domingo, 25 de maio de 2014

Intervención no mitin de peche das europeas en Vigo (23.5.2014)

Amigos e amigas de Vigo, desta cidade que como dixera Cunqueiro “naceu á beira dun verso de Martín Codax”:
Agora que se pecha a campaña comprobamos o que xa sabiamos, que aos que mandan neste país non lles interesa que se fale de Europa, nin das políticas europeas, nin tampouco das políticas de aquí. A ningún dos dous da gran coalición.
É unha guerra sicolóxica!! É a guerra da propaganda!! É a guerra da intoxicación!!
O que lles interesa é que a xente se rinda, que a xente aborreza todo, que a multitude que está cabreada perda calquera esperanza de mudar as cousas.
Propaganda a eito, sen tasa, lixo para enmerdar a vida pública e ocultar aos que, como o BNG, somos unha incómoda alternativa.

A Falange rosa de UPyD presentou até 4 recursos contra o BNG e a Xunta Electoral Central acordou marxinar ao BNG na cobertura informativa dos medios públicos galegos, da Radio e Televisión de Galicia. Deixaronnos nunha cota de 18 segundos que non da nin para dar as boas noites.
Calquera diría que as 24 horas de RTVG están repletas de programas imprescindíbeis.
Ben sabedes que a metade é lixo, pero é que diso se trata, de encher de lixo o tempo libre e a cabeza da nosa xente.

Onte, falando cunha compañeira, eu dicialle, temos que pelexar polos escasos segundos que legamente nos corresponden por dignidade, pero que son 18 segundos do BNG ao lado dos 1.800 segundos dos telexornais cheos de publireportaxes desvergonzados da Xunta e do Goberno??.
100 contra 1.
Eses son os termos da guerra: 100 contra 1. 100 contra 1. E para as estatais xa nin existimos. É un simulacro de democracia.
Úlo dereito á información da cidadanía??
Si desde Madrid deciden a cobertura informativa que teñen que facer os medios públicos autonómicos, que queda do que un día nos dician que era a autonomía?

A censura ao BNG nos propios telexornais é a pinga que reborda o vaso, un intento de silenciarnos pero
Non nos calarán, non nos calarán!!!

Ao PP sóbralle tanto tempo que Feijóo dedica máis a demonizar o BNG nun día que todo o tempo que ten o BNG en toda a campaña.

Pero aínda así non lles chega, non lles chega cos publireportaxes do que nun futuro será un fantástico flotel cuxa maqueta parece que xa flota, ou dunha Ponte de Rande que parece xa executada a ampliación....
Non, non lles chega, teñen que empachar a xente con bazofia podre para que a xente algo sensíbel fique na casa aborrecida,
os deles xa sabemos que tragan con todo, para eles non hai data de caducidade!!!, coma os iogueres de Cañete.
De feito, lévano a el de candidato, que é máis rancio que unha morcilla do pleistoceno!

Minten todos os días coa propaganda da imaxinaria recuperación que só se nota nas contas das grandes fortunas e da gran banca, a costa de todos nós!!!
Feijóo minte máis que fala, é capaz de dicir que “Galicia es el país más próspero de Europa” e non lle cae a cara de vergoña!!
Si a mentira fose delito estarían todos en cadea perpetua !! E haberá que pedir que se incorpore ao Código Penal a mentira dos gobernantes.

Son mentiráns compulsivos que teñen na mentira e na manipulación dos medios a súa arma para dominar á xente, para narcotizar ao país e que siga votándoos aínda que iso signifique un suicidio colectivo.
Diciao con lucidez Manolo Rivas cando describiu a Galiza do PP dicindo que “Galicia está suicidándose e non o sabe”.
En realidade queren “suicidala” e non o conseguen porque este país ten fondo de granito e porque ...estamos nós.
Está o nacionalismo, está o BNG
Nós non podemos resignarnos ao esmorecemento.
O BNG non se rende!!!

Tratan de ocultar todos os días os seus gravísmos casos de corrupción do PP na Gürtel, Barcenas, Pokemon, abrindo a mangueira do xurro para ocultar os seus casos máis graves.
Mesmo inventaron un suposto ingreso de Vendex nas contas do BNG, o que era un ingreso do propio BNG
Queren enzoufar tamén ao BNG para poder dicir que todos somos iguais
Pero os do BNG non somos iguais!!!. Non somos iguais!!! Somos diferentes!! Nós non nos vendemos!!!
A nosa campaña é modesta, modestísima, obra do sacrificio de centos e centos de militantes e simpatizantes, aos que hoxe quero agradecer o seu xeneroso esforzo:
GRAZAS!!!, sodes o corazón deste país!!
Como dicía Uxío Novoneira, “a forza do noso amor non pode ser inútil”.

