http://www.youtube.com/watch?v=yMhemxZXNwM&feature=plcp
Discursos
- autogoberno (2)
- Banca Pública (26)
- Caixas de aforro (24)
- ciencia (3)
- Crise (79)
- Crise e conflitos de clase (62)
- Crise ecolóxica (3)
- Discursos (23)
- Economía galega (2)
- Estado do benestar (29)
- Galiza (101)
- innovación (5)
- medios de comunicación (4)
- Nacionalismo (75)
- Política europea (44)
- recentralización (1)
- Soberanía (89)
quarta-feira, 7 de novembro de 2012
Con Cefe no Debate poselectoral en CorreoTv
Debate poselectoral en CorreoTv 24.10.2012
http://www.youtube.com/watch?v=yMhemxZXNwM&feature=plcp
http://www.youtube.com/watch?v=TxxRDOhtbGI&feature=plcp
http://www.youtube.com/watch?v=yMhemxZXNwM&feature=plcp
quinta-feira, 1 de novembro de 2012
Castelao, Bóveda e o nacionalismo esgazado
Agora que xa
rematou a campaña electoral xa podemos mirar con perspectiva certos argumentos,
metáforas e outras figuras retóricas utilizadas ao longo destas semanas. Agora
podemos falar delas con máis serenidade. E convén que o fagamos con clareza e
espíritu construtivo.
No discurso
político adoita facerse uso de todas as figuras retóricas. Das máis poéticas e
inspiradas ás máis burdas, como as mentiras puras e lisas, que, desde a alza do
movemento neocon, son as figuras retóricas predilectas da dereita.
Na esquerda
adoitase tirar máis da retórica épica e histórica. A lexitimidade histórica e
ideolóxica son valores moi apreciados. Tamén o programa, como non pode ser
doutra maneira en forzas que pretenden ser transformadoras. Iso estivo e está,
por suposto, tamén na retórica da esquerda nacionalista, como se esforzou en
facer o BNG, con mellor ou peor fortuna, ao longo desta campaña e tamén nos
meses anteriores.
O certo é que para
a lexitimación das apostas, dos cambios de estratexia e mesmo dos
pinchacarneiros sempre se bota man da historia e dos “santos”.
Un deses exercicios
que a min me resultou particularmente rechamante foi a forma en que Anova e,
antes ca ela, a FPG e os asinantes da vella “Posición Soto” xustificaron a súa
aposta pola alianza electoral con Esquerda Unida, botando man da experiencia do
Frente Popular do 36, no que participara o Partido Galeguista. O discurso
proclamado é, en síntese, o seguinte: “estamos nunha situación de emerxencia,
de loita contra o fascismo, como acontecía en 1936 e, polo tanto, hoxe coma
daquela apostamos pola alianza electoral cun programa común entre o
nacionalismo e a esquerda estatal; iso é o que fixeron Castelao e Bóveda ergo
iso é o que nós debemos facer agora e facemos”.
A primeira vista o
argumento podería parecer cautivador e consistente. Porén se nos paramos
un pouco resulta moi discutíbel por non
dicir falacioso. E, claro está, detrás desa valoración agóchase algo de moito
maior alcance que un mero exercicio de retórica; de feito, aí reside en boa
medida a cuestión fulcral do nacionalismo moderno: a autoorganización. Vexamos
por que.
Deixando a un lado
agora a valoración de se a radicalización da dereita e a regresión democrática
auspiciada polo neoliberalismo na actualidade, baleirando de contido a
democracia por erosión da soberanía, pode ser realmente equiparábel aos
fascismos dos anos trinta, hai algúns feitos diferenciais entre o acontecido en
1936 e 2012 que obrigan a poñer en causa ese discurso lexitimador.
O primeiro feito
histórico é que naquel entón tratábase dunhas eleccións ao Congreso dos
Deputados da República Española. Non eran eleccións ao Parlamento de Galiza,
que na altura non existía, porque nin sequera fora aprobado o Estatuto. De feito,
o obxectivo primordial do Partido Galeguista naquela alianza era garantir o
apoio político para sacar adiante o Estatuto e iso pasaba, primeiro por
derrotar á dereita e segundo garantir que as esquerdas españolas –PSOE, IR, PC-
se comprometeran no seu apoio (sabendo que eran pouco proclives ao noso
estatuto).
Segundo, habida
conta do sistema electoral, esa era a única vía segura para colocar algúns
galeguistas no Congreso de Deputados da República, condición inescusábel para
ese mesmo obxectivo do Estatuto.
