quinta-feira, 1 de novembro de 2012

Castelao, Bóveda e o nacionalismo esgazado


Agora que xa rematou a campaña electoral xa podemos mirar con perspectiva certos argumentos, metáforas e outras figuras retóricas utilizadas ao longo destas semanas. Agora podemos falar delas con máis serenidade. E convén que o fagamos con clareza e espíritu construtivo.
No discurso político adoita facerse uso de todas as figuras retóricas. Das máis poéticas e inspiradas ás máis burdas, como as mentiras puras e lisas, que, desde a alza do movemento neocon, son as figuras retóricas predilectas da dereita.
Na esquerda adoitase tirar máis da retórica épica e histórica. A lexitimidade histórica e ideolóxica son valores moi apreciados. Tamén o programa, como non pode ser doutra maneira en forzas que pretenden ser transformadoras. Iso estivo e está, por suposto, tamén na retórica da esquerda nacionalista, como se esforzou en facer o BNG, con mellor ou peor fortuna, ao longo desta campaña e tamén nos meses anteriores.
O certo é que para a lexitimación das apostas, dos cambios de estratexia e mesmo dos pinchacarneiros sempre se bota man da historia e dos “santos”.
Un deses exercicios que a min me resultou particularmente rechamante foi a forma en que Anova e, antes ca ela, a FPG e os asinantes da vella “Posición Soto” xustificaron a súa aposta pola alianza electoral con Esquerda Unida, botando man da experiencia do Frente Popular do 36, no que participara o Partido Galeguista. O discurso proclamado é, en síntese, o seguinte: “estamos nunha situación de emerxencia, de loita contra o fascismo, como acontecía en 1936 e, polo tanto, hoxe coma daquela apostamos pola alianza electoral cun programa común entre o nacionalismo e a esquerda estatal; iso é o que fixeron Castelao e Bóveda ergo iso é o que nós debemos facer agora e facemos”.
A primeira vista o argumento podería parecer cautivador e consistente. Porén se nos paramos un  pouco resulta moi discutíbel por non dicir falacioso. E, claro está, detrás desa valoración agóchase algo de moito maior alcance que un mero exercicio de retórica; de feito, aí reside en boa medida a cuestión fulcral do nacionalismo moderno: a autoorganización. Vexamos por que.
Deixando a un lado agora a valoración de se a radicalización da dereita e a regresión democrática auspiciada polo neoliberalismo na actualidade, baleirando de contido a democracia por erosión da soberanía, pode ser realmente equiparábel aos fascismos dos anos trinta, hai algúns feitos diferenciais entre o acontecido en 1936 e 2012 que obrigan a poñer en causa ese discurso lexitimador.
O primeiro feito histórico é que naquel entón tratábase dunhas eleccións ao Congreso dos Deputados da República Española. Non eran eleccións ao Parlamento de Galiza, que na altura non existía, porque nin sequera fora aprobado o Estatuto. De feito, o obxectivo primordial do Partido Galeguista naquela alianza era garantir o apoio político para sacar adiante o Estatuto e iso pasaba, primeiro por derrotar á dereita e segundo garantir que as esquerdas españolas –PSOE, IR, PC- se comprometeran no seu apoio (sabendo que eran pouco proclives ao noso estatuto).
Segundo, habida conta do sistema electoral, esa era a única vía segura para colocar algúns galeguistas no Congreso de Deputados da República, condición inescusábel para ese mesmo obxectivo do Estatuto.
Terceiro, tamén eran conscientes os galeguistas progresistas de que nesa altura compría pararlle os pes á dereita fascista e abertamente antiautonomista que dominara o bienio anterior e para iso había que acumular todas as forzas demócratas e progresistas, que pivotaban ao redor do PSOE, Izquierda Republicana, PC. Compre recordar que, non por acaso, en Cataluña o que se presentou foi o Front D’Esquerras, nucleado arredor de ERC. Aquí, a debilidade do PG non permitía outra cousa e, con criterio realista e responsábel, Castelao e Bóveda apostaron por integrarse na Frente Popular.
Sen dúbida, é moi difícil facer un paralelismo mimético entre aquela situación e a actual.
Para empezar, as eleccións do 21-O foron eleccións ao Parlamento Galego, para a súa IX lexislatura; polo tanto, o ámbito de xogo era exclusivamente galego e non estatal. A pesares da hexemonía dos dous grandes partidos estatais, o certo é que as institucións autonómicas xa teñen definido un espazo político propio e o nacionalismo de esquerdas é un polo de referencia que determina moitos dos debates.
Por outra parte, non pode razonarse como se nese Parlamento non existise unha relevante presenza do nacionalismo de esquerdas representado polo BNG, articulado como fronte e da que formaba parte o Encontro Irmandiño até apenas 6 meses antes das eleccións. Do que estamos falando, polo tanto, non é dunha estratexia para garantir a presenza do nacionalismo de esquerdas senón da súa división.
De por parte –e dito con todos os meus respectos- hai que botarlle bastante imaxinación para ver a EU como encarnación do Frente Popular da república, tanto desde un punto de vista cuantitativo como cualitativo. Até estas eleccións EU era unha forza extraparlamentaria en Galiza, razón pola que non parecía que fose a alianza capaz de frear de verdade a dereita radical representada polo PP e impedir a súa continuidade no goberno. Como así se viu.
Desde logo, e máis alá da maior ou menor simpatía que puidera espertar como interlocutor de esquerdas en España ou para entenderse en moitos aspectos da política a nivel estatal –como ven facendo o BNG no Congreso-, desde a perspectiva do proxecto nacionalista unha alianza electoral dese tipo supón unha inflexión nunha liña que levaba asentada no nacionalismo galego desde Castelao e Bóveda: o principio de auto-organización. Nese sentido, é un retroceso político e ideolóxico notábel. Máxime cando se trataba de enfrontar esa coalición a unha opción nacionalista consolidada. E o retroceso pode ser de maior alcance no caso de que despois do proceso electoral se encamiñase cara unha certa integración de caracter orgánico ou estratéxico, como propugnan algunhas partes de Anova.
