terça-feira, 23 de outubro de 2012

Na hora de refundar para unir


O resultado das eleccións do 21-O devólvenos unha desazonadora realidade. Unha sociedade galega divida en dúas metades no eixo dereita conservadora/esquerda-progresista no que a dereita segue a contar co respaldo da maioría, a pesar de toda a agresividade do seu proxecto actual. Por poucos votos populares, en cantidade minguante e con pouco entusiasmo, pero respaldo ao fin e ao cabo.
Agora ben, non cabe deducir dos resultados, como fai a dereita, que os galegos respaldaron as políticas de radicalización neoliberal de Feijóo e Rajoy: en realidade o PP perdeu 135.000 votantes, un 17% menos que en 2009. O que ocorre é que o PSOE perdeu moitos máis: 231.000 (44%) e o BNG 125.000, que non foron compensados polos 200.000 de AGE. Feitas as contas mesmo cabería dicir que 366.000 electores (27,8%) abandonaron ao PP e PSOE en boa medida como respostas ás políticas de recortes que estes dous partidos practicaron desde 2009 para acá. O PP paga asi a nefasta política de Feijóo -e a de Rajoy no último ano- e o PSOE segue pagando a desastrosa política da última lexislatura de Zapatero (a iso compriría engadir a deriva Rubalcaba e a grave división interna en Galicia).
Dito iso, o máis grave e precupante desde o punto de vista do nacionalismo é o que ocorre cando nos fixamos no eixo forzas nacionalistas/forzas estatais. Estas eleccións devólvennos unha imaxe na que o nacionalismo perde peso de xeito notable, até rozar o limiar de perda do caracter de forza determinante no país. Mesmo sumando tamén os catro deputados de Anova, o peso do nacionalismo no actual Parlamento vai ser o menor dos últimos vinte anos. O BNG perdeu 125.000 votos (46%) a respeito de 2009 e perdeu 166.000 (53%) a respeito de 2005 (o que non anda moi lonxe dos 200.000 de AGE).
Ao meu ver esa perda de votos do BNG derivan case integramente da división prolongada nas súas filas e das dúas escisións do último ano, en especial, da capitaneada por Beiras. Non creo que a causa do declive estivera, en termos xerais, na liña política e na resposta social á crise, na que aportou propostas alternativas ben trabadas e valentes; nese eido creo que o BNG e o nacionalismo sindical gañaronse un recoñecimento como baluarte fronte ás políticas de recortes e tamén na resposta ás políticas de laminación do autogoberno. En claro contraste coa tardanza e timoratismo da resposta ás políticas de Zapatero por parte de CCOO, UGT e EU/IU. Outra cousa é que os resultados poidan evidenciar que o “hiper-activismo” non cotizou especialmente no momento das eleccións.
Polo tanto, as causas do devalo hai que buscalas noutros factores. Deixando a un lado os de carácter subxectivo, que sen dúbida tiveron o seu peso, creo que hai dous de orde política externa e un interno que son cruciais. No externo creo que o BNG interpretou ben as causas e as repostas á crise económica pero interpretou con poucos reflexos a crise política, en particular o problema da desafección cara a política institucional e cara os partidos, especialmente entre a xente nova, pero tamén no conxunto da sociedade. Niso compre admitir que Beiras tivo máis intuición e máis reflexos para captar o que de sinal había no movemento dos 15-M e na súa conexión co espirito pre-político da sociedade –latente e habelenciosamente animado polo rampante antipoliticismo auspiciado pola extrema dereita mediatica. Outros tamén captamos o sinal pero confiamos en que sensibilizando e animando a organización por dentro se podería reaccionar e, de feito, algo diso ocorreu pero só parcialmente e devagariño. O certo é que sen conectar coa mocedade para incardinala nun proxecto ilusionante calquera proxecto acaba esmorecendo.
