A proposta de banca
pública galega que hoxe formula o BNG nace como resposta ao fracaso de Núñez
Feijóo no manexo da crise das caixas e a súa submisión á estratexia de
desmantelamento das mesmas emprendida polo PSOE e o PP centrais, seguindo as
consignas da gran banca española e do seu brazo executor que é o Banco de
España. A propia crise de liquidez e de solvencia das caixas deriva da
combinación letal duns xestores que a partir dun certo momento adoptaron un
modelo de negocio idéntico ao da banca privada virada cara a especulación
financeira e dun irresponsábel descontrol por parte da Xunta de Galiza e do
Banco de España, que lles permitiron unha irresponsábel e temeraria política de
endebedamento no exterior e investimento especulativo inmobiliario nas zonas
máis desbocadas do levante e centro españois. Por máis que eses directivos
actuaron cegados por unha desmesurada ambición persoal e cun abuso de poder á
hora de fixar as súas remuneracións inmorais, o certo é que ocorrido non se
explica por razóns de carácter subxectivo senón polo fracaso dun modelo de
banca que se foi impoñendo nas tres últimas décadas e que nos últimos quince
anos contaminou e minou de xeito mortal ás propias caixas de aforros.
Agora xa sabemos
que a fusión foi unha trampa mortal que agrandou o tamaño dos problemas e fixo
máis difícil e costoso calquera estratexia de quedármonos cando menos con unha
das caixas que tiñamos hai tan só dous anos. Os erros teñen consecuencias e
queda claro que a filosofía pedestre de “burro grande ande ou non ande” non é
unha gran consigna.
O caso é que este
espolio final da Novacaixa-banco é o feito económico-financeiro máis importante
das últimas décadas e polo alcance das súas consecuencias podemos afirmar que é
dos feitos máis relevantes no eido político. Este feito pode facerse
irreversible, a menos que a Xunta de Galicia e outras institucións dean os
pasos necesarios para negociar co Banco de España unha estratexia de futuro que
evite a súa entrega a prezo de saldo a fondos privados. Porque non debe
ignorarse o feito esencial que a descomunal inxección de recursos públicos nas
caixas (que pode alcanzar a cifra de 9.000 millóns de euros no caso de NGB)
deriva non só da súa situación financeira inicial senón da decisión de bancarizalas
e, polo tanto, da necesidade de dotalas dun volume de capital propio (core
capital) que alcance o 10% dos activos ponderados polo risco, cousa que se fai
cuns criterios que tamén se mudaron ex profeso. En todo caso, unha vez que se
deu o paso da nacionalización, con infravaloración do capital propio, a única
saída respetuosa cos intereses de Galicia e dos contribuintes é que o novo
banco siga sendo indefinidamente público pero onde a representación pública
sexa asumida nunha porporción maioritaria por representantes designados polos
poderes públicos de Galicia -¿ou nós non contribuimos ao FROB?-. Non só da
Xunta senón dunha representación máis ampla dos intereses do país. Non para ser
unha correa de transmisión directa dos dictados do poder político de cada
momento senón para garantir un exercicio profesional independente que responda
aos intereses máis xerais da sociedade.
A ausencia de pasos
nesta dirección por parte da Xunta de Núñez Feijóo revela a súa aceptación dun
desenlace fatal, evidenciando unha pasividade e entreguismo que marcará a fogo
esta lexislatura. Pero o máis grave e transcendental é que todo iso mudará de
xeito substancial as potencialidades do desenvolvemento do país no futuro e a
capacidade das institucións de autogoberno para impulsor e orientar ese
desenvolvemento.
O problema é que
sen un tipo de entidades financeiras vencelladas ao territorio e cunha lóxica
de servizo e apoio á economía produtiva non hai desenvolvemento económico
posíbel. Por iso, despois do que pasou a única opción realista para que a nosa
economía produtiva poida ter fol financeiro é erguer un novo instrumento como é
a banca pública; necesariamente galega se queremos que estea ao servizo do noso
país.
Polo tanto, a
proposta dunha banca pública para Galiza nace dun diagnóstico da natureza da
actual crise financeira e do fracaso dun modelo de banca virada cara a
especulación; da análise das dificultades estruturais para o financiar o
investimento nunha economía periférica e da análise da experiencia da banca
pública europea e mundial. E vai de fronte contra o entreguismo irresponsábel
de Núñez Feijóo e do PP e PSOE que acatan cegamente as imposicións da gran
banca española e europea.
