Discursos
- autogoberno (2)
- Banca Pública (26)
- Caixas de aforro (24)
- ciencia (3)
- Crise (79)
- Crise e conflitos de clase (62)
- Crise ecolóxica (3)
- Discursos (23)
- Economía galega (2)
- Estado do benestar (29)
- Galiza (101)
- innovación (5)
- medios de comunicación (4)
- Nacionalismo (75)
- Política europea (44)
- recentralización (1)
- Soberanía (89)
sábado, 31 de janeiro de 2015
Castelao 2015: ilusión para derrotar a resignación e o empobrecemento
Un ano máis rendemos homenaxe a memoria do rianxeiro e grande patriota que foi até o último alento Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, fai agora 65 anos.
Hai xusto 100 anos que Castelao tomou unha decisión. Mellor dito, aquel Castelao ben novo, con 29 anos, tomou en 1915 dúas decisións que serían claves para o seu futuro e para o futuro de tod@s nós: abandona a mediciña para preparar as oposicións ao corpo de estatística de Facenda, que acabaría tendo como destino en Pontevedra e, levado polo seu anticaciquismo, rompe co maurismo do seu pai, que fora alcalde de Rianxo.
Hai 100 anos Castelao deu un paso cara a un compromiso inquebrantábel con Galiza e o seu pobo, que foi agrandando día a día, até o seu último alento, sobrepoñéndose ás máis duras probas da represión, persecución e o exilio.
Do seu traballo iniciado hai cen anos con Risco e Losada Diéguez e cos Irmáns Vilar Ponte, Lugrís, Porteiro, sairía adiante o ano seguinte, en 1916, a fundación das Irmandades da Fala, que afirman as nosas aspiracións nacionais e dan os primeiros pasos cara a creación do nacionalismo político organizado.
Un século de loita, un século de sementeira e de organización, cos consabidos hiatos das dúas ditaduras, para darlle a este pobo autoestima e recoñecemento e, sobre todo, vontade futuro. Futuro digno para as súas xentes, traballo na terra, democracia e plena capacidade para cultivar sen ataduras todas as dimensións da nosa cultura.
Construír unha nación con pleno recoñecemento institucional non é tarefa fácil nin apta para mentes cativas e tampouco para mentes ansiosas.
O nacionalismo galego ten moitos inimigos, inimigos poderosos fóra e traidores na elite provinciana do país, por iso temos aínda unha tarefa importante por diante.
Son moitos os que queren que o nacionalismo desapareza, uns esmagándoo e outros por dilución. Persisten, pero tan persistente como o seu empecinamento é a nosa vontade de afirmación. Non nos dobregarán os que veñen de fronte, con todas as armas do poder ou da represión, pero tampouco nos van despistar os cantos de serea da dilución. O nacionalismo é unha das realizacións máis importantes dos últimos 100 anos. É unha das fortalezas que ten este país.
Absorberon, apropiáronse e leváronnos Fenosa, Larsa, Leyma, Banco Pastor, as Caixas, R, Barreras, Pescanova… pero o nacionalismo do BNG non vai ser absorbido.
Afortunadamente, milleiros de galegas e galegos alentan hoxe o BNG e as Asembleas Abertas polo país adiante. Som@s os herdeir@s de Castelao e continuadores desta longa xeira secular que arela a construción dunha nación no mundo.
Desde Madrid non o entenden. Non o entenden nin os de sempre nin tampouco os “novísimos” que creen que iso do nacionalismo son cousas de sentimentos arcaicos, identitarios, ideoloxismos ou gañas de amolar o “ser natural das cousas”, que non pode ser outra cousa que o nacionalismo banal español.
Non entenden que o nacionalismo é a vontade de loitar polo futuro da xente dentro do noso país, polos intereses materiais da maioría, para compartir unha calidade de vida digna.
Unha nación na que a xente nova poida estudar en centros públicos de calidade;
Unha nación onde a xente nova teña un horizonte laboral digno no agro, no mar, nas fábricas , no comercio, nos servizos ou na investigación;
Unha nación onde a xente enferma teña garantida unha sanidade pública universal de calidade, non con esas urxenciadas degradas e ateigadas ou cos periplos da “ruta do cancro” ou cos enformos da hepatite C implorando por un medicamento que lles salva a vida e que se raciona por cutre economicismo;
Unha nación onde os servizos sociais públicos atendan á xente que o precisa e onde os servizos para a infancia fagan compatíbel a crianza nenos e nenas e a vida laboral dos pais e nais.
Iso é o que queremos, unha nación que produza, que cree emprego, que compita con innovación e produtividade e non con salarios de miseria.
Non queremos ser carne de canón na emigración,
Non podemos ver estragados os nosos recursos por imposicións miopes ou intereseiras de fóra como ocorre co cerco, co xeito, como ben saben os mariñeiros de Rianxo, ou como ocorre tamén no agro ou no naval.
Non podemos aceptar que os nosos recursos naturais, os eléctricos ou o aforro emigren sen crear riqueza no país.
Queremos que o aforro e as ganancias empresariais se invistan aquí e non nos paraísos da evasión fiscal ou na especulación financeira global.
Queremos que os moi ricos, as grandes fortunas e as grandes empresas paguen impostos, paguen aquí e paguen máis para contribuír a financiar un gasto público que dinamice o investimento e a demanda, un gasto público que financie bos servizos públicos e un orzamento público redistribuidor que reduza as desigualdades insoportábeis e a pobreza galopante.
Sen iso non hai recuperación posíbel nin saída da crise, por moito que a maquinaria da propaganda mentirán do PP español e de Feijóo pretenda atordarnos. Os datos por desgraza son teimudos, temos os peores datos de caída da actividade industrial, aumentou o paro en 15.000 persoas no último cuatrimestre do ano.
Non hai futuro se no canto de corrixir as eivas profundas que a crise puxo ao descuberto o que fan é impulsar un “capitalismo confiscatorio” para tapar os buratos d@s auténtic@s responsábeis co suor, sufrimento e espolio das vítimas: traballador@s, contribuíntes, usuari@s e aforrador@s.
Pero… é que noso caso, ademais dun ultraliberalismo inviábel, sufrimos tamén o efecto do centralismo madrileño.
Centralismo que pretende seguir espremendo o noso aforro e a nosa fiscalidade para encher o burato da súa débeda.
Porque pretenden seguir someténdonos a unhas relacións de intercambio inxustas, con prezos de auténtica colonia: baixos para o que producimos (leite, carne, peixe, electricidade, madeira, etc) e altos para o que consumimos (tarifa eléctrica, gasoil-gasolina, peaxes, tren, transporte aéreo, etc).
Con custes de electricidade e de transporte que pexan a competitividade da nosa industria é difícl saír adiante.
Co noso mercado dominado pola súa gran distribución comercial oligopólica é difícil dar saída en condicións á nosa produción primaria e reter as rendas das marxes comerciais.
Así non hai maneira de saír do burato.
E naquilo que podemos levantar cabeza deseguida nos poñen novos atrancos, vetos, reconversións forzosas, limitacións a produción, cotas leiteiras e pesqueiras, supertaxas, etc.
O resultado é paro, emigración e devalo demográfico. Os que no fan nada por darlle a volta aos graves problemas da dependencia foránea veñen logo coas bágoas de crocodilo ao redor da natalidade, da que hipocritamente son tan devotos os cínicos de Monte Pío e da dereita.
Para darlle a volta a todo isto Galiza precisa que o nacionalismo avance na sociedade e avance electoralmente.
Por todo iso temos que chegar ao corazón da xente, temos que “petar na ialma do pobo até conseguir un estado de opinión revolucionario”, como nos propuña Castelao.
Este ano temos eleccións municipais e as xerais do estado; o ano que vén temos as autonómicas. Temos moi presente o ciclo completo. Para nós as tres son moi importantes, cruciais. As municipais teñen que servir para asentar o nacionalismo no territorio, consolidarnos como alternativa á dereita e ao centralismo e como opción de goberno en moitas vilas e cidades.
As Xerais teñen que servir para que Galiza defenda os seus intereses nacionais en Madrid e, sobre todo, que o nacionalismo poda participar e terciar nun eventual debate sobre o modelo de estado, porque Galiza non vai renunciar a ser unha nación de primeira.
Pero hai que ser claros, o futuro do noso proxecto xógase aquí, a clave está en conseguir a complicidade da maioría da sociedade galega.
As galegas de 2016 teñen que marcar un punto de inflexión. Temos a obriga de derrotar o PP e cómpre traballar coa ilusión de sermos a alternativa que lidere esa vitoria e poidamos así inverter o proceso de centralización en marcha e sentar as bases para unha mudanza cualitativa. Non vai ser fácil pero non é imposíbel. Esa ten que ser a meta para o ciclo político que agora comeza coas municipais.
O nacionalismo ten moitos flancos abertos. Movémonos nun escenario moi convulso social e politicamente. A sociedade móvese entre a frustración e a indignación. Hai un inxente esforzo das elites e das súas potentes máquinas de adoutrinamento para amainar esa indignación e “orientala” do xeito menos perigoso para os seus intereses estratéxicos. Nese contexto, a aínda recente fragmentación do nacionalismo e a da esquerda española crean un panorama tremendamente entrambilicado e cambiante.
O BNG imos xogar con serenidade pero con ambición para sermos motores dun cambio en profundidade, ben amarrado aos intereses do noso país e das nosas xentes. Conseguilo esixe un esforzo redobrado para sumar e crear complicidades.