O segundo factor externo é que a dereita política e mediatica nunca desaproveita as debilidades dos adversarios: a división interna foi habelenciosamente manexada para debilitar ao BNG e, sobre todo, denigrar a súa imaxe. A importancia dese factor non pode ser ignorada á hora de explicar como se pasou, por exemplo, dunhas enquisas na primeira semana de campaña nas que o BNG mantiña máis ou menos as posicións anteriores (12 escanos) a un resultado final de 7. Non o digo como ladaíña exculpatoria senón xustamente naquilo que ten de feito real e digno de análise sociolóxica e comunicacional. Sen unha axeitada cobertura mediatica ese tipo de fenómenos non son posíbeis, do mesmo xeito que non se crean só con esforzo mediatico. En todo caso, isto non é nada novo e non cabía esperar que fose doutro xeito.
Polo tanto, ao final as verdadeiras causas hai que buscalas alí onde é posíbel incidir, é dicir, dentro da organización e, en particular, en como se xestou o proceso de escisións e tamén na capacidade para adaptarse ao novo escenario que creaba a concurrencia delas no panorama electoral. Non é este o momento e o lugar para entrar en profundidades e detalles pero parece claro que o modelo organizativo do BNG, pensado para unir organizacións políticas diferentes, acabou na práctica reforzando a dinámica fragmentadora e disgregadora. Foi esa unha dinámica na que seguramente non hai culpábeis exclusivos pero si responsabilidades compartidas, acumuladas sobre a base dunha estrutura interna que favorece a confrontación e o ensimismamento. Cando a propia estrutura impele a iso de pouco valen os sacrificios puntuais a prol da unidade e iso debe ser motivo de reflexión para conxurar eventuais procesos dese cariz de cara ao futuro.
O que non cabe dúbida é que, xa na traca final, Beiras fixo uso de toda a súa avenza de intelixencia, habilidades, experiencia e capital social acumulado durante a súa longa traxectoria como cartel do BNG para atraer un numerosísimo caudal de votantes do propio BNG e do PSOE, xunto con algúns abstencionistas, que acabaron dando lugar a un auténtico e sorprendente fenómeno electoral. Non só entre a mocedade senón tamén noutros tramos de idade. Con particular éxito nas zonas urbanas, pero sen esquecer a significativa capacidade de arrastre en todos os concellos do país.
É un fenómeno que ten moito de proceso psico-social pero tamén se beneficiou do feito de enfrontarse a liderados febles como o de Pachi Vázquez ou liderados aínda emerxentes como o de Jorquera, que era a primeira vez que protagonizaba unha campaña electoral e tiña un nivel coñecemento por parte do electorado inicialmente baixo.
A cuestión crucial que se plantexa agora non é tanto a dixestión dun batacazo inesperado por parte do BNG ou a dixestión inmediata dun éxito inesperado da coalición Anova-Esquerda Unida, senón que estratexia seguir para levar adiante o proxecto nacionalista e de esquerdas neste país. Pensando no medio e longo prazo. Nese sentido, cabe preguntarse se é posíbel un proceso de confluenencia e refundación a curto prazo ou se haberá que vivir un longo proceso de competencia fraticida e desgaste como nos oitenta. Eís a cuestión que a min máis me preocupa.
Non sei cal será o destino que van seguir os cinco deputados de EU e os 4 de Anova que entran no Parlamento con Beiras; non sei en definitiva cal poida ser o sentido que Beiras e Anova lle queiran imprimir á súa presencia no Parlamento e que tipo de proxecto político aspiran a pular de cara ao futuro –en particular á vista do rápido cambio entre a proclama inicial dunha “alianza puramente técnica para ir a unhas eleccións” ao máis recente anuncio de que se trata dunha “alianza para permanecer”. Pero si teño claro que algúns desexariamos que ese proxecto confluira co do BNG, para reunificar o nacionalismo de esquerdas, a súa militancia e o seu electorado. E tamén temos claro que para iso todos temos que repensar criticamente o pasado e pensar conxuntamente o futuro. Hoxe por hoxe, e máis alá dos resultados electorais, o BNG ten unha estrutura asentada nos diferentes ámbitos da sociedade que o converte en peza clave dese proxecto. Pero tamén é certo que para desempeñar un bo papel nese proceso precisa reconsiderar moitos aspectos da súa organización e cultura orgánica; e tamén repensar, máis unha vez, o seu relacionamento cos movementos sociais, coa sociedade no seu conxunto e, porque non dicilo, coas demais organizacións nacionalistas e da esquerda en Europa.
(Publicado en Sermos Galiza, 23.10.2012)