Terceiro, tamén
eran conscientes os galeguistas progresistas de que nesa altura compría
pararlle os pes á dereita fascista e abertamente antiautonomista que dominara o
bienio anterior e para iso había que acumular todas as forzas demócratas e
progresistas, que pivotaban ao redor do PSOE, Izquierda Republicana, PC. Compre
recordar que, non por acaso, en Cataluña o que se presentou foi o Front
D’Esquerras, nucleado arredor de ERC. Aquí, a debilidade do PG non permitía
outra cousa e, con criterio realista e responsábel, Castelao e Bóveda apostaron
por integrarse na Frente Popular.
Sen dúbida, é moi
difícil facer un paralelismo mimético entre aquela situación e a actual.
Para empezar, as
eleccións do 21-O foron eleccións ao Parlamento Galego, para a súa IX
lexislatura; polo tanto, o ámbito de xogo era exclusivamente galego e non
estatal. A pesares da hexemonía dos dous grandes partidos estatais, o certo é
que as institucións autonómicas xa teñen definido un espazo político propio e o
nacionalismo de esquerdas é un polo de referencia que determina moitos dos
debates.
Por outra parte,
non pode razonarse como se nese Parlamento non existise unha relevante presenza
do nacionalismo de esquerdas representado polo BNG, articulado como fronte e da
que formaba parte o Encontro Irmandiño até apenas 6 meses antes das eleccións.
Do que estamos falando, polo tanto, non é dunha estratexia para garantir a
presenza do nacionalismo de esquerdas senón da súa división.
De por parte –e
dito con todos os meus respectos- hai que botarlle bastante imaxinación para
ver a EU como encarnación do Frente Popular da república, tanto desde un punto
de vista cuantitativo como cualitativo. Até estas eleccións EU era unha forza
extraparlamentaria en Galiza, razón pola que non parecía que fose a alianza
capaz de frear de verdade a dereita radical representada polo PP e impedir a
súa continuidade no goberno. Como así se viu.
Desde logo, e máis
alá da maior ou menor simpatía que puidera espertar como interlocutor de
esquerdas en España ou para entenderse en moitos aspectos da política a nivel
estatal –como ven facendo o BNG no Congreso-, desde a perspectiva do proxecto
nacionalista unha alianza electoral dese tipo supón unha inflexión nunha liña
que levaba asentada no nacionalismo galego desde Castelao e Bóveda: o principio
de auto-organización. Nese sentido, é un retroceso político e ideolóxico
notábel. Máxime cando se trataba de enfrontar esa coalición a unha opción
nacionalista consolidada. E o retroceso pode ser de maior alcance no caso de que
despois do proceso electoral se encamiñase cara unha certa integración de
caracter orgánico ou estratéxico, como propugnan algunhas partes de Anova.
É lícito abeirar o
discurso nacionalista para incardinarse nun proxecto federal de esquerdas, como
tamén fixeron nos anos trinta algúns galeguistas que se incorporaron a
Federación Republicana Galega, a ORGA de Casares Quiroga ou Izquierda
Republicana. Eran tamén xente valiosa, que fixeron contribucións de primeira
orde ao noso país e tiveron algúns grandes responsabilidades no goberno da
República, pero está claro que non foi esa a opción de Castelao e Bóveda. Estes
pularon polo Partido Galeguista e sentaron as bases do nacionalismo moderno,
cuxo principio basilar é a autoorganización,
é dicir, a construción de organizacións políticas propias e independentes de
calquera subordinación ou federación allea. Autoorganización que, como é
lóxico, non exclúe a colaboración internacionalista senón todo o contrario;
aquela é a condición para estabelecer vínculos inter-nacionais.
Os posicionamentos
de Castelao e Bóveda son feitos da nosa historia que, sen dúbida, coñecen ben
Beiras, Ferrín e tantos outros amigos nacionalistas. O que xa resulta máis
sorprendente é a utilización reiterada dos nomes de Castelao e Bóveda para
lexitimar a actual alianza con Esquerda Unida. Ou quizás sexa a consciencia
desa “transgresión das liñas vermellas”
o que leva a reiterar os nomes de Castelao e Bóveda na procura de lexitimación.
A transgresión vai
empatar con outro argumento que pega na liña de flotación do nacionalismo. O
argumento é sabido: hai que unir a
esquerda contra o PP. Certamente a unidade neste momento é importante, pero
haberá que admitir que deberá empezar pola unidade do nacionalismo de esquerda.
