sábado, 26 de julho de 2014

Intervención Día da Patria de 2014: En pé

Día da Patria de 2014:  En pé

(Antes de máis nada quixera enviarlle unha mensaxe de profunda solidariedade ao pobo palestino que está sendo masacrado polo arrogante exército sionista de Israel, que desde hai décadas ocupa as súas terras, impón un auténtico appartheid e leva a cabo un cruel xenocidio. Palestina vencerá!
Diciao moi ben Herman Hesse, “a vida convértese en verdadeira dor, en verdadeiro inferno alí onde dúas épocas, dúas culturas ou relixións se entrecruzan”. Eu engadiría, é un inferno alí onde o imperialismo e os oleoductos se cruzan.)

En pé!, como cantaba Cabanillas
Galiza está en pé! Coma cada ano nesta Quintana milenaria.

En realidade, este ano, recuperamos a tradición despois do desgrazado dia da patria que vivimos en 2013. Non esquecemos as 79 vidas que se perderon naquela catástrofe culposa do Alvia nin tampouco as demais vítimas e as súas familias. Todas elas xunto coa veciñanza de Angrois, os Bombeiros e emerxencias, son demostración viva da dignidade deste pobo fronte a un PP-PSOE que tratan de tapar as reponsabilidades políticas con medallas e tratan de encubrir a chapuza tecnolóxica das empresas implicadas.
Para todas as vítimas van hoxe os mellores sentimentos deste gran corazón colectivo e con todas elas seguimos reclamando, unha vez máis, a verdade, unha comisión de investigación e que se implanten dunha vez as medidas de seguranza, que aínda faltan.

Ao Borbón que hoxe temos aí ao lado, evidenciando a confesionalidade da xefatura de estado, só lle enviarei uns versos de Ramón Cabanillas que teñen case un século (1921!): “o pobo chora os mortos da traxedia/ ¡e o rei é vitoreado na Comedia/ onde trunfa a camisa Musidora”. Un ano despois, volta o Borbón coas mans baleiras a recoller honores como rei. Non somos súbditos e xa vai sendo hora que entremos no século XXI.

Amigas e amigos,
Este é un ano duro
Sete anos despois do estourido da crise seguimos sumidos nun rodopío de empobrecemento do país que parece non acabar nunca e que queren prolongar. A crise está sendo aproveitada para radicalizar un modelo social inxusto e desigual. Os defensores da globalización, das finanzas especulativas e dos grandes oligopolios campan ás súas anchas impoñendo medidas e receitas que só a eles benefician.
A troika e os gobernos servís, con Rajoy e Feijóo, son o seu brazo executor.
As políticas neoliberais e centralizadoras do goberno central están a poñer ao noso país contra as cordas.
A nación que sofre é de carne e oso:
Podería escoller centos de exemplos do sufrimento de miles e miles de galegos e galegas, desde @s expulsad@s da súa vivenda até @s ultraprecari@s con traballos por horas en días soltos.
Podería falar dos miles de fogares que non teñen ingresos, miles e miles de familias teñen todos os seus membros en paro
Podería falar desa enxurrada de xente moza forzada a emigración
Pero hai algo que rompe o corazón de calquera persoa cun mínimo de sensibilidade: a fame infantil.
Dicía o Mefistófeles de Goethe “non podo dicir nada do sol nin dos mundos; non vexo máis que unha cousa: a miseria dos homes”
Pero nin nos peores pesadelos podería un imaxinar hai anos que en pleno século XXI teriamos que ver neste país nenos e nenas sofrendo infraalimentación. E dicimos infralimentación porque resulta vergoñento e ferinte falar de fame.
O certo é que temos máis de 18.000 fogares con nenos que viven ao borde da fame literal. Pode Feijóo soltar mentiras a esgalla pero non pode ocultar esta insoportábel realidade. Pode teimar en negala e logo andar a rapañota das esmolas europeas para a pobreza infantil severa.
Claro que da vergoña abrir comedores escolares no verán pero tampouco abonda con remendos de caridade.
O problema é que coma eses nenos e nenas están as 18.000 familias en pobreza severa e outro 26% viven en fogares en risco de pobreza.
Non abonda con esmolas, o que cómpre é atacar as causas: este modelo e estas políticas que estan disparando a pobreza.
Pero o que mete máis medo é cara onde pretenden levarnos.
Falan de recuperación e único que se recuperan son as rendas financeiras, as dos especuladores, e xa dan por descontando que o futuro é máis precariedade e pobreza

Amigas e amigos,
Este non é o país que soñamos, Nin é un futuro soportábel.
Nós non nos resignamos.
Construiremos un país con futuro.

