Unha pantasma recorre Europa: a vontade dos pobos de decidir por si
propios. A vontade de romper as dependencias alleas. De todas, tanto dos grandes poderes
económicos e financieros como dos estados que son o seu instrumento.
O movemento polo dereito a decidir está en 2014 no centro da axenda
política en Europa, na UE e nos arredores.
En realidade, os últimos 25 anos foron anos de remuda completa do mapa
europeo e o proceso segue en marcha.
Desde principios dos anos 90 crearonse en Europa uns 15 novos estados.
Agora, con Escocia e Cataluña, é o momento da creación de novos estados dentro
das propias fronteiras da UE.
Cada proceso soberanista tivo o seu motor, as causas e as alianzas foron
diferentes en cada caso, por veces mesmo a historia escribíuse con renglóns
tortos, pero a realidade histórica, incontrovertíbel, está aí: 15 novos
estados, en xeral pequenos e medianos, adornan hoxe o mapa europeo e están
plenamente ogullosos e decididos a preservar os dereitos conquistados.
Ese proceso segue en marcha e é imparábel, porque hoxe máis e máis pobos en
Europa queren tomar o futuro nas súas mans: Escocia, Cataluña, Euskadi,
Flandres, Valonia, Córcega e tamén Galiza.
Somos pobos con historia e sentímonos non só maiores de idade para rexer os
nosos destinos no mundo senón mesmo moito máis: sentimos que ou tomamos o
futuro nas nosas mans, baixo a nosa propia responsabilidade, ou podemos vernos
conducidos ao esmorecemento en mans de poderes alleos.
Queremos vencer o risco do esmorecemento cultural e dos nosos sinais de
identidade colectiva pero tamén queremos conxurar o risco do esmorecemento
económico e mesmo demográfico.
E, por suposto, temos plena vontade de impedir a perda de vigor democrático
das nosas institucións como consecuencia da supeditación e dependencia a
respeito de poderes alleos. Sabemos que o vigor democrático precisa de
soberanía para que as decisións populares poidan efectivizarse realmente.
Hai un telón de fondo que explica o vigor da reivindicación soberanista e
do dereito a decidir.
A Globalización e os poderes neoliberais arrasan co sistema produtivo,
destruen emprego e rompen os equilibrios básicos para soster os servizos
públicos e o benestar.
Os grandes poderes económicos e financieros instrumentalizan as grandes
institucións internacionais, o FMI, o BCE, a Comisión Europea e os grandes
estados arrasando o sistema produtivo, o emprego e os recursos de países como o
noso.
Os pobos que non nos resignamos ao esmorecemento provocado por esa
globalización reaccionamos. Reacciona Escocia, Cataluña, Euskadi, Córcega, e
reaccionamos Nós. E temos que reaxir con máis forza e con máis decisión que
nunca.
Esta crise obriga a reaxir con urxencia.
É o futuro vital como pobos o que está en xogo.
Os pobos con vontade de futuro reaccionan, reaximos.
Esa á razón do empuxe dos movementos soberanistas en toda Europa e agora en
particular dentro da UE. Esa vontade de non ser varridos pola galerna
neoliberal ou por imperialismos egoistas é o que obriga aos pobos a constuír
ferramentas para defenderse e xestionar os seus propios asuntos de xeito
soberano. Curiosamente, iso que algúns estados da UE por veces promoven fóra
das fronteiras UE non o aceptan nin respectan cando ocorre dentro.
Escocia e Catalunya son hoxe a vangarda nese movementos soberanista pero
detrás van outros moitos: Euskadi, Flandres, Valonia, Córcega e, desde logo,
irá Galiza. Porque Galiza non renuncia ao futuro.
O Estado español é un estado falido e hoxe cobran especial significado aquelas
verbas de Castelao cando lles zoupaba aquilo de “sodes uns imperialistas
fracasados”.
O Estado español nunca conseguiu os obxectivos de destruír os nosos sinais
de identidade, nin a lingua nin a cultura, aínda que o intenta e ten aquí un
exército de peóns mercenarios traballando arreo. Pero seguimos en pé, seguimos
aí. Como di a canción de Mini e Mero “seguimos estando por aquí, sempre estamos
por aquí”. As aspiracións do pobo seguen aí e o nacionalismo estamos aquí para
facelas realidade.
A reacción centralista puxo en marcha un vasto e sistemático proceso de
recentralización, do poder político e do económico, as dúas caras da mesma
moeda. É unha reacción desesperada para seguir mantendo a hexemonía madrileña,
a oligarquía española, que é esencialmente madrileña. Porque a oligarquía e a
casta teñen unha xeografía, aínda que teñan ben esparexidos os seus emisarios e
servidores.