Unidade orgánica, unidade de proxecto e unidade electoral. Logo, en función dos
resultados, habería que estar dispostos a alianzas de goberno con todas as
forzas progresistas para sacar adiante un goberno alternativo ao do PP. Agora
ben, lanzar por diante o eslogan da “unidade da esquerda contra o PP” como
argumento contra o nacionalismo de esquerdas é alimentar o prexuizo máis
sibilino e insidioso contra o nacionalismo. Para quen considera que Galiza é
unha nación, non pode aceptar o discurso de que o nacionalismo galego divide. O
que divide é a presenza de forzas estatais, competindo no espectro ideolóxico
no que existen forzas galegas –o mesmo cabe dicir no eido sindical. Reflexo e
consecuencia do feito de aquelas forzas estatais non aceptaren realmente o
caracter nacional de Galiza e o seu dereito de autoorganización (cousa que,
como se sabe, non acontece exactamente igual en Cataluña, por exemplo).
Outro fío
argumental utilizado con profusión nestes tempos consiste na referencia
–excesivamente mitificadora e acrítica- á experiencia grega de Syriza. Agora
ben, esa socorrida e discutíbel comparación coa Syriza grega choca cun feito
básico: Syriza é unha alternativa nacional nun país con Estado propio e sen
problemas nacionais no seu interior. Pola contra, no noso caso, trátase dunhas
eleccións nunha nación sen estado, nas que unha das patas da alianza é
xenuinamente galega e a outra é parte dunha forza estatal (EU-IU/PCG-PCE). De
haber algo parecido a un Syriza galego iso era o BNG, do que o Encontro
Irmandiño decidiu retirarse (por certo, disque por diferencias insalvábeis cun
partido comunista nacionalista para a continuación coaligarse cun partido
comunista estatal). Outra cousa ben diferente é que IU teña o proxecto de crear
algo asi como unha Syriza española (Izquierda Plural, non sempre moi
cooperativa) e quixeran empezar por conformar unha “Syriza autonómica”.
Situados máis
concretamente no escenario da crise política que vivimos na actualidade a
opción escollida por AGE tamén vai cargada de consecuencias. Como moi ben se
encargou de recalcar Beiras nestes tempos estamos diante da crise dun réxime,
do réxime que arranca da transición. Agora ben, non leva polo mesmo camiño
poñer o énfase na crise do réxime instaurado na transición coa monarquía
borbónica e unha democracia bipartidista que deturpa a vontade popular que
poñer o énfase na creba do modelo de estado das autonomías a man dun movemento
reaccionario recentralizador que obriga aos nacionalismos a abrir un proceso
constituinte de ruptura pola vía da soberanía e a independencia. Posto en
termos gráficos e maximalistas, entre a loita por unha república española e a
loita por unha república galega, o nacionalismo galego non debera ter dúbidas
de cal é o eixo prioritario. Iso si, resulta difícil imaxinar a EU embarcada
neste último polo, ou non?
Todos estes
vectores da contradicción definen o pano de fondo dun debate dentro do
nacionalismo e o independentismo que compre obxectivar máis alá das leas e
trafulcas superficiais ou episódicas. Isto é particularmente importante cando o
que empezou sendo unha “alianza técnica para unhas eleccións” acaba
plantexándose como “unha alianza permanente” para facer unha “oposición
cohesionada” e, para algúns, mesmo o primeiro paso para unha Frente Ampla.
Unha cousa é
respectar e mesmo defender o dereito de autodeterminación e outra ben distinta
é ter como obxectivo levantar a conciencia nacional até construír un estado
propio. Isto último implica darse como obxectivo central da acción política
contribuír activamente a ese proceso,
sabendo que este nunca é espontáneo nin moito menos. Polo contrario, é abondo
traballoso, como todo o que vai contracorrente.
Polo tanto, dun
ponto de vista nacionalista e, particularmente, dado o marco da convocatoria,
resulta difícil de comprender esa alianza e máis difícil aínda admitir que
poida resultar positiva para o avance do proxecto nacionalista de esquerdas. En
todo caso, máis alá da gravidade desta confrontación electoral e das súas
consecuencias inmediatas, o máis importante é que a partición do campo nacionalista
non acabe cristalizando nun reforzamento orgánico do polo estatalista ou, o que
é o mesmo, nun enfeblecemento orgánico do polo nacionalista (de esquerdas,
porque é o único que hai). Por iso, o reagrupamento do nacionalismo de
esquerdas debería ser a prioridade absoluta. E para esa tarefa si que
poderiamos citar o exemplo de Castelao e Bóveda. Prioridade urxente, entre
outras cousas, para evitarmos que Galiza quede abeirada no debate aberto para a
redefinición do mapa das nacións ibéricas e europeas.
(Publicado en Sermos Galiza, 1.11.2012)
terça-feira, 23 de outubro de 2012
Na hora de refundar para unir
O resultado das
eleccións do 21-O devólvenos unha desazonadora realidade. Unha sociedade galega
divida en dúas metades no eixo dereita conservadora/esquerda-progresista no que
a dereita segue a contar co respaldo da maioría, a pesar de toda a agresividade
do seu proxecto actual. Por poucos votos populares, en cantidade minguante e
con pouco entusiasmo, pero respaldo ao fin e ao cabo.
