quinta-feira, 11 de outubro de 2012

Datos contra mentiras

Pode parecer surrealista pero vivimos momentos en que a estratexia do poder é impedir un diagnóstico minimamente veraz da realidade "real". Xa non basta cun masivo labor de adoutrinamento ou unha interpretación interesada da realidade, facendo uso e abuso de todos os medios escritos e audiovisuais. Xa non chega coas medias verdades ou as esaxeracións. Non, compre ir un chanzo máis alá na estratexia de distorsión e neutralización da capacidade crítica da cidadanía. Para iso todas as armas son socorridas: a inversión da linguaxe e a destrución do significado das palabras (os recortes son axustes, os estrangulamentos dos países son rescates, os rescates son liñas de crédito, as crebas son concursos de acredores, as participacións preferentes son as primeiras en soportar perdas, a emigración son oportunidades de formación e descubrir mundo, a racionaliación do estado é a centralización, o bilinguismo harmónico ou cordial é a expulsión progresiva da lingua non estatal, a liberdade é que o poder non sexa importunado, a liberdade de opinión é que os poderosos propietarios dos medios poidan dicir o que lles peta e interesa, as guerras son intervencións humanitarias, etc etc). 
A outra arma é o destrozo das cifras. Aproveitando da aura de certeza que aínda inspiran os números ponse en marcha a estratexia de manipulación numérica, até alcanzar a propia destrución da credibilidade que aínda podian inspirar as cifras. Non é que se interpreten dun xeito ou doutro, é que literalmente se manipulan e se lanzan cifras falsas á cidadanía sen que ninguén as corrobore ou audite, labor que deberían cumprir uns medios realmente informativos. Un dos exemplo rechamantes -certamente non o único nin moito menos- é o manexo do sr. Feijóo das cifras de paro. Repite día si e día tamén -e os medios difunden as súa verbas- que o emprego caeu máis na época do bipartito que nos tres anos do seu mandato e o paro aumentou máis. Máis aínda, seguindo o manual de todos os mentiráns, a dereita toda trata de neutralizar unha eventual e merecida acusación de mentira botando por diante a acusación de que calquera que os contradiga é un mentireiro.
Certamente a mentira existe desde que existe a linguaxe, como di Ignacio Mendiola no seu Elogio de la mentira. Tamén é certo que sempre foi parte inseparábel do exercicio do poder, pero creo percibir que nunca foi tan evidente o uso da arma da mentira como ferramenta para dominar a sociedade como na actualidade. O mundo da información é cada vez menos o mundo da verdade e cada vez máis o mundo da mentira como sistema. Feijóo é, sen dúbida, un avanzado dese mundo onde os trileiros deixaron de ocupar furtivamente as esquinas das rúas nos días de feira e pasaron a tomar os palacios do poder. Os adestradores de comunicación da dereita difunden con profesionalidade o oficio para copar todos os platós. Esa é a principal corrupción, a bomba de reloxaría e principal motivo de distanciamento entre a cidadanía e a "política", a política do poder.
Pode parecer banal ou pueril pero considero que non é posible unha democracia se o poder non está seriamente sometido a unha obriga real de verdade e transparencia. Ese tipo de mentiras reiteradas e sistemáticas con ánimo de enganar á cidadanía deberían ser motivo de escarnio público e mesmo habería que dicir que cando son proferidas sistematicamente por unha autoridade pública debería estar penado como falta ou prevaricación, porque transmitir información falsa a sabendas de que o é -e con reiteración- non só constitue unha demostración de ausencia de ética como gobernante senón que esa transmisión de información por unha autoridade pública, en calidade de tal, é  un acto de goberno coma calquera outro con importantes repercusións na vida dos cidadáns. 
A espera de que o deber de respecto á verdade sexa unha obriga legal dun gobernante democrático, só nos queda poñelo en evidencia e declarar o profundo desprecio que tais comportamentos.
Velaí van os datos de emprego e paro en Galiza desde 2005 a 2012 que ofrece o INE na súa páxina web e tamén os datos de afiliados á Seguridade Social que ofrece o Ministerio de Traballo. 
Á vista dos datos sobran os comentarios




13 comentários:

  1. Isto calquera que vive neste mundo, sn ter os datos, sábeo... pero... eu o que quero saber é que datos manexou Feijoo nos debates, de onde sacou eses números, creo que 40 mil parados máis durante o seu mandato e 50 mil durante o bipartito... que estatística é esa? Insisto, non estou segura das cifras que deu, non sei se eran eses corenta mil e cincuenta mil, pero creo que por aí andaba.

