O fracaso electoral
de marzo pon ao BNG nun escenario inédito e para o que está mal entrenado. O continuado
goteo electoral ao longo da presente década conviviu paradoxalmente cun aumento
das cotas de poder vía coalicións nos concellos e na Xunta. Iso anestesiou
calquera malestar e impediu os debates que deberan ter diagnosticado as causas.
O certo é que esa falta de engraxe nótase agora cando a reflexión sobre a
debacle se fai ineludíbel. Esta asemblea apresurada, forzada pola dimisión da
Executiva en pleno, podería ser a ocasión para esa reflexión en profundidade
sobre a liña política e sobre a organización. Pero, á hora da verdade, non o
está a ser. Ou éo tan só a medias. Unha parte do BNG chegou á conclusión de que
a liña emprendida hai unha década fracasou e compre mudala recuperando os
sinais de identidade do nacionalismo e da esquerda; porén, outra parte aínda
non foi quen de saír da “nube” dun fracaso inesperado e comprender que este ten
unhas causas cifrábeis nunha acción política que desvalorizou o esforzo de
xestión. Esa parte, a máis involucrada en responsabilidades de goberno, non
acabou de ver aínda que é o que fallou e, en consecuencia, persevera na senda
emprendida, se cabe con máis afouteza.
Na medida en que ese debate quede larvado, ou pase de esguello, esta asemblea será de mera transición; resolverá a urxencia de elixir unha nova dirección pero deixará pendentes os problemas estratéxicos. E iso non se arranxa repetindo mil veces palabras talismán.
O BNG corre o risco
de fuxir unha vez máis do debate e tratar de substancialo a través da disputa
das cotas de poder dentro dos órganos. De ser así, a confrontación das listas
adquire unha relevancia estratéxica, fiada máis á intuición que á
clarificación.
Nese sentido,
parece haber un “sentir” maioritario na militancia, e tamén en tres das catro
candidaturas, no sentido de que o BNG non pode continuar replicando a liña
política de autonomismo centrista dun ultraminoritario PNG, ben representado
estes anos no discurso oficial, adubiado por asesores áulicos que desprazaron a
esmorecida fábrica de ideas propia. Diso deriva, en boa medida, o crecente
divorcio experimentado a respeito da base social histórica do BNG e do nacionalismo
galego, que foi e segue sendo de esquerdas na súa inmensa maioría.
Porén, existe unha respectábel
minoría que persevera en prolongar esa senda baixo o paradoxal discurso da
“apertura a sociedade”, mesmo a pesares de que ese discurso rexionalista e
centrista colleitou unha perda continuada de apoios. O distanciamento daquela
parte da sociedade que comparte as aspiracións do BNG con profunda convicción
non foi compensado pola atracción desa outra parte da sociedade que está
“aberta ao PP”. Marcar neste momento, aínda máis, distancias coas organizacións
sindicais maioritarias ou cos movementos sociais non parece a mellor vía para
abrirse á sociedade.
Ese é o grande
debate que posiblemente non se feche nesta asemblea.
Por outra parte, o
debate político no BNG sempre se complica un chisco polo feito de encarnar un
proxecto político que transcende a loita política ordinaria, no sentido de que
a realización dese proxecto require mudar o molde institucional. Os
rexionalistas non teñen ese problema pero a soberanía non cabe no molde. Non é
asunto menor. Manter ese norte, con realismo e pragmatismo, implica saber
navegar de bolina ou ter unha áncora moi sólida para que os vaivéns non se
confundan con cambios de rumbo. Nese sentido, a fortaleza da áncora é un
intanxíbel nada desprezábel.
Á nova dirección vaille
quedar a tarefa de pilotar un sereno proceso de reflexión e reelaboración do
discurso político, en diálogo aberto coa militancia e coas organizacións
sociais, ao calor da loita política no contexto da crise. Dese proceso ha
madurar un proxecto para facer avanzar o nacionalismo na sociedade e preparar
tamén unha nova equipa que poida pilotar a recuperación electoral. Facelo ben requirirá
abordar con tranquilidade a posta a punto da organización, da súa estrutura e
da súa funcionalidade. Pero, como di o refrán, cada día ten o seu afán.
Sem comentários:
Enviar um comentário