Agora ben, non cabe
deducir dos resultados, como fai a dereita, que os galegos respaldaron as
políticas de radicalización neoliberal de Feijóo e Rajoy: en realidade o PP
perdeu 135.000 votantes, un 17% menos que en 2009. O que ocorre é que o PSOE
perdeu moitos máis: 231.000 (44%) e o BNG 125.000, que non foron compensados
polos 200.000 de AGE. Feitas as contas mesmo cabería dicir que 366.000
electores (27,8%) abandonaron ao PP e PSOE en boa medida como respostas ás
políticas de recortes que estes dous partidos practicaron desde 2009 para acá.
O PP paga asi a nefasta política de Feijóo -e a de Rajoy no último ano- e o
PSOE segue pagando a desastrosa política da última lexislatura de Zapatero (a
iso compriría engadir a deriva Rubalcaba e a grave división interna en
Galicia).
Dito iso, o máis
grave e precupante desde o punto de vista do nacionalismo é o que ocorre cando
nos fixamos no eixo forzas nacionalistas/forzas estatais. Estas eleccións
devólvennos unha imaxe na que o nacionalismo perde peso de xeito notable, até
rozar o limiar de perda do caracter de forza determinante no país. Mesmo
sumando tamén os catro deputados de Anova, o peso do nacionalismo no actual
Parlamento vai ser o menor dos últimos vinte anos. O BNG perdeu 125.000 votos
(46%) a respeito de 2009 e perdeu 166.000 (53%) a respeito de 2005 (o que non
anda moi lonxe dos 200.000 de AGE).
Ao meu ver esa
perda de votos do BNG derivan case integramente da división prolongada nas súas
filas e das dúas escisións do último ano, en especial, da capitaneada por
Beiras. Non creo que a causa do declive estivera, en termos xerais, na liña
política e na resposta social á crise, na que aportou propostas alternativas
ben trabadas e valentes; nese eido creo que o BNG e o nacionalismo sindical
gañaronse un recoñecimento como baluarte fronte ás políticas de recortes e
tamén na resposta ás políticas de laminación do autogoberno. En claro contraste
coa tardanza e timoratismo da resposta ás políticas de Zapatero por parte de
CCOO, UGT e EU/IU. Outra cousa é que os resultados poidan evidenciar que o
“hiper-activismo” non cotizou especialmente no momento das eleccións.
Polo tanto, as
causas do devalo hai que buscalas noutros factores. Deixando a un lado os de
carácter subxectivo, que sen dúbida tiveron o seu peso, creo que hai dous de
orde política externa e un interno que son cruciais. No externo creo que o BNG
interpretou ben as causas e as repostas á crise económica pero interpretou con
poucos reflexos a crise política, en particular o problema da desafección cara
a política institucional e cara os partidos, especialmente entre a xente nova,
pero tamén no conxunto da sociedade. Niso compre admitir que Beiras tivo máis
intuición e máis reflexos para captar o que de sinal había no movemento dos
15-M e na súa conexión co espirito pre-político da sociedade –latente e
habelenciosamente animado polo rampante antipoliticismo auspiciado pola extrema
dereita mediatica. Outros tamén captamos o sinal pero confiamos en que
sensibilizando e animando a organización por dentro se podería reaccionar e, de
feito, algo diso ocorreu pero só parcialmente e devagariño. O certo é que sen
conectar coa mocedade para incardinala nun proxecto ilusionante calquera
proxecto acaba esmorecendo.
O segundo factor
externo é que a dereita política e mediatica nunca desaproveita as debilidades
dos adversarios: a división interna foi habelenciosamente manexada para
debilitar ao BNG e, sobre todo, denigrar a súa imaxe. A importancia dese factor
non pode ser ignorada á hora de explicar como se pasou, por exemplo, dunhas
enquisas na primeira semana de campaña nas que o BNG mantiña máis ou menos as
posicións anteriores (12 escanos) a un resultado final de 7. Non o digo como
ladaíña exculpatoria senón xustamente naquilo que ten de feito real e digno de
análise sociolóxica e comunicacional. Sen unha axeitada cobertura mediatica ese
tipo de fenómenos non son posíbeis, do mesmo xeito que non se crean só con
esforzo mediatico. En todo caso, isto non é nada novo e non cabía esperar que
fose doutro xeito.