    ResponderEliminar
  2. Parabéns polo post.
    Ao respeito do comentário 1, suponho que as cifras comparam o último ano do bipartido, 2008-09, onde se passou de 100 mil a 150 mil desempregados, com o último ano do governo Feijóo, onde aumentou o desemprego em 30-40 mil. Trata-se duma trivial manipulação dos dados.
    O que mais me indigna não é manipulação de Feijóo, nem o silêncio dos médios (algo esperado), senão a falta de argumentos de Vázquez e Jorquera, pois não souberom retrucar isto nem outros dados manipulados que lançou Feijóo. Hai que ser mais espabilado e preparar melhor os debates. Não só hai que atacar senão saber contra-atacar, ter cintura e identificar rapidamente onde e como manipula os dados.

    ResponderEliminar
  3. Estou de pedra con este post no que obvia que estamos en crise, e que estamos no 21% de paro e no resto de España nun 24. E o resto é marear a perdiz. Estamos mal, claro que sí, pero mellor que a media de España.

    ResponderEliminar
  4. Eu tamén estou de pedra nesa vontade dos mercenarios da dereita de achicar todos os espacios de crítica e desvelamento da realidade. Pero repara en dúas cousas:
    a. claro que estamos en crise. En crise do modelo neoliberal, ese que impuxeron as finanzas e a dereita, desde Maastricht, Aznar e Fraga. En crise seguimos coa política da dereita europea e Rajoy. Con este e os seus recortes sigue a aumentar o paro até o estrangulamento do país. Polo tanto, tamén Feijóo é responsable e representante da política da dereita española e europea. Tamén por iso o 21-O a xente se pronuncia a favor ou en contra das políticas de Rajoy e Merkel e Barroso.
    b. o paro en Galiza aumentou desde o I trimestre do 2009 ao II trimestre de 2012 (os datos da última EPA do INE) un 70% e na media española aumentou un 41,9%, que xa lle chega. Só nas provincias da Rioxa e Asturias aumentaron máis que na Galiza. Esa enorme diferencia entre un 70% e un 41,9% é o que Feijóo debería admitir e explicar. Non ocultala con insultos á intelixencia.
    En definitva, de pedra están os que se quedaron no paro e ven que os seus gobernantes menten sen poñerse nin un chisquiño colorados. E máis de pedra nos quedamos outros cando vemos a cantidade de mercenarios que enchen as redes sociais de lixo para enredar.

    ResponderEliminar
  5. Se tivese a razón que proclama con ese dogmatismo como se poidese tratar á sociedade como meros alumnos, penso que non tería que acudir a chamar mercenario a ninguén, demonizar á dereita, o modelo que chama neoliberal (que non teño nin idea do que é pois so se emprega como insulto e nunca se explica que é iso do neoliberalismo), nin facerse portavoz de quen quedaron no paro. Xa dirán as urnas se a xente confía no modelo que vostede defende ou mais ben no que vostede demoniza. E non me veña ninguén conque a sociedad está alienada e teñen que vir tres a salvarnos porque me resulta vomitivo, a min e penso que á inmnensa maioría da sociedade.

    O paro en España aumentaría entre I trimestre de 2009 e o II de 2012 un 42% a nivel español e un 70% a nivel galego, non llo discuto, pero segue a ser certo que estamos mellor que a media, cun 21% de parto fronte a un 24, e isto é o que conta na miña opinión. Un doente pode estar na UCI ou en planta. Que non me conte o médico que na UCI está mais controlado, ou que as constantes vitais dos que están en planta son peores que quen están na UCI porque non o creo.

    ResponderEliminar
  6. Non sei porque se da por aludido pola mención aos mercenarios da dereita. Estou certo que chegou aqui por lecer e por non saber como matar o tempo. Que outro motivo podía traer a alguén aqui?. E menos aínda perder o tempo en acusar e volver acusar.
    Por iso como estou seguro de que é persoa con intereses intelectuais e con tempo e vagar para ilustrarse voulle facilitar un par de referencias para cubrir esa lagoa que lle falta na súa a todas luces repleta biblioteca e para que a próxima vez me discuta sobre o que é ou deixa de ser o neoliberalismo. É unha pena que siga con esa lagoa cando tanta xente fala diso. Pode atopar algunha axuda nestas dúas obriñas en galego:
    Fracaso Neoliberal na Galiza, edicións A Nosa Terra, 2005 ou ben
    Crise e radicalización neoliberal, Laiovento, 2011.
    En castelán ten unha ampla literatura e en inglés tamén. Cunha busca en google saenlle milleiros e non lle custan nada.
    Ánimo e se quere seguir vendo máis cousas sobre os datos de paro e como ven a cousa os galegos consulte os dous seguintes post deste blog que seguro le van gustar.
    Un prazer



