Contra a corrupción, o
espolio e o
centralismo: Democracia, Autogoberno,
Soberanía
Hoxe non é un día para
grandes conmemoracións pero si para renovar as nosas reivindicacións.
A Constitución do 78,
nacida dun pacto cos poderes herdeiros do franqismo moribundo, tentou poñer
cancelas á democracia e non nos recoñece como pobo, non nos recoñece como nación.
Por iso os
nacionalistas daquela non a refrendamos.
Nós propoñiamos daquela
outras Bases Constitucionais da Nación Galega para un pacto confederal.
Aproveito para render
homenaxe ao compañeiro Francisco Carballo que nos deixou hai unha semana e a
quen eu tivera ocasión de ver en Vigo participando activamente naquela campaña;
eu que con 17 anos non puidera votar coma moitos dos que aqui estades.
Pídovos un caluroso
aplauso de despedida para Paco Carballo.
36 anos despois seguen
nas mesmas pero en descomposición e coas costuras rachadas e esfiañadas
O paso do tempo
cargounos de razóns.
A degradación do réxime
constitucional, trufado desde o principio polos vellos poderes económicos,
polas vellas familiar do réxime, por unha xudicatura e uns poderes fácticos
reacomodados, foi reproducindo cada vez máis claramente os vellos vicios da
España cutre, castiza, carpetovetónica. A dos Rato, Aguirre, Aznar, Díaz Ferrán,
Florentino, Arturo Fernández e agora
coa guinda esperpéntica do “pequeno Nicolás”.
Hoxe hai moitas máis
razóns para rexeitar un réxime constitucional dexenerado e corrompido desde a cúspide.
Un réxime que se demostra incapaz para dar resposta ás aspiracións e ás
necesidades imperiosas da sociedade.
Hoxe podemos comprobar
que mesmo as promesas que contiña aquela Constitución en aspectos democráticos,
sociais ou territoriais quedaron absolutamente desfigurados polo camiño.
A economía social de
mercado é hoxe mercado desregulado dominado polos oligopolios e sometido aos
caprichos das finanzas e os mercados globais.
Onde van os preceptos
relativos ao control público dunha economía social de mercado ou a planificación
pública da economía?
Onde van os dereitos sociais
nominalmente consagrados como o dereito ao traballo ou a vivenda? Quedaron en
mera retórica fronte a cruel lóxica dun capital especulativo.
A exclusión laboral, a
precariedade e pobreza salarial, a pobreza rampante son actas de denuncia da
letra morta constitucional.
Mesmo o dereito a unha
saúde pública universal de calidade está sendo hoxendía posto en almoeda cos
recortes e as privatizacións a beneficio dos lobbys empresariais amigos do PP e
os fondos de investimento.
Que queda do proclamado
sistema fiscal progresivo cando o 80% da recadación procede das clases
traballadoras? Que queda dun sistema fiscal progresivo cando as grandes
fortunas e as grandes empresas están masivamente en paraisos fiscais ou na
fraude?
O corsé neoliberal
imposto polos poderes económicos, por Bruxelas e polos acordos internacionais
esganou calquera posible xestión democrática da economía.
A desregulación,
liberalización e privatizacións puxeron a sociedade aos pés dos cabalos
desbocados do mercado.
O
que está claro é que todo iso non se fixo por decreto divino. As complicidades nese proceso son a expresión da verdadeira, da grande,
corrupción, a de
guante blanco e real decreto no BOE.
Que dicir da
descentralización?
As promesas de
descentralización para as chamadas “nacionalidades históricas” quedaron
reducidas a unha descentralización da xestión pero sen capacidade real de
decisión. As competencias inicialmente recollidas no Estatuto foron
desactivadas e baleiradas de conteudo coas continua centralizacións cara arriba,
cara Bruxelas e cara Madrid.
As timoratas promesas
iniciais logo abriron paso a centralización. Si, outravolta a asfixiante
centralización.
O recurso sistemático á
lexislación básica estatal invasiva das competencias autonómicas forma parte
dunha estratexia agresiva de recentralización que mata o autogoberno e cega
calquera espectativa de avance por esa vía. A negativa centralista á blindaxe
das competencias autonómicas evidencia unha vontade recentralizadora que
pretende ir a máis.
