A grandes males, grande remedios. A magnitude e gravidade dos problemas
económicos e sociais polos atravesa o noso país obrigan a buscar respostas audaces
enraizadas nas nosas capacidades, hoxe estragadas ou desaproveitadas. Non é
admisible nin o fatalismo paralizante dos que creen que isto non ten amaño, nin
tampouco a fe miragreira dos que creen que alguén alleo a nós mesmos nos vai
traer a solución.
Galiza ten que reaccionar, coller polos cornos os problemas longamente
acumulados e enxergar solucións novas, pensadas desde nós e levalas adiante con
valentía. Xa sabemos o que deu de si a aceptación submisa das políticas de
Madrid ou Bruxelas. Arrastraron ao abandono das nosas actividades principais, a
desindustrialización e a entrega do orzamento público aos grandes lobbys
madrileños da construcción, das concesións ou dos servizos públicos
privatizados. Xa sabemos o que supón o bombeo diario de peaxes abusivas dunha
AP-9 cuxa concesión o goberno de Madrid extendeu a 2048.
Xa sabemos que esas políticas de liberalización comercial a beneficio
das grandes distribuidoras acaban esganando os nosos sectores produtivos, como
o leiteiro, o conserveiro, hortícola, etc. Sabemos que a política decidida en
Madrid a beneficio do lobby eléctrico impediu o aproveitamento da nosa potencia
en renovábeis e impide unha tarifa galega que permita beneficiarnos do noso
excedente eléctrico.
Coa centralización total do sistema financeiro dos últimos anos vemos
como o 40% do noso aforro emigra cara outras latitudes. 22.500 millóns de euros
que emigran sen crear aquí riqueza e detrás deles acaban marchando dúcias de
miles de mozas e mozos que van a procura de emprego en Madrid, Barcelona,
Londres ou Berlín.
De nada vale ignorar a realidade do noso devalo produtivo; de nada vale
ignorar que é iso o que arrastra consigo unha crise demográfica que nos
converte no país máis avellentado do mundo e cunha regresión demográfica que
nos conduce ao colapso como país e á dificultade de financiar a nosa solidariedade
interxeracional.
De nada vale ignoralo e mirar para outro lado. De nada vale confiar nun
golpe de sorte miragreiro.
Os galegos e galegas temos a obriga de reaccionar. E esa reacción só
pode ser colectiva, política. Os nacionalistas temos moi claro que precisamos
proxectos propios para mudar o rumbo e saír adiante. Temos que ser valentes
para defender os nosos intereses colectivos e poñer en marcha iniciativas para aproveitar
as nosas potencialidades.
A experiencia dinos que só as forzas políticas propias poñen toda a
carne no asador para defender os nosos intereses en Bruxelas ou en Madrid. Nos
últimos vinte anos, se conseguimos que os problemas de Galiza resoaran nas Cortes
do estado foi grazas a presenza de deputadas e deputados nacionalistas. Iso non
abonda para mudar as cousas e temos que reforzar esa presenza.
Por iso, desde o BNG lanzamos a proposta dunha candidatura galega de
unidade, plural, que sexa protagonizada por toda esa cidadanía que quere darlle
a volta a situación, na que confluan todas as forzas políticas que poñan os
intereses de Galiza en primeiro plano. Queremos unha candidatura que consiga un
grupo parlamentar propio, sen subordinación a outros grupos de forzas estatais,
para negociar desde o primeiro día coas mans libres e en pé de igualdade con
todos os demais grupos. Nunha lexislatura onde ademais da defensa dos nosos
intereses económico-sociais inmediatos imos ter a oportunidade de intervir como
nación no debate sobre o futuro das nacións que hoxe conforman o estado
español. Precisamos toda a xenerosidade para sumar para estar aí con voz
soberana e potente, da man dun grupo parlamentario propio. Temos que sumar como
galeg@s para que non nos dividan e debiliten desde fóra.
Xavier Vence
Portavoz Nacional do BNG
Artigo publicado en La Voz de Galicia
Sem comentários:
Enviar um comentário