segunda-feira, 9 de janeiro de 2012

BNG: nova era, nova síntese

(texto publicado en Xornal de Galicia en 2009) 
O BNG naceu en 1982, xusto no momento no que estaba arrancando a longa éxida do neoliberalismo no mundo. O BNG medrou e madurou o proxecto nacionalista nese tempo de progresiva hexemonía neoliberal e abafante pensamento único.
Nese período viviu un proceso de consolidación na sociedade e de ascenso na súa influencia e adhesión eleitoral, sen facer cesións significativas no seu ideario. En todo caso o cénit desa expansión acadouse en 1997-1999, despois de absorber outras formacións nacionalistas. Co comezo de século, coincidindo cos primeiros pasos á fronte dalgunhas cidades, empezou un paulatino devalo até a posición actual.
Durante eses anos, o BNG sufriu, coma todos os partidos, o embate da ideoloxía neoliberal convertida no “sentido común” abafante de todas as políticas, o molde no que se cociñaban todas as receitas, que co paso do tempo parecía naturalizarse como algo inamovíbel e chamado a permanecer. De xeito comprensíbel moitos militantes e, sobre todo, aqueles que acadaron posicións de poder institucional -local ou autonómico- víronse tentados a amoldarse á realidade vixente e predominante, temerosos de caer na marxinación e na negación de calquera posibilidade de “tocar” poder. Porén, outros moitos mantiveron ben arraizada unha ideoloxía crítica co modelo de capitalismo neoliberal.
Nesta nova era que se abre co fracaso dese modelo, o BNG está en fase de reconsideración, tomando consciencia da desafección dunha parte da súa base social. Esa desafección deriva, en parte, dunha valoración crítica do que eses sectores sociais consideran coqueteos excesivos da dirección última coas políticas de moda e co rexionalismo. Axudaron tamén certas maneiras de “parvenu”, certo empoleiramento inxenuo na periferia dos círculos do poder, aínda que fose como convidados.
Á fin, o feito chave é que o fracaso do neoliberalismo colle ao BNG aínda medianamente armado para reaxír e encabezar o posneoliberalismo. Unha outra esquerda perdeu nese tempo todo o discurso crítico e está pillada nun desconcerto total entre o neoliberalismo asumido e a carencia de alternativas. Aqueloutra esquerda mantivo un discurso crítico pero perdeu a base social e o apoio electoral, de xeito que foi quedando abeirada na marxinalidade política. Pola contra, o BNG non viviu de xeito significativo ningún deses dous procesos dexenerativos. Conserva aínda, a pesar de todo, un considerábel apoio social e eleitoral e conserva tamén os resortes sobre os que reconstruír unha alternativa ideolóxica ao neoliberalismo. Ten dentro aínda as persoas, os discursos e as propostas que non sucumbiron ao pensamento único. Foi preciso insistir para que reverdecera. Se agora o sabe facer, o BNG pode poñerse á fronte do movemento social que está a nacer como contestación a esta profunda crise do neoliberalismo e pode inverter esa insidiosa ofensiva uniformista, negadora das identidades non hexemónicas, no idioma, na cultura, no modo de vida... Con intelixencia, sen centrismo e sen broncas.


Sem comentários:

Enviar um comentário