Non podemos aceptar que a ambición sen límites dunha minoría poderosa arrase de todas as conquistas históricas. Non podemos achantar diante desa patronal cavernícola que non quere convenios, nin salario mínimo, nin revalorización co IPC, e xa se atreven a ameazarnos con iso de que nos “esquezamos dos salarios fixos”.
É unha guerra social e sicolóxica: os beneficios das grandes empresas aumentaron de escándalo na crise e aínda espremen a anguria do paro para ir un paso máis.

Tamén a centralización é parte da mesma guerra.
Os lobbys madrileños da corrupción quéreno todo, a oligarquía financeira, os oligopolios eléctricos e petroleiros, as grandes cadeas comerciais, as concesionarias zugadoras do orzamento público, as construtoras ...arrasan con todo.
Xuntos impoñen teitos de gasto, limitan a contratación de persoal público, concentran os servizos municipais nas Deputacións para facilitar os macrocontratos coas grandes concesionarias madrileñas; concentran os xulgados nas capitais de provincia para facilitar o desembarco dos grandes bufetes madrileños e controlar máis en corto, aínda, a xustiza.
A centralización esgana e os grandes oligopolios chuchan até a médula.

Compañeiras e compañeiros,
Galiza está no límite, pero non está rendida
Non nos resignamos
Os nacionalistas estamos en pé.
A xenerosa militancia do BNG, o nacionalismo todo e esa rede vizosa que é Avante Galiza, que hoxe nos acompaña, destes corpo e azos a todos eses movimentos de resposta organizada
contra os recortes da sanidade e contra a súa privatización,
contra os recortes do ensino, a LOMCE e a súa rancia españolización,
contra o acurralamento do noso idioma
contra a reforma laboral da ultraprecarización, da man da CIG,
contra o desmantelamento definitivo do naval...
contra as peaxes e o abuso da tarifa eléctrica
contra os desafiuzamentos
contra os recortes nos dereitos das mulleres e esa ultrareaccionaria da lei de aborto

Grazas a loita incansábel podemos hoxe reivindicar con orgullo vitorias importantes:
estamos gañando a batalla titánica contra o roubo das preferentes
co parón a Corcoesto estamos freando esa minaría colonial
e gañaremos a batalla dos emigrantes retornados,

Non nos pararán con multas nin con represión:
Nin aos estafados polas preferentes, nin aos estudantes, nin aos sindicalistas da CIG Pablo e David despedidos de Citroen, nin as condenas xudiciais por participar en folgas: Carlos, Serafín, Ana e Tamara. Para os que demandamos unha vez máis o indulto.

Enfrontar as políticas devastadoras neoliberais é a mellor maneira de facer país, porque é defender a nosa xente, defendernos a nós mesmos.

Compañeiras e compañeiros,
A indignación é necesaria pero a nosa aposta ten que ir un paso máis aló.
Nós erguemos un proxecto con ideas e propostas para converter o cabreo en esperanza, materia prima do futuro.
Un futuro de economía produtiva, traballo, dignidade e benestar na Terra.
Queremos decidir nós para poder producir algo e consumir tamén do noso. Para empezar queremos consumir produtos galegos e etiquetados en galego. Queremos tarifa eléctrica galega. Queremos impulsar un consumo de proximidade e sostíbel. E nos alimentos, soberanía alimentar. Queremos outra política industrial ,outra política de innovación. Queremos negociar os acordos comerciais, os agrarios, os pesqueiros. Queremos xestionar o noso aforro e os nosos impostos. Queremos ordenar o noso territorio, os nosos servizos públicos.

Nós sabemos que esta nazón ainda está a tempo de ser outra cousa.
Como dicía Uxío Novoneira en GALICIA viva inda:
“Sabemos que ti podes ser outra
cousa
sabemos que o home pode ser outra
cousa”.