12 comentários:

  1. Interesante artigo Xavier e con ánimo de encetar o debate van algunhas opinións partindo dunha concordancia xeral con moitos dos aspectos que comentas vou pararme máis naqueles nos que non coincido tanto.

    Na miña opinión, e con todos os respectos, penso que non se pode afirmar que a perda de votos do BNG se debe "case integramente" ás escisións, ti mesmo apuntas algunhas claves desa perda de votos cando falas de desconexión cos movementos sociais e de cultura orgánica desfasada. A recuperación de perfil ideolóxico dos últimos meses é correcta mais non é suficiente, resulta pouco críbel na medida en que é aplicada por -case- as mesmas persoas que participaron na deriva ideolóxica anterior. Semella que as mesmas persoas valen para pilotar a nave independentemente do discurso e da estratexia. O Bloque debe ser a única organización do mundo onde acontece isto. Ou polo menos a única da nosa contorna máis próxima.

    O BNG pode facer as mellores interpretacións da crise e dar as mellores solucións que mentres manteña a mesma liña de actuación social e de relación coa sociedade non vai conseguir máis que os apoios dos incondicionais, que cada vez serán menos pois agora xa non é a única oferta electoral para os nacionalistas de esquerdas. Desde este xeito de actuar é imposíbel sumar para o proxecto nacionalista, e aínda máis cando moitas veces nin sequera se pretende iso ou mesmo tenta evitarse.

    As persoas do BNG, e sobre todo a maioría das que pertencen á corrente dominante, non poden pensar que só as mobilizacións das organizacións da súa son as 'lexitimas', e ti sabes que iso é o que pensa unha parte moi importante dos afiliados. Non podemos pensar en tutelar a sociedade, como se fose 'tontiña' ou algo semellante. Non se pode ter esas construcións mentais, e moito menos hoxe en día. O caso do 15M pode ser paradigmático. En vez de ter á xente moza involucrada neste movemento de protesta, os dirixentes de Galiza Nova, e varios do BNG, dedicáronse a acosar e acusar aos compañeiros e compañeiras que si estaban participando no 15M e que estaban introducindo o programa e as propostas da Esquerda Nacional.

    Este tipo de actuación, que é só unha dentro das moitas que se teñen dado nas últimas décadas, mostra de xeito nítido que o BNG ten un problema grave na mocidade. Algo que acontece desde hai moitos, moitos anos, hoxe en parte estamos padecendo un proceso que se iniciou xa nos 90 cunha Galiza Nova que foi excluíndo ás persoas máis válidas e promovendo ás máis submisas. Xa naqueles anos se produciran diferentes escisións ou separacións no movemento universitario, algo que se reproduciu aínda máis recentemente.

    Esta situación no movemento xuvenil e universitario é de sobras coñecida e aínda así repítese ciclicamente. Habería que procurar os motivos de que non se queira recoñecer ou solucionar esta perda de capital humano, de futuros cadros do nacionalismo. Existen procesos moi recentes que mostran que este problema continua e que se ten agudizado máis que nunca, non hai máis que ver os referentes xuvenís dos 90, onde están agora situados e mirar a calidade e formación dos actuais 'referentes' xuvenís 'oficiais'.

    Con este funcionamento vai ser difícil "conectar coa mocidade" e moito menos "incardinala nun proxecto ilusionante".