Pero iso xa non é tolerabel. Non podemos aceptar que todas as nosas
enerxías vaian ao sumidoiro do burato negro madrileño. Non podemos aceptar o
espolio do aforro e dos recursos, da enerxía; agora tamén o espolio fiscal para
rescatar bancos, eléctricas, grandes concesionarias e construtoras. O último
son eses 4.600 millóns do estado para rescatar o despropósito das autoestradas
radiais madrileñas, ou os 3.600 millóns de creditos extraorzamentarios para
defensa nos tres últimos anos. Estes días anda o goberno Rajoy preparando de
tapadillo o rescate millonario do lobby madrileño de samesugas do orzamento
público. Pero non recatan as autoestradas crebadas madrileñas con recursos da
Comunidade de Madrid, aínda que fora a Esperanza Aguirre a que puxera en marcha
a súa construción a beneficio dos seus amigos especuladores. Pretenden
rescatalos con recursos do estado, con axudas de estado, cos nosos impostos,
actuais e a trinta anos.
Non, non estamos dispostos a decir amén.
Non podemos tolerar que ese mercenario de Feijóo diga amén a costa de
sacrificar os noso investimentos e o noso futuro. Cantos diques flotantes se
poden facer con eses 4.600 millóns?, nin máis nin menos que 46, pero négannnos
até o primeiro, que sería clave para o futuro da industria naval de Ferrolterra.
Cántos empregos na industria alimentaria, cantos empregos na promoción da
agricultura, na eólica, cantos centros de innovación, cantas camas de hospital,
etc, etc. se poderían crear?.
O pobo catalán viuno claro. Ten a decidida vontade de cortar o cordón
umbilical que alimenta o monstro madrileño. Romper definitivamente con esa
insoportable vocación hexemonista de Madrid e do Estado.
Nin a manipulación máis burda, nin a ignorancia fanática, nin a chulería do
españolismo máis rancio van poder parar o proceso catalán.
Hai dous días compartimos en directo esa inmensa maré democrática e cívica
da Diada, con esa impoñente V de Vitoria e de Vontade de Votar. Poidemos ver a
ese pobo catalán en pé, todo el, decido a avanzar pase o que pase.
Desde a pletórica xente moza até as velliñas e velliños con caiado, desde a
clase traballadora até a elite profesional, desde os nacidos en Cataluña aos
inmigrantes, desde a esquerda a dereita, todos camiñaban xuntos, co
convencimento de que unidos son imparábeis. E estou convencido que esa vontade
absolutamente maioritaria acabará alumbrando un estado catalá. Máis pronto que
tarde, dun xeito ou doutro.
Desde aquí nós partillamos os anceios do pobo catalán e os dos escoceses.
Porque os seus anceios son tamén os nosos e porque sabemos que o seu éxito
será unha Vitoria que dará folgos e ilusión para que o pobo galego avance.
Avanzaremos, recorreremos o noso propio camiño, ao ritmo que as galegas e galegos
decidan. Pero recorrerémolo, sen dúbida.
Para iso precisamos erguer a autoestima desta sociedade, a confianza nas
nosas propias forzas e capacidades. Temos que vencer o derrotismo, veña de onde
veña. Vencer os discursos cos que queren infundir inseguranza ou medo.
Precisamos organización, autoorganización. Para romper a supeditación a
forzas alleas.
Necesitamos achegar a maioría da sociedade ao proxecto soberanista.
Precisamos conquistar as institucións de autogoberno para convertelas en
aliadas do proceso. Temos que quitar de aí a ese mercenario de Feijóo, hooligan
e chulapote de barrio entregado servilmente aos lobbies de Madrid.
Desde logo, non imos tolerar que muden as regras de xogo para prevalecer
mesmo sen ter a maioría social. Non imos tolerar que recurten o Parlemento
Galego para desvalorizalo e para deturpar a representación igualitaria de toda
a cidadanía galega.
Precisamos unha organización potente e ilusionada. O BNG é hoxe o motor ilusionado
para construír o futuro para esta nación.
As Asembleas abertas son unha aposta de alcance para ensanchar a base
social do nacionalismo, para organizar esa pluralidade que busca mudar unha
realidade e que debe ter no proxecto nacionalista a ferramenta e o referente
para facelo. Teñen que ser foros para conectar coas arelas e angueiras
concretas da nosa cidadanía sometida ao empobrecemento, a precariedade, a
emigración e a loita pola supervivencia. Temos que empezar por expoñer a nosa
experiencia na xestión local e recoller as ideas e iniciativas para levar aos
concellos nas vindeiras municipais.
As leccións do proceso escocés e catalán teñen que ser ben aprendidas. Hoxe
son procesos sociais transversais pero chegouse aí grazas a anos de
autoorganización e tamén de conquista das institucións de autogoberno.
Nós saberemos facelo coas nosas receitas saídas da nosa realidade concreta,
“á moda da casa”.
Construiremos entre todos unha Galiza con futuro, con emprego e vida digna
nesta terra. Porque nós somos os do SI, si a Galiza, si ao emprego, si ao
futuro. Si ao dereito a decidir.
Viva Escocia, viva Catalunya. Viva Galiza Ceibe.
Compostela, 13 de setembro de 2014.
Sem comentários:
Enviar um comentário