Esa avalancha continua de información
catastrófica crea un grande desconcerto, incerteza e inseguridade na cidadanía
e prepáranos para aceptarmos calquera tipo de medidas supostamente dirixidas a
apagar as fogueiras máis perigosas –fogueiras acesas por outras erradas medidas
previas–. Predisposición que é habelenciosamente administrada e guiada polos
centros de creación de opinión e polos medios que a difunden, en cuxa
homoxeneidade podemos intuír a existencia dunha man común, que se revela en
toda a súa crueza cando chequeamos a estrutura da propiedade dos grandes grupos
mediaticos. Ao longo destes catro anos de crise o capital financeiro puxo a
proba a súa capacidade para converterse no centro de atención da catástrofe e
presentarse como vítima para socorrer, sen a que a sobrevivencia do resto do
sistema económico estaría seriamente ameazada. Esa está a ser a vía real para
conseguir atraer todos os coidados e facerse merecente dos maiores sacrificios
dos gobernos e da sociedade no seu conxunto. Os millóns de parados están fóra
do foco –só utilizados como argumento para recortar dereitos aos aínda
ocupados–, como o están tamén os centos de miles de pequenas empresas e
autónomos que pecharon as portas ou que non teñen apenas movemento económico
como consecuencia do estrangulamento do crédito ao sector produtivo e o colapso
da demanda. Parece que todos estamos obrigados a entender e asumir que todo iso
pode e debe ser sacrificado en prol da salvación da grande banca e do réxime
que lles permite a ela e aos grandes fondos especulativos seguir operando con
liberdade.
Pero, para non perder o fío e o norte,
convén botar a vista atrás e coller perspectiva.
Hai algunhas constatacións case obvias
que, aínda así, é preciso recordar. Levamos xa catro anos envoltos nunha
profunda crise e todo apunta a un prolongamento dela. Non hai recuperación, nin
agora nin á vista. E iso significa algo tan claro como que fracasaron as
medidas adoptadas no marco do G20, da UE e do Estado español. A pesar diso, o
establishmen que pilota o deseño das políticas e os seus infinitos e capilares
creadores de opinión aínda non aceptan o seu fracaso e non renuncian á
imposición do seu programa de radicalización neoliberal. Como evidencia o
programa do PP. As medidas adoptadas ao longo destes anos polos gobernos,
nomeadamente os europeos e americano, trataron –e tratan aínda– de preservar
por todos os medios a configuración esencial do modelo neoliberal, o que impide
introducir os cambios necesarios para recuperar e reorientar a actividade
económica. Para aquela poboación medianamente informada é bastante claro que
esa contumacia neoliberal non é o resultado da ausencia de alternativas senón
da submisión dos gobernantes destes países aos ditados das finanzas, que fan
uso de todo o seu poder económico, político e mediático para evitar calquera
tentativa de trocar o patrón de distribución da renda que foran configurando ao
longo dos últimos trinta anos e que tantos privilexios lles reporta.
A folla de ruta da radicalización
neoliberal asenta sobre uns argumentos lexitimadores absolutamente insostíbeis:
disque o problema é que vivimos durante moitos anos por riba das nosas
posibilidades e, en consecuencia, todo pasa por un choque de austeridade en
todos os eidos –no privado e no público– exceptuando, iso si, o sector
financeiro, cuxo “recebo” debe ser a prioridade de todos, e o gasto militar.
A realidade foi ben diferente e por iso
cómpre volver unha e outra vez sobre o diagnóstico da crise, sobre as súas
causas, para que non nos dean gato por lebre. A crise financeira –co estoupido
dunha monumental burbulla de débeda– foi poñendo ao descuberto a radical
inconsistencia dun modelo social cada vez máis desigual.
Efectivamente, a raiz do problema actual
arranca da estratexia seguida polos neoliberais desde fins dos anos
setenta/oitenta para prolongar un modelo de capitalismo que se volverá incapaz
de garantir ao mesmo tempo progreso sostido do benestar e taxas de beneficio
altas para o capital. O recurso aos instrumentos financeiros de débeda
pretendían enmascarar esa contradición, cubrindo con diñeiro ficticio os
crecentes desaxustes. Segundo os dados do FMI, á altura de 2007 o valor dos
activos financeiros derivados chegaba
a representar 4,5 veces o PIB no caso dos Estados Unidos, 5,5 veces no caso de
Xapón e 5,7 veces no caso da UE (no Estado español algo por debaixo da media e
no Reino Unido, Francia e Irlanda moito por riba da media). Só os títulos de
débeda privada e pública pasaron de supoñer 1,5 veces o PIB USA en 1980 a
supoñer 3,5 veces en 2008. No caso do Estado español as cifras son parecidas
para ese mesmo ano (a privada –bancos, empresas e familias– triplicaba o PIB e
pública non superaba nese ano o 0,54 veces PIB). Segundo o McKinsey Global
Institute a suma dos activos financeiros derivados e non derivados globais
pasou de representar 1,7 veces o PIB mundial en 1980 a representar 14 veces en
2007. Ese diñeiro ficticio crecente permitía xerar unha corrente de rendas e
beneficios cada vez máis elevados para os negocios financeiros de todo tipo ao
tempo que creaba unha aparente capacidade de compra para unha poboación
asalariada á que se lle impoñían fortes medidas de contención salarial. Por iso
a crecente burbulla de débeda que se empezou a inflar nos anos setenta e que
acadou o seu paroxismo a partir da segunda metade dos noventa foi un instrumento
clave para construír un modelo de sociedade cada vez máis desigual sen que os
perdedores dese proceso percibisen claramente o empobrecemento real relativo a
que estaban sendo sometidos. A débeda foi panca e anestésico ao mesmo tempo;
panca para potenciar a velocidade da transferencia de rendas cara aos ricos e
anestésico para crear a ilusión ficticia de benestar para boa parte da
sociedade.