As Asembleas Abertas foron e seguirán sendo unha plataforma vital para conectar e incorporar a miles de persoas que queren compartir un proxecto de transformación pensado desde o país. Nós abrimos as nosas portas a todas esas persoas, incorporamos moitas nas nosas candidaturas e seguiremos incorporando máis. Máis persoas e máis ideas para os programas. O BNG vai ser a voz e a alternativa de toda a cidadanía rebelde que quere mudar as cousas desde os concellos, para empezar derrotando ao PP, e construír un proxecto para defender Galiza e gobernar Galiza.
Temos un ano decisivo por diante; en realidade temos dous anos decisivos para o futuro da nosa nación, para provocar unha inflexión, converter en determinante o nacionalismo e sentar as bases para a gran aventura cara a soberanía.
Os concellos son o primeiro chanzo, importantes pola súa función para responder en proximidade ás necesidades da xente e tamén para socializar por abaixo o noso proxecto político. Aquí estamos neste Rianxo de Castelao, gobernado por un alcalde nacionalista, con Adolfo e demais compañeiras e compañeiros. Eles son un magnífico exemplo da forma de gobernar do BNG, honesta, participativa, de compromiso coa xente, cos sectores produtivos, pesca, marisqueo, o xeito. Aquí demostramos que mesmo herdando un concello moi endebedado poden facerse moitas cousas pola xente. Demostramos a nosa aposta pola sustentabilidade, coa vontade de superar o modelo insostible, ineficiente e caro de Sogama.
Estamos orgullos@s de Rianxo, de Adolfo, e orgullos@s tamén de todas as nosas alcadesas, alcaldes e concelleiras que levan entregado con xenerosidade moitas enerxías na defensa dos intereses colectivos dos seus veciños e veciñas e que o 25 de maio van ser quen de recuperar novos espazos e novos concellos que hoxe están en mans desa dereita caciquil, sumisa aos que arruinan o país e, en moitos casos, corrupta.
O 25 de maio o BNG vai demostrar que estamos en forma e que somos a alternativa do país fronte ao neoliberalismo, o centralismo e o caciquismo.
Orgullosas tamén de Deira, que nos acompaña, e que tanto leva batallado pol@s veciñ@s de Boiro e por consolidar o proxecto nacionalista. Agora que decidiu deixar a vida municipal quero renderlle unha viva homenaxe de agradecemento, pero non como despedida senón que sei que Deira ten aínda moito que aportar á nosa xente, aos veciños, aos emigrantes retornados e ao nacionalismo.
Amigos e amigas,
O país está nunha situación crítica e require solucións.
Nós temos propostas e solucións pensadas a medida da envergadura dos nosos problemas, tanto a nivel municipal coma xeral.
O PP non ten propostas para saír da crise, tan só rescatar as finanzas e a gran empresa e repartir empobrecemento e precariedade a esgalla.
A única receita para a maioría social é a propaganda, propaganda a esgalla que é o que levan facendo nos últimos meses coa maquinaria das mentiras a todo trapo.
Pero coas mentiras non pode tapar os problemas nin o fracaso das súas políticas. E con elas non hai recuperación nin a vai haber.
En realidade levan coas trompetas da recuperación inminente dende que en 2009 empezaron a falar dos “brotes verdes”, ano tras ano coa mesma canción, pero cando facemos balance de cada ano comprobamos que seguimos en crise e en devalo. Coma naquela foliada d’A Roda, “sempre andas dicindo para o ano que vén/chega outro ano, e pasa tamén”.
Agora confían no ciclo bíblico dos sete anos de vacas gordas e os sete anos de vacas fracas. Por desgraza os sete anos de vacas fracas poden seguirlle outros sete, se aceptamos as políticas neoliberais e centralistas.
No BNG dicimos que xa abonda de desfeita, hai que romper coa globalización ultraliberal e co centralismo
No BNG temos moi claro que non hai proxecto posíbel de esquerdas sen soberanía para exercitalo. Traballo digno, igualdade, democracia e identidade.
Traballaremos con paciencia pero sen desmaio con ese norte, “petando na ialma do pobo”, como nos pedía Castelao, desde todos os recunchos da sociedade, desde os concellos, gañándonos a confianza e o apoio da xente; co traballo na rúa e nos parlamentos até coller as rendas o autogoberno para avanzar con máis firmeza.
O ano 2015 vai ser un ano para mudar moitas cousas no noso país. Traballaremos con ilusión para pasar a páxina negra do PP e do centralismo máis teimudo.
2015 ten que marcar un punto de inflexión para devolver a esperanza a este pobo
Escoitando e aprendendo do noso pobo e da experiencia desas outras nacións irmáns que, como Escocia ou Cataluña, van coas velas inchadas rompendo ondas no océano da liberdade.
Nós, desde o Rianxo de Castelao, iremos en gamela ou en xeiteira, navegaremos de bolina, pero, coma os nosos valentes mariñeiros doutrora chegaremos a “TerraNova”.
Poñeremos os cimentos dunha terra nova na Nosa Terra.
Longa vida ao Irmán Daniel
Viva Galiza Ceibe
Rianxo, 10 de xaneiro de 2015
sábado, 27 de dezembro de 2014
Francisco Carballo, memoria de proxecto vivo
Estou seguro que neste intre o compañeiro e amigo Francisco Carballo esta
ollándonos con ese sorriso beatífico tan característico, feliz de ver aquí
xunta a tanta xente, diversa, que el quería e estimaba.
El foi toda a súa vida un bo e xeneroso, un santo laico, por iso estamos
aquí rendéndolle unha merecida homenaxe de despedida.
El non gostaba da pompa nin do boato, por iso lle ofrecemos unha homenaxe
sinxela, popular, dende o corazón.
Non gostaba de gabanzas pero somo nós os que temos a necesidade de
ofrecerlle este adeus de recoñecemento. Estou certo de que Carballo apreciaría
este modesto acto de recoñecemento como proba de que o seu labor foi fértil,
que a semente non caeu unas pedras senón no rego, como el mesmo dicía hai ben
pouco.
Eu coñecín a Francisco Carballo alá polo ano 76 ou 77 en Vigo. El xa era un
home feito e dereito, pasara daquela a barreira dos 50 e chegara a Vigo uns
poucos anos antes. En realidade, iso soubeno xa andado o tempo, os dous chegamos
a Vigo máis ou menos a un tempo, polo ano 73, el con 48 anos e eu con apenas
11. Chegou a Vigo despois duns anos en Barakaldo onde conviviu con outros curas
obreiros e abertzales –o que de seguro marcou un punto de inflexión no seu
compromiso- e despois dun paso como reitor dos Paules en Salamanca decidiu
voltar a Terra para loitar ao lado dos seus, ao lado do seu pobo. Tamén neste
derradeiro transo repetiu o mesmo camiño e aqui descansará para sempre, fundido
para sempre co seu pobo, na súa memoria, na nosa memoria.
Coñecino nalgún dos moitos actos que se celebraban na Asociación Cultural
de Vigo da que el foi presidente un tempo. Naqueles ciclos de conferencias
sobre historia, política ou economía de Galiza. Tamén nas Asembleas da AN-PG
que alí mesmo se celebraban.
Aínda que levara só tres ou catro anos semellaba que estaba plenamente
arraizado en Vigo e moi axiña gañou sona de grande persoa e de compromiso
social e patriótico. Diante dunha xeración de rapazada nacionalista, que era o
que abundaba daquela, a figura dun Carballo feito e dereito sempre animaba e
daba confianza. Nunca deixou de facelo.
O compañeiro Francisco Carballo foi unha persoa de múltiples facetas: como
cura, teólogo, profesor, historiador, editorialista e militante nacionalista.
Persoa de profundas conviccións, sempre mantivo lealdade ás súas raíces,
populares e galegas. Viviu a súa fe como cristián de base, comprometido cos
humildes, ao servizo do pobo oprimido, realizou unha creativa labor intelectual
e unha intensa actividade cultural e política.
A súa actividade intelectual, como teólogo progresista simpatizante da
teoría da liberación ou como historiador estivo sempre ao servizo da
concienciación popular, para proporcionar argumentos para a loita contra todo
tipo de opresión e, en particular, contra a opresión nacional.
A obra intelectual non era un mero exercicio académico ou para o conforto erudito.
El entendíaa como parte da loita popular na teoría.
A súa contribución máis importante foi no eido da historia. Carballo entendía
que o seu labor era axudar a deconstruír a historia escrita desde arriba, polo
poder. El deuse como tarefa destapar os relatos falsos do poder, sexa o poder
da igrexa oficial, sexa o poder das clases dominantes ou sexa o relato das
nacións opresoras, como é o caso da historia mitificada da España oficial.
Carballo investigaba e escribía a historia para facer pobo e para construír
nación. Había que dar a coñecer a nosa historia e desmontar a historia escrita
polos colonizadores.
Por iso desde moi cedo formou parte do Frente Cultural da AN-PG e desde aí
impulsaría aquela mítica Historia de Galicia, editada en 1979 e que fora
secuestrada, en plena “modélica” transición, e pola que Carballo foi procesado
e condenado a 6 meses de prisión ou multa de 20.000 pesetas, por cualificar de
“asasinato” o asasinato de Moncho Reboiras. Logo seguiría escribindo e animando
esa “escola” da historia nacional liberada das servidumes do poder, quer
político quer académico.
Toda a súa actividade era intencionalmente política, como Presidente da
Asociación Cultural de Vigo, como conferencista, como promotor d’A Nosa Terra
en 1977 e presidente da súa editora, como candidato ao senado polo BNPG en 1977,
na fundación do BNG en 1982 no que militou até o último minuto, colaborando en
todo o que se lle pediu, mesmo como candidato en diferentes convocatorias
electorais.