A proposta de banca
pública galega é un piar básico e imprescindíbel para calquera estratexia
sólida e críbel para o desenvolvemento da nosa economía produtiva e, polo
tanto, para a creación de emprego e riqueza. Efectivamente, a crise actual
certifica o fracaso dunha economía finanzarizada, na que a maior rendibilidade
está no negocio veloz e especulativo nos mercados globais, abandonando o
investimento produtivo de longo prazo como fonte primordial de beneficios. A
desregulación convérteos na vía máis lucrativa: beneficios máis rápidos,
recursos máis líquidos e con mellor tratamento fiscal. A banca privada e os
fondos convertéronse no vehículo que desvía os aforros do país cara ese
investimento especulativo, minguando os recursos orientados ao investimento
produtivo. Isto levou á erosión continua da industria e dos sectores primarios
en moitos países -como é o caso da periferia europea- e, finalmente, levounos á
profunda crise actual.
A BPG responde á
necesidade de romper ese círculo vicioso do colapso do crédito ao que ten
conducido o actual modelo de banca. Sería erro descomunal rescatala para manter
o mesmo modelo fracaso.
A banca pública,
tal e como a formula o BNG, ten que servir para cubrir as necesidades de
crédito das pequenas empresas, das medianas, dos autónomos, do labregos, dos
mariñeiros e das familias, creando as bases para un modelo económico
alternativo ao neoliberal. Unha economía produtiva creadora do emprego e de
benestar. O verdadeiro problema do país antes da crise, durante e despois da
crise é e será a perda de tecido produtivo. Frear ese proceso e inverter a
tendencia require mudar algunhas regras de xogo básicas, no comercio
internacional, na UE e tamén no sistema financeiro, tanto na súa regulación
como no tipo de entidades. O que está máis claramente ao noso alcance é isto
último. Galiza pode crear unha banca pública que se converta en motor do
desenvolvemento do país, crear emprego e xerar recursos suficientes para uns
servizos públicos avanzados.
A experiencia dos
países máis dinámicos do mundo mostra a importancia da banca pública para
soster a súa fortaleza industrial e a súa competitividade. Os países líderes da
UE téñena: Alemaña ten unha rede de máis de 400 entidades dese tipo; tamén
Franza, Austria e Bélxica. Mesmo Suíza ou Noruega. En todos os emerxentes
-China, India, Sudáfrica, Brasil- representa unha alta porcentaxe do seu
sistema financeiro. En definitiva, os que teñen banca pública, teñen industria.
Pero, en realidade,
a proposta de banca pública ten un alcance que vai moito máis aló de crear unha
entidade financeira nova. A banca pública é unha peza máis no camiño da
desglobalización. Polo seu ámbito de actuación, obxectivos e regras é unha vía
para territorializar o aforro e, polo tanto, romper a dependencia absoluta da
globalización financeira, tanto para a economía produtiva como para o sector
público. En definitiva, é un instrumento de reforzamento da nosa capacidade
económica, do noso poder de decisión e, polo tanto, unha peza clave para
gañarmos soberanía. Para facermos país.
Tamén é unha
alternativa ética para os aforradores. Os clientes hoxe son reféns obrigados a
aceptar condicións leoninas nos contratos, comisións elevadísimas por todo e
vense obrigados a vivir na desconfianza provocada polas estratexias
depredadoras para colocarlles produtos de risco de todo tipo que acaban sendo
verdadeiras estafas, como a das “preferentes”, “débeda subordinada” e que
seguirán con “pagarés” e outros semellantes. Unha banca pública ética é unha
alternativa de confianza e, ademais, por simple competencia e regulación,
obrigará ao resto dos bancos a mudar o seu comportamento.
Fronte aos pobres
argumentos da dereita e dos seus propagandistas, a BPG é unha resposta legal
–tanto a nivel español como europeo- e factíbel á crise, un medio para saír da
crise, unha forma responsable de resolver o problema actual de NGB e, sobre
todo, un instrumento de futuro para unha economía produtiva e innovadora.
Por desgraza,
Galiza afrontou todo este trance gobernada por un partido de obediencia
estatal, coa menor autoestima de todos os habidos desde o implantación da
autonomía e supeditando os intereses do país á estratexia do PP estatal para
chegar á Moncloa, o que resulta incompatible con contrariar os sagrados ditados
da gran banca e o verdadeiro poder financeiro e mediático. É unha aposta que
sacrifica o país e o empresariado do país, pero esas son as prioridades do PP neste
momento. E aínda tería un arranxo se o país –e o seu empresariado- sacase deste
crucial acontecemento leccións de cara ao futuro. Como en tantos outros
momentos, Cataluña e o País Vasco mostran co seu singular desenlace –manteñen
en boa medida as súas caixas con obra social- que a economía e a conciencia
nacional son as dúas follas da tesoira imprescindibles para cortar o bacallau
nun estado cunha irrefrenable vontade centralizadora e un poder financeiro
insaciábel que asfixia a economía produtiva. O 21-O temos a ocasión para
demostrar que aprendemos a lección.
(Artigo publicado en Tempos Novos, setembro 2012, dentro do monográfico "A herdanza de Feijóo: o gobernante chega espido")
Sem comentários:
Enviar um comentário