O estoupido desa burbulla acaba poñendo ao
descuberto ese proceso longamente enmascarado e a tentativa das finanzas rendistas
de preservar as súas posicións por todos os medios acaba convertendo a crise
nunha profunda crise social e tamén política. É unha crise social porque detrás
da crise financeira emerxe a crise das desigualdades que estaba disimulada e é
política porque o Estado e os gobernos –e polo tanto os partidos do sistema–
son utilizados con obscenidade para endosarlle ao conxunto da sociedade en
forma de débeda pública toda a bóla de débeda que se fora acumulando nos
balances das empresas e das institucións financeiras ao longo de todos eses
anos.
Os gobernos, no canto de obrigar o sistema
financeiro a facerse cargo desa débeda enorme que acumularon nos seus balances,
aceptaron trasladarlle ao sector público unha parte desa débeda. E, a
continuación, no canto de amortecer esa débeda pública mediante impostos aos
ricos, optan por pedirlles ese diñeiro prestado a eses mesmos ricos,
pagándolles uns altos xuros -altas rendas- que satisfán a súa ambición de
rendibilidade, á custa de espremer até o extremo a maioría da sociedade. Así é
como se engorda o problema da débeda pública que acaba poñendo contra as cordas
as economías periféricas da área euro e finalmente a eurozona no seu conxunto.
Máis aínda, a crise e as medidas adoptadas
polos gobernos, os reguladores e os bancos centrais han servir para que a
grande banca varra a mediana e se concentre aínda máis. Isto é o que estamos
vendo diante dos nosos ollos no Estado español, nos Estados Unidos e en todos
aqueles países entregados a ese frenesí. Aproveitando a ameaza de ser
“demasiado grande para caer” conseguen o amparo dos gobernos –con inxección de
recursos públicos, avais e garantías–, dos bancos centrais –que emiten moeda ao
ritmo das súas particulares necesidades–, dos reguladores –que van impoñendo as
regras que garanten a súa supervivencia ao tempo que forzan os pequenos,
medianos e caixas a aceptaren ser absorbidos. A ameaza de seren “demasiado
grandes para caer” acaba sendo a súa artificiosa e ficticia fortaleza, que
utilizan como panca para demandar protección e impulsar un proceso de
concentración financeira aínda máis perigosa e disfuncional para a economía
produtiva.
As altas finanzas impoñen a súa opción por
políticas monetarias agresivamente expansivas (a Reserva Federal triplicou o
volume de dólares coas QE1 e QE2 e o BCE algo menos), que utilizan para soster
o negocio especulativo global e, ao tempo, presionan para manter un réxime
mundial de total liberalización de fluxos financeiros e de mercadorías que
impide reconsiderar as políticas comerciais da OMC, onde reside a clave para
frear as consecuencias devastadoras da progresiva desindustrialización. Porque,
en definitiva, a deslocalización industrial e produtiva –coa caída do emprego e
da demanda interna– é a consecuencia da presión combinada das finanzas sobre a
economía produtiva e da agresiva competencia internacional impulsada por esa
liberalización comercial. E diso haberá que falar algún día. Porque para países
como Grecia, Portugal ou España o verdadeiro problema ten a raiz nos déficits
comerciais e non tanto nos déficits fiscais, collidos como están entre a espada
dos emerxentes e a parede dunha Alemaña que arrasa o mercado interior.
O dramático é que, obedecendo á banca e a
Bruxelas-Berlín, o noso goberno pretende saír do entullo mediante o irresponsábel
despropósito de axudar á deslocalización de empresas con recursos públicos,
mesmo xestionados pola propia CEG. No canto de impulsar a eutanasia das
finanzas rendistas que reclamaba Keynes parecen preferir a eutanasia da
economía produtiva e do emprego.
(Publicado en Tempos Novos, 174, novembro 2011)
(Publicado en Tempos Novos, 174, novembro 2011)
Sem comentários:
Enviar um comentário