Foi sempre un nacionalista comprometido, optimista, de visión ampla, de
vocación unitaria e maioritaria, de principios firmes, inimigo de calquera
sectarismo, sempre soubo escoitar e foi sempre un defensor do entendemento
fronte ao diferencialismo estéril.
Quixera rematar co que creo son algunhas das súas últimas mensaxes
políticas que nos deixou nalgunha das entrevistas do último ano e que están
cheas de sabedoría e intencionalidade.
Nunha delas dicía Carballo, “o nacionalismo galego ten moitos inimigos. A
crise debe ensinar que cómpre perseguir a unidade e esa unidade ten que vir non
da ideoloxía senón dun proxecto. Cómpre sensatez, non cabe seguir na fantasía,
hai que vivir na realidade e é aí onde ten que construírse a unidade. Hai que
establecer uns mínimos e deixar de lado aquilo que nos diferenza, levar adiante
un proxecto realista, práctico, para aumentar a masa social. Sobra ortodoxia e
falta ortopraxe”
Iso si, el insistía moito “non se trata só de gañar uns votos senón que ten
que haber un proxecto e uns puntos mínimos para a unidade: Galiza é unha
nación; Galiza está subordinada; Galiza precisa romper esa subordinación;
Galiza precisa producir; Galiza ten que cultivar unha cultura propia fronte ao
individualismo”.
Mellor condensado imposíbel.
Francisco Carballo, que viviu un século longo de grandes rupturas, grandes
guerras, ditaduras, de progresos e devalos, e que foi até o último alento unha
persoa moi informada e optimista, vía que estamos nun deses tempos de grandes
cambios, tempos nos que cómpre esquecer o medo.
Dicía nunha das súas últimas gravacións, dirixíndose sobre todo a xente
máis nova:
“Hai que crear outro mundo, é
posíbel!
Galiza ten que liberarse porque está subordinada e escravizada.
Os galegos están alimentados coas mentiras, coa falacia da indecencia.
Vivimos un mundo detestable pero cheo de sementes de vitoria.
Gañade colaboradores, non teñades medo, tede esperanza”
Hoxe somos todos carballistas.
Grazas Paco por todo o que fixeches, nós seguiremos o teu exemplo e faremos
o noso. Estarás para sempre na nosa memoria, na memoria do teu Pobo.
Beizón e gloria ao compañeiro Francisco Carballo.
Maceda, 27 de decembro de 2014
Xavier Vence
domingo, 7 de dezembro de 2014
Contra a corrupción, o espolio e o centralismo: Democracia, Autogoberno, Soberanía
Contra a corrupción, o
espolio e o
centralismo: Democracia, Autogoberno,
Soberanía
Hoxe non é un día para
grandes conmemoracións pero si para renovar as nosas reivindicacións.
A Constitución do 78,
nacida dun pacto cos poderes herdeiros do franqismo moribundo, tentou poñer
cancelas á democracia e non nos recoñece como pobo, non nos recoñece como nación.
Por iso os
nacionalistas daquela non a refrendamos.
Nós propoñiamos daquela
outras Bases Constitucionais da Nación Galega para un pacto confederal.
Aproveito para render
homenaxe ao compañeiro Francisco Carballo que nos deixou hai unha semana e a
quen eu tivera ocasión de ver en Vigo participando activamente naquela campaña;
eu que con 17 anos non puidera votar coma moitos dos que aqui estades.
Pídovos un caluroso
aplauso de despedida para Paco Carballo.
36 anos despois seguen
nas mesmas pero en descomposición e coas costuras rachadas e esfiañadas
O paso do tempo
cargounos de razóns.
A degradación do réxime
constitucional, trufado desde o principio polos vellos poderes económicos,
polas vellas familiar do réxime, por unha xudicatura e uns poderes fácticos
reacomodados, foi reproducindo cada vez máis claramente os vellos vicios da
España cutre, castiza, carpetovetónica. A dos Rato, Aguirre, Aznar, Díaz Ferrán,
Florentino, Arturo Fernández e agora
coa guinda esperpéntica do “pequeno Nicolás”.
Hoxe hai moitas máis
razóns para rexeitar un réxime constitucional dexenerado e corrompido desde a cúspide.
Un réxime que se demostra incapaz para dar resposta ás aspiracións e ás
necesidades imperiosas da sociedade.
Hoxe podemos comprobar
que mesmo as promesas que contiña aquela Constitución en aspectos democráticos,
sociais ou territoriais quedaron absolutamente desfigurados polo camiño.
A economía social de
mercado é hoxe mercado desregulado dominado polos oligopolios e sometido aos
caprichos das finanzas e os mercados globais.
Onde van os preceptos
relativos ao control público dunha economía social de mercado ou a planificación
pública da economía?
Onde van os dereitos sociais
nominalmente consagrados como o dereito ao traballo ou a vivenda? Quedaron en
mera retórica fronte a cruel lóxica dun capital especulativo.
A exclusión laboral, a
precariedade e pobreza salarial, a pobreza rampante son actas de denuncia da
letra morta constitucional.
Mesmo o dereito a unha
saúde pública universal de calidade está sendo hoxendía posto en almoeda cos
recortes e as privatizacións a beneficio dos lobbys empresariais amigos do PP e
os fondos de investimento.
Que queda do proclamado
sistema fiscal progresivo cando o 80% da recadación procede das clases
traballadoras? Que queda dun sistema fiscal progresivo cando as grandes
fortunas e as grandes empresas están masivamente en paraisos fiscais ou na
fraude?
O corsé neoliberal
imposto polos poderes económicos, por Bruxelas e polos acordos internacionais
esganou calquera posible xestión democrática da economía.
A desregulación,
liberalización e privatizacións puxeron a sociedade aos pés dos cabalos
desbocados do mercado.
O
que está claro é que todo iso non se fixo por decreto divino. As complicidades nese proceso son a expresión da verdadeira, da grande,
corrupción, a de
guante blanco e real decreto no BOE.
Que dicir da
descentralización?
As promesas de
descentralización para as chamadas “nacionalidades históricas” quedaron
reducidas a unha descentralización da xestión pero sen capacidade real de
decisión. As competencias inicialmente recollidas no Estatuto foron
desactivadas e baleiradas de conteudo coas continua centralizacións cara arriba,
cara Bruxelas e cara Madrid.
As timoratas promesas
iniciais logo abriron paso a centralización. Si, outravolta a asfixiante
centralización.
O recurso sistemático á
lexislación básica estatal invasiva das competencias autonómicas forma parte
dunha estratexia agresiva de recentralización que mata o autogoberno e cega
calquera espectativa de avance por esa vía. A negativa centralista á blindaxe
das competencias autonómicas evidencia unha vontade recentralizadora que
pretende ir a máis.
As nacións, con Cataluña
á fronte, reaccionamos. Hoxe Cataluña está convencida que non hai convivencia
posíbel con ese españolismo centralista que, como a cabra, sempre tira ao
monte.
Galiza, os
nacionalistas galegos, non podemos consentir esa centralización que nos nega e
nos espolia. Nós só podemos aceptar camiñar cara adiante, agrandar o
autogoberno, de cara a soberanía. Pero desde logo non imos consentir que este
país sucumba coa complicidade traidora dese mercenario amoral que ocupa a
Residencia de Monte Pío.
Temos un país con
potencialidades, con recursos humanos ben formados, con recursos naturais, hídricos,
enerxéticos, con grandes portos, con aforro e non podemos permitir que esmoreza
vítima de políticas miopes, que no
mellor dos casos ignoran os nosos intereses e polo común atráncannos e espóliannos
.
Non podemos permitir
que o país quede desertizado, vítima do avellentamento e a emigración;
que as terras fértiles
queden abandonadas, a monte;
que as rías morran de
toxinas por falla de saneamento;
que a electricidade
emigre gratis a Madrid por esas arterias de alta tensión;
que o aforro fuxa polas
veas virtuais dunha banca colonial;
que os cartos do noso
consumo vaian directos a Madrid pola tubaxe da aspiradora das grandes cadeas do
Corte inglés, Carrefour ou Mercadona;
que os nosos impostos
vaian ás mans de Montoro para rescatar Bankia, o déficit tarifario, o burato de
defensa, o rescate das concesionarias e para pagar por secula seculorum a débeda, a lexítima e a ilexítima dos bancos,
convertidas ambas en santas e sagradas grazas á famosa reforma espress, aí si,
do Art 135 da Constitución. Impostos de todos os galegos e galegas para encher
o burato que deixan as grandes empresas e bancos que fuxen cos seus beneficios,
con total impunidade, cara os paraísos fiscais.
Nós non estamos
dispostos a consentir esta estampa da Galiza sumisa destes anos cutres de Feijóo
que está posto aí como el mesmo di “para no crear problemas a España”, para que Galiza non reaxa.
Pois que non o dubide,
Galiza vai reaxir e revivir. Galiza pode ser un país de primeira e os/as
nacionalistas imos ascendela a primeira.
Para iso temos que
darlle a volta a ese centralismo que nos atenaza.
Está claro que sen
soberanía financeira non pode haber autogoberno real. Trinta e seis anos
despois de aprobada a Contitución e 33 do Estatuto resulta que padecemos o
control da recadación fiscal por parte da Axencia Estatal. Pero as cousas van a
peor nos últimos anos porque o goberno central reserva unha parte crecente do
orzamento para si; impón teitos de gasto e de déficit que cercenan as contas
autonómicas e municipais en tanto que reservan marxes moi superiores para o
goberno central; un financiamento autonómico inxusto que fai que Galiza teña
nos últimos anos unha balanza fiscal deficitaria a pesares de sermos unha das
economías con menor renda per capita.