Ao BNG non nos van tapar, non nos van calar!!

Somos inimigos a bater porque nós estamos aí, sempre activos, na resposta organizada día a día contra todas as agresións da banca, contra o roubo das preferentes –batalla que estamos gañando-, contra o atraco indigno de Montoro aos emigrantes retornados, contra os peches delictivos de empresas, contra os oligopolios eléctricos e enerxéticos, contra os cazadores de privatizacións corruptas, contra os recortes irresponsábeis de Rajoy e de Feijóo
porque o BNG si está aí, na rúa, de verdade e non coma outros aos que lles enche a boca cos movimentos sociais!!.
E estamos nos concellos e no parlamento plantando cara a esta dereita disposta a arrasar todas as conquistas, todos os dereitos e o propio futuro da xente con tal de salvar os intereses sagrados da banca especulativa e das grandes fortunas.

O BNG leva moitos anos facendo frente a esas políticas europeas que esganan os nosos sectores produtivos, no agro, no mar, na industria ou no comercio.

Hoxe temos na Galiza case 300.000 parados e outros 30.000 que non contabilizan como tais pero que tamén o son. E outras 100.000 mozas e mozos que tiveron que emigrar.

Que máis ten que ocorrer para recoñecer que este modelo de Unión é un fracaso?
Que máis fai falta para recoñecer que as políticas neoliberais da troika son un fracaso?
Que máis fai falta para recoñecer que por ese camiño este país non ten futuro?

A necesidade dunha profunda mudanza é evidente!!

Pois nós decimoslle aos galegos e galegas que o BNG está aqui non só para responder e manifestarnos, estamos aqui para avanzar, estamos aquí para conquistar posicións, estamos aqui para mudar e sacar o país adiante, para termos futuro na terra.

Ímolo facendo día a día con rebeldía, con paciencia pero sen resignación nin derrotismo.

Por iso, para o 25 pedimos o apoio dos galegos e galegas
Para traballar por outra Galiza e outra Europa
Hai que vencer as forzas do retroceso, as forzas da gran coalición submisa á banca e os 30.000 lobbistas que dominan Bruxelas e Madrid, sumisa a eses 18 capitostes cos que se reune Rajoy e cos que antes se reunía Zapatero.
Ninguén elixiu a eses 18 plutócratas que se erixen no auténtico directorio do Estado.
Se mandan eles, a democracia é un mero simulacro!!

Hai que poñer coto a liberalización total do comercio e das finanzas,
hai que acabar cos paraísos fiscais, para que o aforro se invista no país e para que poidamos desenvolver a nosa economía produtiva e crear emprego
Hai que mudar o Banco central Europeo para poñelo ao servizo da economía produtiva e da sociedade
Hai que vencer ás forzas que queren arruinar as conquistas sociais de décadas, que queren acabar coa negociación colectiva, impoñer salarios de pobreza, cargarse a seguridade social pública
Hai que vencer as forzas que queren frixirnos a impostos inxustos para rescatar a banca e logo minguar os servizos públicos, impoñer copagamentos e aínda por riba privatizar e converter a saúde e os servizos sociais nun negocio
Hai que vencer as forzas empeñadas en negar o noso futuro como nación soberana, para podermos un día negociar directamente os nosos intereses
Hai que vencer as forzas que queren negarnos e ocultarnos.

Imos derrotalos, paso a paso

Para empezar imos gañar o vindeiro domingo unha representación para Galiza, para o nacionalismo galego, no Parlamento Europeo. Para defender os intereses deste país e das nosas xentes todos os días.

Para iso precisamos un último impulso, para levar a Ana Miranda ao Parlamento Europeo, para que continue a brillante labor que veu realizando na última lexislatura, ao servizo de Galiza e todos nós.

Adiante! Animade ao voto ao BNG a todas as persoas da vosa contorna.
As daquí e as de fóra, as que falan galego e as que non, as nacionalistas e as que non, as de esquerdas e as que simplemente queren a este país
A todas!
Porque se o BNG está, Galiza está!!!!
Viva Galiza ceibe!!


Sem comentários:

Enviar um comentário