Polo tanto, ao
final as verdadeiras causas hai que buscalas alí onde é posíbel incidir, é
dicir, dentro da organización e, en particular, en como se xestou o proceso de
escisións e tamén na capacidade para adaptarse ao novo escenario que creaba a
concurrencia delas no panorama electoral. Non é este o momento e o lugar para
entrar en profundidades e detalles pero parece claro que o modelo organizativo
do BNG, pensado para unir organizacións políticas diferentes, acabou na
práctica reforzando a dinámica fragmentadora e disgregadora. Foi esa unha
dinámica na que seguramente non hai culpábeis exclusivos pero si
responsabilidades compartidas, acumuladas sobre a base dunha estrutura interna
que favorece a confrontación e o ensimismamento. Cando a propia estrutura
impele a iso de pouco valen os sacrificios puntuais a prol da unidade e iso
debe ser motivo de reflexión para conxurar eventuais procesos dese cariz de
cara ao futuro.
O que non cabe
dúbida é que, xa na traca final, Beiras fixo uso de toda a súa avenza de
intelixencia, habilidades, experiencia e capital social acumulado durante a súa
longa traxectoria como cartel do BNG para atraer un numerosísimo caudal de
votantes do propio BNG e do PSOE, xunto con algúns abstencionistas, que
acabaron dando lugar a un auténtico e sorprendente fenómeno electoral. Non só
entre a mocedade senón tamén noutros tramos de idade. Con particular éxito nas
zonas urbanas, pero sen esquecer a significativa capacidade de arrastre en
todos os concellos do país.
É un fenómeno que
ten moito de proceso psico-social pero tamén se beneficiou do feito de
enfrontarse a liderados febles como o de Pachi Vázquez ou liderados aínda
emerxentes como o de Jorquera, que era a primeira vez que protagonizaba unha
campaña electoral e tiña un nivel coñecemento por parte do electorado
inicialmente baixo.
A cuestión crucial
que se plantexa agora non é tanto a dixestión dun batacazo inesperado por parte
do BNG ou a dixestión inmediata dun éxito inesperado da coalición
Anova-Esquerda Unida, senón que estratexia seguir para levar adiante o proxecto
nacionalista e de esquerdas neste país. Pensando no medio e longo prazo. Nese
sentido, cabe preguntarse se é posíbel un proceso de confluenencia e
refundación a curto prazo ou se haberá que vivir un longo proceso de
competencia fraticida e desgaste como nos oitenta. Eís a cuestión que a min
máis me preocupa.
Non sei cal será o
destino que van seguir os cinco deputados de EU e os 4 de Anova que entran no
Parlamento con Beiras; non sei en definitiva cal poida ser o sentido que Beiras
e Anova lle queiran imprimir á súa presencia no Parlamento e que tipo de proxecto
político aspiran a pular de cara ao futuro –en particular á vista do rápido
cambio entre a proclama inicial dunha “alianza puramente técnica para ir a
unhas eleccións” ao máis recente anuncio de que se trata dunha “alianza para
permanecer”. Pero si teño claro que algúns desexariamos que ese proxecto
confluira co do BNG, para reunificar o nacionalismo de esquerdas, a súa
militancia e o seu electorado. E tamén temos claro que para iso todos temos que
repensar criticamente o pasado e pensar conxuntamente o futuro. Hoxe por hoxe,
e máis alá dos resultados electorais, o BNG ten unha estrutura asentada nos diferentes ámbitos da sociedade que o
converte en peza clave dese proxecto. Pero tamén é certo que para desempeñar un
bo papel nese proceso precisa reconsiderar moitos aspectos da súa organización
e cultura orgánica; e tamén repensar, máis unha vez, o seu relacionamento cos
movementos sociais, coa sociedade no seu conxunto e, porque non dicilo, coas
demais organizacións nacionalistas e da esquerda en Europa.
(Publicado en Sermos Galiza, 23.10.2012)
sábado, 20 de outubro de 2012
Na hora de xuntar para gañar
Moita xente
comprometida na batalla contra a ofensiva de radicalización neoliberal vive con
auténtica vertixe a espera do incerto desenlace das eleccións do 21-O. Tanto
polas consecuencias prácticas inmediatas como polo que pode significar no plano
político-ideolóxico. Un eventual trunfo do PP que revalidase por maioría
absoluta un goberno que foi pioneiro no ensaio da estratexia de radicalización
da dereita española ao calor da crise significaría a validación desa
estratexia. Porque non debemos esquecer que Núñez Feijóo (xunto con Aguirre en
Madrid) foi o primeiro en ensaiar a política de “austeridade” e recortes
sesgados até estrangular a economía produtiva e foi tamén o que primeiro se
apuntou ao discurso -e práctica- acirradamente
neocentralista, con ataques aos nosos sinais de identidade e con proclamas
–unhas veces implícitas e outras explícitas- contra o autogoberno e a favor da
recentralización, devolución de competencias e “reunificación do mercado
nacional”. Por que niso leva razón leva razón Feijóo cando reivindica que el
foi o “primeiro”, pari pasu con
Esperanza Aguirre, con quen, sen dúbida, comparte credo en maior medida que co
propio Rajoy. O significado político-ideolóxico dunha reválida nas urnas dese
programa ultraliberal e neocentralista sería, certamente, de alcance. Coa
agravante de ter sido, ademais, un goberno manifestamente incompetente, con
conselleiros mediocres e sen iniciativas para impulsar a economía do país.