É lícito abeirar o discurso nacionalista para incardinarse nun proxecto federal de esquerdas, como tamén fixeron nos anos trinta algúns galeguistas que se incorporaron a Federación Republicana Galega, a ORGA de Casares Quiroga ou Izquierda Republicana. Eran tamén xente valiosa, que fixeron contribucións de primeira orde ao noso país e tiveron algúns grandes responsabilidades no goberno da República, pero está claro que non foi esa a opción de Castelao e Bóveda. Estes pularon polo Partido Galeguista e sentaron as bases do nacionalismo moderno, cuxo principio basilar é a autoorganización, é dicir, a construción de organizacións políticas propias e independentes de calquera subordinación ou federación allea. Autoorganización que, como é lóxico, non exclúe a colaboración internacionalista senón todo o contrario; aquela é a condición para estabelecer vínculos inter-nacionais.
Os posicionamentos de Castelao e Bóveda son feitos da nosa historia que, sen dúbida, coñecen ben Beiras, Ferrín e tantos outros amigos nacionalistas. O que xa resulta máis sorprendente é a utilización reiterada dos nomes de Castelao e Bóveda para lexitimar a actual alianza con Esquerda Unida. Ou quizás sexa a consciencia desa  “transgresión das liñas vermellas” o que leva a reiterar os nomes de Castelao e Bóveda na procura de lexitimación.
A transgresión vai empatar con outro argumento que pega na liña de flotación do nacionalismo. O argumento é sabido: hai que unir a esquerda contra o PP. Certamente a unidade neste momento é importante, pero haberá que admitir que deberá empezar pola unidade do nacionalismo de esquerda. Unidade orgánica, unidade de proxecto e unidade electoral. Logo, en función dos resultados, habería que estar dispostos a alianzas de goberno con todas as forzas progresistas para sacar adiante un goberno alternativo ao do PP. Agora ben, lanzar por diante o eslogan da “unidade da esquerda contra o PP” como argumento contra o nacionalismo de esquerdas é alimentar o prexuizo máis sibilino e insidioso contra o nacionalismo. Para quen considera que Galiza é unha nación, non pode aceptar o discurso de que o nacionalismo galego divide. O que divide é a presenza de forzas estatais, competindo no espectro ideolóxico no que existen forzas galegas –o mesmo cabe dicir no eido sindical. Reflexo e consecuencia do feito de aquelas forzas estatais non aceptaren realmente o caracter nacional de Galiza e o seu dereito de autoorganización (cousa que, como se sabe, non acontece exactamente igual en Cataluña, por exemplo).
Outro fío argumental utilizado con profusión nestes tempos consiste na referencia –excesivamente mitificadora e acrítica- á experiencia grega de Syriza. Agora ben, esa socorrida e discutíbel comparación coa Syriza grega choca cun feito básico: Syriza é unha alternativa nacional nun país con Estado propio e sen problemas nacionais no seu interior. Pola contra, no noso caso, trátase dunhas eleccións nunha nación sen estado, nas que unha das patas da alianza é xenuinamente galega e a outra é parte dunha forza estatal (EU-IU/PCG-PCE). De haber algo parecido a un Syriza galego iso era o BNG, do que o Encontro Irmandiño decidiu retirarse (por certo, disque por diferencias insalvábeis cun partido comunista nacionalista para a continuación coaligarse cun partido comunista estatal). Outra cousa ben diferente é que IU teña o proxecto de crear algo asi como unha Syriza española (Izquierda Plural, non sempre moi cooperativa) e quixeran empezar por conformar unha “Syriza autonómica”.
Situados máis concretamente no escenario da crise política que vivimos na actualidade a opción escollida por AGE tamén vai cargada de consecuencias. Como moi ben se encargou de recalcar Beiras nestes tempos estamos diante da crise dun réxime, do réxime que arranca da transición. Agora ben, non leva polo mesmo camiño poñer o énfase na crise do réxime instaurado na transición coa monarquía borbónica e unha democracia bipartidista que deturpa a vontade popular que poñer o énfase na creba do modelo de estado das autonomías a man dun movemento reaccionario recentralizador que obriga aos nacionalismos a abrir un proceso constituinte de ruptura pola vía da soberanía e a independencia. Posto en termos gráficos e maximalistas, entre a loita por unha república española e a loita por unha república galega, o nacionalismo galego non debera ter dúbidas de cal é o eixo prioritario. Iso si, resulta difícil imaxinar a EU embarcada neste último polo, ou non?
Todos estes vectores da contradicción definen o pano de fondo dun debate dentro do nacionalismo e o independentismo que compre obxectivar máis alá das leas e trafulcas superficiais ou episódicas. Isto é particularmente importante cando o que empezou sendo unha “alianza técnica para unhas eleccións” acaba plantexándose como “unha alianza permanente” para facer unha “oposición cohesionada” e, para algúns, mesmo o primeiro paso para unha Frente Ampla.
Unha cousa é respectar e mesmo defender o dereito de autodeterminación e outra ben distinta é ter como obxectivo levantar a conciencia nacional até construír un estado propio. Isto último implica darse como obxectivo central da acción política contribuír activamente a ese proceso, sabendo que este nunca é espontáneo nin moito menos. Polo contrario, é abondo traballoso, como todo o que vai contracorrente.
Polo tanto, dun ponto de vista nacionalista e, particularmente, dado o marco da convocatoria, resulta difícil de comprender esa alianza e máis difícil aínda admitir que poida resultar positiva para o avance do proxecto nacionalista de esquerdas. En todo caso, máis alá da gravidade desta confrontación electoral e das súas consecuencias inmediatas, o máis importante é que a partición do campo nacionalista non acabe cristalizando nun reforzamento orgánico do polo estatalista ou, o que é o mesmo, nun enfeblecemento orgánico do polo nacionalista (de esquerdas, porque é o único que hai). Por iso, o reagrupamento do nacionalismo de esquerdas debería ser a prioridade absoluta. E para esa tarefa si que poderiamos citar o exemplo de Castelao e Bóveda. Prioridade urxente, entre outras cousas, para evitarmos que Galiza quede abeirada no debate aberto para a redefinición do mapa das nacións ibéricas e europeas.
(Publicado en Sermos Galiza, 1.11.2012)

