Para aqueles que consideramos que sobra moito minifundismo mental e
organizativo no eido do nacionalismo e da esquerda son tempos de desespero mais
tamén de certa esperanza. Ao lado desa exuberante creatividade para lanzar
grupos, subgrupos e até movementos case-unipersoais que nacen do desconcerto
xeral no que vivimos, podemos palpar tamén unha crecente convicción da
necesidade de afortalar organizacións con capacidade de artellar dinámicas
socias realmente amplas, maioritarias e sostendo no tempo un proxecto.
O proceso “propón connosco” lanzado polo BNG forma parte desta última
familia. Despois da desastrosa experiencia do último ano, as cousas móvense, os
muros amolecen e a fortaleza flexíbel do vímbio vai impóndose á dureza fráxil
do vidro.
O amargo drama provocado polo desnorte centrifugador dos últimos tempos e a
profunda decepción provocada polas últimas eleccións, nas que o goberno máis
desastroso e antigalego conseguiu revalidar a maioría absoluta, levaron a que
moitos nacionalistas lanzaramos un apelo “desesperado” para o raciocinio
colectivo, para repensar as bases que han permitir reconstruír a unidade do
nacionalismo de esquerdas no camiño da maioría social. O BNG encetou un período
de profunda reflexión no seu interior que socializou –segue a facelo- coa súa
base social no proceso “propón connosco” (ver documento en http://www.bng-galiza.org/wp-content/uploads/Construindo-o-futuro_Documento-aberto-para-o-debate-sobre-o-futuro-do-nacionalismo-e-a-revitalizaci%C3%B3n-do-BNG.pdf).
Nese diálogo tranquilo, fraternal e franco foron agromando moitas ideas
relativas aos máis diversos aspectos da estratexia política, prioridades da
loita política neste momento, formas de traballar nas institucións, nos
movementos e organizacións sociais, papel da política internacional, funcionamento
interno, etc, etc. É un proceso aberto que terá un momento importante, de
síntese, nunha asemblea nacional que se celebrará ben axiña aínda que, en
realidade, non rematará aí senón que está chamado a continuar ben máis alá para
extender o dialogo a través do traballo diario en todos os eidos.
Moitas desas ideas foron collendo corpo ao longo destes tres meses e están
recollidas no citado documento. Algunhas das máis importantes xa están dando
lugar a pasos concretos, outras terán que agardar por acordos formais para
facelo. Pero o importante é que algunhas desas propostas e iniciativas están
recibindo referendo e apoio pleno da inmensa maioría do nacionalismo organizado
arredor do BNG. Unhas para enxergar unha nova dinámica política no país e
outras para mudar pautas de funcionamento interno ou formas e estilos de
traballo nas organizacións e movementos sociais.
Mesmo nos aspectos relativos ao funcionamento da organización hai
concordancia en acometer mudanzas importantes, sen chegar a alterar, iso si, a
concepción do BNG como unha fronte asemblear con partidos e grupos organizados
no seu seo, ademais dos militantes exclusivamente bng. Efectivamente, unha
parte dos participantes activos nese proceso “propón connosco” cremos na
necesidade dunha profunda repensada da estrutura orgánica e funcionamento do
BNG, facer un balance realista e pragmático das súas virtudes e defectos, co
obxectivo de reforzar a súa solidez, a equidade real de todos os membros,
minimizar os esforzos inútiles en estruturas duplicadas, maximizar a eficiencia
social do tempo adicado á política por parte dos militantes e, sobre todo,
minimizar os receos naturais á tutelaxe e os factores de disgregación
organizada. Parece claro que os compañeiros dos grupos organizados non ven iso
do mesmo xeito que os que non o están. Con todo, xa se converteu en lugar común
a necesidade de camiñar con convicción cara converter as estruturas do BNG no
espazo de debate compartido e elaboración en común de todas as políticas,
valorizando o rol individual de todos os membros, abeirando disciplinas
grupais, reforzando o consenso e garantindo un rol máis equilibrado para os
militantes autónomos. Obviamente, estas cousas nunca van vir dadas con meros
pronunciamentos senón que serán definidas por toda a militancia do BNG nos
acordos asembleares e no día a día, pero resulta esperanzador que todos apunten
xa cara unha mudanza urxente nunha dirección positiva. Posibelmente enxergar
unha práctica real diferente sexa máis importante que sobreestimar a
vitualidade dun cambio puramente formal.
En calquera caso, máis relevantes que as cuestións de orde interna -que
tamén o son porque afectan de forma directa ao traballo político, á relación co
sociedade e a capacidade para ampliar a base organizada- son as iniciativas políticas.