Por iso, a moita
xente que non estamos tan preocupados pola intrahistoria e as entretelas das
organizacións como pola correlación de forzas na sociedade e nas institucións, preocúpanos
antes que ningunha outra cousa que poida outorgarse esa reválida. E o que máis
incomoda -e desespera- é que tal desenlace poida producirse non tanto porque a
maioría da poboación realmente o referende como porque o irresponsábel xogo das
forzas de oposición llo poña en bandexa, especialmente coa súa fragmentación.
Todo parece ter
acontecido como se o balbordo da crise económica e política disparase o
desconcerto e abrise a caixa de pandora das espectativas desmesuradas e das
frustracións mal dixeridas. Parece que se tiveran disparado as oportunidades
para todas as singularidades. Como ocorre case sempre na esquerda, os momentos
de crise crean a ilusión de que calquera cousa é posíbel e enseguida agroman as
sete escolas, cos seus misterios e os seus sacerdotes. Ninguén parece estar
disposto a perder a oportunidade de fundar unha escola. En fronte, a pragmática
dereita deleitase co espectáculo e mesmo pode ofrecerse a organizar os xogos
florais e os torneos para que cada escola e cada sacerdote teña o seu minuto de
gloria. Entre tanto o monopolio político da dereita pode capear a máis nefasta xestión
e administrar en beneficio propio as turbulencias até situar a nave no punto
que lle interesa.
Nese sentido, sería
unha mágoa que as irresponsabilidades dispersas nos núcleos dirixentes quer da
esquerda estatal quer do nacionalismo puideran acabar desembocando nunha carta
branca para que a dereita máis reaccionaria e centralista puidese envolver
Galiza na bandeira española coma se fose un adorno para o cocido madrileño no
que queren converter o estado das autonomías, descontando, claro está, as xa irredutíbeis
e perdidas nacións catalá e vasca.
Si, co dramatismo xusto,
compre dicir que neste lance Galiza xógase ao mesmo tempo dúas cousas vitais:
unha saída progresista á crise do neoliberalismo e a preservación e
profundización do seu autogoberno. Non digamos xa as posibilidades de pensar a
nosa soberanía ou a nosa independencia. Cun Núñez Feijóo empeñado non só en ser
un disciplinado conxurado da ultracentralista política do PP español senón tamén
en crecerse no seu papel de ariete contra os nacionalismos catalán e vasco, non
é difícil entrever cal vai ser a deriva do xa cativo e mermado autogoberno
galego.
Por iso, cáusame
mágoa e mesmo certo desasosego ver a moitos amigos e compañeiros nacionalistas
afanados en ver se poden recadar uns centos de votos máis ou menos, mesmo
sabendo que non van sacar ningún representante, cando menos nalgunhas das
circunscricións. Cómpre erguer a mirada e ver que do que se trata, amigos, non é
diso. Sacar uns votos máis ou menos pero sen representación é absolutamente
irrelevante, sobre todo se somos –ou foramos- conscientes da fondura e
radicalidade do proxecto do PP nesta altura. Dito con claridade, o que
realmente conta é que a dereita non continúe co controle do goberno, coa
ocupación da Xunta de Galicia. O resto, con todos os meus respectos, arderá na
fogueira das vaidades.
Se todos os
dirixentes do nacionalismo e da esquerda estiveran á altura do desafío que nos coloca
o PP neste lance, farían un alto no seu camiño, farían un balance cru das
posibilidades e opcións reais que están enriba da mesa e farían un chamado aos
seus seguidores a concentrar o voto naquelas opcións con posibilidades reais de
obter representación. Circunscrición por circunscrición.
Aquí non pasa como
noutros países, coma Francia, nos que hai segunda volta. Aquí hai que
anticipala.
Se non o fan os
dirixentes e candidatos, farano en moitos casos os electores pola súa conta. Iso
é seguro. Pero outros miles de votos irán estragarse na irrelevancia e o gran
monopolio da dereita será o directamente beneficiario en todos os casos. Como
país, como nación, como esquerda, perderemos todos. Tamén perderán os grupos en
cuestión, cuxo futuro nun escenario como o previsíbel terá ben pouco
percorrido.
