Decálogo
para unha Galiza necesitada de goberno de seu
Xavier Vence
Catedrático de Economía Aplicada da USC
Ex-Portavoz Nacional do BNG
As perspectivas económicas do noso país están sometidas ás incertezas
de avatares alleos, non só polas interdependencias propias da globalización e que
afectan a todos os países, senón pola renuncia do noso goberno a enxergar con
firmeza unha estratexia propia. Estamos ao pairo dos ventos dunha profunda crise
que non remata, dos cambios xeoestratéxicos, das decisións europeas e estatais
sen que Galiza faga causa de obxectivos precisos e claros diante do Goberno
central e Bruxelas e sen ter unha aposta ben perfilada por parte da Xunta de
Galiza, co necesario respaldo financeiro e o compromiso do sector privado.
Necesitamos un golpe de temón para estar en condicións de reverter unha
tendencia de longo prazo marcado polo declive económico e demográfico.
Xestionar as tendencias autodestrutivas dese círculo vicioso do declive resulta
complexo e custoso: custe engadido da xestión do declive demográfico e do
abandono territorial; inversións e servizos para soster pobos (case) baleiros e
non produtivos; gasto e non recadación; gastos de conservación do medio,
incendios, etc. Darlle a volta a iso debera ser o obxectivo dunha “axenda de
país”.
Nestas liñas tentarei de identificar os riscos máis importantes que pairan
sobre a economía galega e, ao propio tempo, apuntar as liñas mestras para
superalos. Resumireinos arredor de dez eidos nos que, ao meu ver, Galiza
debería poñer toda a intelixencia colectiva e toda a súa capacidade política
para afrontalos e convertelos en oportunidades para sentar as bases do
desenvolvemento futuro do noso país.
Primeiro, no plano internacional temos ameazas claras para a nosa
balanza comercial. Por un lado, as exportacións sofren tanto a parálise do
mercado europeo como o estancamento dos mercados latinoamericanos; por outro, a
caída conxuntural do prezo do crú pode mudar de xeito súbito a curto prazo,
deteriorando rápidamente a nosa balanza comercial.
En ambas cuestións, o desleixo da Xunta ten consecuencias graves. Nun
caso por ausencia de esforzo propio na diversificación e busca de novos
mercados e no outro por desaproveitar as oportunidades para impulsar un mix
enerxético baseado na electricidade de orixe endóxena renovábel fronte ao
consumo de petróleo e gas de importación. Isto debería abrir novas liñas na
política da Xunta (acompañadas polo goberno central) para mudar o modelo de
inserción exterior e o modelo enerxético. Porén o único esforzo financeiro
recente da Xunta nese eido foi, curiosamente, para aumentar a participación no
capital da planta de Gas.
Segundo, a aceptación zombie das consecuencias da implementación dos
acordos internacionais da UE e o Estado Español que se concretan en medidas
directamente lesivas para sectores que constituen a base da nosa
especialización produtiva (pesca-conserva, agro-alimentación, servizos e
distribución comercial etc ). Tendo Galiza un perfil de especialización
produtiva específico e diferente do conxunto estatal ou doutras CCAA con maior
peso político, o que encontramos é que as negociacións e as regulacións que se
introducen non salvagardan os intereses dos nosos sectores clave. Este desleixo
deriva dunha combinación de factores entre os que cómpre destacar: a ausencia
de diagnósticos e estratexias propias por parte do goberno galego e, por veces,
o propio desartellamento interno do sector empresarial galego. Sabendo que o
campo de xogo é estreito e que as solucións pasan por unha xestión intelixente
da “letra miúda” resulta imprescindíbel unha aposta política clara do goberno
galego acompañada dunha administración e unha xestión competente que saiba
plasmar nos detalles regulatorios a defensa dos nosos intereses estratéxicos.
Iso pasa por un aproveitamento ao máximo das competencias estatutarias, para o
que é precisa unha profunda e decidida vontade política en clave nacional,
xunto cunha realista comprensión de que os discursos neoliberias e acordos
desreguladores non implican a perda de función do goberno e a administración
pública senón a necesidade de “refinar” a súa forma de lexislar e actuar.