A recentralización é a
vía máis clara para poñer o BOE ao servizo das grandes empresas, dos grandes
lobbys. A recentralización de competencias e recursos é a porta grande para a
gran corrupción, a corrupción VIP, de luva blanca, que é a que move fortunas á
paladas.
En aplicación dese
desenvolvemento Constitucional recentralizador desmantelaron as caixas a
beneficio da gran banca, deixaron a Galiza sen o control sobre o 50% do seu
sector financeiro. Aqui veñen todos os bancos españois a captar aforro ao 1 ou
2% e logo emigra para alimentar os mercados especulativos globais e o
investimento noutras latitudes, en tanto que a nosa economía padece unha seca
de crédito e un elevado prezo do diñeiro.
Asi se consagra o
espolio do noso aforro, asi se vampiriza e estrangula a nosa economía.
En aplicación desa
recentralización eles deciden o parón do sector eólico e deciden tamén o prezo
da electricidade, cun mercado centralizado e deseñado á medida dos intereses do
lobby eléctrico. O noso excedente de producción eléctrico beneficia a Madrid e
as nosas empresas e familias non poden beneficiarse dunha tarifa eléctrica
galega. Asi vemos como empresas electro-intensivas como Alcoa ou Megasa anuncian peches e
regulacións de emprego.
Para que lle serve a
Galiza ser excedentaria en enerxía eléctrica? Se pechan esas empresas aínda vai aumentar máis o excedente eléctrico e exportaremos máis
a bó prezo para Madrid.
De que val que
recibamos Fondos Estruturais ou de Cohesión se logo é en Madrid onde deciden o
deseño das grandes redes radiais de infraestruturas a maior gloria dese centro
convertido en burato negro de todos os destinos. E aínda por riba son as
Grandes construtoras do lobby madrileño do PP as que fan o negocio e amasan
fortunas con eles.
Asi medra o lobby do
Palco do Bernabeu e engorda a cabeza da hidra dese centralismo que nos
aferrolla e arruina.
Non podemos fiar o noso
futuro aos mercenarios que están ao servizo dos grandes lobbies, que por esa vía
cada vez engordan máis e se voltan aínda máis poderosos.
Estamos vendidos nas
mans duns bandidos. Venderonnos en todas as negociacións con Bruxelas, na PAC,
na Pesca, no Naval. A última acabamos de destapala estes días co asunto da prohibición “do
xeito”, grazas que esta aí o BNG, coa grande Ana, para descubrilo, reaxir e
resolvelo. Fixo máis esta delegación do xeito organizada polo BNG, con Dani
Rodas e Adolfo Muiños, que todos os demais. O goberno central ou a Xunta nin
estaban nin se lles agardaba. Banda de vendidos! Que pode esperar Galiza se non
estamos nós para representar directamente os intereses colectivos deste país?
Por se as consecuencias
socieconómicas da deriva constitucional non fosen abondo, vemos como se
degradan tamén as condicións da nosa vida institucional, cunha democracia de ínfima
calidade e como van debilitando o vigor dos nosos sinais de identidade
colectiva.
A colonización
informativa e comunicacional vai acompañada dun cerco sistemático á nosa
cultura e a todas as manifestación e usos da nosa lingua.
A imposición
naturalizada dese nacionalismo banal español vai acompañada da desprotección e
esforzos de marxinalización e exclusión da lingua.
Aí estan os últimos
datos do IGE que revelan unha caída de 6 puntos na porcentaxe de galegofalantes
desde que chegou Feijóo e a constatación de que o 75% dos menores de 15 anos
non usa “nunca
ou case nunca” o
galego.
E para maior escarnio e
insulto temos que aturar que todo iso vaia parapetado detrás dese insidioso e
mesquiño discurso da “imposición del gallego”. Levando ao estremo esa moda neocón
da manipulación
orwelliana da semántica.
Cousa esta que aplican
até o delirio na estratexia de construír espantallos retóricos cos que
entreter, despistar ou amedrentar á cidadanía.
O bronquismo e hooliganismo
para tapar os debates, ese sacar a paseo falsas diatribas sobre violencia ou
terrorismo, o intento de tapar a gran corrupción coa multiplicación da minucia,
etc son outras tantas estrataxemas desta dereita conservadora, dereita extrema
e agresiva, co obxecto de atordoar a opinión pública e mantela, maina ou
indignada, pero alonxada do debate político real.
A corrupción da
linguaxe e a corrupción dos medios de adoutrinamento é hoxe por hoxe a máis
seria e perigosa das corrupcións porque busca impedir o debate democrático e a
conformación dunha opinión política verdadeiramente libre.
Esa é a súa estratexia para destruír
calquera esperanza da xente.
Teñen moito poder, teñen
moitas armas... Pero non gañarán.
Darémoslle a volta.
Este país ten potencialidade
e ten futuro
Esta sociedade está
acurralada e amedrentada pero non está derrotada, non está rendida.
Reaccionará,
reaccionaremos. Saíremos adiante. Faremos un país de primeira
Venceremos, venceremos
nós.
Contra a corrupción,
democracia
Contra o espolio,
autogoberno
Contra o centralismo,
soberanía
Viva Galiza Ceibe
Xavier
Vence
6 decembro 2014
segunda-feira, 15 de setembro de 2014
Escocia, Catalunya, Galiza: dereito a decidir para construír o futuro
Unha pantasma recorre Europa: a vontade dos pobos de decidir por si
propios. A vontade de romper as dependencias alleas. De todas, tanto dos grandes poderes
económicos e financieros como dos estados que son o seu instrumento.
O movemento polo dereito a decidir está en 2014 no centro da axenda
política en Europa, na UE e nos arredores.
En realidade, os últimos 25 anos foron anos de remuda completa do mapa
europeo e o proceso segue en marcha.
Desde principios dos anos 90 crearonse en Europa uns 15 novos estados.
Agora, con Escocia e Cataluña, é o momento da creación de novos estados dentro
das propias fronteiras da UE.
Cada proceso soberanista tivo o seu motor, as causas e as alianzas foron
diferentes en cada caso, por veces mesmo a historia escribíuse con renglóns
tortos, pero a realidade histórica, incontrovertíbel, está aí: 15 novos
estados, en xeral pequenos e medianos, adornan hoxe o mapa europeo e están
plenamente ogullosos e decididos a preservar os dereitos conquistados.
Ese proceso segue en marcha e é imparábel, porque hoxe máis e máis pobos en
Europa queren tomar o futuro nas súas mans: Escocia, Cataluña, Euskadi,
Flandres, Valonia, Córcega e tamén Galiza.
Somos pobos con historia e sentímonos non só maiores de idade para rexer os
nosos destinos no mundo senón mesmo moito máis: sentimos que ou tomamos o
futuro nas nosas mans, baixo a nosa propia responsabilidade, ou podemos vernos
conducidos ao esmorecemento en mans de poderes alleos.
Queremos vencer o risco do esmorecemento cultural e dos nosos sinais de
identidade colectiva pero tamén queremos conxurar o risco do esmorecemento
económico e mesmo demográfico.
E, por suposto, temos plena vontade de impedir a perda de vigor democrático
das nosas institucións como consecuencia da supeditación e dependencia a
respeito de poderes alleos. Sabemos que o vigor democrático precisa de
soberanía para que as decisións populares poidan efectivizarse realmente.
Hai un telón de fondo que explica o vigor da reivindicación soberanista e
do dereito a decidir.
A Globalización e os poderes neoliberais arrasan co sistema produtivo,
destruen emprego e rompen os equilibrios básicos para soster os servizos
públicos e o benestar.
Os grandes poderes económicos e financieros instrumentalizan as grandes
institucións internacionais, o FMI, o BCE, a Comisión Europea e os grandes
estados arrasando o sistema produtivo, o emprego e os recursos de países como o
noso.
Os pobos que non nos resignamos ao esmorecemento provocado por esa
globalización reaccionamos. Reacciona Escocia, Cataluña, Euskadi, Córcega, e
reaccionamos Nós. E temos que reaxir con máis forza e con máis decisión que
nunca.
Esta crise obriga a reaxir con urxencia.
É o futuro vital como pobos o que está en xogo.
Os pobos con vontade de futuro reaccionan, reaximos.
Esa á razón do empuxe dos movementos soberanistas en toda Europa e agora en
particular dentro da UE. Esa vontade de non ser varridos pola galerna
neoliberal ou por imperialismos egoistas é o que obriga aos pobos a constuír
ferramentas para defenderse e xestionar os seus propios asuntos de xeito
soberano. Curiosamente, iso que algúns estados da UE por veces promoven fóra
das fronteiras UE non o aceptan nin respectan cando ocorre dentro.
Escocia e Catalunya son hoxe a vangarda nese movementos soberanista pero
detrás van outros moitos: Euskadi, Flandres, Valonia, Córcega e, desde logo,
irá Galiza. Porque Galiza non renuncia ao futuro.
O Estado español é un estado falido e hoxe cobran especial significado aquelas
verbas de Castelao cando lles zoupaba aquilo de “sodes uns imperialistas
fracasados”.