    ResponderEliminar
  7. Distinguido Sr.: Non sei onde ve que me dea por aludido, so critico o dogmatismo ou estridencias como esa de "mercenarios", ou dirixirse ao público como se fósemos os seus alumnos, como se calquera outro punto de vista fose inviable ou ridículo. Xa vin as anotacións que recomenda e seguen a parecerme da renda solta aos sofismas. Sego a manter que estamos mal, pero o importante é que estamos menos mal que a media de España. E penso que esa é a percepción que ten o pobo galego ao xulgar polas enquisas de intención de voto; que Feijoo non o faría de todo ben, pero é o menos malo. Por outra banda falo de sofismas porque non ofrece unha alternativa razoable que poidera ter evitado a destrucción de emprego, cousa que me sorprende porque teño a sensación de que os economistas son uns mestres á hora de facer análises sobre o pasado pero non dan unha no que ao futuro se refire. Por todo isto, permítame que manteña unha certa distancia sobre as súas opinións, máxime cando son dos que cren que non hai vacas sagradas, nin verdades con garantías, nin éticas, nin política, nin teolóxicas, nin cientíicas. Eu supoño que cala esa alternativa á que me refería porque é similar ao modelo que se emprega en Corea ¿ou non?

    Sobre a destrucción de emprego en Galicia, permítome suxerirlle que para resultar aínda mais convicente e significativo, que o analise por categorías e de xeito comparado co resto de España para saber en qué sectores se destruiu emprego en Galicia e nas demais comunidades autónomas. Estaría ben coñecer se o peso da construcción ou do funcionariado era superior en Galicia que no resto de España antes de comezar a crise e que estoupase a burbulla inmobiliaria, e daí que se destruira mais emprego; ou se partíramos dunha actividade económico menos diversificada e por iso aquí houbo mais destrución de emprego, que aínda así non é dabondo para superar a media española.

    O pracer é mútuo.

    ResponderEliminar
  8. Vexo que ten empaquetadas todos os lugares comúns da dereita cos que despachar todo aquilo que resulte incómodo.
    Xa vexo que a doutrina do menos malo lle vale para todo, sen reparar que o problema é que en crecemento do paro ou caída do emprego o periodo de Feijóo vai en cabeza. Pero da igual siga decindo que "é o menos malo". Para que pararse a pensar nos datos!.
    Xa vexo que a ladaiña sobre os defectos dos economistas lle sirven para descalificar aos economistas que non lle din o que a dereita quere ouvir pero en cambio vostede segue cos ollos pechos aos economistas neoliberais que guiaron até o desastre e que seguen ao frente do FMI, dos servizos de estudos do BCE, do BAnco de España e dos servizos de estudos dos grandes bancos. Iso chámase disonancia cognitiva e ten difícil tratamento. Polo menos até que o poñan de "patitas en la calle" e daquela ao mellor cae da burra.
    Tamén vexo que de xeografía perdeu a pista do acontecido nos últimos sesenta anos. Digo porque non sei se sabe que hai dúas Coreas. E Corea do Sur construiu unha potente economía cunha forte intervención pública, banca pública, investimento masivo en I+D e control estratéxico do comercio exterior. Se en GAliza fixeramos o mesmo outro galo cantaría.
    E a respeito do peso da burbulla inmobiliaria en Galicia para explicar o paro e a caída do emprego en maior medida que no resto de España, pois sinceramente vai descamiñado de todo. A burbulla en Galiza foi significativamente menos que no resto, a deus grazas. E foi menor curiosamente grazas a moratoria dos 500 metros da costa decretado polo bipartito en 2005 e que impediu que moitos urbanizacións costeiras de burbulla non puideran aprobarse. Aquela prohibición de novas construccións en 500 metros, contestada polos especuladores naquel momento, resulta que ao final salvou a moitos deles dunha ruina segura e ao país dunha crise maior.
    Polo tanto, a caída do emprego no periodo Feijóo ten outras causas ben diferentes. Pero deixóo aqui porque dubido que lle interese moito coñecer a verdade.
    Adiante co seu traballo. Para que estropear unha mentira tan ben construida. Ás veces as mentiras son un "traballo" moi ben remunerado, sobre todo se se consegue que as compren moita xente.
    Adeus, a menos que se identifique.

