A caída da actividade tradúcese nunha deterioración galopante do emprego e do paro. Nos dous anos do goberno Feijóo (IIT2009-1T2011), Galiza perdeu 67.000 ocupados segundo a EPA e a taxa de paro pasou en poucos meses dun nivel do 12,9% a un 17,3%. As cifras de paro rexistrado de novembro alcanzan xa os 253.416, despois dun forte aumento no último ano (21.695) e no último mes, o maior de todas as CCAA. O risco de pobreza afecta xa ao 16,8% da poboación, proporción que nunca se acadara desde que existen esas estatísticas e que case duplica o nivel de hai unha década. Esa caída do emprego é xeneralizada mais segundo a EPA é particularmente intensa na industria (28.800 ocupados) e na construción (20.000); en termos relativos a baixada no sector agrario e pesqueiro (9.500) é igualmente intensa. Os servizos experimentan unha notábel perda (12.300) mais, en termos proporcionais, é moito menos intensa de forma que o grao de terciarización do emprego na nosa economía aumenta até un 67,7%. O feito máis destacábel é que neste período o emprego terciario xa non só non foi quen de absorber parados doutros sectores senón que os servizos destruíron emprego neto.
Tomando os datos de afiliados á
Seguridade Social vemos unha redución duns 47.000 efectivos. Se reagrupamos as
ramas de actividade vemos que a maioría das perdas foron na construción, obras
públicas e materiais (26.000), outros 5.800 no naval, automóbil e auxiliares e
5.500 na agricultura. Deixando a un lado cantos deses poidan deberse á ausencia
de políticas axeitadas o certo é que a contribución directa do goberno autónomo
nestes dous anos foi destacada: uns 1.800 en servizos sanitarios e
administración e outros 1.100 en actividades moi dependentes da demanda pública
e axudas (programas televisión, cine, vídeo, edición e artes gráficas).
Unha vez descontado o menor
shock inicial dunha burbulla inmobiliaria que aquí estaba menos inflada e unha
vez varrido o activismo do goberno bipartito tanto en investimentos como en
dependencia e servizos sociais, tan só queda como factor diferencial a obra
pública en AVE, autovías e portos, en parte apoiadas por fondos estruturais. Os
nosos sectores básicos están a notar o estancamento interno e a caída da
demanda en mercados externos clave (automóbil, naval, materiais de construción,
madeira) e noutros continúa a deslocalización (confección...). O gran suceso
mundial de Inditex xa non é motor de crecemento da actividade produtiva e do
emprego local, porque a súa produción foi case toda ela deslocalizada, ao igual
que a doutras empresas deste e doutros sectores. Non hai novos sectores
emerxentes e mesmo perigan moitas actividades innovadoras como consecuencia da
crise e da falla de crédito. A política de brazos caídos do goberno Feijóo
agrava a situación, coa parálise dalgunhas iniciativas que estaban en marcha
(plan eólico, plan de I+D+i, dependencia e múltiples accións e obras
programadas polo bipartito que foron abortadas ou paralizadas polo novo
goberno).
Sen entrar aquí en pormenores
cómpre sinalar que a Xunta ten marxes importantes de actuación
inexplicabelmente desaproveitados nestes tempos e mesmo tomou decisións
claramente contraproducentes. Podería soster unha maior capacidade de gasto
público cunha política fiscal activa e progresiva (aumentando o marxinal nas
rendas altas no IRPF como fixeron outras CCAA, gravar máis as rendas do capital
e manter o imposto de sucesións e doazóns). A Xunta optou por políticas de
recortes de servizos públicos usando como mantra a austeridade; a redución do
gasto en educación, universidades, I+D, apoio ao sector agrario e industrial,
etc. van dificultar a recuperación económica e frear o desenvolvemento a longo
prazo. Máis aínda, levados polo discurso dominante da internacionalización, o noso goberno pretende saír do entullo mediante o irresponsábel
despropósito de axudar á deslocalización de empresas con recursos públicos, coa
agravante de seren executados e xestionados pola propia Confederación de
Empresarios de Galicia, nunha abraiante confusión entre os intereses públicos e
os dos grupos de presión.
De consecuencias máis profundas
e estruturais, que terán efectos duradoiros no longo prazo, é o desmantelamento
e bancarización das caixas de aforros que privarán a Comunidade Autónoma dun
instrumento financeiro clave, tanto para o financiamento institucional como
para gran parte das actividades sociais e culturais e, sobre todo, para o
tecido de autónomos e pequenas e
medianas empresas. No canto de impulsar a
eutanasia das finanzas rendistas que reclamaba Keynes parecen preferir a
eutanasia da economía produtiva e do emprego.
Somos parte desa economía global e europea e os seus desvarios
teñen particular impacto na nosa, sobre todo por carecer de institucións
soberanas para poder adoptar decisións que puidesen aproveitar as marxes de
manobra que as interdependencias permiten e, peor aínda, por ter as actuais
institucións ocupadas por gobernantes que fan deixación no uso das súas
competencias, como consecuencia da súa dobre atadura e submisión: á ideoloxía
neoliberal e á ideoloxía neocentralista.
Sem comentários:
Enviar um comentário