O Estado español nunca conseguiu os obxectivos de destruír os nosos sinais
de identidade, nin a lingua nin a cultura, aínda que o intenta e ten aquí un
exército de peóns mercenarios traballando arreo. Pero seguimos en pé, seguimos
aí. Como di a canción de Mini e Mero “seguimos estando por aquí, sempre estamos
por aquí”. As aspiracións do pobo seguen aí e o nacionalismo estamos aquí para
facelas realidade.
A reacción centralista puxo en marcha un vasto e sistemático proceso de
recentralización, do poder político e do económico, as dúas caras da mesma
moeda. É unha reacción desesperada para seguir mantendo a hexemonía madrileña,
a oligarquía española, que é esencialmente madrileña. Porque a oligarquía e a
casta teñen unha xeografía, aínda que teñan ben esparexidos os seus emisarios e
servidores.
Pero iso xa non é tolerabel. Non podemos aceptar que todas as nosas
enerxías vaian ao sumidoiro do burato negro madrileño. Non podemos aceptar o
espolio do aforro e dos recursos, da enerxía; agora tamén o espolio fiscal para
rescatar bancos, eléctricas, grandes concesionarias e construtoras. O último
son eses 4.600 millóns do estado para rescatar o despropósito das autoestradas
radiais madrileñas, ou os 3.600 millóns de creditos extraorzamentarios para
defensa nos tres últimos anos. Estes días anda o goberno Rajoy preparando de
tapadillo o rescate millonario do lobby madrileño de samesugas do orzamento
público. Pero non recatan as autoestradas crebadas madrileñas con recursos da
Comunidade de Madrid, aínda que fora a Esperanza Aguirre a que puxera en marcha
a súa construción a beneficio dos seus amigos especuladores. Pretenden
rescatalos con recursos do estado, con axudas de estado, cos nosos impostos,
actuais e a trinta anos.
Non, non estamos dispostos a decir amén.
Non podemos tolerar que ese mercenario de Feijóo diga amén a costa de
sacrificar os noso investimentos e o noso futuro. Cantos diques flotantes se
poden facer con eses 4.600 millóns?, nin máis nin menos que 46, pero négannnos
até o primeiro, que sería clave para o futuro da industria naval de Ferrolterra.
Cántos empregos na industria alimentaria, cantos empregos na promoción da
agricultura, na eólica, cantos centros de innovación, cantas camas de hospital,
etc, etc. se poderían crear?.
O pobo catalán viuno claro. Ten a decidida vontade de cortar o cordón
umbilical que alimenta o monstro madrileño. Romper definitivamente con esa
insoportable vocación hexemonista de Madrid e do Estado.
Nin a manipulación máis burda, nin a ignorancia fanática, nin a chulería do
españolismo máis rancio van poder parar o proceso catalán.
Hai dous días compartimos en directo esa inmensa maré democrática e cívica
da Diada, con esa impoñente V de Vitoria e de Vontade de Votar. Poidemos ver a
ese pobo catalán en pé, todo el, decido a avanzar pase o que pase.
Desde a pletórica xente moza até as velliñas e velliños con caiado, desde a
clase traballadora até a elite profesional, desde os nacidos en Cataluña aos
inmigrantes, desde a esquerda a dereita, todos camiñaban xuntos, co
convencimento de que unidos son imparábeis. E estou convencido que esa vontade
absolutamente maioritaria acabará alumbrando un estado catalá. Máis pronto que
tarde, dun xeito ou doutro.
Desde aquí nós partillamos os anceios do pobo catalán e os dos escoceses.
Porque os seus anceios son tamén os nosos e porque sabemos que o seu éxito
será unha Vitoria que dará folgos e ilusión para que o pobo galego avance.
Avanzaremos, recorreremos o noso propio camiño, ao ritmo que as galegas e galegos
decidan. Pero recorrerémolo, sen dúbida.
Para iso precisamos erguer a autoestima desta sociedade, a confianza nas
nosas propias forzas e capacidades. Temos que vencer o derrotismo, veña de onde
veña. Vencer os discursos cos que queren infundir inseguranza ou medo.
Precisamos organización, autoorganización. Para romper a supeditación a
forzas alleas.
Necesitamos achegar a maioría da sociedade ao proxecto soberanista.
Precisamos conquistar as institucións de autogoberno para convertelas en
aliadas do proceso. Temos que quitar de aí a ese mercenario de Feijóo, hooligan
e chulapote de barrio entregado servilmente aos lobbies de Madrid.
Desde logo, non imos tolerar que muden as regras de xogo para prevalecer
mesmo sen ter a maioría social. Non imos tolerar que recurten o Parlemento
Galego para desvalorizalo e para deturpar a representación igualitaria de toda
a cidadanía galega.
Precisamos unha organización potente e ilusionada. O BNG é hoxe o motor ilusionado
para construír o futuro para esta nación.
As Asembleas abertas son unha aposta de alcance para ensanchar a base
social do nacionalismo, para organizar esa pluralidade que busca mudar unha
realidade e que debe ter no proxecto nacionalista a ferramenta e o referente
para facelo. Teñen que ser foros para conectar coas arelas e angueiras
concretas da nosa cidadanía sometida ao empobrecemento, a precariedade, a
emigración e a loita pola supervivencia. Temos que empezar por expoñer a nosa
experiencia na xestión local e recoller as ideas e iniciativas para levar aos
concellos nas vindeiras municipais.
As leccións do proceso escocés e catalán teñen que ser ben aprendidas. Hoxe
son procesos sociais transversais pero chegouse aí grazas a anos de
autoorganización e tamén de conquista das institucións de autogoberno.
Nós saberemos facelo coas nosas receitas saídas da nosa realidade concreta,
“á moda da casa”.
Construiremos entre todos unha Galiza con futuro, con emprego e vida digna
nesta terra. Porque nós somos os do SI, si a Galiza, si ao emprego, si ao
futuro. Si ao dereito a decidir.
Viva Escocia, viva Catalunya. Viva Galiza Ceibe.
Compostela, 13 de setembro de 2014.
sábado, 30 de agosto de 2014
A Galiza que Merkel ignora
Sra Chanceler:
Vén vostede e o seu nutrido séquito pasar revista de preto e marcar as liñas mestras a un Estado fallido dentro da UE. A matraca da “marca España” vai quedando reducida a unha versión metafórica e ampliada daquela histórica “Marca Hispánica” do imperio medieval de Carlomagno. Daquela, Galiza non formaba parte da Marca Hispánica e hoxe tampoco nos aporta un marco de futuro para o noso país.
A Galiza que lle vai mostrar o sr Rajoy estes días posiblemente vai ter ben pouco que ver coa Galiza real. Nin a realidade dos galegos e galegas se corresponde con esa fantasiosa recuperación que só disfrutan os bancos, os especuladores financeiros e os grandes oligopolios do IBEX35. Nin a cidadanía deste país é tan sumisa coas decisión da troika e dos bancos como veñen sendo Rajoy e Feijóo, por iso queren mudar as regras de xogo para manter de xeito truculento o poder. A mayoría d@s galeg@s estamos abertamente en contra das políticas da troika, que tanto vostede como Rajoy defenden e impoñen con cruel desprezo do sufrimento que provocan na inmensa maioría da sociedade. As centos de miles de persoas paradas, as ultraprecarias, as falsas autónomas, as enfermas e dependentes, as estudantes sen bolsa e esa multitude nova obrigada a facer as maletas de novo, para ir maltirando na emigración, entre outros lugares nesa Alemaña que fai todo o posíbel por defender a súa industria pero que arrasa coa dos demais e tamén cos sectores primarios e o comercial, todas elas son unha acta de denuncia do súa política. Hoxe temos que recordarlle a vostede que o noso país non pode soportar máis o desbalde do noso naval, da pesca, do agro, do noso aforro.
Ben sabemos que Alemaña ten nas súas mans a batuta para marcar o ritmo da orquesta desafinada da UE e por iso non podemos acoller a Chanceler con simpatía. Pero tamén sabemos que se hai un goberno entregado ás receitas crueis e suicidas da troika ese é o do sr Rajoy.
Os galegos non podemos ignorar que as políticas de espolio da sociedade para rescatar unhas inviábeis finanzas especulativas -as españolas, as alemanas, as europeas e as americanas- están levando a unha severa pobreza actual: os recortes van acompañados de aumentos de impostos regresivos e mesmo do espolio dos aforradores. Pobreza actual que non é o preludio dunha bonanza futura senón dunha creba social aínda maior.
Máis aínda, que saiban Merkel e Rajoy que a maioría dos galegos non queremos esa UE supéditada á estratexia imperial americana en todo o mundo pero, en particular nos espazos sensíbeis que circundan Europa. E, como en todo hai graos, sentimos especial noxo –si indignación e noxo- pola sempre incondicional supeditación do Estado Español a esa estratexia imperial, en Irak, Siria, Ucraína ou en Palestina.
Vén vostede e o seu nutrido séquito pasar revista de preto e marcar as liñas mestras a un Estado fallido dentro da UE. A matraca da “marca España” vai quedando reducida a unha versión metafórica e ampliada daquela histórica “Marca Hispánica” do imperio medieval de Carlomagno. Daquela, Galiza non formaba parte da Marca Hispánica e hoxe tampoco nos aporta un marco de futuro para o noso país.
