio,
desde Felipe González a Rajoy, nunha senda que ano tras ano foise facendo cada
vez máis radical. Radicalización que vai pari
pasu da que se da no conxunto da UE e na que, todo hai que dicilo, o estado
español se coloca sempre na vangarda liberal.
A clave está en
cal debe ser a resposta política á crise desa configuración do mundo
ultraliberal. A resposta a globalización neoliberal e a súa crise non pode
situar o campo de batalla nunha loita global –como formula certo altermundismo
e certo troskismo mal dixerido- aceptando o espazo definido polas forzas
económicas sistémicas. Situar aí o centro da batalla levaría a unha loita que
sería en vao porque se afronta con ferramentas absolutamente desiguais. Por iso
a resposta ten que erguerse rompendo e fragmentando ese espazo global do
capital pola vía da recuperación da soberanía para os pobos –o que non
significa descoidar a colaboración internacionalista senón todo contrario. A soberanía é a resposta necesaria
para gañar a autonomía imprescindíbel para poder levar adiante políticas
alternativas en beneficio da maioría social. Obviamente, canto máis
xeneralizados sexan os procesos soberanistas nas nacións con e sen estado maior
será a potencia e efectividade de cada un deles. Desde logo, que os bancos e
grandes corporacións catalás se posicionen contra a independencia de Cataluña e
que, en cambio, as clases populares e a pequena e mediana industria produtiva
se posicionen a favor é congruente con esta liña divisoria. Os pasos
soberanistas de moitos países latinoamericanos nos últimos 15 anos van na boa
dirección; o avance soberanista en Escocia, Cataluña e Paisos Cataláns,
Flandes, Córsega, Euskadi van na boa dirección e foi unha mágoa que Grecia
agachase a orella coa última viraxe de Syriza.
A crise social, a precarización laboral e
o aumento das desigualdades van claramente asociadas á radicalización dese
modelo neoliberal e as recorrentes crises que se viviron cada 6-7 anos ao longo
deste período. A virulencia extrema da última crise financeiro-inmobiliaria que
estoura en 2008 deixa un rosario de desfeitas que trituran millóns de persoas
en todo o estado en forma de paro, exclusión social, pobreza en todas as súas
formas, incluída a carencia de vivenda e os desafiuzamentos e, no noso país,
ademais de todo iso, dan lugar a unha nova sangría migratoria da xente moza,
que agrava o devalo demográfico do país. As prioridades para todas as capas
sociais trituradas por este modelo de capitalismo depredador, rentista e
ultraprecario pasan por unha correlación de forzas que rompa coa globalización
e coa Europa ultraliberais. Iso é algo que, de facto, vai máis alá da letra da
Constitución para a súa materialización ou non. O problema é doutra natureza e,
ademais, para encaralo de xeito realista cómpre adoptar medidas diferentes nas
diversas nacións en función do seu rol periférico e dependente ou non. Que o
noso mundo rural se baleire e que a xente moza emigre en masa a Madrid, a
Cataluña, a Londres e outras capitais europeas quere dicir que temos que atallar
problemas estruturais diferentes aos deses outros espazos.
Padecemos tamén
unha crise política que ten o seu
expoñente máis escandaloso na profunda corrupción que aniña no modelo económico
e político español e que agromou con esta crise. A densa e opaca interrelación
entre o capital privado parasitario e a administración pública nun contexto de
grande volume de obras, contratas, servizos privatizados, etc creou as
condicións para as corruptelas e a grande corrupción protagonizada polos
grandes partidos, o que acabou podrecendo a vida política en xeral. A estreita
conivencia entre os dous grandes partidos e os lobbys madrileños da
construción, concesións, contratas e servizos privatizados é un factor
innegábel dese deterioro pero tamén o é do impulso centralizador que arrasa
desde a etapa Aznar. Polo tanto, as corruptelas poden estar relativamente difundidas
ao largo do territorio pero a Gran Corrupción está directamente asociada á
centralización do poder (poder económico e poder político). Romper ese cordón
umbilical require a ruptura e inversión radical do proceso recentralizador.
A crise institucional é hoxe por hoxe un
problema central no que si podemos dicir que se pon en causa o modelo de estado
consagrado na Constitución do 78. Estas tres décadas longas de vixencia mostran
a inconsistencia política e económica do modelo territorial do estado. O problema
político do non recoñecemento das nacións; o hibrido de estado central
(incluído o mantemento das delegacións do goberno e as Deputacións propias dun
modelo centralista) e o disparate das 17 autonomías “iguais”; a superposición a
partir de 1986 das estruturas da UE e o conseguinte baleirado de
soberanía-competencias cara arriba. Todo iso xunto fai unha estrutura
político-administrativa de 6 niveis superpostos que resulta ineficaz e
insostíbel e, sobre todo, fai que o potencial de descentralización política que
recollía a letra do Estatuto das nacións quedase na realidade en letra morta.