2 comentários:

  1. Distinguido Sr.: Así que a dereita fascista dominara o segundo bienio da república... Ten que ler, por exemplo a Stanley G. Payne e informarse un poquiño mellor do que era o fascismo. Cousas así poden levar a alguén a pensar que o título de catedrático mercouno nunha feira. O cal vai en menoscabo da universidade española, que publica moito pero non a cita nin o Tato a nivel internacional, coas súas dignísimas excepcións entre as que se dúbida está vostede como un dos 150 autores mais citados da súa especialidade. Razóns que levan a moitos cidadáns entre os que me atopo a crer que a universidade española funcionaría mellor se fose privatizada, cando menos os resultados de investigación dos departamentos que non cite ninguén.

    A esquerda non gaña en Galicia por axitar con fascismos ou que a dereita que temos é radical, tomando á xente por parva. O que hai é medo á propia sombra e gañas de axitar para xerar un certo estado de subversión, pero acabamos de ver que en Galicia non hai tantos pallotes que piquen, e votan a alguén serio como Feijoo.

    http://hemeroteca.lavanguardia.com/preview/1936/06/12/pagina-5/33138637/pdf.html?search=sombra

    Sen outro particular, quedo de Vde. affmo. e s.s.q.e.s.m.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois xa me dirá vostede cal é o papelón que xoga a dereita española da CEDA e compañía despois do golpe de estado... xa me contará que significan os indultos a xenerais golpistas, xa me contará que implicaba a ristra de contrarreformas... xa me contará di esto significa iso algo máis que o camiño cara o fascismo?

      Eliminar