Entre as que maduraron no ámbito do proceso “propón connosco” do BNG está a
aposta por partillar con todo o nacionalismo cívico e político un amplo debate
na sociedade a prol da soberanía (incorporando ao léxico o seu sinónimo, a
independencia). Efectivamente, moitos de nós creemos na importancia dunha
resposta social de ampla base á radicalización neoliberal e consideramos tamén que
no corazón da alternativa ao capitalismo neoliberal está a conquista do dereito
dos pobos a decidir sobre os aspectos básicos do seu modelo económico. Soberanía para ter capacidade de
decisión sobre o modelo social e os fluxos económicos e democracia para facer prevalecer os intereses da maioría son as
dúas pezas básicas para construír unha saída alternativa á crise dese modelo.
Máis aínda, fronte á voracidade do neocentralismo madrileño creemos
imprescindíbel que Galiza participe con voz nacional no actual debate da
reconfiguración institucional/territorial do estado español; Galiza non pode
entregarse submisa ao abafante centralismo, da man dun Feijóo troiano, e, entre
todos, temos que erguer un vivificante proceso soberanista. Se antes da
eleccións viamos esencial situar a soberanía como antídoto fundamental para
erguer unha alternativa progresista
á crise do neoliberalismo global, despois do acontecido nas mesmas
achamos da máxima urxencia erguer un amplo movemento cívico-político a prol da
soberanía como condición para refundar a democracia e dar unha solución aos
principais atrancos que impiden o desenvolvemento dunha economía produtiva,
innovadora e sustentábel que cree os empregos dos que depende a nosa
supervivencia como país.
O interesante é que vai callando un consenso xeral en que ese movemento
pola soberanía ten que ser por enriba de todo un movemento de ampla base
social, plural e cun protagonismo central asentado na sociedade civil. Un
movemento de todos os que queren construír unha nación con estado propio e no
que todos poidan traballar man con man, teñan carné de partido ou non, sen ter
como preocupación os particulares intereses electorais ou doutro tipo.
En definitiva, como dicía ao principio, estamos asistindo a mudanzas
importantes que van nunha dirección positiva para reforzar a base organizada do
nacionalismo de esquerda e, alén diso, para tecer unha nova tea con todo o
nacionalismo cívico e intersticial.
Son tempos convulsos e de moita incerteza, de xeito que é difícil ou pouco
críbel calquera discurso que se proclame posuidor da verdade absoluta e da “verdadeira”
solución á crise ou da senda segura para vencer o dominio da dereita ou o
centralismo abafante. Algúns dos que parece que descubriron onte a ignonimia do
neoliberalismo e o centralismo poden estar vivindo un espellismo, por veces alimentado
por un inxénuo voluntarismo outras habelenciosamente inducido pola estratexia
antidemocrática da extrema dereita. O certo é que a fortaleza deses dous
inimigos perdeu parte da aura lexitimadora do pasado. Caeron as carautas dese
capitalismo máxico da enxeñería financeira e dese centralismo que aceptara convivir
co autonomismo. Caeron pero a súa fortaleza segue a ser imponente. Sobre todo é
imponente a súa manifesta vontade de prevalecer usando todos os resortes,
lícitos e ilícitos, do poder, como estamos a ver estes días en directo. Tanto
un coma o outro están en coiros coa súa faciana máis crúa e cruel á vista. Pero
nin están vencidos nin se van render facilmente. E o máis triste é que súa
principal fortaleza reside en que enfronte non existen organizacións sólidas e suficientemente
arraizadas na sociedade. Máis aínda non hai, aquí e agora, receitas seguras e
con credibilidade abondo para garantir unha vitoria das forzas progresistas. E
a iso contribuen con xeneroso empeño con todos os seus medios, particularmente
sementando o descrédito da política e fomentando a desarticulación das forzas
alternativas.
O máis difícil hoxe é construír organización, porén a organización é
esencial se a loita vai ser duradeira. Por iso, antes de debilitar unha
organización existente cómpre ter moi claro que hai alternativas
significativamente mellores. Nada lle pode resultar máis tranquilizador á
dereita neoliberal que a proverbial grupusculización das esquerdas nos momentos
decisivos; o mesmo cabe dicir do centralismo. Coa mesma rotundidade cómpre
dicir que non ten sentido tapar con panos floreados as eivas que está
comprobado que debilitan as organizacións máis importantes. Pola contra, é
momento de atallar as eivas con valentía e asumir con altura de miras que unha
certa experimentación pode resultar moi san nunha contorna en mudanza acelerada
e mesmo convulsa.
Sen ignorar as dificultades, creo que hoxe na Galiza algúns estamos a dar
pasos para mudar as rotinas do pasado e avanzar. Obviamente, que o consigamos
depende de todos.
(Publicado en Sermos Galiza 23.01.2013)
http://www.youtube.com/watch?v=nxQvJZUjw2Q
ResponderEliminar