Se houber un
destello de brillantez, valentía e xenerosidade, cando menos agora, gañaría a
nación e gañaría a esquerda. Tamén os grupos en cuestión.
Se non for así sempre
queda confiar na sabedoría do elector, preocupado polo proxecto, polo sentido
da corrente e non polos remuíños.
(publicado en Praza Pública o 18.10.2012)
(publicado en Praza Pública o 18.10.2012)
sexta-feira, 12 de outubro de 2012
Datos contra mentiras (III)
A realidade é teimuda pero a dereita aínda o é máis na súa vontade de anubar a realidade e o horizonte. Por iso, cando a mentira máis grosa non poden sostela entón enxergan a consabida estratexia de tapar as miserias propias consolándose coas miserias doutros. Se a nosa situación non pode agacharse entón a saída é aquilo de "e outros peor".
No caso do paro a estratexia de Feijóo e as dúcias e dúcias de mercenarios acaba sendo aquilo de "vale, temos moito paro pero a culpa é da crise e en Galicia temos menos que no resto das CCAA".
Diante de tal escapismo non cabe máis que poñer a esa dereita diante das súas verdadeiras responsabilidades. Deixémolo claro cando menos con dous feitos incontrovertíbeis:
b. o paro en Galiza aumentou desde o I trimestre do 2009 ao II trimestre de 2012 (os datos da última EPA do INE) un 70% e na media española aumentou un 41,9%, que xa lle chega. Só nas provincias da Rioxa e Asturias aumentou máis que na Galiza. Esa enorme diferencia entre un 70% e un 41,9% é o que Feijóo debería admitir e explicar.Tamén o emprego caeu moito maior ritmo que as demais (-11,5% contra -8,8%): os terceiros con peores datos por destrución de emprego. Esas son as realidades que Feijóo nos deixa en herdo e debería explicar, non ocultalas con insultos á intelixencia.
E, de paso, que explique non só porque aumentou o paro a ese ritmo senón porqué os nosos mozos, moitos deles licenciados e doutores, deixan as listas do paro para irse a Londres, Edinburg, Berlín, México ou Madrid e Barcelona.
E, de paso, que explique non só porque aumentou o paro a ese ritmo senón porqué os nosos mozos, moitos deles licenciados e doutores, deixan as listas do paro para irse a Londres, Edinburg, Berlín, México ou Madrid e Barcelona.
quinta-feira, 11 de outubro de 2012
Datos contra mentiras (II)
Por se alguén tivera algunha dúbida da evolución real da economía das familias galegas no periodo Feijóo (graf. primeiro) ou a valoración que esas familias fan da situación económica xeral do noso país e das perspectivas do paro (gráf. segundo) velaí van estes dous gráficos. Estan tirados directamente do informe feito público esta mesma mañán (11.10.2012) polo IGE (instituto Galego de Estatística).
Son bastante intuitivos e fáciles de entender. O ICC (Indice de Confianza do Consumidor) é a síntese dos outros catro e todos poden oscilar entre -100 e +100. Como pode verse as valoracións son moi-moi negativas en todo o período pero, curiosamente, no último ano todos os compoñentes revelan un desplome, cun deterioro extremo das perspectivas económicas tanto persoais e como xerais. Índices que que alcanzan valores de -30, -40, -50 ou -60 só poden ser calificados como de valoración "catastrófica".
Supoño que para Feijóo este desplome non ten nada que ver coa súa xestión nin tampouco coa de Rajoy.
Menos mal que o IGE é un organismo dependente da Xunta de Galicia e que non se atreverá a dicirlle que mente ou esaxera. ¿Ou será que os galegos se confabulan para afearlle a conducta e deslucirlle a súa impecábel xestión?
Datos contra mentiras
Pode parecer surrealista pero vivimos momentos en que a estratexia do poder é impedir un diagnóstico minimamente veraz da realidade "real". Xa non basta cun masivo labor de adoutrinamento ou unha interpretación interesada da realidade, facendo uso e abuso de todos os medios escritos e audiovisuais. Xa non chega coas medias verdades ou as esaxeracións. Non, compre ir un chanzo máis alá na estratexia de distorsión e neutralización da capacidade crítica da cidadanía. Para iso todas as armas son socorridas: a inversión da linguaxe e a destrución do significado das palabras (os recortes son axustes, os estrangulamentos dos países son rescates, os rescates son liñas de crédito, as crebas son concursos de acredores, as participacións preferentes son as primeiras en soportar perdas, a emigración son oportunidades de formación e descubrir mundo, a racionaliación do estado é a centralización, o bilinguismo harmónico ou cordial é a expulsión progresiva da lingua non estatal, a liberdade é que o poder non sexa importunado, a liberdade de opinión é que os poderosos propietarios dos medios poidan dicir o que lles peta e interesa, as guerras son intervencións humanitarias, etc etc).