A Galiza que lle vai mostrar o sr Rajoy estes días posiblemente vai ter ben pouco que ver coa Galiza real. Nin a realidade dos galegos e galegas se corresponde con esa fantasiosa recuperación que só disfrutan os bancos, os especuladores financeiros e os grandes oligopolios do IBEX35. Nin a cidadanía deste país é tan sumisa coas decisión da troika e dos bancos como veñen sendo Rajoy e Feijóo, por iso queren mudar as regras de xogo para manter de xeito truculento o poder. A mayoría d@s galeg@s estamos abertamente en contra das políticas da troika, que tanto vostede como Rajoy defenden e impoñen con cruel desprezo do sufrimento que provocan na inmensa maioría da sociedade. As centos de miles de persoas paradas, as ultraprecarias, as falsas autónomas, as enfermas e dependentes, as estudantes sen bolsa e esa multitude nova obrigada a facer as maletas de novo, para ir maltirando na emigración, entre outros lugares nesa Alemaña que fai todo o posíbel por defender a súa industria pero que arrasa coa dos demais e tamén cos sectores primarios e o comercial, todas elas son unha acta de denuncia do súa política. Hoxe temos que recordarlle a vostede que o noso país non pode soportar máis o desbalde do noso naval, da pesca, do agro, do noso aforro.
Ben sabemos que Alemaña ten nas súas mans a batuta para marcar o ritmo da orquesta desafinada da UE e por iso non podemos acoller a Chanceler con simpatía. Pero tamén sabemos que se hai un goberno entregado ás receitas crueis e suicidas da troika ese é o do sr Rajoy.
Os galegos non podemos ignorar que as políticas de espolio da sociedade para rescatar unhas inviábeis finanzas especulativas -as españolas, as alemanas, as europeas e as americanas- están levando a unha severa pobreza actual: os recortes van acompañados de aumentos de impostos regresivos e mesmo do espolio dos aforradores. Pobreza actual que non é o preludio dunha bonanza futura senón dunha creba social aínda maior.
Máis aínda, que saiban Merkel e Rajoy que a maioría dos galegos non queremos esa UE supéditada á estratexia imperial americana en todo o mundo pero, en particular nos espazos sensíbeis que circundan Europa. E, como en todo hai graos, sentimos especial noxo –si indignación e noxo- pola sempre incondicional supeditación do Estado Español a esa estratexia imperial, en Irak, Siria, Ucraína ou en Palestina.
sábado, 26 de julho de 2014
Intervención Día da Patria de 2014: En pé
Día da Patria de 2014: En pé
(Antes de máis nada quixera enviarlle unha mensaxe de profunda
solidariedade ao pobo palestino que está sendo masacrado polo arrogante
exército sionista de Israel, que desde hai décadas ocupa as súas terras, impón
un auténtico appartheid e leva a cabo un cruel xenocidio. Palestina vencerá!
Diciao moi ben Herman Hesse, “a vida convértese en verdadeira dor, en
verdadeiro inferno alí onde dúas épocas, dúas culturas ou relixións se
entrecruzan”. Eu engadiría, é un inferno alí onde o imperialismo e os
oleoductos se cruzan.)
En pé!, como cantaba Cabanillas
Galiza está en pé! Coma cada ano nesta Quintana milenaria.
En realidade, este ano, recuperamos a tradición despois do desgrazado dia
da patria que vivimos en 2013. Non esquecemos as 79 vidas que se perderon
naquela catástrofe culposa do Alvia nin tampouco as demais vítimas e as súas
familias. Todas elas xunto coa veciñanza de Angrois, os Bombeiros e emerxencias,
son demostración viva da dignidade deste pobo fronte a un PP-PSOE que tratan de
tapar as reponsabilidades políticas con medallas e tratan de encubrir a chapuza
tecnolóxica das empresas implicadas.
Para todas as vítimas van hoxe os mellores sentimentos deste gran corazón
colectivo e con todas elas seguimos reclamando, unha vez máis, a verdade, unha
comisión de investigación e que se implanten dunha vez as medidas de seguranza,
que aínda faltan.
Ao Borbón que hoxe temos aí ao lado, evidenciando a confesionalidade da
xefatura de estado, só lle enviarei uns versos de Ramón Cabanillas que teñen
case un século (1921!): “o pobo chora os mortos da traxedia/ ¡e o rei é
vitoreado na Comedia/ onde trunfa a camisa Musidora”. Un ano despois, volta o
Borbón coas mans baleiras a recoller honores como rei. Non somos súbditos e xa
vai sendo hora que entremos no século XXI.
Amigas e amigos,
Este é un ano duro
Sete anos despois do estourido da crise seguimos sumidos nun rodopío de
empobrecemento do país que parece non acabar nunca e que queren prolongar. A
crise está sendo aproveitada para radicalizar un modelo social inxusto e
desigual. Os defensores da globalización, das finanzas especulativas e dos
grandes oligopolios campan ás súas anchas impoñendo medidas e receitas que só a
eles benefician.
A troika e os gobernos servís, con Rajoy e Feijóo, son o seu brazo
executor.
As políticas neoliberais e centralizadoras do goberno central están a poñer
ao noso país contra as cordas.
A nación que sofre é de carne e oso:
Podería escoller centos de exemplos do sufrimento de miles e miles de
galegos e galegas, desde @s expulsad@s da súa vivenda até @s ultraprecari@s con
traballos por horas en días soltos.
Podería falar dos miles de fogares que non teñen ingresos, miles e miles de
familias teñen todos os seus membros en paro
Podería falar desa enxurrada de xente moza forzada a emigración
Pero hai algo que rompe o corazón de calquera persoa cun mínimo de
sensibilidade: a fame infantil.
Dicía o Mefistófeles de Goethe “non podo dicir nada do sol nin dos mundos;
non vexo máis que unha cousa: a miseria dos homes”
Pero nin nos peores pesadelos podería un imaxinar hai anos que en pleno
século XXI teriamos que ver neste país nenos e nenas sofrendo
infraalimentación. E dicimos infralimentación porque resulta vergoñento e
ferinte falar de fame.
O certo é que temos máis de 18.000 fogares con nenos que viven ao borde da
fame literal. Pode Feijóo soltar mentiras a esgalla pero non pode ocultar esta
insoportábel realidade. Pode teimar en negala e logo andar a rapañota das
esmolas europeas para a pobreza infantil severa.
Claro que da vergoña abrir comedores escolares no verán pero tampouco
abonda con remendos de caridade.
O problema é que coma eses nenos e nenas están as 18.000 familias en
pobreza severa e outro 26% viven en fogares en risco de pobreza.
Non abonda con esmolas, o que cómpre é atacar as causas: este modelo e
estas políticas que estan disparando a pobreza.
Pero o que mete máis medo é cara onde pretenden levarnos.
Falan de recuperación e único que se recuperan son as rendas financeiras,
as dos especuladores, e xa dan por descontando que o futuro é máis precariedade
e pobreza
Amigas e amigos,
Este non é o país que soñamos, Nin é un futuro soportábel.
Nós non nos resignamos.
Construiremos un país con futuro.
Non podemos aceptar que a ambición sen límites dunha minoría poderosa
arrase de todas as conquistas históricas. Non podemos achantar diante desa
patronal cavernícola que non quere convenios, nin salario mínimo, nin
revalorización co IPC, e xa se atreven a ameazarnos con iso de que nos “esquezamos
dos salarios fixos”.
É unha guerra social e sicolóxica: os beneficios das grandes empresas
aumentaron de escándalo na crise e aínda espremen a anguria do paro para ir un
paso máis.
Tamén a centralización é parte da mesma guerra.
Os lobbys madrileños da corrupción quéreno todo, a oligarquía financeira,
os oligopolios eléctricos e petroleiros, as grandes cadeas comerciais, as
concesionarias zugadoras do orzamento público, as construtoras ...arrasan con
todo.
Xuntos impoñen teitos de gasto, limitan a contratación de persoal público,
concentran os servizos municipais nas Deputacións para facilitar os
macrocontratos coas grandes concesionarias madrileñas; concentran os xulgados
nas capitais de provincia para facilitar o desembarco dos grandes bufetes
madrileños e controlar máis en corto, aínda, a xustiza.
A centralización esgana e os grandes oligopolios chuchan até a médula.
Compañeiras e compañeiros,
Galiza está no límite, pero non está rendida
Non nos resignamos
Os nacionalistas estamos en pé.
A xenerosa militancia do BNG, o nacionalismo todo e esa rede vizosa que é
Avante Galiza, que hoxe nos acompaña, destes corpo e azos a todos eses
movimentos de resposta organizada
contra os recortes da sanidade e contra a súa privatización,
contra os recortes do ensino, a LOMCE e a súa rancia españolización,
contra o acurralamento do noso idioma
contra a reforma laboral da ultraprecarización, da man da CIG,
contra o desmantelamento definitivo do naval...
contra as peaxes e o abuso da tarifa eléctrica
contra os desafiuzamentos
contra os recortes nos dereitos das mulleres e esa ultrareaccionaria da lei
de aborto
Grazas a loita incansábel podemos hoxe reivindicar con orgullo vitorias
importantes:
estamos gañando a batalla titánica contra o roubo das preferentes
co parón a Corcoesto estamos freando esa minaría colonial
e gañaremos a batalla dos emigrantes retornados,
Non nos pararán con multas nin con represión:
Nin aos estafados polas preferentes, nin aos estudantes, nin aos
sindicalistas da CIG Pablo e David despedidos de Citroen, nin as condenas
xudiciais por participar en folgas: Carlos, Serafín, Ana e Tamara. Para os que
demandamos unha vez máis o indulto.
Enfrontar as políticas devastadoras neoliberais é a mellor maneira de facer
país, porque é defender a nosa xente, defendernos a nós mesmos.
Compañeiras e compañeiros,
A indignación é necesaria pero a nosa aposta ten que ir un paso máis aló.