Iso é o que nós proclamamos todo o ano con propostas e alternativas no Parlamento Galego e no Congreso, con elas imos a Bruxelas de novo, pero tamén é o que demostramos ao largo e ancho do país, nos concellos onde  gobernamos.
Nós facemos latexar esa outra Galiza todo ano, día a día, co “espíritu de Riotorto”, desde Ribadeo a Bueu, desde Cariño a Tomiño, desde Carnota a Allariz, desde San Sadurniño a Rianxo, desde Vimianzo a Monforte, desde Carballo a Pobra de Brollón, desde Mondoñedo a Castrelo, de Arzúa a Arbo, de Mugardos a Poio, de Riotorto a Mezquita, da Bola a Zas. E por suposto, na Boa Vila eterna de Castelao, Bóveda e Paz Andrade. Tamén onde cogobernamos.
Todos eles son exemplos do compromiso do BNG coa maioría social, cos máis necesitados, coa dinamización do territorio, todos eles son xermolos da nación e o ano que ven reforzarémolos e multiplicaremos.

Amigas e amigos,
O ano 2014 é un ano singular que fará historia para os movementos nacionalistas en Europa.
Escocia e Cataluña convocan referendos de autodeterminación e demostran a todo o mundo que a reivindicación nacionalista é máis actual e urxente que nunca. É lexítima e é normal.
Sexa cal sexa o desenlace marcan un salto cualitativo na ruptura do marco unitario do estado español e un paso cara a Europa dos pobos.

Os pobos queren, e nós tamén queremos, dotármonos de ferramentas para gobernar o noso país, para construír o noso propio futuro, para encarar a crise e construír un futuro para as novas xeneracións. Queremos que as novas xeneracións teñan nas súas mans as ferramentas que nós non tivemos aínda.

Nós sabemos que para avanzar nese camiño é preciso galeguizar os debates, poñer os nosos problemas no centro,  e galeguizar as alternativas políticas, pensadas desde aqui e para aquí.
É preciso reforzar a autoorganización e romper toda caste de supeditación ás forzas estatais.
Este país precisa ruptura, si, ruptura co centralismo, ruptura coa resignación, ruptura coa impotencia, ruptura co discurso unitario do unionismo, sexa monárquico ou republicano.
Os que decidiron enguedellarse na lea federal, abríndolle con frivolidade as portas ao discurso federal, laiaranse algún dia cando PSOE/PP/UPyD e outros impoñan o seu “retoque  cosmético federal” na Constitución como última versión de marketing do centralismo unitario.

Compañeiros e compañeiras
Ninguén debera esquecer aquelas sabias palabras de Castelao en 1948 sobre a retórica federal española: “ocorre que os demócratas hespañoes sempre alardean de federalistas cando se ven caídos e alonxados do poder; pero en canto ventan algún ascenso ou recobran a esperanza de gobernar, entón soio pensan nas vantaxes de concentrar os mandos en Madrid”.
Ninguén debera esquecer Castelao e Bóveda, nin tampouco aquel sabio aforismo de Blaise Pascal “se non actúas como pensas, vas acabar pensando como actuas”

Este país o que precisa é unha ampla unidade de acción arredor do proxecto nacionalista, tender a man a todos e todas as que queiran sachar na gran agra aberta do nacionalismo.

Ben sabedes que non é un capricho nin unha cabriola ideolóxica nin tampouco un asunto só identitario.
Ben sabemos hoxe que a recentralización está levando consigo un enorme bombeo de recursos cara Madrid e os seus oligopolios. Xa poden pintar a balanza fiscal que queiran a maior gloria da fantasmagoría españolista que non nos impresionan. Agora vai resultar que Madrid é o gran sacrificado e case parecería que medio estado español vive a costa de Madrid. É unha estafa intelectual, puro artificio dunha contabilidade bananera que estiran coma o chicle, para enxalzar o españolismo e lexitimar máis regalos fiscais a Madrid, coa complicidade de todo o provincianismo papanatas que temos en San Caetano.
A realidade é outra ben diferente. Sen falar do espolio da drenaxe do noso aforro ou da nosa enerxía, a balanza fiscal de 2011 evidencia que nos espolian máis de 1.322 M de euros netos. Cantas cousas poderiamos facer con eses 1.322 M!, cantos nenos e nenas se poderían alimentar como é o debido? Cantos empregos se poderían crear?. Feijóo ningún, pero nós moitos!.
Os números cantan pero aínda canta máis o que se fai con eles: de pouco nos serve o investido se está pensado para reforzar Madrid e non para desenvolver o noso país, como temos denunciado co tren, os tres aeroportos, as autovías e tantos outros desatinos.
En todo caso, nós sempre dixemos que o principal problema é o Estado vampirizador e ter que aturar toda esa lexislación e regulación centralista coa que están poñendo o noso mercado e os nosos recursos ao servizos das grandes empresas madrileñas, os grandes lobbies do “palco do Bernabeu”.

