(Respostas ao cuestionario de La Opinión 24/7/2012)
Debería reorganizarse o estado autonómico?
XV: O que debería é redefinirse o estado
español no seu conxunto. O que falla non é o estado autonómico en si mesmo
senón o conxunto da arquitectura institucional dun estado que segue sumando as
estruturas típicas dun estado centralista e as dun estado descentralizado. Con
superposicións e colisións entre elas. O estado autonómico tal como foi
concretado polas forzas estatais, con 17 CCAA e o famoso café para todos, foi
un fracaso. Nin resolveu de verdade o problema político do encaixe das nacións
existentes dentro do estado español, pois negóuselles ese recoñecemento e
igualáronse a rexións de escasa entidade, cando non inventadas sobre a marcha.
Por outro lado, ao superpoñerse ao sistema provincial, sen subsumilo, acabou
configurando unha estrutura administrativa de catro niveis pouco funcional, á
que logo se engadirían as delegacións do Goberno Central nas CCAA e a da Unión
Europea. En conxunto resulta demasiado complexa, disfuncional e cara.
Por onde debería pasar esa revisión do modelo
autonómico?
XV: Eu vexo dúas solucións igualmente
complexas. Unha é camiñar cara o que se deu en chamar federalismo asimétrico,
recoñecendo o carácter plurinacional do estado, cun rol singular para Galiza,
Cataluña e Euskadi, eliminado as deputacións e as delegacións do goberno. Na
medida en que o núcleo neocentralista aposta por reverter o proceso nunha
dirección radicalmente recentralizadora, a outra vía que lle queda ás nacións
sen estado é pular pola súa soberanía e independencia. Iso, alén de resolver o
problema político das aspiracións nacionais, simplificaría enormemente a
estrutura administrativa. No noso caso quedarían tres: concellos, comarcas e
goberno galego. E relacións directas coa Unión Europea.
Que erros se cometeron no seu desenvolvemento?
XV: Como dixen os erros principais foron,
primeiro, tratar de taponar os problemas nacionais de Cataluña, Euskadi e
Galiza co famoso “café para todos”, con 6 autonomías uniprovinciais; segundo,
montar as autonomías sen desmantelar as deputacións e engadindo a maiores as
delegacións do goberno; terceiro, un sistema de financiamento irracional
cedendo competencias de execución en boa parte do gasto público (sanidade,
educación, servizos sociais, etc) pero sen verdadeira autonomía e responsabilidade
nos ingresos; cuarto, mantemento dunha dimensión inxustificada do goberno
central e de certos ministerios con escasas competencias; quinto, unha
desconfianza continua dos poderes centrais contra certas autonomías abrindo
unha disputa permanente para recatar competencias.
Ata que punto é responsábel o estado das
autonomías da situación económica do país?
XV: Realmente nada. Non é nas autonomías onde
está a raíz da crise financeira, do euro e do modelo neoliberal. A crise
económica ten pouco que ver co problema autonómico e menos aínda pode
xustificarse a recentralización como se fose unha vía de solución a crise. Son
problemas que compre discutir separadamente se queremos atopar solucións de
verdade. En termos económicos o sistema autonómico constituíu un factor de
desenvolvemento económico importante nos últimos trinta anos e evitou unha
maior desigualdade territorial, de xeito que a hiperconcentración da actividade
económica en Madrid tería sido moi superior e máis irracional sen as autonomías.
Que o sistema autonómico compre mudalo por outros motivos como os que eu apunto
é unha cousa pero que se lle boten as culpas da crise é unha manipulación dos
feitos totalmente irresponsábel e movida por unha ideoloxía conservadora e
interesadamente madrileñista. Usar a crise como desculpa para recentralizar o
estado é unha aventura irresponsábel da dereita española que posíbelmente
arrastre consecuencias que eles non agardan.
I absolutely love your website.. Pleasant colors & theme. Did you make this site yourself? Please reply back as I'm planning to create my very own blog and want to know where you got this from or exactly what the theme is named. Kudos!
ResponderEliminarJust desire to say your article is as astonishing. The clarity in your post is simply nice and i could assume you're an expert on this subject. Well with your permission allow me to grab your RSS feed to keep up to date with forthcoming post. Thanks a million and please continue the gratifying work.
ResponderEliminar