Nós erguemos un proxecto con ideas e propostas para converter o cabreo en
esperanza, materia prima do futuro.
Un futuro de economía produtiva, traballo, dignidade e benestar na Terra.
Queremos decidir nós para poder producir algo e consumir tamén do noso.
Para empezar queremos consumir produtos galegos e etiquetados en galego.
Queremos tarifa eléctrica galega. Queremos impulsar un consumo de proximidade e
sostíbel. E nos alimentos, soberanía alimentar. Queremos outra política
industrial ,outra política de innovación. Queremos negociar os acordos
comerciais, os agrarios, os pesqueiros. Queremos xestionar o noso aforro e os nosos
impostos. Queremos ordenar o noso territorio, os nosos servizos públicos.
Nós sabemos que esta nazón ainda está a tempo de ser outra cousa.
Como dicía Uxío Novoneira en GALICIA viva inda:
“Sabemos que ti podes ser outra
cousa
sabemos que o home pode ser outra
cousa”.
Iso é o que nós proclamamos todo o ano con propostas e alternativas no
Parlamento Galego e no Congreso, con elas imos a Bruxelas de novo, pero tamén é
o que demostramos ao largo e ancho do país, nos concellos onde gobernamos.
Nós facemos latexar esa outra Galiza todo ano, día a día, co “espíritu de
Riotorto”, desde Ribadeo a Bueu, desde Cariño a Tomiño, desde Carnota a
Allariz, desde San Sadurniño a Rianxo, desde Vimianzo a Monforte, desde
Carballo a Pobra de Brollón, desde Mondoñedo a Castrelo, de Arzúa a Arbo, de
Mugardos a Poio, de Riotorto a Mezquita, da Bola a Zas. E por suposto, na Boa
Vila eterna de Castelao, Bóveda e Paz Andrade. Tamén onde cogobernamos.
Todos eles son exemplos do compromiso do BNG coa maioría social, cos máis necesitados,
coa dinamización do territorio, todos eles son xermolos da nación e o ano que
ven reforzarémolos e multiplicaremos.
Amigas e amigos,
O ano 2014 é un ano singular que fará historia para os movementos
nacionalistas en Europa.
Escocia e Cataluña convocan referendos de autodeterminación e demostran a
todo o mundo que a reivindicación nacionalista é máis actual e urxente que
nunca. É lexítima e é normal.
Sexa cal sexa o desenlace marcan un salto cualitativo na ruptura do marco
unitario do estado español e un paso cara a Europa dos pobos.
Os pobos queren, e nós tamén queremos, dotármonos de ferramentas para
gobernar o noso país, para construír o noso propio futuro, para encarar a crise
e construír un futuro para as novas xeneracións. Queremos que as novas
xeneracións teñan nas súas mans as ferramentas que nós non tivemos aínda.
Nós sabemos que para avanzar nese camiño é preciso galeguizar os debates,
poñer os nosos problemas no centro, e
galeguizar as alternativas políticas, pensadas desde aqui e para aquí.
É preciso reforzar a autoorganización e romper toda caste de supeditación
ás forzas estatais.
Este país precisa ruptura, si, ruptura co centralismo, ruptura coa
resignación, ruptura coa impotencia, ruptura co discurso unitario do unionismo,
sexa monárquico ou republicano.
Os que decidiron enguedellarse na lea federal, abríndolle con frivolidade
as portas ao discurso federal, laiaranse algún dia cando PSOE/PP/UPyD e outros
impoñan o seu “retoque cosmético federal”
na Constitución como última versión de marketing do centralismo unitario.
Compañeiros e compañeiras
Ninguén debera esquecer aquelas sabias palabras de Castelao en 1948 sobre a
retórica federal española: “ocorre que os
demócratas hespañoes sempre alardean de federalistas cando se ven caídos e
alonxados do poder; pero en canto ventan algún ascenso ou recobran a esperanza
de gobernar, entón soio pensan nas vantaxes de concentrar os mandos en Madrid”.
Ninguén debera esquecer Castelao e Bóveda, nin tampouco aquel sabio
aforismo de Blaise Pascal “se non actúas como pensas, vas acabar pensando como
actuas”
Este país o que precisa é unha ampla unidade de acción arredor do proxecto
nacionalista, tender a man a todos e todas as que queiran sachar na gran agra
aberta do nacionalismo.
Ben sabedes que non é un capricho nin unha cabriola ideolóxica nin tampouco
un asunto só identitario.
Ben sabemos hoxe que a recentralización está levando consigo un enorme
bombeo de recursos cara Madrid e os seus oligopolios. Xa poden pintar a balanza
fiscal que queiran a maior gloria da fantasmagoría españolista que non nos
impresionan. Agora vai resultar que Madrid é o gran sacrificado e case
parecería que medio estado español vive a costa de Madrid. É unha estafa
intelectual, puro artificio dunha contabilidade bananera que estiran coma o
chicle, para enxalzar o españolismo e lexitimar máis regalos fiscais a Madrid,
coa complicidade de todo o provincianismo papanatas que temos en San Caetano.
A realidade é outra ben diferente. Sen falar do espolio da drenaxe do noso
aforro ou da nosa enerxía, a balanza fiscal de 2011 evidencia que nos espolian
máis de 1.322 M de euros netos. Cantas cousas poderiamos facer con eses 1.322
M!, cantos nenos e nenas se poderían alimentar como é o debido? Cantos empregos
se poderían crear?. Feijóo ningún, pero nós moitos!.
Os números cantan pero aínda canta máis o que se fai con eles: de pouco nos
serve o investido se está pensado para reforzar Madrid e non para desenvolver o
noso país, como temos denunciado co tren, os tres aeroportos, as autovías e
tantos outros desatinos.
En todo caso, nós sempre dixemos que o principal problema é o Estado
vampirizador e ter que aturar toda esa lexislación e regulación centralista coa
que están poñendo o noso mercado e os nosos recursos ao servizos das grandes
empresas madrileñas, os grandes lobbies do “palco do Bernabeu”.
Por todo iso o noso discurso non é so para os que nos recoñecemos como
nacionalistas. O proxecto soberanista vai dirixido e é vantaxoso para todos e
todas as que viven neste país.
A cidadanía ten que saber que o espolio económico só poden levalo a cabo se
contan con complicidade política e só poderemos darlle a volta se este país se
fai valer desde a autoestima, nas urnas. Desde logo, non pode haber políticas
de esquerda sen soberanía.
Amigas e amigos,
Hoxe fai 50 anos que se refundou o nacionalismo contemporáneo, 20 anos
despois da aparición exilio do Sempre en Galiza. Esa xeneración extensa e
alongada, da que a maioría de nós formamos parte, temos a responsabilidade de
trasladar a avenza do nacionalismo organizado a xeración que agora esperta á
política.
O BNG é unha forza con historia, é unha forza que decidiu na última
Asemblea Nacional de 2013 confiarlle a
organización a unha nova xeración, a un grupo de mozas e mozas que hoxe forman
parte da dirección.
Agora, despois dun ano intenso de loita e de posta a punto, estamos
decididos a darlle aínda máis protagonismo á xente nova. (agradecemento aos
voluntari@s que fixeron posíbel o Festigal e esta grande manifestación).
Neste momento histórico nós temos que darlle continuidade xeracional á
loita para construír unha nación no mundo.
Iso si, necesitamos que todas e todos vós vos involucredes, que axudedes a
reverdecer esta organización que é o futuro do país. Non imos desaproveitar nin
unha pinga de experiencia, somos un rio con mil afluentes.
Compañeiras e compañeiros
O ano que vén é ano de eleccións municipais e xerais.
Temos que abrir por todos os recunchos do país un diálogo franco con todas
e todos os que queren outro futuro para a nosa nación. Ímolo facer en Asembleas
Abertas por todos os concellos e localidades. Imos socializar o noso proxecto e
a nosa experiencia, que a temos e grande, pero imos tamén escoitar e incorporar
ideas e persoas.
Temos que ser a ferramenta para transformar a rebeldía, a carraxe e a
indignación da xente nova en materia prima dun proxecto de futuro.
Imos abrir as portas para ensanchar base social pero non caeremos na trampa
dos que botan a rede cun canto á espontaneidade cidadá desorganizada, cunha teoría
diferente para cada día da semana.
Por aí non iriamos moi lonxe fronte a un PP organizado coma un exército
militar disciplinado e fronte a mesta rede de poderes que o amparan.
Non, amigos e amigas, sen organización non seriamos nada. A cidadanía organizada
e con proxecto de país podemos ser todo.
No BNG temos as ideas claras e os principios firmes, queremos camiñar con
paso seguro cara a soberanía nacional, tendo moi presente as prioridades da
“ruda adversidade urxente” pondalián.
Este BNG vai a por todas para gañar. Con realismo pero con determinación.
O camiño cara a soberanía empeza por derrotar o PP, o centralismo máis
agresivo, o neoliberalismo depredador. O Atila en Galiza que como o dinosaurio
de Augusto Monterroso, “segue estando aí”. Queren mudar as regras de xogo para
prevalecer. Pero nin así poderán impedir a súa derrota.
Nós miramos cara o futuro.
Temos un proxecto para sacar a este país adiante e sacarémolo. Estamos
abertos a todo o mundo que queira sumar. Acumularemos forzas e conseguirémolo.
Entre todos construiremos un país no que poidan vivir dignamente todas e
todos os que veñen atrás.