    ResponderEliminar
  9. Adeus, pero segue sen convencerme, que lle imos facer, non lle vou dar a razón cando di que non me interesa conocer a verdade. Asegúrolle que si me interesa coñecer a "súa" verdade. De feito entrei aquí hai uns días, non me convence moito o que di, pero me parece interesante.

    E non me vou identificar porque non son unha personaxe pública, non ocupo ningún cargo que teña algún tipo de consideración social ou relevancia, non son un par seu, vaia, e penso que non lle faltei ao respeto. Son un cidadán anónimo, un mileurista, que prefire ser pobre a deixar de ser libre, a que lle reduzan espazos de liberdade, lle veñan con prohibicións ou imposicións; vaia, que non me vai a esquerda cando percibo que é dogmática ou que pontifica; que non estou afiliado a nada e non o estarei. E que nestas eleccións (nas seguintes xa se verá) lle vou votar PP porque mais vale malo coñecido que bo por coñecer, porque en tempo de tribulación non facer mudanza, porque vexo á esquerda moi axitada e radical, porque se temos a PP en Madrid e a PP aquí penso que se poderán entender mellor e nos poden tratar mellor, etc. E Zapatero no último ano, como Feijoo e Rajoy, fixeron o que puideron, que ningún político quere apuñalarse, vamos, digo eu. E facendo o que puideron resulta que aquí estamos mellor ca media, perdoe vostede que non saia do que é para min unha evidencia.

    Un saúdo, e espero que non se me enfade, pero non me identifico porque lle repito que son tan so un tío calquera, pense se quere nun pardillo tipo Manolo o electricista da catedral, presuntos delitos aparte, claro :)

    ResponderEliminar
  10. Mire, vote a quen lle pareza, faltaría máis, pero permítame que lle diga un par de cousas. Primeiro, ser mileurista (se o fose debería pedirlle ao PP un complemento), parado ou mediopensionista non lle quita a ninguén a súa identidade nin a súa dignidade. Polo tanto, non me dea esa disculpa para o seu anonimato nin para soltar todas as simplezas e pobres lugares comúns cos que a dereita tenta sementar o desconcerto e o medo entre a xente común. E, segundo, a respecto dos espazos de liberdade, prohibicións e imposicións tan só lle pido un mínimo de reflexión e respeto para todos os que desde a esquerda batallaron neste país desde o século XIX até hoxe contra esa dereita conservadora -e sempre que puido autoritaria- que dominou este país de xeito case ininterrumpido durante dous séculos, boa parte deles con dictaduras. Non sei se teño que recordarlle de que perfil eran os que se opuxeron á dictadura de Franco. En todo caso se a súa preocupación é a liberdade pense tan só na reforma do código penal de Gallardón, nas propostas para adoutrinar e "españolizar" aos alumnos de Wert, na liberdade que temos aqui para que os nosos fillos poidan ter garderías nas que lles falen en galego, na liberdade para que aparezan nos medios públicos as opinións que existen na sociedade -mesmo cando son incómodas para o poder...
    Por si acaso, espero que non dean a liberdade de escoller médico na privada por quedarse sin atención médica pública porque se reduzan o tipo de enfermidades atendidas nos hospitais; espero que non lle dean a liberdade de pagar os medicamentos ao 100% porque o co-pago vaia aumentando cada ano; espero que non lle dean a liberdade de que o empresario lle diga que o de mil euros é moito e que ten que baixarlle o soldo por debaixo do convenio, ou que o despida cando lle pete e sen idemnización ningunha. Espero que non lle dean a liberdade de emigrar porque con tanto recortar e con tanto dar diñeiro á banca vaian pechando cada vez máis empresas e negocios.
    En fin, creo que lle viría ben repensar o concepto de liberdade, para que non lle vendan como liberdade só o que son liberdades dos poderosos para impoñerlle aos demais o que a eles lles convén. Para min tamén hai que respetar e garantir a liberdade dos que non son poderosos e ricos.
    Tan só me queda agardar que o do electricista non sexa o seu referente moral. Agora sí, adeus.

    ResponderEliminar
  11. Buenoooooooo. Fai vostedes unha serie de afirmación extraordinarias que requiren probas fora do común. Eu non dixen que perdera a dignidade, so que non son famoso, non teño ningún interese en selo e permanezo no anonimato porque non lle faltei ao respeto. Póñase voste un nick se quere.