As nacións, con Cataluña
á fronte, reaccionamos. Hoxe Cataluña está convencida que non hai convivencia
posíbel con ese españolismo centralista que, como a cabra, sempre tira ao
monte.
Galiza, os
nacionalistas galegos, non podemos consentir esa centralización que nos nega e
nos espolia. Nós só podemos aceptar camiñar cara adiante, agrandar o
autogoberno, de cara a soberanía. Pero desde logo non imos consentir que este
país sucumba coa complicidade traidora dese mercenario amoral que ocupa a
Residencia de Monte Pío.
Temos un país con
potencialidades, con recursos humanos ben formados, con recursos naturais, hídricos,
enerxéticos, con grandes portos, con aforro e non podemos permitir que esmoreza
vítima de políticas miopes, que no
mellor dos casos ignoran os nosos intereses e polo común atráncannos e espóliannos
.
Non podemos permitir
que o país quede desertizado, vítima do avellentamento e a emigración;
que as terras fértiles
queden abandonadas, a monte;
que as rías morran de
toxinas por falla de saneamento;
que a electricidade
emigre gratis a Madrid por esas arterias de alta tensión;
que o aforro fuxa polas
veas virtuais dunha banca colonial;
que os cartos do noso
consumo vaian directos a Madrid pola tubaxe da aspiradora das grandes cadeas do
Corte inglés, Carrefour ou Mercadona;
que os nosos impostos
vaian ás mans de Montoro para rescatar Bankia, o déficit tarifario, o burato de
defensa, o rescate das concesionarias e para pagar por secula seculorum a débeda, a lexítima e a ilexítima dos bancos,
convertidas ambas en santas e sagradas grazas á famosa reforma espress, aí si,
do Art 135 da Constitución. Impostos de todos os galegos e galegas para encher
o burato que deixan as grandes empresas e bancos que fuxen cos seus beneficios,
con total impunidade, cara os paraísos fiscais.
Nós non estamos
dispostos a consentir esta estampa da Galiza sumisa destes anos cutres de Feijóo
que está posto aí como el mesmo di “para no crear problemas a España”, para que Galiza non reaxa.
Pois que non o dubide,
Galiza vai reaxir e revivir. Galiza pode ser un país de primeira e os/as
nacionalistas imos ascendela a primeira.
Para iso temos que
darlle a volta a ese centralismo que nos atenaza.
Está claro que sen
soberanía financeira non pode haber autogoberno real. Trinta e seis anos
despois de aprobada a Contitución e 33 do Estatuto resulta que padecemos o
control da recadación fiscal por parte da Axencia Estatal. Pero as cousas van a
peor nos últimos anos porque o goberno central reserva unha parte crecente do
orzamento para si; impón teitos de gasto e de déficit que cercenan as contas
autonómicas e municipais en tanto que reservan marxes moi superiores para o
goberno central; un financiamento autonómico inxusto que fai que Galiza teña
nos últimos anos unha balanza fiscal deficitaria a pesares de sermos unha das
economías con menor renda per capita.
A recentralización é a
vía máis clara para poñer o BOE ao servizo das grandes empresas, dos grandes
lobbys. A recentralización de competencias e recursos é a porta grande para a
gran corrupción, a corrupción VIP, de luva blanca, que é a que move fortunas á
paladas.
En aplicación dese
desenvolvemento Constitucional recentralizador desmantelaron as caixas a
beneficio da gran banca, deixaron a Galiza sen o control sobre o 50% do seu
sector financeiro. Aqui veñen todos os bancos españois a captar aforro ao 1 ou
2% e logo emigra para alimentar os mercados especulativos globais e o
investimento noutras latitudes, en tanto que a nosa economía padece unha seca
de crédito e un elevado prezo do diñeiro.
Asi se consagra o
espolio do noso aforro, asi se vampiriza e estrangula a nosa economía.
En aplicación desa
recentralización eles deciden o parón do sector eólico e deciden tamén o prezo
da electricidade, cun mercado centralizado e deseñado á medida dos intereses do
lobby eléctrico. O noso excedente de producción eléctrico beneficia a Madrid e
as nosas empresas e familias non poden beneficiarse dunha tarifa eléctrica
galega. Asi vemos como empresas electro-intensivas como Alcoa ou Megasa anuncian peches e
regulacións de emprego.