Terceiro, Galiza está pagando as consecuencias da submisa aceptación da
aposta estatal -aproveitando a crise financeira- para impulsar a concentración
e centralización do sistema financeiro arredor dun número reducido de grandes
bancos asentados en Madrid, eliminando as Caixas de Aforros e anulando de facto
as competencias autonómicas en materia de crédito. Nunha economía aforradora
neta como é a galega, con modesto pulso inversor do tecido empresarial privado
(e público), o resultado é -como leva sendo desde décadas atrás- a fuxida de
aforro cara a outros territorios ou cara aos mercados globais. Nese sentido,
urxe unha acción decidida do goberno galego –coa eventual participación doutras
institucións como Deputacións e grandes concellos- para recrear novas entidades
de crédito e banca pública que canalicen unha parte dese aforro cara o
financiamento de proxectos empresariais e públicos galegos, como vía para
impulsar a diversificación produtiva, a innovación e a expansión das empresas
galegas. Desde logo, nese novo mix de instrumentos financeiros cómpre reforzar,
redimensionar e diversificar todos os instrumentos de capital risco (capital
semente, capital desenvolvemento do IGAPE...) para que permitan, entre outras
cousas, optimizar os Fondos Estruturais da UE e, en especial, as novas oportunidades
que ofrece o Plan Junker e as modalidades de combinación dos Fondos Estruturais
e de Investimento Europeos e os Fondos de Investimentos Estratéxicos do Banco
Europeo de Investimentos (BEI). Galiza non pode resignarse a ese vergoñento
nivel de execución dos Fondos Europeos do septenio pasado, en que se perdeu un
tercio dos Fondos por incapacidade e desleixo do goberno presidido por Núñez
Feijóo. Neste novo período imos polo mesmo camiño e estamos desaproveitando a
disponibilidade de recursos para apostas realmente produtivas e estratéxicas.
Cuarto, debemos dar o salto da dependencia enerxética e regulatoria a un
novo marco de enerxías renovábeis e tarifa galega. Nunha economía de fortes
interdependencias globais resulta crítico o aproveitamento das especificidades
e singularidades de cada país. As capacidades e experiencia construída ao longo do tempo e tamén as singularidades
naturais. Entre as máis importantes está o noso excedente na produción de
enerxías renovábeis (hidráulica e eólica) e o potencial para incrementar a súa
produción futura (tamén na de orixe mariño e solar). O desenvolvemento con
visión integral de toda a cadea eólica e das renovábeis en xeral é unha
oportunidade dupla, para impulsar o crecemento económico e o emprego en toda a
cadea e para avanzar cara un modelo económico sustentábel. O efecto das
decisións combinadas do goberno de Feijóo e do goberno central tiveron
consecuencias devastadoras para este sector. A continuidade desas políticas é
unha ameaza definitiva para o futuro pero o potencial está aí e constitue unha oportunidade
clave para Galiza. A superación do parón ás renovábeis imposto polo goberno
central (atendendo aos intereses do lobby eléctrico español) é unha prioridade
para o noso país (que, ademais, é unha das poucas nas que os nosos intereses
están en liña coa orientación da estratexia enerxética da Unión Europea). En
todo caso, e no curto prazo, sería necesaria unha mudanza da regulación
centralizadora e uniformizadora do mercado eléctrico que impón tarifas
uniformes en todo o territorio español. Esta regulación central impide unha
diferenciación territorial de tarifas en función da abundancia e coste de
xeneración e distribución –como ocorre noutros países europeos-. Unha tarifa
eléctrica galega pemitiría a Galiza beneficiarse desa vantaxe competitiva,
tanto para as empresas como para as familias e tamén para o propio sector
público (en especial, habida conta da elevadísima factura do alumeado público).
Todos os nosos sectores produtivos ven mermada a súa competitividade por estar
soportando a segunda tarifa eléctrica máis cara da UE. De igual xeito, unha
regulación que favorecera o autoconsumo enerxético nun territorio con tan boas
condicións naturais para a produción descentralizada de electricidade tería un
impacto moi positivo en custes, competitividade e sustentabilidade.
Quinto, a aposta estatal por voltar confiar nun modelo de crecemento
asentado no turismo e na construcción resulta especialmente nociva para Galiza.
Polo noso clima, o turismo nunca vai xogar un papel motor da nosa economía como
pode facelo no mediteráneo. E isto, xunto co declive demográfico, fai que o
sector da construcción non poida xogar un papel extraordinario na dinamización
da nosa economía (cousa que si pode e, de feito xoga, noutras latitudes). Tamén
por iso, Galiza ten que ter plena consciencia de que necesitamos apostar por
outro tipo de modelo produtivo: baseado nos sectores que definen a nosa
especialización e que, porén, estamos deixando desmantelar (toda a cadea
alimentar, por exemplo) e arredor dos que debemos innovar e impulsar todas
aquelas novas actividades que poden diversificar ese tecido produtivo.
Obviamente, esa aposta produtiva innovadora ten que partir das actividades xa
existentes pero ten que poñer o foco tamén na posta en marcha de novas
industrias (e servizos) complementarias, asi como no impulso ao emprendemento
que valorice o coñecemento que sae dos nosos laboratorios e na criatividade e
talento das novas xeneracións.
