Nin constituintes nin destituintes, as novas
cortes ameazan con ser reconstituintes.
Nin a ruptura nin unha reforma constitucional
transformadora parecen estar no horizonte das forzas que disputan a nivel de
estado a conformación de maiorías. Desde Madrid apáganse as ínfulas rupturistas
e visibilizanse os resultados do “gran pacto de estado” para recompoñer o
caduco sistema bipartidista estatal, cuxa crise mesmo poñía en perigo a
pervivencia do modelo de estado pola desafección da maioría da poboación.
Algúns queren ver na fulgurante irrupción
inducida de Podemos e Ciudadanos a posibilidade dunha mudanza anovadora na
sistema político español, que racharía o bipartidismo e aportaría certo
cromatismo de nova política. Certo que o xogo é novo, outra cousa é canto de
novo haberá para a mudanza das políticas ou do modelo de estado.
Lonxe soan xa –aínda que foran onte mesmo-
eses vibrantes discursos de sectores ilusionados con Podemos, que mesmo
tentaron ou tentan colocar o discurso da posíbel apertura dun proceso
constituínte. Infortunadamente, creo que o panorama que se debuxa a escasos
dias das eleccións xerais non é ese senón máis ben o contrario. A medida que se
acercan constátase que hai espellismos que poden resultar útiles para abrirse
un oco no panorama mediatico pero poden desembocar en frustración en moi pouco
tempo.
Ciudadanos parece engordar no caldo de cultivo
do discurso liberal-centralista da dereita antipolítica e antipúblico e Podemos
parece chegar a sectores da esquerda desencantada e sectores proclives ao
federalismo. Atendendo á dialéctica creada e ás propostas que están a lanzar as
forzas estatais todo apunta a un reforzamento do status quo ou, acaso, unha ameaza de involución no caso de que se
impoña unha combinación PP-Ciudadanos.
Ciudadanos radicaliza o discurso centralista e
Podemos rompe o voto soberanista para empaquetalo dentro da súa fórmula
democrático-federal, debilitando o polo soberanista en Cataluña, Valencia e e
Galiza e reforzando o polo centralista –neste caso de centralismo amábel e
respectuoso. De cumprirse os augurios, a nova lexislatura podería ser “reconstituinte”,
no sentido que pode alimentar e traer novos bríos para o proceso
involucionista, recentralizador e desregulador que está en marcha desde que
Aznar o lanzara con forza a comezos do século.
Os dous novos partidos promovidos desde os
platós no último ano veñen tapar as regandixas dun decrépito bipartidismo
PP-PSOE pero non para incorporar mudanzas de fondo no modelo social ou no
modelo de estado senón para consolidalo, con novas doses de vitaminas
reconstituintes.
Para toda esa inmensa parte da cidadanía que
agardaba que a profunda crise económica e institucional, co evidente fracaso
deste modelo de estado, puidera abrir as portas a un proceso de mudanzas
profundas tal desenlace lampedusiano acabaría provocando unha profunda
frustración.
Obviamente, todas as persoas e forzas
políticas que queremos unha mudanza real da correlación de forzas non podemos
aceptar ese escenario que intentan debuxar desde arriba e desde o estado
central. O seu reconstituinte deixa a Galiza nos ósos. Desde logo, os que queremos
que Galiza resoe potente nas Cortes non imos picar, como tampouco van picar nas
tres nacións.
Fronte a ese panorama telecociñado,
NÓS-Candidatura Galega representa o programa político que reúne a defensa dos
dereitos e conquistas sociais históricas, o cuestionamento do poder dos lobbys,
a defensa dos intereses concretos da maioría social do noso pobo, a defensa do
dereito a decidir e a implantación dunha democracia de calidade. Con NÓS a voz
de Galiza e da mudanza social estará garantida.
(Artigo publicado en La Voz de Galicia)
Sem comentários:
Enviar um comentário