    Unha situación, a da mocidade, que ratifica o feito de que o modelo organizativo do BNG está totalmente esgotado, posibelmente leve unha década, como mínimo, esgotado. Efectivamente non vale xa para unir organizacións con diferentes ideoloxías, mais ben funciona para a reprodución e enfrontamento de diferentes lobbies de presión que se camuflan con un ou outro verniz ideolóxico. E isto vale tamén para os que se foron, pois tanto irmandiños como +Galiza eran lobbies mais que organizacións ideoloxicamente separadas do discurso central do Bloque.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Totalmente de acordo con o teu comentario "hoxe en parte estamos padecendo un proceso que se iniciou xa nos 90 cunha Galiza Nova que foi excluíndo ás persoas máis válidas e promovendo ás máis submisas". Notase que tes vivido ese proceso como o vivimos moita xente nesa decada no que estaba prohibido reunirse para discrepar na forma de facer as cousas, onde se introducían topos da UPG (no BNG, na CIG e en calquera parte) para evitar que alguén fose contrario os seus postulados, onde se promovía o reclutamento interno de postos de traballo de familiares e amigos. Este é o resultado de duas decadas de apoltronarse e facerse forte poñendo o nacionalismo de disculpa.

      Eliminar
  2. E no medio de todo isto fican as persoas independentes ou non-adscritas, pobriñas, calquera afiliado ou afiliada do BNG sabe que sen o apoio explicito de algunha das 'familias' do Bloque é imposíbel que unha persoa sen carné de(o) partido, poda traballar politicamente ou tornarse nun referente. Militantes que son manipulados por todas as familias e que ou teñen moitas ganas de participar ou senón acaban pasando, pouco a pouco. Sobre todo nas cidades onde todas as divisións se teñen sobredimensionado tradicionalmente.

    Efectivamente hai "responsabilidades compartidas" mais tamén é certo que hai persoas e colectivos que son máis responsábeis que outros. E tamén é certo que quen levou á organización a este estado catatónico, e de case insignificancia política, dificilmente van ser capaces de recuperar o camiño perdido. E como proba pódeche valer o discurso pronunciado na noite electoral, que tal vez poda valerlle a unha parte dos seus 'camaradas' mais penso que o único que fan e debilitar aínda un pouco máis ese "liderado" forzado de Jorquera. Que, xa falando do tema, non era a primeira vez que "protagonizaba unha campaña electoral" senón a terceira vez. Sendo un dos referentes públicos principais do BNG desde que foi nomeado Coordinador da Executiva no 2003, senador de 2005-2008, e deputado no Congreso desde 2008. Se aínda así non é coñecido, nen é líder, por algo será.

    O "batacazo inesperado" non foi tan inesperado, había moita xente que si que o esperaba aínda que non acreditase totalmente nel porque semellaba incríbel que o BNG baixase tanto. Mais calquera persoa que teña un mínimo de contacto real coa base social do nacionalismo e non só cos compañeiros e compañeiras do Bloque, podía ver que algo así podía acontecer. Era algo que se palpaba nas conversas, que a xente che transmitía. Así que, haberá que relativizar o de "inesperado" porque talvez só o fose na súa magnitude mais non en se ía acontecer ou non.

    Desculpa esta parrafeada desordenada e que só procura achegar algunhas ideas, o que está claro e niso concordamos moitos e moitas é que o crucial vai ser como planificar a estratexia do futuro, porque é certo que estamos a xogarnos iso, o futuro da existencia dunha esquerda nitidamente nacional galega, ou nacionalista se prefires. E menos mal que por fin podemos falar de esquerda desde o BNG, unha palabra que ata non hai moito tempo estaba prohibida nos manuais de estilo da fronte patriótica.

    Eu tampouco sei que destino terán os 4 deputados de Anova (e non 3 como dis ti no texto, 3 irmandiños e 1 da FOGA) mais coincido plenamente contigo en que "algúns desexariamos que ese proxecto confluirá co do BNG, para reunificar o nacionalismo de esquerdas, a súa militancia e o seu electorado"

    Veremos se os acontecementos dos próximos días, semanas e meses mostran se é posíbel "repensar criticamente o pasado e pensar conxuntamente o futuro".