Compañeiros, compañeiras,
Para rematar, acendamos os nosos corazóns cos versos épicos de Ramón
Cabanillas En pé
Irmáns! En pé sereos,
A limpa frente erguida,
Envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
A toda verba amiga,
E nunha man a fouce
E noutra man a oliva,
Arredor da bandeira azul e
branca
Arredor da bandeira (“coa estrela”) da Galiza,
Cantémolo dereito
A libre nova vida
Compañeiros, compañeiras,
Viva Galiza Ceibe e popular
Viva o BNG
Xavier Vence
Compostela, 25 de xullo de 2014, Dia da Patria Galega
quinta-feira, 17 de julho de 2014
domingo, 25 de maio de 2014
Intervención no mitin de peche das europeas en Vigo (23.5.2014)
Amigos e amigas
de Vigo, desta cidade que como dixera Cunqueiro “naceu á beira dun verso de
Martín Codax”:
Agora que se
pecha a campaña comprobamos o que xa sabiamos, que aos que mandan neste país
non lles interesa que se fale de Europa, nin das políticas europeas, nin
tampouco das políticas de aquí. A ningún dos dous da gran coalición.
É unha guerra
sicolóxica!! É a guerra da propaganda!! É a guerra da intoxicación!!
O que lles
interesa é que a xente se rinda, que a xente aborreza todo, que a multitude que
está cabreada perda calquera esperanza de mudar as cousas.
Propaganda a
eito, sen tasa, lixo para enmerdar a vida pública e ocultar aos que, como o
BNG, somos unha incómoda alternativa.
A Falange rosa de
UPyD presentou até 4 recursos contra o BNG e a Xunta Electoral Central acordou
marxinar ao BNG na cobertura informativa dos medios públicos galegos, da Radio
e Televisión de Galicia. Deixaronnos nunha cota de 18 segundos que non da nin para dar as boas noites.
Calquera diría
que as 24 horas de RTVG están repletas de programas imprescindíbeis.
Ben sabedes que a
metade é lixo, pero é que diso se trata, de encher de lixo o tempo libre e a
cabeza da nosa xente.
Onte, falando
cunha compañeira, eu dicialle, temos que pelexar polos escasos segundos que
legamente nos corresponden por dignidade, pero que son 18 segundos do BNG ao lado
dos 1.800 segundos dos telexornais cheos de publireportaxes desvergonzados da
Xunta e do Goberno??.
100 contra 1.
Eses son os
termos da guerra: 100 contra 1. 100 contra 1. E para as estatais xa nin
existimos. É un simulacro de democracia.
Úlo dereito á
información da cidadanía??
Si desde Madrid
deciden a cobertura informativa que teñen que facer os medios públicos
autonómicos, que queda do que un día nos dician que era a autonomía?
A censura ao BNG
nos propios telexornais é a pinga que reborda o vaso, un intento de
silenciarnos pero
Non nos calarán,
non nos calarán!!!
Ao PP sóbralle
tanto tempo que Feijóo dedica máis a demonizar o BNG nun día que todo o tempo
que ten o BNG en toda a campaña.
Pero aínda así
non lles chega, non lles chega cos publireportaxes do que nun futuro será un
fantástico flotel cuxa maqueta parece que xa flota, ou dunha Ponte de Rande que
parece xa executada a ampliación....
Non, non lles
chega, teñen que empachar a xente con bazofia podre para que a xente algo sensíbel
fique na casa aborrecida,
os deles xa
sabemos que tragan con todo, para eles non hai data de caducidade!!!, coma os
iogueres de Cañete.
De feito, lévano
a el de candidato, que é máis rancio que unha morcilla do pleistoceno!
Minten todos os
días coa propaganda da imaxinaria recuperación que só se nota nas contas das
grandes fortunas e da gran banca, a costa de todos nós!!!
Feijóo minte máis
que fala, é capaz de dicir que “Galicia es el país más próspero de Europa” e
non lle cae a cara de vergoña!!
Si a mentira fose
delito estarían todos en cadea perpetua !! E haberá que pedir que se incorpore
ao Código Penal a mentira dos gobernantes.
Son mentiráns
compulsivos que teñen na mentira e na manipulación dos medios a súa arma para
dominar á xente, para narcotizar ao país e que siga votándoos aínda que iso
signifique un suicidio colectivo.
Diciao con
lucidez Manolo Rivas cando describiu a Galiza do PP dicindo que “Galicia está
suicidándose e non o sabe”.
En realidade queren “suicidala” e non o conseguen porque
este país ten fondo de granito e porque ...estamos nós.
Está o nacionalismo, está o BNG
Nós non podemos resignarnos ao esmorecemento.
O BNG non se rende!!!
Tratan de ocultar
todos os días os seus gravísmos casos de corrupción do PP na Gürtel, Barcenas,
Pokemon, abrindo a mangueira do xurro para ocultar os seus casos máis graves.
Mesmo inventaron
un suposto ingreso de Vendex nas contas do BNG, o que era un ingreso do propio
BNG
Queren enzoufar
tamén ao BNG para poder dicir que todos somos iguais
Pero os do BNG
non somos iguais!!!. Non somos iguais!!! Somos diferentes!! Nós non nos
vendemos!!!
A nosa campaña é
modesta, modestísima, obra do sacrificio de centos e centos de militantes e
simpatizantes, aos que hoxe quero agradecer o seu xeneroso esforzo:
GRAZAS!!!, sodes
o corazón deste país!!
Como dicía Uxío
Novoneira, “a forza do noso amor non pode ser inútil”.
Ao BNG non nos
van tapar, non nos van calar!!
Somos inimigos a
bater porque nós estamos aí, sempre activos, na resposta organizada día a día
contra todas as agresións da banca, contra o roubo das preferentes –batalla que
estamos gañando-, contra o atraco indigno de Montoro aos emigrantes retornados,
contra os peches delictivos de empresas, contra os oligopolios eléctricos e
enerxéticos, contra os cazadores de privatizacións corruptas, contra os
recortes irresponsábeis de Rajoy e de Feijóo
porque o BNG si
está aí, na rúa, de verdade e non coma outros aos que lles enche a boca cos
movimentos sociais!!.
E estamos nos
concellos e no parlamento plantando cara a esta dereita disposta a arrasar
todas as conquistas, todos os dereitos e o propio futuro da xente con tal de
salvar os intereses sagrados da banca especulativa e das grandes fortunas.
O BNG leva moitos
anos facendo frente a esas políticas europeas que esganan os nosos sectores
produtivos, no agro, no mar, na industria ou no comercio.
Hoxe temos na
Galiza case 300.000 parados e outros 30.000 que non contabilizan como tais pero
que tamén o son. E outras 100.000 mozas e mozos que tiveron que emigrar.
Que máis ten que
ocorrer para recoñecer que este modelo de Unión é un fracaso?
Que máis fai falta
para recoñecer que as políticas neoliberais da troika son un fracaso?
Que máis fai
falta para recoñecer que por ese camiño este país non ten futuro?
A necesidade
dunha profunda mudanza é evidente!!
Pois nós
decimoslle aos galegos e galegas que o BNG está aqui non só para responder e
manifestarnos, estamos aqui para avanzar, estamos aquí para conquistar
posicións, estamos aqui para mudar e sacar o país adiante, para termos
futuro na terra.
Ímolo facendo día
a día con rebeldía, con paciencia pero sen resignación nin derrotismo.
Por iso, para o
25 pedimos o apoio dos galegos e galegas
Para traballar
por outra Galiza e outra Europa
Hai que vencer as
forzas do retroceso, as forzas da gran coalición submisa á banca e os 30.000
lobbistas que dominan Bruxelas e Madrid, sumisa a eses 18 capitostes cos que se
reune Rajoy e cos que antes se reunía Zapatero.
Ninguén elixiu a
eses 18 plutócratas que se erixen no auténtico directorio do Estado.
Se mandan eles, a
democracia é un mero simulacro!!
Hai que poñer
coto a liberalización total do comercio e das finanzas,
hai que acabar
cos paraísos fiscais, para que o aforro se invista no país e para que poidamos
desenvolver a nosa economía produtiva e crear emprego
Hai que mudar o
Banco central Europeo para poñelo ao servizo da economía produtiva e da
sociedade
Hai que vencer ás
forzas que queren arruinar as conquistas sociais de décadas, que queren acabar
coa negociación colectiva, impoñer salarios de pobreza, cargarse a seguridade
social pública
Hai que vencer as
forzas que queren frixirnos a impostos inxustos para rescatar a banca e logo
minguar os servizos públicos, impoñer copagamentos e aínda por riba privatizar
e converter a saúde e os servizos sociais nun negocio
Hai que vencer as
forzas empeñadas en negar o noso futuro como nación soberana, para podermos un
día negociar directamente os nosos intereses
Hai que vencer as
forzas que queren negarnos e ocultarnos.
Imos derrotalos,
paso a paso
Para empezar imos
gañar o vindeiro domingo unha representación para Galiza, para o nacionalismo
galego, no Parlamento Europeo. Para defender os intereses deste país e das
nosas xentes todos os días.
Para iso
precisamos un último impulso, para levar a Ana Miranda ao Parlamento Europeo,
para que continue a brillante labor que veu realizando na última lexislatura,
ao servizo de Galiza e todos nós.
Adiante! Animade
ao voto ao BNG a todas as persoas da vosa contorna.
As daquí e as de
fóra, as que falan galego e as que non, as nacionalistas e as que non, as de
esquerdas e as que simplemente queren a este país
A todas!
Porque se o BNG
está, Galiza está!!!!
Viva Galiza ceibe!!
Subscrever:
Mensagens (Atom)