A outra arma é o destrozo das cifras. Aproveitando da aura de certeza que aínda inspiran os números ponse en marcha a estratexia de manipulación numérica, até alcanzar a propia destrución da credibilidade que aínda podian inspirar as cifras. Non é que se interpreten dun xeito ou doutro, é que literalmente se manipulan e se lanzan cifras falsas á cidadanía sen que ninguén as corrobore ou audite, labor que deberían cumprir uns medios realmente informativos. Un dos exemplo rechamantes -certamente non o único nin moito menos- é o manexo do sr. Feijóo das cifras de paro. Repite día si e día tamén -e os medios difunden as súa verbas- que o emprego caeu máis na época do bipartito que nos tres anos do seu mandato e o paro aumentou máis. Máis aínda, seguindo o manual de todos os mentiráns, a dereita toda trata de neutralizar unha eventual e merecida acusación de mentira botando por diante a acusación de que calquera que os contradiga é un mentireiro.
Certamente a mentira existe desde que existe a linguaxe, como di Ignacio Mendiola no seu Elogio de la mentira. Tamén é certo que sempre foi parte inseparábel do exercicio do poder, pero creo percibir que nunca foi tan evidente o uso da arma da mentira como ferramenta para dominar a sociedade como na actualidade. O mundo da información é cada vez menos o mundo da verdade e cada vez máis o mundo da mentira como sistema. Feijóo é, sen dúbida, un avanzado dese mundo onde os trileiros deixaron de ocupar furtivamente as esquinas das rúas nos días de feira e pasaron a tomar os palacios do poder. Os adestradores de comunicación da dereita difunden con profesionalidade o oficio para copar todos os platós. Esa é a principal corrupción, a bomba de reloxaría e principal motivo de distanciamento entre a cidadanía e a "política", a política do poder.
Pode parecer banal ou pueril pero considero que non é posible unha democracia se o poder non está seriamente sometido a unha obriga real de verdade e transparencia. Ese tipo de mentiras reiteradas e sistemáticas con ánimo de enganar á cidadanía deberían ser motivo de escarnio público e mesmo habería que dicir que cando son proferidas sistematicamente por unha autoridade pública debería estar penado como falta ou prevaricación, porque transmitir información falsa a sabendas de que o é -e con reiteración- non só constitue unha demostración de ausencia de ética como gobernante senón que esa transmisión de información por unha autoridade pública, en calidade de tal, é un acto de goberno coma calquera outro con importantes repercusións na vida dos cidadáns.
A espera de que o deber de respecto á verdade sexa unha obriga legal dun gobernante democrático, só nos queda poñelo en evidencia e declarar o profundo desprecio que tais comportamentos.
Velaí van os datos de emprego e paro en Galiza desde 2005 a 2012 que ofrece o INE na súa páxina web e tamén os datos de afiliados á Seguridade Social que ofrece o Ministerio de Traballo.
Á vista dos datos sobran os comentarios
sábado, 6 de outubro de 2012
Banca Pública Galega, piar dun novo modelo
A proposta de banca
pública galega que hoxe formula o BNG nace como resposta ao fracaso de Núñez
Feijóo no manexo da crise das caixas e a súa submisión á estratexia de
desmantelamento das mesmas emprendida polo PSOE e o PP centrais, seguindo as
consignas da gran banca española e do seu brazo executor que é o Banco de
España. A propia crise de liquidez e de solvencia das caixas deriva da
combinación letal duns xestores que a partir dun certo momento adoptaron un
modelo de negocio idéntico ao da banca privada virada cara a especulación
financeira e dun irresponsábel descontrol por parte da Xunta de Galiza e do
Banco de España, que lles permitiron unha irresponsábel e temeraria política de
endebedamento no exterior e investimento especulativo inmobiliario nas zonas
máis desbocadas do levante e centro españois. Por máis que eses directivos
actuaron cegados por unha desmesurada ambición persoal e cun abuso de poder á
hora de fixar as súas remuneracións inmorais, o certo é que ocorrido non se
explica por razóns de carácter subxectivo senón polo fracaso dun modelo de
banca que se foi impoñendo nas tres últimas décadas e que nos últimos quince
anos contaminou e minou de xeito mortal ás propias caixas de aforros.
Subscrever:
Mensagens (Atom)