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Concordo en liñas xerais cos comentarios que fas.
      Creo que é moi importante o estilo de traballo e a capacidade para traballar cos diferentes ou algo diferentes, xerando confianza e dando confianza.
      Iso é clave en todos os ámbitos pero, como moi ben dis, é unha eiva notoria no traballo estudantil e xuvenil.
      En canto ao número de deputados de Anova claro que son catro. Na redacción poñia "os tres que acompañan a Beiras" (é dicir, catro). De todos xeitos para evitar ese equívoco xa corrixín (grazas).
      No do protagonismo de Jorquera nas campañas electorais tes en parte razón pero o que digo eu tamén é certo, no sentido de que aínda sendo o candidato e portavoz do BNG no Congreso o certo é que o protagonismo mediatico do BNG nesas campañas recaeu no Portavoz Nacional e non no candidato (o que creo que foi un erro de comunicación).
      Polo demais, ogallá haxa moita xente dentro do BNG (para empezar na dirección) que entenda o alcance da gravidade da situación e que a reflexión evite calquera tentación de enroque, o que podería ter consecuencias letais e irreversíbeis. Eu, a dia de hoxe, confio na madurez da direción e dos militantes do BNG. Espero que tamén no resto (porque, todo hai que dicilo, cruzados hainos por todo-el).

      Eliminar
  3. Concordo que a solución para o nacionalismo galego a medio prazo é unha confluencia con Anova. Pero tamén teño claro que non vou ser eu quen se manteña activa como militante; polo menos uns cantos anos. A miña xenerosidade so pode ser obxectiva neste momento(desde a reflexión), no persoal a xenreira co protagonismo de Beiras é demasiado grande como para traballar activamente coa mesma xente que o apoiou provocando un retroceso de anos no nacionalismo. Ogallá non haxa moitos que se sintan coma min e teñan máis alturas de miras.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Para a xente que somos activos políticamente por valores e sentimentos é certo que é difícil deixar a un lado as sensacións de xenreira, decepción, deslealdade, etc pero tamén é certo que compre obxectivar o máis posíbel o que fai cada quen, sobre todo cando do que acabamos falando é de comportamentos colectivos. Máis alá das reaccións inmediatas compre pensar en como atopar solucións ou alternativas para sacar un proxecto político adiante. Por outra parte, equivocarse é humano e corrixir tamén. Do meu ponto de vista ogallá fosen moitos os que entenderan que compre reunificar para reforzar o proxecto nacionalista e de esquerdas. Moitos que son nacionalistas convencidos posiblemente non tarden moito en ver que o nacionalismo difícilmente pode convivir organicamente e dentro dun mesmo proxecto con EU. O que tamén temos que ser quen de ver que o proxecto nacionalista e de esquerdas que encarna o BNG pode levarse a cabo cunha estrutura organizativa e unha cultura orgánica diferente. E con estilos de traballo diferentes. Que dúbida cabe que hai cousas que poden millorar. OU, mellor dito, teñen que millorar se queremos avanzar e ampliar a base social do proxecto.