Por todo iso o noso discurso non é so para os que nos recoñecemos como nacionalistas. O proxecto soberanista vai dirixido e é vantaxoso para todos e todas as que viven neste país.
A cidadanía ten que saber que o espolio económico só poden levalo a cabo se contan con complicidade política e só poderemos darlle a volta se este país se fai valer desde a autoestima, nas urnas. Desde logo, non pode haber políticas de esquerda sen soberanía.

Amigas e amigos,
Hoxe fai 50 anos que se refundou o nacionalismo contemporáneo, 20 anos despois da aparición exilio do Sempre en Galiza. Esa xeneración extensa e alongada, da que a maioría de nós formamos parte, temos a responsabilidade de trasladar a avenza do nacionalismo organizado a xeración que agora esperta á política.
O BNG é unha forza con historia, é unha forza que decidiu na última Asemblea Nacional de  2013 confiarlle a organización a unha nova xeración, a un grupo de mozas e mozas que hoxe forman parte da dirección.
Agora, despois dun ano intenso de loita e de posta a punto, estamos decididos a darlle aínda máis protagonismo á xente nova. (agradecemento aos voluntari@s que fixeron posíbel o Festigal e esta grande manifestación).
Neste momento histórico nós temos que darlle continuidade xeracional á loita para construír unha nación no mundo.

Iso si, necesitamos que todas e todos vós vos involucredes, que axudedes a reverdecer esta organización que é o futuro do país. Non imos desaproveitar nin unha pinga de experiencia, somos un rio con mil afluentes.

Compañeiras e compañeiros
O ano que vén é ano de eleccións municipais e xerais.
Temos que abrir por todos os recunchos do país un diálogo franco con todas e todos os que queren outro futuro para a nosa nación. Ímolo facer en Asembleas Abertas por todos os concellos e localidades. Imos socializar o noso proxecto e a nosa experiencia, que a temos e grande, pero imos tamén escoitar e incorporar ideas e persoas.
Temos que ser a ferramenta para transformar a rebeldía, a carraxe e a indignación da xente nova en materia prima dun proxecto de futuro.
Imos abrir as portas para ensanchar base social pero non caeremos na trampa dos que botan a rede cun canto á espontaneidade cidadá desorganizada, cunha teoría diferente para cada día da semana.
Por aí non iriamos moi lonxe fronte a un PP organizado coma un exército militar disciplinado e fronte a mesta rede de poderes que o amparan.
Non, amigos e amigas, sen organización non seriamos nada. A cidadanía organizada e con proxecto de país podemos ser todo.

No BNG temos as ideas claras e os principios firmes, queremos camiñar con paso seguro cara a soberanía nacional, tendo moi presente as prioridades da “ruda adversidade urxente” pondalián.
Este BNG vai a por todas para gañar. Con realismo pero con determinación.
O camiño cara a soberanía empeza por derrotar o PP, o centralismo máis agresivo, o neoliberalismo depredador. O Atila en Galiza que como o dinosaurio de Augusto Monterroso, “segue estando aí”. Queren mudar as regras de xogo para prevalecer. Pero nin así poderán impedir a súa derrota.

Nós miramos cara o futuro.
Temos un proxecto para sacar a este país adiante e sacarémolo. Estamos abertos a todo o mundo que queira sumar. Acumularemos forzas e conseguirémolo.

Entre todos construiremos un país no que poidan vivir dignamente todas e todos os que veñen atrás.

Compañeiros, compañeiras,
Para rematar, acendamos os nosos corazóns cos versos épicos de Ramón Cabanillas En pé
Irmáns! En pé sereos,
A limpa frente erguida,
Envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
A toda verba amiga,
E nunha man a fouce
E noutra man a oliva,
Arredor da bandeira azul e branca
Arredor da bandeira (“coa estrela”) da Galiza,
Cantémolo dereito
A libre nova vida

Compañeiros, compañeiras,
Viva Galiza Ceibe e popular
Viva o BNG


Xavier Vence

Compostela, 25 de xullo de 2014, Dia da Patria Galega 

Sem comentários:

Enviar um comentário