segunda-feira, 28 de novembro de 2011

¿Gobernos técnicos ou Golpe de palacio das finanzas?: unha UE en malos pasos

O omnímodo poder estruturado arredor da alta finanza, os bancos centrais cinicamente cualificados como “independentes”, as servís institucións internacionais, as grandes corporacións globais dos sectores oligopolísticos e os grandes grupos mediáticos globais actúa como o verdadeiro poder que se impón e ningunea os demais poderes da sociedade, singularmente os que emanan da representación democrática da cidadanía, provocando unha inédita deslexitimación das institucións, da política e dos partidos gobernantes.


A expresión máis clara de todo isto témola na crise institucional e política da UE e na auténtica degradación da vida política e dos órganos de representación democrática en moitos países da UE. Primeiro fomos vendo como os órganos da UE non sometidos a control democrático (BCE, Comisión Europea) ditaban as liñas mestras da política económica aos países da Unión; logo vimos como ese BCE, pilotado por persoas estreitamente ligas á gran banca global (Goldman Sachs) e aos grupos de poder na sombra como a Comisión Trilateral e o Grupo Bilderberg, xunto co FMI e o dúo Alamaña-Franza desprazaron total e ostensibelmente o Consello Europeo até converter as reunións deste órgano e do Ecofin no foro para impartir consignas e impoñer deberes aos gobernos dos estados. Asistimos ao espectáculo de gobernos obedientes e ninguneados que aceptan sen recato os ditados das altas finanzas (como foi o caso do Estado español e os demais países da UE), gobernos que aceptan condicións draconianas de “rescate”/afundimento, perden toda credibilidade e son derrotados en eleccións anticipadas polas opcións máis entregadas (como foi o caso de Irlanda, Portugal ou España) e, finalmente, para pechar o círculo, a caída anticipada dos gobernos de Grecia e Italia en novembro de 2011, coa imposición de sendos gobernos chamados “técnicos”, que simbolizan un paso máis na toma de control directo dos gobernos dos países por parte das finanzas. Os casos de Grecia e Italia teñen a factura de golpes de palacio das finanzas para colocar á fronte dos gobernos a personalidades que proceden directamente do núcleo máis selecto do poder da gran banca e dos grupos de poder transnacional. Papademos e Monti son dirixentes de primeiro nivel do mundo das finanzas (Goldman Sachs e BCE) e das dúas redes de poder global por excelencia: a Comisión Trilateral e o Grupo Bilderberg. O mesmo núcleo ao que pertencen tamén os principais responsábeis da Comisión Europea (Durao Barrosos e Van Rompuy), o novo presidente do Banco Central Europeo (Mario Draghi, ex-Golmand Sachs, co seu fillo como directivo na actualidade, e membro destacado do Grupo Bilderberg e do grupo dos Trinta) e con varios dos presidentes dos bancos centrais dos países da eurozona que tamén son membros destacados da Trilateral, do Bilderberg ou do grupo dos Trinta. A cuestión é que o control dos centros de poder político por parte destes grupos xa non se limita a exercerse entre bastidores ou a copar as estruturas claves para o poder financeiro como son os bancos centrais, etc. senón que se ven “obrigados” a dar un salto cualitativo e tomar directamente o poder gobernamental, poñendo en evidencia a total desconsideración das institucións da democracia representativa.
Este asalto directo aos gobernos en diferentes países é sen dúbida un paso dunha gravedade tal para o sistema democrático que non pode ser minusvalorada e, cada vez con máis acuidade, obríganos a botar a vista atrás a un escenario como o de entreguerras no que a profunda crise do capitalismo liberal abrira paso a réximes autoritarios primeiro e ditatoriais e de terror despois. Vendo a secuencia dos feitos parece albiscarse con bastante clareza que a vontade de ferro das altas finanzas por prevalecer está a converterse non só nunha ameaza para a recuperación económica e a saída da crise senón para o propia democracia.
As graves consecuencias da fraxilidade da arquitectura institucional guiada polos ideologos neoliberais europeos e as desacertadas medidas de resposta á crise financeira e da débeda están deslexitimando moi profundamente o proxecto de integración europeo. A combinación do anterior cunha estratexia hexemonista dos países do núcleo forte europeo, moi especialmente de Alemaña, acaban por evidenciar os riscos que para os países periféricos da eurozona representa a inclusión nun espazo de competencia sen restricións ao tempo que renuncian aos instrumentos claves de regulación e axuste como son a política monetaria, o tipo de xuro, o tipo de cambio e, por suposto, a política comercial. Si ao final todo iso acaba mesmo desembocando na imposición de gobernos “de facto” desde as finanzas ou desde Berlín, como ocorre en Grecia ou Italia, entón mínase totalmente a fibra máis íntima que lexitimou historicamente o proxecto europeo, que era a democracia e a convivencia pacífica nun espazo de iguais. Como editorializaba o xornal grego O Kosmos, “si a euroxunta pon en dúbida a razón de ser dun Estado, a súa soberanía, a democracia, cal é o aliciente para seguir na eurozona?”.
Os efectos desastrosos do modelo neoliberal, da súa profundísima crise e da resposta dos seus radicalizados defensores están poñendo a proba a capacidade da sociedade para encaixar tan duros golpes nas súas condicións de vida e traballo e na propia dignidade persoal e colectiva. A austeridade non é a solución senón o camiño máis seguro para o colapso e a condena á exclusión social de millóns de persoas. O recorte do gasto público non busca sanear as contas senón preservar o paraiso fiscal das finanzas e das grandes fortunas ao tempo que a asfixia dos servizos públicos busca lexitimar unha nova rolda de privatizacións nos servizos básicos. Pola contra, nada se fala de como frear a deslocalización da actividade produtiva para reducir os déficits comerciais e crear emprego, verdadeiro corazón de todos os problemas. Por iso, aínda que sexa contra o muro infranqueábel do pensamento único imposto a través dos imponentes escuadróns de propagandistas, cumpre erguer a voz das alternativas, que tarde ou cedo han entrar pola porta... ou pola fiestra.
A radicalización neoliberal non deixa espazo para a indefinición ou as terceiras vías. A lección do que está a ocorrer no estado español e en Europa é bastante clara do desatino dunha socialdemocracia que aceptou renderse ao poder omnímodo das finanzas neoliberais. Ao final, perden a adhesión dos desenganados paganos da crise e, como non hai espazo para dúas opcións neoliberais maioritarias, acaban sendo derrotados e desprazados pola auténtica dereita neoliberal radicalizada. O problema é que polo camiño perden a alma que lles daba sentido na representación política e crea as condicións para unha profunda crise política no ámbito da esquerda. O caso é que a saída á crise do neoliberalismo non vai producirse de verdade até que a esquerda social –no noso país, no estado español e en Europa- encontre unha nova reconfiguración que lle permita erguer con coherencia a bandeira dunha alternativa.

Sem comentários:

Enviar um comentário