      Eliminar
  4. Bom día, non creo que sexa un problema de casr con a forma de pensar da mocidade e outras correntes. O nacionalismo galego ten un problema dende hai moitos anos e chamase UPG, non pode ser que o BNG e a CIG estea plagada de amigos e familiares traballando sen ningun tipo de preparación e se pense que a xente non se da conta. Non se pode declarar ante uns resultados tan desastrosos que a culpa e da sociedade que estase a desgalleguizar. Que pasa eiqui? Ninguen ten responsabilidades por non ter chegado a xente? E que imos seguir con a barra libre dos colegas da UPG e os seus dictamenes? E algo tan sinxelo como que si ti non saber chegar a xente tes que deixar paso a outras persoas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Como militante do BNG sen máis (non adscrita a ningunha das correntes recoñecidas) non concordo contigo e coñezo na miña comarca a xente tanto da fronte como do sindicato. En varios dos casos que coñezo a afinidade política que denuncias deuse con posterioridade á entrada a traballar nun e noutro sitio. Veu por afinidade co proxecto e coas persoas da U coas que se traballaba, e non ao revés. Non sei cantos militantes terá a UPG pero non creo qeu sexan os máis de 2.000 que apoiaron en Amio a súa proposta. Eu mesma traballei na CIG, de casualidade, anos antes de entrar a militar no BNG, e teño que dicir que o traballo dos que logo souben eran da U,polo menos daquela era sensiblemente mellor que os que non o eran. A miña percepción -por desgraza para o país e non so para o BNG- é que o nacionalismo non está consolidado na Galiza. A maior parte da xente qeu coñezo ve a actualidade euskera e catalá como un atentando á unidade española, non como algo qeu envexar. Para min falta pechar filas entre todos os militantes para sacar adiante o proxecto. Hai (e moito máis antes)aínda falta de unidade, que non deixa de ser lealdade co proxecto, e coas decisións tomadas. En moitos casos estou certa que son máis personalismos que outra cousa e un quítate ti para poñerme eu. A "ilusión" ten que poñela cada militante e non esperar que nos veña regalada do ceo...

      Eliminar
    2. A UPG e a corrente maioritaria no BNG e con mais afiliados . A ilusión perdese cando quen ten que dirixir unha nave non te leva a ningunha parte. Agora resulta que a culpa e da xente por non poñer ganas. Tampouco sabía que o traballo realizado por xente da UPG e mellor que dos que non o son. Esta afirmación e incrible e pon de manifesto o comentado anteriormente.
      Moita Sorte

      Eliminar
  5. Eu tamén creo que se deben tender pontes e volver a reconsiderar o proxecto. Así non imos a ningunha parte. Eu como militante do BNG desde hoxe mesmo non teño problema en que así suceda.