    Polo que atinxe a esto de pontificar sobre que digo simplezas e pobres lugares comúns da moi malvada dereita, mais pobre me parece o maniqueísmo, perdoe vostede. Esto de que a dereita ou a empresa privada é maaaaaaala, e o público e as boas xentes de esquerdas (incluso as que forman redes clientelares e de poder incluso na universidade cos traxes a medida, as oposicións a cátedras onde o opositor nomea dous membros do tribunal, etc.), digo que as boas-boísimas xentes nacionalistas e de esquerdas, son por definición boas. Isto por non considerar as etiquetas de "dictadura" que lle endosa ao réxime de Franco ao mellor estilo do Komintern, cando Juan Linz (exiliado en USA co Franquismo) ou o moi requeterrojísimo Javier Tusell din (en serio, non usando a propaganda) que foi un "réxime autoritario (non totalitario)" ¿Quen nos trouxo a democracia senón os franquistas que se inmolaron e evoluiron? En fin, vexoo identificado co que para min son contos da memoria histórica para facer AxitProp e cobrar subvencións para manter o circo de querer gañar a guerra 70 anos mais tarde. Eu vivín de cativo os últimos anos do réxime de Franco, fun un rapaz dunha familia tan pobre como feliz e non me pasou nada. Fusiláronme a algúns parentes ao comezar a guerra, cousa dolorosa pero comprensible, que non se lle ocorre nin ao que asou as manteigas ir de rojo no cuartel e poñerse a repartir propaganda comunista. E os demais fusilados e encadeados estou convencido de que tampouco eran fillas da Caridade ¿Que Franco e os seus ao mellor se pasaron un pouco? Claro, como o Sr. Marqués de Paracuellos e tantos outros. As guerras son horribles e quen as gaña fai mais sangue.

    Hala, Deus repartan sorte pero eu confío no sentido común do pobo galego.

    ResponderEliminar
  12. Por fin cae a carauta de "probriño mileurista"!. Non fai falta que nos digas "quen es", o que si queda ben claro "o que es": un fascista. Taimado militante da extrema dereita, entregada nesa causa/cruzada coa que tentan dominar a sociedade sementando bazofia ideolóxica até aburrir as ovellas e tratando de achicar e enredar nos limitados espazos nos que circula o pensamento crítico. Os medios escritos xa os teñen todos, os audiovisuais tamén, agora toca bourear sen descanso para neutralizar as redes e internet. Traballa e que che pague a extra o PP!.
    Eu tamén confío no sentido común dos galegos e estou certo de que o PP non vai ter a metade dos votos dos galegos (outra cousa é como os transforme en deputados a enxeñería electoral deseñada por Fraga ou o "éxito" da traballadísima campaña da dereita política, económica e mediatica para fragmentar o voto da oposición, en particular a nacionalista). Na dereita xa sabemos que todos, desde algúns que son demócratas atá os fascistas coma ti, votades o mesmo. Tedes moi claro o obxectivo: controlar o poder como sexa. Pero nin asi...

    ResponderEliminar
  13. Buenoooooooo ¿E como está vostede onde está sen saber o que é o fascismo? Porque que calquera troll chame fascista a calquera que non é el e mais o seu can, entendoo, pero en vostede non. Eu se quere que lle dea a razón, doulla, pero hai bibliografía abondosa, recomendaríalle a Stanley G. Payne que estudou a falange, o fascismo español, e que ten un tocho volumninoso que publicou hai poucos anos no que estuda aos fascismos europeos. Sen chegar a iso, hai pouco dicía o prof. Blanco Valdés, persoa que foi obxecto de varios atentados por parte da esquerda, quero lembrar que lle puxeron bombas e lle tapiaron o despacho, dicía este compañeiro seu que o fascismo require violencia, que por certo non se lembra en Galicia desde o ano 1978 senón a procedente da esquerda, sexa legal a traverso de sindicatos que dan palizas a "esquiroles", sexa ocasionando danos con incendios de neumáticos, poñendo silicona en pechaduras, etcétera, sexa a ilegal que pon bombas como na casa de Fraga, na do prof. Blanco Valdés, en transformadores, sexa con atentados persoais do grapo, etc.

    E bueno, eso de que milito, no seu caso militará vostede, pero eu teño previsto non facelo nos moitos ou poucos anos que me queden de vida: en cada elección voto a quen me peta e asegúrolle que teño votado de todo, tamén BNG. E quede tranquilo oh, o meu apoio ao PP non me vai reportar cargos, carguiños, subvencións, enchufes, etc. Seguirei sendo un mileurista, e tan ricamente, oiga ¿Que hai que ir comer á cociña económica? Xa dixo Cristo que os pobres sempre estaríamos por este mundo.

    Quedo de Vde. affmo. e s.s.q.e.s.m. (e non se me alporice, home).

    ResponderEliminar