Sexto, a Estratexia de Especialización Intelixente do noso país non
pode ser un envoltorio para vender iniciativas inconexas senón que debe supoñer
unha aposta decidida “de país”, trabando a iniciativa pública e a privada, para
aproveitar a experiencia acumulada e a capacidade de I+D para dar un salto
tecnolóxico nas nosas especializacións claves, diversificar, reforzar as
relacións interempresariais e intersectoriais, alumar actividades
complementarias e de servizos intensivos en coñecemento ao socaire desas
fortalezas históricas. Na pesca, no marisqueo, na acuicultura, na conserva, no
agro, en toda a cadea alimentar, no forestal, no enerxético, no automóbil, na
saúde, etc.
Sétimo, Galiza ten unha clara oportunidade no aproveitamento das súas
condicións históricas e naturais para converter a produción ecolóxica nun
perfil diferenciador, nun sinal de identidade e imaxe de marca do país. A
produción ecolóxica pode constituír unha vía para superar o atoamento en certas
especializacións intensivas nas que Galiza xoga con desvantaxe fronte a outras
economías europeas e podería así posicionarse en nichos de mercados máis
remuneradores e con claro futuro. Para iso temos que proceder a un desandamento
da intensificación nalgúns segmentos da actividade primaria e, sobre todo, evitar
afondar máis nesa senda, abeirando a tentación de proxectos agresivos que van
na liña dun modelo que se incribe nas pautas pasadas de produción masiva e de
baixa calidade (como pode ocurrir, por exemplo, co modelo de acuicultura do
actual plan da Xunta de Feijóo).
Oitavo, Galiza vén perdendo tecido produtivo industrial e de servizos
non só pola crise económica e a caída de actividade de certos sectores senón
tamén por un agudo proceso de deslocalización de producción e de deslocalización
da sede das propias empresas. Precisamos unha estratexia integral para frear a
deslocalización de actividades produtivas e tamén de sedes de empresas, que van
ligadas a miúdo a depredadoras estratexias de absorción en concentración do
capital pero tamén en ocasión por decisións estratéxicas ou fiscais dos seus
propietarios. Cómpre reforzar os elos das cadeas de valor e declarar a “guerra
política” á depredadora “guerra fiscal”
do furioso centralismo madrileño destinada a captar sedes de empresas e
localización de patrimonios e grandes fortunas na capital do estado. Cómpre
derrogar a “lei de unidade de mercado” que trata de impedir todo tipo de
regulación favorecedora das empresas radicadas no territorio e aproveitar ao
máximo as compras públicas como instumento para dinamizar a industria e os
servizos localizados na Galiza. En particular, urxe mudar as política de
licitación de obra pública e a políticas de concesións de servizos públicos
para evitar que o noso orzamento público sexa pasto do lobby das grandes
construtoras madrileñas e se converta en ferramenta efectiva de dinamización do
tecido produtivo propio .
Noveno, Galiza enfróntase a un cambio de modelos de financiamento tanto
a nivel comunitario como español que reducen as aportacións compensadoras das
crecentes desigualdades territoriais. No último modelo de financiamento
autonómico –que debería ter sido renegociado no ano 2015- Galiza viu mermada a
a aportación recibida por parte do Estado, até o ponto de que xa en 2012 a
balanza fiscal (excluída a Seguridade Social) é negativa para nós. A expulsión
do grupo de “rexión en desenvolvemento” a nivel comunitario tamén se traduce
nunha menor participación nos Fondos Europeos no período 2014-2020, a pesares
de sufrir unha ampliación da fenda nestes últimos anos, que nos sitúa neste
momento 20 puntos por debaixo da media comunitaria. E de cara ao futuro existe
a ameaza certa de que o futuro modelo de financiamento autonómico poida ser
aínda máis perxudicial para Galiza e poida reforzar aínda máis esa posición de
contribuidores netos ás arcas do Estado (mesmo habería que contemplar as
consecuencias dunha eventual independencia de Cataluña). Nese sentido,
precisamos unha estratexia consensuada entre todas as forzas políticas galegas
para acometer mudanzas de calado en diferentes ordes: a) simplificación dos
niveis administrativos hoxe insostíbeis (Deputación, Delegacións do Goberno,
etc); b) defender un modelo de
financiamento que preserve a nosa capacidade financeira e, de paso, permita
unha maior autonomía na política fiscal (p.e., semellante ao sistema vasco de
“cupo”); e c) mudar o modelo de financiamento local que na actualidade resulta
claramente discriminatorio para os concellos galegos.
Décimo, todo o anterior só pode abordarse desde unha estratexia de
empoderamento de Galiza en todos os sentidos, o que, do meu ponto de vista,
require un cambio político protagonizado por forzas que teñan o seu centro de
interese e decisión no país. Pero nel deberían estar comprometidas tamén todas
as forzas que aspiren a xogar un papel no futuro do noso país.