    ResponderEliminar
  6. Xavier, o teu artigo vai máis aló dunha valoración de urxencia duns resultados electorais. Toca moitos paus cunha rigurosidade que é de agradecer nun tempo no que abundan os escribidores empeñados en maltratar as elaboracións teóricas con seudo análises para consumo e "argumentario" de incondicionais acríticos e gregarios.
    Coinicido contigo en que o BNG atina na diagnose da crise e nas alternativas para afrontala. Pero en contraste coas bondades da letra, a música renxe sin que os directores da orquestra sexan quen de atinar coa melodía axeitada. E desfaise o baile.
    O BNG non é capaz de conectar co corpo social ao que dirixe a mensaxe. E non se atina co camiño porque seguimos sen querer ver a realidade. Seguimos empeñados en celebrar as derrotas como victorias (eleccións xerais)e en culpar a todo cristo sen pornos a analizar as nosas carencias. Se non as vemos, se nos limitamos a laiarnos das maldades do adversario, se -como si xa foran poucos os reais-seguimos inventando inimigos imaxinarios, mal se presenta o futuro. Non se pode ir pola vida apuñalando fantasmas.
    Temos un estilo de dirección paralizante e burocratizado máis adicado a manter o control do aparato que en expandir a organización. Non sei si por defender mezquiños intereses de grupo , si por complexo de inferioridade ou si por unha insana hipocondria que considera que todo o que non é BNG (e dentro do BNG, "línea correcta") contamina. Estas actitudes conviven en extraña esquizofrenia cunha boa dose de mesianismo que fai que nos autoproclamemos UNICOS depositarios do Nacionalismo e da Esquerda, o que nos leva a desprezar e alonxarnos dos movementos sociais. ¿Dónde está o movemento xuvenil ou estudantil nacionalistas?
    Este estilo de dirección e, por tanto de traballo, impide que a mensaxe chegue á sociedade.
    Faise necesaria unha nova dinámica de dirección que supere o burocratismo e o elitismo institucionalista no que parece instalada, que perda medo aos movementos de masas, que deixe de desprezar o que ignora.
    Unha reformulación da acción da afiliación que posibilite unha militancia "doada", abrindo espacios de participación aos sectores aos que se dirixe a nosa mensaxe, poñendo a organización ao seu servicio.
    Non val escudarse en que a sociedade está adocenada ou é antinacionalista. Non hai moito, e cos mesmos presupostos ideolóxicos, o BNG era unha forza en ascenso. Agora é unha organización na que hai dirixentes que son capaces de xustificar os retrocesos como avances cara a retagarda.
    Hai, hobo e haberá alternativas para facer país para transitar "da hexemonía neoliberal á cohesión social e o recoñecemento" como atinadamente titulache un capítulo dun libro teu. Pero si non correximos as eivas internas o BNG pode ser unha forza residual neste proceso.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Certamente, a política non só ideas senón tamén praxe e sentimentos. As veces os acertos nas ideas non van acompañados de habilidades para concretalas ou para socializalas no traballo diario con outra xente. Ou para negociar entendimentos e acordos sabendo que outros poden ter a súa parte de razón e acerto. Tamén é certo que as veces as boas ideas non van acompañadas de capacidade de seducción. Pero isto é aplicábel a case todas as familias do nacionalismo. Con todo, ao final, o máis importante é ter boa vontade e compartir os obxectivos esenciais ou principais. Eu son dos que creo que é mellor ir todos xuntos aínda que sexa máis "engorroso" e, por veces, máis lento do que sería posíbel. E mesmo aceptando que hai erros que acaban provocando retrocesos. Pero se hai vontade de seguir avanzando todos son que de aprender dos erros.
      Dito isto, a nivel interno o nacionalismo ten que reflexionar e reflexiona dos seus problemas e trata de mudar cousas para facelo mellor. Pero ningunha persoa que sepa como funciona o mundo actual pode ignorar a importancia do dominio da opinión pola dereita e os sectores conservadores. O grande éxito e a grande batalla do conservadurismo é o adoutrinamento masivo que se concreta nos miles de think tanks e mercenarios creadores de opinión e nun control minucioso dos medios de difusión e (des) información. Son os artífices do pensamento único. Isto que non temos dificultade para admitilo en xeral (como admitir que hoxe no estado español non quedan medios de esquerdas e desde logo non hai en Galiza ningún nacionalista) teremos que admitilo tamén cando falamos de feitos ou procesos concretos como as eleccións. En realidade, habería que entender con máis razón aínda, posto que se para algo ten sentido ese traballo dos medios da dereita é para controlar o poder e, polo tanto, para gañar eleccións. Que ten de extraño entón que se diga que os medios xogan as súas bazas de cara unha campaña reñida como foi a actual. De feito, sabemos, os que temos algo de información, como se planifica meticulosamente as mensaxes de cada medio, a quen apoiar e como, con que argumentos, que titulares, que selección de frases, que fotos, etc etc.
      O obxectivo dos "grandes" medios galegos era consolidar Feijóo a calquer prezo. SAbendo que o tiñan difícil había que xogar coa oposición, había que deseñar unha estratexia para que a división fose a mensaxe e para que a división do voto fose tamén real. Fixerono, apoiaron a quen apoiaron, fixeno ben, moi ben, e consegueron os seus obxectivos. Velaí.
      Quen crea que iso é simplemente unha disculpa para tapar outras cousas equivócase de cabo a rabo.
      Igual que se equivocan quen crea que o seu éxito momentáneo é resultado só das virtudes propias.
      O extraordinario sería ou será que o nacionalismo e a esquerda gañen neste país sen medios que lles sexan polo menos neutrais (que non existen). Esa é a verdadeira asignatura pendente do nacionalismo e o progresismo en Galiza (ademais de corrixir o que ten que corrixir).

      Eliminar