Para rematala, despois de dúas décadas de paripé e ten-con-ten
descentralizador, o Estado emprendeu na época de Aznar unha senda de
sistemática recentralización que acaba deixando as institucións autonómicas
nunha auténtica casca baleira. Estes tres últimos lustros –a pesar dos
vacilantes acenos iniciais de Zapatero- son tres lustros de ruptura do modelo
“pactado” na transición. A autonomía nunca colmou as aspiracións dos que
queremos unha nación soberana. Pero hoxe a autonomía está quedando reducida ao
seu espectro. Coa transposición de centos de leis comunitarias, as leis
orgánicas convertidas en leis de bases que invaden todas as competencias
autonómicas, a intervención directa das contas públicas, a centralización do
sistema financeiro, a usurpación de calquera representación para negociar en
Bruxelas materias de competencia exclusiva –na letra- da comunidade autónoma,
etc etc acaba convertendo hoxe a autonomía nun puro espectro. Esa é a ruptura
real á que estamos asistindo en directo nos últimos anos. A crise de 2008 en
diante foi aproveitada como coartada para un programa de recentralización
brutal que está deixando baleiro o autogoberno.
Por fortuna,
esa ruptura unilateral por parte do centralismo desencadeou un proceso de
autodefensa por parte de algunhas comunidades, con recursos de
constitucionalidade e mesmo con reformas estatutarias, basicamente para blindar
as competencias que estaban recollidas na letra dos estatutos (a tentativa do
BNG de levala adiante nos anos do bipartito chocou co negativa do PP,
imprescindíbel para a maioría cualificada). O rexeitamento por parte do Estado
do novo estatuto catalán creou as condicións para un proceso de ruptura en Cataluña
en sentido contrario. O certo é que, hoxendía, o proceso soberanista catalán,
xunto coas aspiracións soberanistas presentes noutros pobos, aínda que non
sexan maioritarias por agora -como ocorre no noso caso- constitúen o principal
vector de ruptura do molde constitucional e institucional do estado neste
momento.
Polo tanto,
para todos aqueles que aspiran a transformar de verdade a realidade no noso
país parece claro que unha alternativa en termos nacionais –eu diría
soberanistas- é a que máis claramente vai ao cerne dos problemas que queremos
resolver. En calquera caso, a realidade concreta de Galiza fai precisa aínda
máis claramente esa alternativa nacional. Pola especificidade dos nosos
problemas, pola súa gravidade e carácter estrutural.
Galiza, “a ruda adversidade urxente”
Galiza leva un longo tempo de devalo económico e demográfico, que
se retroalimenta coa perda de peso político. Non é só cousa desta crise
interminábel senón que está situada nun declive que vén de moito antes e que os
anos da burbulla financeiro/inmobiliaria do euro apenas disimularon/encubriron
durante unha década. A perda de pulso produtivo nos sectores primarios e no
industrial é algo que nos acompaña desde principios dos oitenta: coa
liberalización comercial e a “negociación” da entrada na Unión Europea. A
experiencia contundente destes 35 anos de peches pinga a pinga e o baño de
realismo desertizador destes sete anos de crise, poñen @s galeg@s diante dunha
crúa realidade: o país está contra as cordas; coa base produtiva colapsada; sen
investimento produtivo; sen novos proxectos empresariais relevantes; coa
poboación máis avellentada do mundo, con case tantos pensionistas como
empregados a tempo completo; con taxas de paro, exclusión e pobreza
insoportábeis. A sociedade que coñecemos, co nivel de vida e benestar un día
acadado non é sostíbel baixo o modelo de globalización neoliberal radicalizada
(libre fluxo de mercancías, servizos e finanzas e desregulación laboral e
social).
A crise en Galiza non ten o mesmo cariz que en Madrid ou Cataluña;
elas sofren unha crise severa pero están recuperando e están en condicións de
levantar vóo; obviamente, que o fagan máis ou menos rápido, con máis ou menos
forza, depende das políticas dos seus gobernos e da imposición de regulacións
favorábeis. Teñen o poder económico, financeiro e político para facelo. Con
todo, do meu ponto de vista, o factor máis importante é que tanto unha como a
outra teñen vontade política de prevalecer, cada unha a súa maneira, Madrid
cunha centralización arrogante e Cataluña voando libre. Madrid, con todos os
seus poderes, a súa casta e as súas institucións –incluída as do estado-
argalla todos os días e con visión estratéxica o seu reforzamento como gran
metrópole ibérica e europea, aínda que para iso actúe como un auténtico burato
negro de todos os recursos e todas as enerxías do conxunto do estado. A prensa
económica madrileña festexaba hai poucas semanas que o PIB madrileño xa supera
ao catalán.