Para que lle serve a
Galiza ser excedentaria en enerxía eléctrica? Se pechan esas empresas aínda vai aumentar máis o excedente eléctrico e exportaremos máis
a bó prezo para Madrid.
De que val que
recibamos Fondos Estruturais ou de Cohesión se logo é en Madrid onde deciden o
deseño das grandes redes radiais de infraestruturas a maior gloria dese centro
convertido en burato negro de todos os destinos. E aínda por riba son as
Grandes construtoras do lobby madrileño do PP as que fan o negocio e amasan
fortunas con eles.
Asi medra o lobby do
Palco do Bernabeu e engorda a cabeza da hidra dese centralismo que nos
aferrolla e arruina.
Non podemos fiar o noso
futuro aos mercenarios que están ao servizo dos grandes lobbies, que por esa vía
cada vez engordan máis e se voltan aínda máis poderosos.
Estamos vendidos nas
mans duns bandidos. Venderonnos en todas as negociacións con Bruxelas, na PAC,
na Pesca, no Naval. A última acabamos de destapala estes días co asunto da prohibición “do
xeito”, grazas que esta aí o BNG, coa grande Ana, para descubrilo, reaxir e
resolvelo. Fixo máis esta delegación do xeito organizada polo BNG, con Dani
Rodas e Adolfo Muiños, que todos os demais. O goberno central ou a Xunta nin
estaban nin se lles agardaba. Banda de vendidos! Que pode esperar Galiza se non
estamos nós para representar directamente os intereses colectivos deste país?
Por se as consecuencias
socieconómicas da deriva constitucional non fosen abondo, vemos como se
degradan tamén as condicións da nosa vida institucional, cunha democracia de ínfima
calidade e como van debilitando o vigor dos nosos sinais de identidade
colectiva.
A colonización
informativa e comunicacional vai acompañada dun cerco sistemático á nosa
cultura e a todas as manifestación e usos da nosa lingua.
A imposición
naturalizada dese nacionalismo banal español vai acompañada da desprotección e
esforzos de marxinalización e exclusión da lingua.
Aí estan os últimos
datos do IGE que revelan unha caída de 6 puntos na porcentaxe de galegofalantes
desde que chegou Feijóo e a constatación de que o 75% dos menores de 15 anos
non usa “nunca
ou case nunca” o
galego.
E para maior escarnio e
insulto temos que aturar que todo iso vaia parapetado detrás dese insidioso e
mesquiño discurso da “imposición del gallego”. Levando ao estremo esa moda neocón
da manipulación
orwelliana da semántica.
Cousa esta que aplican
até o delirio na estratexia de construír espantallos retóricos cos que
entreter, despistar ou amedrentar á cidadanía.
O bronquismo e hooliganismo
para tapar os debates, ese sacar a paseo falsas diatribas sobre violencia ou
terrorismo, o intento de tapar a gran corrupción coa multiplicación da minucia,
etc son outras tantas estrataxemas desta dereita conservadora, dereita extrema
e agresiva, co obxecto de atordoar a opinión pública e mantela, maina ou
indignada, pero alonxada do debate político real.
A corrupción da
linguaxe e a corrupción dos medios de adoutrinamento é hoxe por hoxe a máis
seria e perigosa das corrupcións porque busca impedir o debate democrático e a
conformación dunha opinión política verdadeiramente libre.
Esa é a súa estratexia para destruír
calquera esperanza da xente.
Teñen moito poder, teñen
moitas armas... Pero non gañarán.
Darémoslle a volta.
Este país ten potencialidade
e ten futuro
Esta sociedade está
acurralada e amedrentada pero non está derrotada, non está rendida.
Reaccionará,
reaccionaremos. Saíremos adiante. Faremos un país de primeira
Venceremos, venceremos
nós.
Contra a corrupción,
democracia
Contra o espolio,
autogoberno
Contra o centralismo,
soberanía
Viva Galiza Ceibe
Xavier
Vence
6 decembro 2014
Sem comentários:
Enviar um comentário