O recurso a
financiamento extraordinario do Fondo de Estabilidade Financeira (FEEF) por
unha contía de até 100.000 millóns de euros para o saneamento do sector
bancario español pon a vista de todos a causa real da crise que arrastramos
desde hai 4 anos. Queda en evidencia a impostura do discurso oficial que
durante todo ese tempo tentou impoñer ao país a idea de que o problema nacía
dun excesivo gasto público, das pensións, da lexislación laboral ou dos
salarios. Finalmente e a pesar de ter posto a disposición da banca a inxente
cantidade duns 150.000 millóns de euros en forma de inxeccións de capital,
préstamos públicos ou avais, resulta que ten que recoñecerse unha necesidade
que pode acadar eses 100.000 millóns adicionais. A suma das dúas cifras
representa aproximadamente o 25% do PIB anual español. Esa é a magnitude do
burato no que nos situamos con esta medida e que tentan encher todas as medidas
de recortes nos servizos públicos, salarios públicos e privados, pensións etc
impostas nestes últimos anos e meses e que se prolongarán nos vindeiros anos.
É moi importante
ter en conta que -máis alá de condicións adicionais que se impoñan- este
préstamo do FEEF ao FROB implica a emisión da cantidade correspondente de débeda
pública, que aumentará nesa contía e cuxos xuros haberá que sumar ao déficit
público español. Polo tanto, non nos enganemos, o rescate da banca española é
unha garantía para os acredores internacionais –entre eles a banca alemá- e
será pagado con uns 10 puntos máis de débeda pública sobre as costas dos
contribuíntes españois.
Sen mudar moi
esencialmente o modelo de Unión Monetaria todo ese sacrificio corre o risco de
ser inútil e o fatal desenlace final acabará ocorrendo igualmente. Porque aínda
que o discurso oficial -e sobre todo o de Alemaña- pretende facer crer os
países da periferia europea son manirotos e lacazáns, entregados a vivir por
riba das posibilidades, o problema de fondo foi e segue a ser outro. Coa firma
da Unión Monetaria e do Pacto de Estabilidade, a periferia europea intercambia
disciplina orzamentaria a cambio da credibilidade de Alemaña en termos de
inflación e baixos tipos de xuro. Pero, curiosamente os problemas ao final non
estouran como consecuencia da indisciplina fiscal, p.e. o Estado español tiña
superávit fiscal e a débeda pública no 37% do PIB. O problema estoura como
consecuencia da desregulación financeira. Efectivamente, no período 1998-2008 a banca alemá e a banca
global, con diñeiro do BCE, adicouse a
financiar a baixo custe a banca española, que se lanza desbocada e
compulsivamente a unha carreira de endebedamento exterior e de crédito no
interior, aproveitando que os tipos de xuro son iguais ou inferiores aos da
inflación, de xeito que os tipos de xuro reais son mesmo negativos. Cos seus
créditos financiouse unha desbocada burbulla inmobiliaria e un explosivo
déficit da balanza por conta corrente española que chegou a representar no 2008
o incríbel 9% do PIB.
Agora disque
estamos nas mans dos alemáns, que son os nosos acredores. Pois ben, sen dúbida
a responsabilidade é de todos. Pero é maior a de quen deseñou un euro e un BCE
absolutamente insostíbeis. Nin temos Banco central que soporte as emisións dos
estados nin temos unha regulación intelixente do sistema financeiro en Europa.
Agora fálase de ambas cousas, tamén da unión bancaria europea. Pois ben, non
sei se chegarán ou se chegarán tarde demais.
Por si acaso,
deberiamos poñernos en garda para impedir que este novo lance nos deixe aos
galegos sen entidades financeiras propias. É o momento de demandar con valentía
que a nova inxección de recursos públicos, que en última instancia non son
europeos senón nosos, sirvan para galeguizar definitivamente NGB.
(artigo publicado en Faro de Vigo, 10.06.2012)
Sem comentários:
Enviar um comentário