Desafortunadamente, a nosa situación é moito máis grave: o devalo
vén de moitos anos atrás; aquí non hai recuperación nin vai habela con estas
políticas que non buscan aproveitar as nosas potencialidades senón que están
destinadas atarnos como mercado captivo e xerar ingresos e rendas para uns
sectores sociais ultraminoritarios (as finanzas e as grandes empresas do lobby
madrileño: eléctricas, telecos, distribuidoras, construtoras e concesionarias).
O que está a pasar co sector leiteiro, co conserveiro, coa industrustria
metalúrxica, coa eólica, etc é consecuencia directa desa subordinación.
O certo é que ou adoptamos con urxencia medidas audaces para frear
a desfeita da nosa base produtiva e para aproveitar as nosas vantaxes
específicas (coñecemento, aforro, auga, vento, enerxía, terras, mar, portos,
etc) ou o noso país entrará nunha pendente de devalo irreversíbel e as
oportunidades laborais e de vida no país serán cada vez menores.
En Galiza non abonda con certos cambios para dar transparencia ao
sistema ou facilitar a participación política nos barrios ou poñer na picota a
casta madrileña ou lanzar cantos retóricos á “decencia”. Con ser estas
necesarias e urxentes, o certo é que os problemas de Galiza requiren mudanzas
moito máis profundas e estruturais que permitan mover a nosa economía e crear
empregos, que freen a emigración e o avellentamento, que xeren os ingresos que
permitan condicións de vida dignas para as persoas e tributos para financiar os
servizos públicos de calidade. É preciso inverter o declive e darlle a volta a
ese círculo vicioso de esboroamento dunha sociedade.
Con esas premisas parece claro que Galiza precisa un proxecto
propio e non pode seguir confiando o seu futuro enganchada a proxectos
estatais, dun signo ou de outro que, en todos os casos, responden á mesma
lóxica xeopolítica. Precisa ter voz propia en todos os foros, a empezar nas
Cortes do estado, sen subordinación a disciplinas e cortocircuitos alleos. Esa
é a razón de ser dunha candidatura galega. Non se trata dunha aposta por
apriorismos ideolóxicos ou atavismos identitarios, trátase do futuro material
desta sociedade. Somos moit@s @s que cremos que a aposta por unha candidatura
nacional galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais é algo máis que
unha aposta de partido, é unha necesidade para o país. Unha aposta vital nun
momento en que tantas decisións temos que tomar para asegurármonos un futuro
como país e como persoas. Unha aposta para que Galiza poida xogar na liga das
nacións que non sucumben ao vento da historia guiada polos grandes poderes
hexemónicos senón que sobrevive e contribúe como pobo ao acervo común dunha
humanidade diversa, como espazo vivo e cultura viva para as futuras xeracións.
Como artellar social e políticamente eses obxectivos nos tempos
que corren? Só é posíbel desde unha vontade partillada das organizacións existentes
de poñer por diante os obxectivos esenciais e mínimos da maioría social galega
(excluíd@s, precari@s, asalariad@s, autónom@s, pequen@s empresari@s, labreg@s,
mariñeir@s, pensionistas...); desde a vontade de sumar sen apriorismos nin
vantaxismos de siglas a toda esa cidadanía organizada en partidos, colectivos,
asociacións e esoutra parte da cidadanía que “vai por libre” pero quere
participar e comprometerse nun proxecto ilusionante; tod@s @s que mesmo sen
recoñecerse como nacionalistas entenden que facer políticas de esquerda e
progresistas pasa, aquí e agora, por priorizar os intereses da maioría social
galega, sen ataduras. Esa suma só é posíbel desde a vontade decidida de superar
esa atracción atávica cara a fragmentación que con tanta forza opera no mundo
da esquerda en todo o mundo e desde a asunción sincera de que a unidade é a
única forma de vencer a esa minoría poderosa que move os fíos desde arriba,
desde Madrid (e máis alá). Vencer esa atracción atávica pola fragmentación
empeza por delatar o cinismo crónico dos cantos á “unidade popular” que adornan
todos os procesos de división real. Está moi visto iso de que todos os
protagonistas de escisións e divisións lancen inmediatamente proclamas á
unidade popular. Mellor practicala de xeito efectivo e xeneroso.
Nestes momentos
de inflexión do tempo histórico é preciso clareza de obxectivos, afouteza e
valentía para apostar por mudanzas profundas. Non son tempos de cativezas
persoais, nin de retrovisores manipulados, nin de letra miúda. Son tempos de
apostas estratéxicas pensando no futuro longo, colectivo. Superar a
fragmentación cun proxecto para a maioría social, aberto tamén a todas as persoas
que aspiraran a participar activamente. Ese é o reto que algúns asumimos para o
que queda de 2015 e para o ano vindeiro.